O PRIMEIRO DOS POETAS
Polo que a ti respecta, Menelao, alumno de Zeus.
a fortuna non dispuxo que acabes a vida e cumpras o
teu destino en Argos, terra fértil en cabalos, senón
que os inmortais levarante aos Campos Elìseos, nos
confíns do Mundo, onde se atopa o loiro Radamante.
Alí non hai inverno longo senón que os humanos
disfrutan dunha vida feliz ao abrigo da neve, da xeada
e da chuvia, e dende o seo do Océano érguese o sopro
harmonioso e refrescante das brisas do Céfiro.
Estas palabras están tomadas do libro IV, 563 da Odisea,. atribuído cada vez con máis firmeza a Homero, obra que este debeu de fixar por escrito quizais antes do ano 700 a. C., logo dun período de transmisión oral.Tanto a Iliada como a Odisea, a pesares da súa ceda aparición, están consideradas coma obras mestras do xénero épico, nas que non faltan a codificación tanto dos temas coma das formas, o dramatismo na acción e no conflicto entre as forzas, nin a exaltación das virtudes heroicas ou da piedade, a fidelidade e a amizade.
A través do retallo que vos ofrecemos asistimos tamén á posiblemente inicial e á idealizada referencia ao remoto Occidente, onde o poeta sitúa a paradisíaca comarca dos Campos Elíseos, na que vive, ou reina, Radamante, fillo de Zeus e de Europa, aquela princesa da cidade fenicia de Tiro que o deus raptara adoptando a figura dun touro, tal coma se pode ver na escultura que, na súa honra, foi erguida e se pode contemplar dende hai uns anos na viguesa praia de Samil.
No mesmo poema menciónase tamén a Menelao, rei de Esparta, marido da Helena que, seducida por Paris, causou a terrible Guerra de Troia. En canto a Argos temos que dicir que, con tal denominación considerouse, nuns casos, a comarca próxima a Micenas, mentras que noutros equivalía ao Peloponeso, ou mesmo a toda Grecia. Polo que respecta ao refrescante Céfiro na descrición do cal se recrea Homero, trátase do vento do Oeste.
(Publicado en 2009, no número 162 de Encrucillada).
Comentarios
Publicar un comentario