OS MANUSCRITOS DE IRIA FLAVIA
En este encomedio morreu Alvaro Paas de Soutomayor
e na cibdade de Tuy; estaba çercado da Santa Irmandade;
serían hasta çinquo mill omes de pee e de caballo; mandou
que entregasen a cibdade a Irmandade.
Falesceu eno mes de março ano domini MCCCC
sesagésimo oitavo. Socedeu en seu lugar seu irmao Pero
Alueres de Soutomayor.
Corónica de Sta. María de Iria (1468).
Non é fácil, a pesar dos moitos restos arqueolóxicos que do seu asento se conservan, precisar con exactitude o momento histórico no que naceu Iria. Situada nas marxes do río Sar, moi pròxima á súa confluencia co Ulla, considérase, no entanto, que o engadido Flavia que complementa o seu nome se debe á concesión a favor dos seus habitantes do ius latii que, arredor do ano 70 fixo o Emperador Tito Flavio Vespasiano (69-79), o primeiro membro da dinastía Flavia, que gobernou Roma dende o ano 69 ao 96.
Iria Flavia foi na Idade Media unha importante sé episcopal, desaparecida nun intre histórico tamén un tanto impreciso, probablemente arredor do ano 847, data na que falecu o seu bispo Teodomiro, xa que foi por entón cando o enterraron en Compostela, a vila que se estaba a formar arredor da recén descuberta tumba do Apóstolo. Algo no que quizais influín tamén a maior seguranza deste lugar, moito menos exposto aos ataques dos piratas daneses que subían polo Ulla. O traslado oficial da sé, porén, non se produciu ata o ano 1095.
Absorvida máis tarde pola emerxencia e o medrío da inmediata Padrón, dende o ano 1851 Iria Flavia non foi xa máis que unha pequena parroquia da mesma, berce sen embargo do único Premio Novel de Literatrua co que Galicia conta.
Pois ben, moito antes, cara ao ano 1139 deuse remate a un destacado relatorio dos Feitos de Diego Gelmirez, bispo e despois primeiro Arcebispo de Compostela (1100-1140), redactado en latín e posiblemente inducido polo propio protagonista do mesmo. Neste extenso traballo, hoxe máis coñecido pola denominación de A Compostellana, aparece tamén un denominado Choricon Iriense, unha breve crónica da diócese da Iria Flavia, na que se menciona, en pleno florecemento aínda do reino Suevo, e coma inicial bispo da mesma, a Andrés, asistente no ano 561 ao Primeiro Concilio de Braga.
Outros vellos textos ocupanse tamén doutros bispos anteriores a el, se ben que neste non son mencionados. O Chronicon Iriense remata arredor do ano 982, posible comezo do pontificado de Pedro de Mezonzo e data da coroacion do rei Vermudo II (982-999).
Algún tempo despois, en marzo de 1468, Ruy Vaasques, crego de Santa Vaya de Chacín, nas proximidades de Muros, escribía a Corónica de Santa María de Iria, a obra da que extraímos o parágrafo co que encabezamos o comentario, se ben que parece que tal título non é o orixinal. Nela recolle, nesta ocasion en galego, e con intencións loubadoras para a diócese, así coma tamén cronolóxicas, un resumo histórico que abrangue dende os tempos de Adam á chegada do Corpo do Apóstolo, pasando polo asentamento dos Suevos, o nacemento de Compostela, á Reconquista e unha parte da Grande Guerra Irmandiña, concretamente ata o intre no que a inicialmente victoriosa Irmandade ocupaba a cidade de Tui, e Pedro Madruga pasaba o Miño para se internar en Portugal. Trátase este, pois, dun transcendental documento para o coñecemento do noso pasado.
Mais non son estes os únicos manuscritos irienses coñecidos. Hai dous anos, en pleno século XXI xa, alguén que na Biblioteca Nacional de Madrid investigaba sobre Fracisco de Quevedo (1580-1645) atopou un volume de manuscritos encadernados, da autoría de Pedro Otero Romero Torre, avogado dos Reales Consejos de Felipe V (1700-1746). Non remata aquí o afortunado achado xa que, no interior dese volume, apareceron tamén 124 páxinas, redactadas asímesmo na nosa fala, baixo o título de Ystoria dela Santa Yglesia de Iria Flavia y traslación ala compostelana.
Os profesores da Universidade de Vigo, Maria Camino Noia Campos e Bieito Arias Freixedo veñen de realizar agora un detido e meritorio estudo deste notable manuscrito, en fase pròxima xa á súa publicación.
Das súas investigacións parece tirarse que este ata hoxe descoñecido Pedro Otero, grande perito calígrafo, debeu de escribir a súa Crónica de Iria entre os anos 1713 e 1735, que vivíu no Padrón e que debeu de facer o traballo ao se retirar. Algo para o que utilizou o mellor de dous textos bastante semellantes entre si que lle facilitara o arquiveiro da vila, para que o copiara, glosara e ampliara.
Contamos, pois, con novos e suficientes motivos para desexar que o traballo dos profesores Noia e Arias chegue o antes posibles aos andeis das librarías.
(Publicado no ano 2009, no número 165 da revista Encrucillada).
-Outros traballos relacionados con este:
-A saga da illa sen noite. (2001).
-Idacio Lémico: "Chronica (379-469)". (2004).
-O comezo da nosa Idade Media. A "Gallaecia" que se emancipou de Roma.(2003).
-Un home de Vilameán. Anatomía da Revolucion Irmandiña.(1976).
Comentarios
Publicar un comentario