UNHA MÁIS QUE MERECIDA HOMENAXE



                                                                    Polos seus froitos coñecerédelos.

                                                                                         Mateo, VII, 16.


      A persoa da que nos imos ocupar neste comentario naceu en Vigo o 8 de maio de 1924. Acaba de cumprir, polo tanto, noventa anos. Na súa mocidade estudou Dereito na Universidade de Santiago, pasando despois a exercer coma Notario en Gaucín (Málaga), cidade na que fundou o seu Padroado de Educación e Cultura.

      Máis tarde desevolveu o mesmo cargo en Marín e, despois en Vigo. Foi, ademais, profesor no curso de Dereito Galego na Universidade da Coruña, Reitor do Colexio Maior Universitario para Graduados César Carlos, en Madrid, e secretario do Comité Hispano-Británico de intercambio entre as Universidades de Madrid e Oxford. Tamén foi o fundador e primeiro presidente do Ateneo de Pontevedra, vicepresidente do Cine Clube desta cidade, relator no anteproxecto para a Lei de Dereito Civil Galego, ademais de membro da Corte Arbitral da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo.

      Estamos a falar de Alfonso Zulueta de Haz, na actualidade presidente da Fundacion Penzol, vicepresidente da Editorial Galaxia, ex-presidente do Consello da Cultura Galega, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, ex-membro do Consello de Administración de Caixanova, presidente de SEPT, a editorial que publicou na nosa fala tanto a Biblia coma o Novo Testamento, Académico de Honra da Academia de Lexislación e Xurisprudencia de Galicia, vogal dos padroados das Fundacións Gonzalo Torrente Ballester, Wenceslao Fernández Flórez, e do Padroado da Confederación Española de Fundacións, ademais de fundador e Presidente da Fundación tutelar Galega para Minusválidos Psíquicos Sálvora, membro do Padroado e asesor xurídico da Asociación Xoán XXIII para Deficientes Psíquicos e fundador e presidente da Fundación Pedras Vivas. Alfonso Zulueta de Haz foi asímesmo distinguido coa Primeira Clase da Orde de San Raimundo de Peñafort, así coma coa Medalla Castelao.

      O motivo de traelo hoxe a estas liñas é o de nos facer eco da homenaxe que, na Casa Galega da Cultura de Vigo, foi obxecto o 28 de xullo por parte desa imnúmera cantidade de entes, e dalgúns outros máis, que non mencionamos, cos que estivo relacionado ao longo da súa activa vida.

      Nesa data foille entregada unha Placa Conmemorativa nun local ateigado de xente, no que falaron persoeiros e amigos, que recoñeceron tamén a extraordinaria entrega que para acadar tantos logros achegou a súa dona Mª Teresa Fernández. Os nosos parabéns a ambos.

        (Publicado o ano 2014 no número 189 da revista Encrucillada).

        Post Data: Alfonso Zulueta falecería en Vigo o 28 de xuño do ano 2017, contando con
                          93 anos de idade. Foi inhumado ao día seguinte no cimiterio de Pereiró aos
                          acordes do Himno.

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO