SOBRE CELTAS E CASTREXOS




                        Os Celtas, por certo, están máis alá das Columnas de Heracles
                   e confinan cos Cunetes -(que residían no actual Algarve)- sendo,
                   de todos os pobos establecidos en Europa, os que habitan as súas
                   partes máis occidentais.

                         Heródoto de Halicarnaso (c. 460 antes de Cristo)


      Se nos tomamos a molestia de visitar as Bibliotecas de certa entidade que, afortunadamente, hai no país, atopará nelas, cando menos, sesenta ou setenta libros que se ocupan dos celtas e da Cultura Castrexa, as máis das veces relacionándoos entre sí. Autores británicos, irlandeses, franceses, dinamarqueses, italianos, españois, norteamericanos, checos, alemáns, eslavos, así coma bastantes galegos, ofrecen neles os seus coñecementos sobre tales materias. Mesmo contamos con documentados Atlas que reconstrúen o pasado tanto do pobo como da cultura que acabamos de mencionar. De todos eles podemos tirar coma xeralización que - a non ser os nosos- os demais amosan unha certa uniformidade, sendo os de aquí os que aportan ideas, menos asumibles, das que, coma xustificación para as súas posturas, fan responsables aos "nacionalistas", nuns casos, e aos políticos, noutros.

      Ideas respecto ás que, curiosamente, os autores dos demais países  amósanse completamente distanciados. É dicir, que as súas opinións non cadran coas dalgúns dos nosos  investigadores.

      Sabido isto pasamos a comentar agora o traballo recentemente efectuado polo novo arqueólogo do CSIC, Xurxo Aldán Vila  (Pobra do Broullón, 1976), e actualmente destinado no Instituto de Ciencias do Patrimonio de Santiago. Xurxo Aldán ven de acadar a cualificación de "Sobresaliente cum Laude" na defensa da súa Tese de Doutoramento sobre a Cultura Castrexa.

       O seu traballo, segundo se pode seguir a través dos medios informativos, semella meticuloso e, nalgúns casos mesmo de auténtico interese, se ben que, noutros, chega a conclusións un tanto sorprendentes, coma, por exemplo, a de afirmar que o "celta" é un estilo arquitectónico que xurdiu en Centroeuropa, cuns sinais de identidade máis ou menos propias, das que non se atopou nin rastro en Galicia (?). Na nosa terra houbo, segundo este investigador, unha Idade do Ferro intercultural e interétnica. Mais a Cultura Castrexa non existíu, senón que houbo varias. Afortunadamente,   a arquitectura doméstica desas diversificadas xentes, foi, arquitectonicamente, a máis avanzada de Europa ata a chegada dos romanos.

      Apenas transcorridos uns días de ser coñecidas estas opiniòns o Doutor en Humanidades con "Sobresaliente cum Laude e Premio Extraordinario" pola Univerdsidade da Coruña, Xosé L. Armada Pita (Cariño, 1977), anunciaba a publicación dunha cobizosa monografía, tamèn sobre a cultura Castrexa, de máis de 700 páxinas, editada pola prestixiosa Oxford University Press do Reino Unido.
Armada Pita atópase na actualidade no Instituto de Ciencias do Patrimonio.

      A monografía da que acabamos de falar, dedicada coma dixemos,  á ao  parecer inexistente Cultura Castrexa, titúlase "Atlantic Europe in the First milennium BC: crossing the divide". E foi realizada en colaboración con Tom Moore, profesor da universidade de Durham, tamén do Reino Unido, coa axuda doutros expertos do mundo do patrimonio. As súas conclusións, porén, tampouco son en exceso diferentes ás do profesor Aldán Vila, mais si se pode dicir que os autores desta outra publicación polo menos investigaron tamén a cultura Castrexa. Non se esqueceron dela.

      Parécenos, no entanto, que dada a profundidade e a amplitude destes dous traballos, así coma do esforzo dos investigadores que nel participaron, vai ser moito o que se pode deprender dos mesmos, a pesares de que e tamén moito o que sobre eles ignoramos. Porque, ademais do que a mediados do século V a. C. nos deixou escrito o historiador grego Heródoto, douscentos anos despois de el, (c. 230 a. C.), o xeógrafo e matemático Erathóstenes de Cirene, director ao mesmo tempo da admirada Biblioteca de Alexandría, autor da primeira medición que se coñece da circunferencia terrestre, deixounos tamén o agasallo do seu preciso mapamundi, no que situou aos celtas no occidente da Peninsula Ibérica. E que, pouco antes do cambio da Era, o tamén grego Strabón, coñecía aos célticos que entón habitaban nas proximidasde do cabo Fisterra, así coma que, inmediatamente despois, tanto Caio Plinio Secundo coma Pomponio Mela, que viviron na península, e o primeiro tamén algún tempo na Gallaecia, denominaron a este mesmo cabo, Promontorio Céltico.


        (Publicado no ano 2012, no número 177 da revista Encrucillada).

         -Outros traballos tamén relacionados con este:
                   -A cuestión da celtidade de Galicia. (2003).
                   -Aquelas temibles Hordas Castrexas. (2015).
                   -As nosas orixes. (2011).
                   -A Torre de Hércules, patrimonio da Humanidade.(2003).
                   -"Cornelia", na praia da Lanzada, hai 2.000 anos. (2017).
                   -Galicia no século VI a. C. (1990).
                   -O Castro de Santa Trega, sobre o Miño. (2016).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO