VISIÓNS DE FUTURO NALGÚNS DOS NOSOS ROTATIVOS



      Seguindo o camiño escomezado con anterioridade por outras, podemos anunciar hoxe que determinadas empresas, neste caso relacionadas cos medios de comunicación, atópanse en proceso de se integraren, ou de constituir unha Asociación de Medios Escritos en Galego. Algo que, de resultar, podería contribuir a  afortalar a todas elas dentro do neste intre débil mercado do país, contribuíndo así, ao mesmo tempo, a asentar e profesionalizar un sector moi desasistido e, tamén, moi necesario para o seu propio desenvolvemento. Estamos a falar de A Nosa Terra, Galicia Hoxe, A Peneira, Tempos Novos e Vieiros.

      No que ao mencionado en primeiro lugar se refire lembramos ao lector que está a piques de celebrar o seu primeiro centenario, xa que apareceu en 1907, se ben que, aos trinta anos, houbo de pasar ao exilio bonaeronse, onde contou coa máis elevada nómina de colaboradores existente na outra banda do mar, ata retornar ao país cando nel se volveron a dar tempos máis axeitados.

       A Peneira é unquincenario que se publica en Ponteareas dende hai vinteún anos, e goza da particularidade de ofrecer colaboracións en galego, portugués e castelán.Trátase, pois, dunha revista trilíngüe.

       Respecto a Galicia Hoxe, é o único xornal diario existente integramente redactado na nosa fala.
Galicia Hoxe compleméntase con suplementos que, malia ter nado nada máis que hai dous anos e medio, acadaron xa unha notable acollida: Revista das Letras, Lecer, Universidade, Océano, Descubrir, Hoxe Venres, ou Volvoreta.

      Tempos Novos, revista aparecida en abril de 1997, é froito da empresa editora Atlántida de Información e Comunicación,  autodefínese coma unha revista mensual de información para o debate, e está orientada cara ao xornalismo de investigación e de opinión.

      Por último, Vieiros, xurdida en febreiro de 1996, mantén o nome da desaparecida revista do Padroado da Cultura Galega de México, sendo a pioneira da nosa internet e responsable tamén da existencia do primeiro buscador galego. En 1998 apareceu a súa primeira edición local, e na actualidade conta xa con máis de trinta correspondentes tanto en Galicia coma no exterior.

      Tal como adiantábamos nas primeiras liñas esta Asociación de Medios Escritos (AME), atópase aínda en proceso de constitución. Non vai resultar fácil por iso, pór de acordo, unificar criterios, idearios e mesmo as capacidades económicas, dos membros interesados para tirar cara adiante o proxecto. Mais é xa importante que xurdisen estes cinco grupos para levalo a porto. Este semella tamén o únco xeito de superar o minifundismo cultural que existe no país e que, moitas veces, acaba por facer estériles as mellores iniciativas.

   
       (Publicado  no ano 2005, no número 145 da revista Encrucillada)

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO