OLLADAS NO FUTURO



       O título deste comentario, está tomado dunha obra que en 1974 publicou Ramón Piñeiro (Láncara, 1915 - Compostela, 1990), coma sabedes o autor ao que neste ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, circunstancia esta pola que recorremos a el a xeito de introdución.

      Ramón Piñeiro López, filósofo, ensaísta e político, perseguido e encarcerado, recibiu especialmente no mes de maio pasado constantes e merecidas homenaxes polo seu labor, sendo analizado e lembrado en todas as partes do país, e aínda fóra del. Asímesmo  a maior parte das súas obras reeditáronse, xunto con outras novas, e diversas esculcas sobre os seus aportes á cultura.

      Mais non nos imos recrear agora en ningunha clase de loubanza, nin en lembranzas sobre Piñeiro xa que, afortunadamente, estas veñen sendo detidamente comentadas e  espalladas a través xa de todos os medios. Querémonos deter, nada mais,  nalgo tan obvio para el coma o que no seu momento recolleu Miguel Barros: "Piñeiro sabía que a pedra angular da política propia era o idioma".

      O cal ven a conto dun feito que aconteceu no mes de febreiro anterior. O comezo do que podemos cualificar coma un novo acoso ou ataque orgaizado á cultura. Eran os días nos que principiaba a campaña para as eleccións Autonómicas. Nese intre, toda unha casualidade, certos colectivos manifestáronse en Compostela no nome da "liberdade", levando pancartas sostidas por xentes chegadas de fóra do país, aí coma doutras claramente distinguidas polo seu desprezo da nosa fala.    Algúns medios tomaron tamén partido en contra da mesma, transformando aquela cativa marcha nalgo para eles categóricamente demostrativo. Nela mesmo houbo burlas contra o galego.

      Pasados pouco máis de tres meses, xa no día das Letras Galegas, o 17 de maio, producíuse, esta vez si, e a pesar da chuvia, unha autenticamente magna manifestación en Compostela en defensa do idioma. Porén, nesta ocasión, os medios amosáronse sumamente cautos. As fotografías que publicaron non abranguían a maior parte da concentración, nin os principais detalles da mesma, coma se pretenderan facela pasar desapercibida.

     Mais dende ese mes de febreiro que vimos de comentar, pasaron moitas cousas. Porque agora goberna en San Caetano unha forza política que, entre as súas confesadas aspiracións figura a de reducir as posibilidades do galego á mínima expresión, ou mesmo suprmilas. Coma consecuencia téñense producido xa protestas. E advírtense consecuencias tan negativas coma, entre outras, o feito de que parte dos compromisos adquiridos polo anterior executivo co sector audiovisual están paralizados.

       Trátase dun acordo que prevía o financiamento de 34 filmes para cine, televisión, mini-series, documentais e curtametraxes. A súa supresión pode supor a destrucción de máis de 2.000 empregos directos e a perda de 500 ou 5.600 profesionais da interpretación. Un factor no que Galicia avanzara a pasos axigantados nos últimos tempos. ¿Cal pode ser o futuro que para a nosa cultura se pode albiscar a través destas e doutras perspectivas semellantes?. . .

      Lembremos agora, e comparémolo, tan só que, segundo datos que nos chegan de Euskadi, o eúscaro ou lingua vasca, gañou alí uns 325.000 falantes nos últimos vintecinco anos.


      (Publicado no ano 2009, no número 163 da revista Encrucillada).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO