PATRIMONIOS DA HUMANIDADE
Son moitos os monumentos, tanto físicos coma inmateriais, aos que a UNESCO lle ten concedido o recoñecemento co que intitulamos este comentario. No intre no que o escribimos está aínda recente o outorgamento por parte de tal organismo, despois dun trámite de argumentacións case que interminable, dese título á famosa Torre de Hércules da Coruña. Deste xeito esta antiga construcción vense a sumar á cidade de Compostela, ao Camiño de Santiago e á muralla romana e de Lugo, os primeiros entre nós en recibir tales recoñecementos.
Respecto á que en primeiro lugar mencionamos, e última en o acadar, debemos de indicar que, tanto a arqueoloxía como a historia non facilitan a súa identificación coa mítica Torre de Breogán, dende a que, segundo o Libro das Invasións, se podía albiscar Irlanda, e viceversa, ollar a nosa Torre dende esta illa. O único auténticamente demostrable é que, tanto en Irlanda coma na Britania, e nas Galias, existiron Brigantes, e que, alá polo ano 60 a. C. tamén existía entre nós a cidade de Brigantia, presutamente asentada nas inmediacións da Torre agora condecorada pola UNESCO, así coma outra Brigantia na Cantabria.
Existe tamén a posibilidade de que o primeiro documento que menciona este monumento poida ser a Táboa de Peutinger, da Biblioteca de Viena, rematada no século XII ou XIII, que recolle datos a partir do século I. Nela advírtese una torre coroada de lapas, que moi ben podería ser a de Hércules, aínda que, cronolóxicaente, o deseño da mesma poderia pertencer a calquera momento do indicado período.
O unico texto con auténtica firmeza histórica que se ocupa dela é o Historiarum adversum paganos, escrito por Paulo Orosio de Braga arredor dos anos 417-418, que, no seu libro I, 2, 71, nos di:
O segundo ángulo olla cara á parte de onde ven o vento do Noroeste;
aquí está Brigantia, cidade da Gallaecia, que ten un altísimo faro, que constitúe
unha das poucas obras humanas dignas de admiración, e érguese para
orientar a rota da Britania.
Inmediatamente despois deste comentario, a Cosmografía de Istro Aethico, repite case que ao pé da letra, as mesmas palabras. E, posteriormente o Faro aparece xa en numerosos documentos de plena Idade Media. Asemade, á marxe dese sospeitoso debuxo da Táboa de Peutinger, consérvase tamén outro que figura no Mapamundi do Beato do Burgo de Osma, do ano 1086, que o denomina Faro Gallaecia.
En canto á data da súa construcción vense tratando de establecer con base a unha inscrición latina que se atopou a uns de metros de distancia da construcción, aínda que sobre ela existan interpretacións un tanto difíciles de casar entre si. O únco que semella parcialmente aceptable é que se pode tratar dunha dedicatoria ao Deus Marte Augusto feita polo arquitecto lusitano Gaio Sevio Lupo. Mais dubidoso, dadas as dificultades de lectura que ofrece a lápìda na súa penultima liña, resulta decidir se este era de Aquae Flaviae, hoxe Chaves, cidade que formou parte da Gallaecia ata bastante máis acá do ano 1100, ou ben do Aeiminium, situado nas inmediacións da Coimbra actual, esta si en territorio lusitano na maior parte da historia.
Aínda así, o epigrafista e historiador alemán Emil Hübner (1834-1901), con base á análise da textura das letras da inscrición, inclínase por datala nos tempos do emperador Traxano (90-117 d. C.).
A Torre sufreu graves desperfectos ao longo das Guerras Irmandiñas do século XV. A súa reconstruccion e a modificación, que a deixou co aspecto co que hoxe a podemos contemplar, foi efectuada a partir do ano 1788 polo arquitecto da Armada Eustaquio Giannini. A partir dos numerosos traballos que, sobre tal monumento se publicaron, aos interesados en afondar no tema recomendámoslle que traten de acceder ás documentadas obras de Joseph Cornide (1792), e de Siegfried Hutter & Theodor Hauschild (1991).
Paralela coa declaración que vimos de mencionar, a UNESCO recomendou tamén que se creara un plan de xestión completado cun proxecto de musealización e un centro de interpretación. Confiemos en que semellantes axudas sigan adiante e non xurda ningunha clase de Talibán, dos moitos que polo mundo acosan á cultura, de xeito especial coma os que, no ano 2001, destruíron os Budas de Bamyan, no Afganistán, tallados no séclo VI.
(Publicado no ano 2009 no número 164 da revista Encrucillada).
Outros traballos con este relacionados:
-A Torre de Hércules, patrimonio da Humanidade. (2003).
Comentarios
Publicar un comentario