PHILAS E ABÚ SIMBEL COMA REFERENCIAS



      O francés Pierre Loti (1850-1923), grande viaxeiro e autor de fluída e brillante prosa, na súa obra La mort de Philae, publicada en 1908, descrívenos con sentidas palabras as súas impresións respecto aos vellos e admirables monumentos  que enchían a illa de Philae, tamén coñecida coma Philas.

       Esta está situada non lonxe da cidade de Assuán e da primeira catarata do Nilo. A construcción entre os anos 1898 e 1902 do primeiro encoro de Assuán tivera coma consecuencia que a maior parte dos seus templos e construccións ficasen parcialmente cubertos polas augas, e que a penas poidesen ser contemplados dende as embarcacións que trataban de achegar a eles para llas amosar aos turistas. De aí que Loti, coñecedor no momento da súa visita ao lugar de que tal encoro ía ser recrecido de inmediato, utilizase escuras expresións para se referir á situación, agoirando ao mesmo tempo o seu sentir pola morte da illa.

      A cousa, porén, non rematou así. Porque, hai escasas décadas, a construcción do grande encoro de Assuán, no que traballaron bastantes galegos, acabou por asolagar por completo non só Philas senón tamén outras partes da Nubia, con pobos, casas, e igrexas incluídas, así coma aos non menos impresionantes templos de Abú Simbel, moi anteriores aos de Philas, xa que foran erguidos no tempo de Ramsés II (1298-1235 a. C.).

      Afortunadamente, nesta ocasión, as institucións culturais do planeta, lideradas pola UNESCO, conseguiron movilizar inxentes cantidades de diñeiro que permitiron desmontar, coa axuda de mergulladores, as lendarias construccións de Philas e trasladalas á inmediata illa de Agilkía, onde quedaron ceibes xa das augas e abertas de novo á admiración pùblica.

      Ao mesmo tempo, os inmensos templos de Abú Simbel, cortados en bloques, foron subidos á cima do acantilado no que se atopaban, co obxecto de afastalos tamén do lago que se pretendía crear alí. O admirable traballo rematou en 1968, e foi dunha exactitude técnica e milimétrica tales que, os días 20 de outubro, e  20 de febreiro, o mesmo que antes de que efectuase o traslado, os raios do sol penetran ata o fondo da nave do santuario de Ramsés II e iluminan as súas estátuas nela situadas.

      Tales obras converteron a Philas e Abú Simbel en dúas novas marabillas, visitadas xa por centos de miles de turistas e estudosos. Algo que Pierre Loti non podía sequera imaxinar hai cen anos.

      Trasladándonos agora ao noso entorno podemos incidir en cousas das que todos escoitamos falar algunha vez, coma son os tesouros megalíticos, castrexos, medievais, barrocos e contemporáneos cos que a nosa terra conta, así coma os traballos -escasos aínda, lamentablemente-, que se veñen realizando para o seu rescate, mellora e conservación.

      En canto aos restos que os romanos deixaron despois de máis de catrocentos anos de ocupación -dende arredor do 25 a. C. ao 411 d. C.-, Galicia conta tamén con numerosas amostras. Certo que son menos que as que se poden admirar mesmo en países habitualmente considerados fóra da órbita latina, coma poden ser Tunicia ou a Gran Bretaña, capaces non obstante, de nos sorprender pola relevancia dos seus achados. Mais, aínda así, canto aquí deixaron os romanos é auténticamente importante.

      E xa que escomezamos este comentario ocupàndonos de Philas e de Abú Simbel consideramos que tamén nos debemos de deter nun dos nosos tesouros, ata certo pungto semellantes. A dez quilòmetros de Bande, entre as vilas de Baños e Porto Quintela, nas marxes do río Limia, existe aínda un acampamento militar romano, situado en plena Vía Nova do Itinerario de Antonino, a que comunicaba Braga con Astorga.

      Esta instalación tiña a finalidade de controlar os recuros minerais da comarca. O lugar ao que nos estamos a referir coñécese tamén polo nome de  A Cidá, e conta cunha extensión superior ás dúas hectáreas e media. Nel, ademais das murallas e das instalacións propias do acampamento, entre elas os almacéns e o hospital, hai unha vila, unha Mansión Viaria e unha zona de augas termais con catro pozas e catro bañeiras de pedra que acadan, aínda en pleno inverno, temperaturas de 48º centígrados. Convén que lembremos agora que a denominación romana do lugar era a de Aquis Querquenis, en alusión tanto a este balneario como á tribo dos querquenos, habitantes da zona.

      No ano 1947, cando foi construído o encoro das Conchas, A Cidá, e as súas pontes sobre o río, o mesmo que a Philas exipcia, ficaron asolagadas, e non se deixaron contemplar máis que en ocasións pronunciadas de   seca, coma a do ano no que nos atopamos, na que puido ser visitada, e as súas termas aproveitadas por cantos non lle teñen medo ao frío que estes días se sinte fóra delas. As súas augas son bicabonatadosódicas, fluoradas e líticas, axeitadas para o reuma, a pel, as vías respiratorias e o aparato dixestivo.

      Aquis Querquenis non conta, dende logo, con axudas económicas nin técnicas da UNESCO que a axuden a recuperar o seu pasado esplendor, mais témonos que congratular porque, dende 1975, o Grupo Arqueolóxico Larouco, a Fundación Aquae Querquenis-Vía Nova, creada en 1999, e a Universidade de Compostela, están a traballar na posible recuperación e promoción deste grande tesouro artítico, próximo ademais á igrexa de Santa Comba, o templo visigótico máis antigo e importante da península.

         (Publicado no ano 2008, no nùmero 156 da revista Encrucillada).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO