SERAFÍN SOTELO HERBELLO, O ÚLTIMO DAS ILLAS




      Na segunda metade do século I, o naturalista romano Caio Plinio Secundo, acerca do que existen datos que permiten pensar que desempeñou cargos tanto na Gallaecia coma na Asturia, na súa admirable Naturalis Historia mencionou seis Insulae Deorum -Illas dos Deuses, ou dos Benaventurados-, ás que situaba nas inmediacións do entón denominado Promontorio Céltico, hoxe Cabo Fisterra.

       Algo máis preciso, no libro IV, 112 da mesma obra, ocúpase tamén dunhas Siccae Insulae, é dicir Illas Siccas, que emprazaba ao norte do río Miño, o que obriga a pensar que as consideiraba distintas daqueloutras. Case que cen anos despois, o xeógrafo alexandrino Claudio Ptolomeo, aínda que non excesivamente exacto nalgúns dos seus datos sobre o occidente da Península Ibérica, mencionou xa nada máis que dúas Illas dos Deuses, ás que situou lixeiramente ao sur do Miño. Con estas indicacións pretendemos que comprendades que, tanto a situación como a identificación das Illas dos Deuses, e das Illas Siccas, das que se ocuparon estes destacados autores, non debeu de ser máis que un tanto aproximada.

      Tampouco resulta etimolóxicamente seguro que esta última denominación evolucionase a partir da das famosas Cassitérides, ou illas do estaño que, dende aproximadamente o século V a. C., foron situadas no noroeste peninsular, o lugar precisamente no que se atopa a máis importante das vetas que deste metal hai en Europa.

      Coma medio para acadar unha maior aproximación acerca delas, recorremos agora a un documento da Idade Media datado no 7 de maio do ano 1201, día no que, atopándose na Igrexa dunha das illas situadas á entrada do mar de Vigo, concretamente na de Santo Estevo de Sías, Afonso IX, regnante Legione, Gallaetia, Asturiis et Extrematura, concedeulle á inmediata vila de Baiona a súa Carta Foral, ou de Poboación. Unha información da que se pode tirar con certa evidencia que a denominación das antigas Siccas  por Plinio mencionadas, debeu de evolucionar, seguindo neste caso as habituais leis da fonética, cara á esta nova denominación de Sías.

      Séculos máis tarde, sen embargo, cartógrafos foráneos deron en chamalas Islas Palomeras ou Islas de Bayona, denominacións  que baten frontalmente co feito de que, ademais de existir aínda hoxe aqueloutra denominación de Sías como apelido, ao longo da primeira metade do  século XX, os nosos mariñeiros seguían a se referir a elas tamén coma Sías, se ben que entre as xentes "finas" dos arredores existía a propensión de substituir tal topónimo polo de Cías que os que vivimos aquel tempo puidemos advertir como acababa por se transformar progresivamente -polo menos na fala coloquial- no actual e admitido de Cíes. A conclusión á que nos parecen conducir estes datos é a de que as Siccas que Plinio situou ao norte do Miño, deben de ser as Sías do século XX, logo Cíes.

      Chegados a este punto digamos xa que o 22 de decembro pasado faleceu en Vigo, concello ao que xurisdicionalmente pertencen agora tales illas, Serafín Sotelo Herbello, que levaba a vivir xa algún tempo na parroquia de Darbo, en Cangas do Morrazo, situada a un par de quilómetros de distancia das illas. E en Darbo foi soterrado ao día seguinte.

      Segundo el mesmo referira, Serafín nacera o 29 de setembro de 1929. É dicir, había más de 83 anos, nas propias Sías, onde tivera un bar. Viúvo dende había varios meses, e sendo o único dos nove irmáns que permanecera nelas, téntase considerar agora, por tales razóns que foi "o último das Sías", as illas que amou e que podía ollar despois, cada día, dende Darbo.

      Non se pode afirmar, sen embargo, con rotundidade, que tamén foi o derradeiro, posto que, en 1981, o investigador Pedro Díaz Álvarez, que recolleu datos tanto de el coma doutros insulares no seu documentado traballo Las islas de los Dioses, mencionou tamén a algúns outros bastante máis novos, polo que moi ben podería darse a circunstancia de que algún dos que por aquel tempo as abandonaron consituasen aínda vivos.

      Estes míticos anacos da nosa terra, inicialmente habitados xa dende o Mesolítico, e nos que se atoparon restos de presencia humana polo menos dende o 3500 a. C., seguiron ocupados ao longo do período Castrexo, do que subsisten aínda os restos dun poboado cun interesante concheiro, así coma da época romana. Asímesmo nas Sías, ao longo da Idade Media, houbo mosteiros bieitos e franciscanos, no principal dos cales, o de Santo Estevo de Sías, estivo, coma xa dixemos, o rei Afonso IX. Os restos desta construcción, así coma os do seu cemiterio consérvanse aínda nun aceptable estado. Menos afortunados foron o da illa sur, ou de San Martiño, hoxe completamente desaparecido, e o seu muíño de auga practicamente arrombado.

     Nestas illas, constantemente atacadas por naves berberiscas, andalusís, normandas, turcas ou inglesas, especialmente na do Norte, posteriormente abandonadas polos monxes, e sen escolas, médico, nin igrexas, viviron ata os nosos días, basicamente do cultivo da terra e pacendo cabras e vacas, un número cada vez máis reducido de veciños, dos que Serafín Sotelo Herbello pode ter sido o último. Desaparecido el, as acantiladas e bicudas Sías fican nada máis que coma unha sedutora curiosidade cultural e turística do Parque das Illas Atlánticas, coas súas peculiares flora e fauna, o seu camping, o seu restaurante, edificado sobre as ruínas dunha fábrica de salgadura, os seus tres peiraos, as súas furnas, as súas excepcionais praias, os seus piñeirais, plantados nos anos cincuenta, a súa albufeira, tan apeticible para a práctica do submarinismo, e a súa sorprendenten Penela dos Viños, unha rocha na que, a determinada profundidade, danse mexillóns de enorme tamaño, no interior dos cales, hai algúns anos xa, foron atopadas perlas, aínda que de moi escasa calidade.

      (Publicado no ano 2013, no número 181 da revista Encrucillada).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO