O MANUSCRITO ATOPADO NA CORUÑA
Xa de primeiras advertimos que tal manuscrito non se trata da fascinante Biblia Kennicott, encargada no ano 1475 por Isaac de Braga a Moshe Ibn Zabarah, e que este, coa axuda dun ilustrador, tamén residente daquela na Coruña, rematou en dez meses, utilizando nela, ademais, e por primeira vez nun documento hebreo, as vogais. Non, neste breve comentario ímonos referir a outro tipo de documento, descuberto no século XIX nalgún lugar, tamén da Coruña, denominado "bancal", expresión que semella relacionada con "terra de labor". O que fai pensar que, por ser esta, en moitos casos de natureza alcalina, tamén puido ter sido a causante, contra o que acontece no resto do noso chan, de que o PH deste non entorpecera a conservación das materias orgánicas.
Pois ben, sorprendentemente, o texto ou documento ao que non estamos a referir non está escrito sobre pedra, pergamiño, vitela, palimpsesto, ou papel, coma moitos outros que no país hai, senón nun soporte moi pouco habitual nas nosas latitudes. Porque tal escrito, achado como acabamos de dicir, nun bancal, utilizou coma soporte para facer perdurable o seu texto, un óso, posiblemente de animal. Asemade, as técnicas de datación no mesmo utilizadas estímanlle unha antigüidade duns seis mil anos. É dicir, que a criatura do que foi tomado, debeu de vivir entre o 4000 e o 3800 a. C. Do que podería resultar, así mesmo, que, se o breve texto que contén foi exculpido inmediatamente despois da morte do ser ao que pertencera, tal texto sería mesmo anterior á máis antiga das escritas que se coñecen, a de Sumer, á que, segundo unha grande parte dos paradigmas actuais, se considera xurdida entre os anos 3400 e 3200 a. C. Debe de ficar claro tamén que o razoamento sería distinto, aínda que o óso fose da época indicada, se as incisións que contén foran realizadas un determinado número de séculos despois.
Para non nos enliar nos comentarios, é imprescindible que digamos tamén que se coñecen outras e sorprendentes escrituras que obrigan a pensar moito acerca da exactitude do que se viña considerando coma feitos demostrados. Referímonos a: as táboa de Transilvania (5370 a 5140 a.C.), as de Bulgaria (5000 e 4000 a. C.); a de Castoria (Grecia) (c. 5260 a. C.); a de Macedonia (c. 4500 a. C.); así coma ao selo de Karanovo (Bulgaria), de preto do 4800 a. C., ademais de tres inscricións alfabetiformes atopadas en Huelva, ás que se considera aproximadamente contemporáneas co achado da Coruña, todas as cales, segundo as datacións que vimos de recoller, serían anteriores aos avanzados e admirados documentos sumerios, así coma tamén aos exipcios e fenicios.
Centrándonos no texto coruñés, engadamos agora que se atopa hoxe no Instituto de Paleografía e Filoloxía Histórica de Noruega, en Oslo, e que non ofrece practicamente ningunha semellanza substancial cos restantes que da antiga Europa vimos de mencionar, a non ser con algún dos signos que aparecen no de Macedonia, e tampouco ningún coas escritas oghámicas, nin coa inscultura existente na Península de Monteferro, en Panxón, aínda hoxe non clasificada nin interpretada. Si poderíanselle atopar certas semellanzas co deseño das runas nórdicas, utilizadas a partir do século II d. C.
A Scholen Collection arriscouse a transcribir as incisións do óso da Coruña, que parecen representar unha escrita un tanto avanzada, interpretándoa coma Atal-Tarte, mentres que André Pena
interpretounas coma ta-ter-ta-r-o.
A posible datación desta inscrición e das de Huelva fixo que algúns investigadores pensen agora que, contra o que se viu sostendo, quizais non foron os fenicios os introductores da escrita na Península Ibérica, senón que estes -que chegaron á mesma arredor do século X a. C.- puideron deprender a escribir precisamente a partir do que nela atoparon, levándoo despois a Oriente. Algo tal vez posible, se ben que, de momento, aínda non demostrado, especialmente se temos en conta que os textos celtas e iberos da península achegan notables indicios de que puideron ter partido tanto da escrita fenicia coma de configuracións arcaizantes da grega.
(Publicado o ano 2013 no número 184 da revista Encrucillada).
Outros traballos tamén relacionados con este:
-Dos altos e sublimes cedros do Líbano ao confín dos verdes Castros. (2016).
-Os trinta anos de "¡Ouveade, naves de Tarsish!". (2013).
Comentarios
Publicar un comentario