DÍA INTERNACIONAL DA MULLER




                                                                 Filla do rei galego,
                                                           Isabella chamábase a doncela,
                                                           que por Zerbino en amoroso lume
                                                           quéimase tempo ha.     

                                                                   "Orlando Furioso"
                                                           Ludovico Ariosto (1474-1533)


         
                            O naufraxio de Isabella. Obra de Gustave Doré (1832-1883)


      Se ben que nos máis antigos documentos, inscricións, ou relatos orais, tanto exipcios coma hebreos, ou que proceden dos vellos e destacados imperios do medio oriente, hai mencións dabondo sobre donas de sobresalientes cualidades, xa naqueles tempos, a verdade sexa dita, que entre nós, neste solar da vella Gallaecia, sobre o que se conservan textos e referencias a partir xa do século VIII a. C., ademais dalgunhas outras máis antigas, se ben que máis dubidosas, nada máis que con xeneralidades contamos acerca das nosas mulleres daqueles afastados intres.

      Teremos que chegar aos tempos inmediatamente anteriores o cambio da Era para sermos coñecedores da importancia social, e quizais tamén relixiosa, das mulleres galaicas, así coma do feito de que elas tomasen parte dos combates, xunto cos homes, ademais de coidar dos fillos e das cousas da casa.  Elas foron as denominadas Matribus Galaicis dos textos romanos.

      Mais ningún texto ou documento, nin sequera os irlandeses, que se ocuparon de Breoghán, da súa Torre e dos seus fillos, ou os autores xurdidos na propia Gallaecia, coma Paulo Orosio ou Idacio Lémico, nos transmitiron o nome de ningunha delas. A primeira que coñecemos, foi a lendaria e viúva raíña Lupa, señora das terras próximas ao actual Padrón, que no século I d. C., deu acollida á non menos fantástica barca que portaba os restos do Apóstolo Santiago.

      Coa chegada do cristianismo a esta terra, xurdiron xa numerosas santas. Unhas apócrifas, mentres que reais as outras, así coma o fascinante relato da benaventurada peregrina Etheria, -ou Egeria-, que a finais do século IV se convertería na nosa primeira escritora coñecida. Sabemos, así mesmo os nomes dalgunhas das seguidoras do heresiarca Prisciliano, aproximadamente polo mesmo tempo, así coma o de determinadas raíñas consortes, ou os das numerosas donas que aparecen nos testamentos medievais.

      Mais debemos de nos ocupar tamén da princesa mencionada na estrofa coa que encabezamos este comentario, datable dos comezos da Reconquista. Pois, aínda que Ariosto imprimise a súa, por moitos motivos, fantástica obra Orlando Furioso, no ano 1516, o contexto da mesma é moi anterior. Porque Orlando -Roldán-, un dos afamados cabaleiros do emperador Carlomagno (742-814), caíra o 15 de agosto do ano 778 en Roncesvales. O que obriga a situar antes deste triste acontecemento canto  Ariosto nos transmite.

      Coma consecuencia, esa talvez imaxinaria princesa Isabella, da que fala, á que fai orixinaria da nosa Baiona, ten que ser tamén anterior en varios anos á morte de Orlando. Isabella, ademais, sería inmortalizada polo extraordinario pintor, ilustrador e escultor, Gustave Doré (1832-1883), que a retratou no intre do seu naufraxio nos acantilados da costa da Aquitania.

      Continuando con esta procura, lembremos tamén que, famosas pola súa influencia política foron, xa no século XIV, as irmáns Xoana e Inés de Castro, que casaron con senllos Pedro I, un de Castela e o outro de Portugal. E que, no século seguinte, pasou a primeiro termo, entre as nosas donas, Constanza de Castro, filla do Mariscal Pardo de Cela, ao que fixeran decapitar en Mondoñedo os Reis Católicos. Constanza de Castro, xunto co seu esposo Fernán Arias, mantivo a rebelión fronte ás forzas absolutistas ao longo dun ano dende o seu castelo de Vilaxoán, preto de Foz, ata que a epidemia causada pola corrupción das augas do seu pozo a levou á tumba.

     Dacabalo dos séculos XVI-XVII vivíu tamén entre nós a sorprendente Isabel Barreto de Castro, posiblemente de ascendencia portuguesa, aínda que nada en Pontevedra, a cal, ao enviuvar do navegante Álvaro de Mendaña, continuóu coa súa expedición polo Pacífico, e descubríu as illas Salomón e Marquesas, converténdose despois na primeira muller Almirante da Historia.

      Case que ao mesmo tempo, o 14 de maio de 1586, Maior Fernández de la Cámara y Pita -María Pita-. facía fronte ao Almirante inglés Francis Drake  na Coruña, inflamando aos seus defensores co seu exemplo, e pelexando con espada e pica, ao advertir coma na loita caía o seu propio marido.

      Aínda a risco de deixar a algunha no tinteiro, entre as destacables posteriores, lembremos á filantrópica Conceición Arenal (Ferrol, 1820- Vigo, 1893), xornalista por afección, novelista, visitadora de prisións, constructora de vivendas para traballadores, defensora da abolición da escravitude e da nedesidade da asistencia domiciliaria, que, entre as súas numerosas publicacións, deixounos a de El visitador del Pobre.

       Recollamos tamén a Rosalía Castro de Murguía (Santiago, 1837- Padrón, 1885), aínda que nos aforremos o repetir innecesariamente, por sabido, canto ela supuxo para a cultura e as letras.

       Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1852 - Madrid, 1921), memorable polígrafa, a pesar de todo rexeitada pola douta corporación da Real Academia Española, e catedrática de literaturas estranxeiras na Universidade Central.

      Carolina Otero Iglesias -"Bella Otero"- (Ponte Valga, 1865 -Niza, 1965), cantante, bailarina e actriz, universalmente famosa no mundo do espectáculo, aínda que, quizais, tamén cortesán.

      Máis próxima xa a nós, Antonia Ferrín Moreiras (O Carballiño, 1914 -Santiago, 2009), autora hai 50 anos da primeira Tese de Matemáticas e Astronomía de Galicia que, ademais de dar clases de balde, fora alumna do profesor, astrónomo e sacerdote Ramón María Ayer (Lalín, 1878-1966). Licenciada nada menos que en catro carreiras, Antonia Ferrín padeceu, lamentablemente, unha auténtica persecución ideolóxica que motivou que o Observatorio Astronómico da USC languidecese durante anos.

      8 de marzo de 2013: Día Internacional da Muller: nais, esposas, Matribus Galaicis, fillas, irmás, traballadoras, profesoras, investigadoras, psicólogas, médicas ou enfermeiras, administrativas, amas de casa, carteiros, soldados, taxistas, conductoras de autobús, pescantinas, asistentas, deportistas, actrices, e un interminable etcétera . . ., saudámosvos.

   (Publicado no ano 2013, no número 182 da revista Encrucillada).

    Outros traballos relacionados con este:
           -Exipto, a viaxe perdida de Egeria.
           -O Castro de Santa Trega, sobre o Miño.
           -"Cornelia", na praia da Lanzada, hai 2000 anos. 

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO

O VALEDOR DO REINO