"O CÓDEX CALIXTINUS"




                                                                           A terra dos galegos abonda en soutos e resulta
                                                                  agradable polos seus ríos e os seus prados, excelentes
                                                                  pomares, boas froitas e clarísuimas fontes. É rara en                                                                              cidades, vilas e sementeiras; escasa en pan trigo e viño,
                                                                 mais farturenta en pan centeo e sidra, gando e cabalería,
                                                                 leite e mel, ou grandes e pequenos peixes do mar.

                                                                         Libro V, capítulo VII.


      Cando saia este número de Encrucillada, xa estará nas librarías unha das obras magnas da literatrura medieval, un breve parágrafo da cal aparece sobre estas liñas. O Codex Calixtinus, ao que nos estamos a referir, fora traducido nas derradeiras décadas  ao castelán, ao francés, ao italiano e, tano só de xeito parcial, ao galego. Porén, nesta ocasión, a versión á nosa língua vai ser completa, da man do catedrático Xosé López Díaz.

      O Codex Calixtinus, cuxo orixinal está depositado no Arquivo da Catedral de Compostela, é un códice iluminado que, polo seus contidos, poderíamolo considerar coma unha frascinante enciclopedia, xa que, ademais de ser a primeira e auténtica guía de peregrinos que se coñece, contén tamén a Historia de Carlomagno e Roldán, así coma numerosos consellos, describe rotas, obras de arte, costumes locais, milagres, textos litúrxicos relacionados co Apòstolo,  almacenando ao mesmo tempo numerosas obras polifónicas.

      Nos seus 225 folios, o Codex Calixtinus ofrécenos os seguintes cinco libros, ademais de dous apèndices:

      I:    Anthologia liturgica.
      II:  De miraculi Sancti Jacobi.
      III: Liber traslationi corporis Sancti Jacobi ad Compostellam.
      IV: L'Historia Karoli Magni et Rotholandi.
      V:  Iter properegrinis ad Compostellam.

      En canto ás obras polifónicas atópanse nos Apéndices I e II, entre elas o Himno dos Peregrinos: Dum Pater Familias.

      O Libro contén, así mesmo, unha carta do Pontífice Inocencio II (1130-1143), da que parece tirarse que o autor do mesmo foi, sequera en parte, o monxe cluniacense Aymeric Picaud, presbítero de Parthenay-le-vieux, quen no ano 1109 acompañara dacabalo ao futuro papa Calixto II (1119-1124) na súa peregrinaxe a Composela. De todo o cal podería resultar que neste ano de 2010, no que vai ser publicada a obra, se cumplan exactamente 900 do comezo da redacción da mesma. Esta carta está dirixida tanto á Basílica de Cluny como  ao arcebispo compostelán Diego Xelmirez (1120-1139).

      O Codex Calixtinus está redactado por catro mans, que amosan unha letra bastante semellante, e considérase que foi depositado en Compostela polo propio Picaud arredor do ano 1140, sendo descuberto, coma tantas outras cousas, polo incomparable investigador e coengo Antonio López Ferreiro (1837-1910). A raiz da revelación do mesmo publicárase xa tanto unha numerosísima bibliografía coma unha non menos copiosa discografía.

      Desta nova edición do Codex Calixtinus, hai tamén unha tiraxe de luxo, con debuxos e letras capitais debidos ao artista Francisco Leiro Lois (Cambados, 1975). Curiosamente, a publicación desta reliquia bibliográfica foi auspiciada polo anterior goberno da Xunta  e criticada polo actual.

         (Publicado  no ano 2010, no número 166 da revista Encrucillada).

          Outros traballos relacionados con este:
                 -O "Codex Calixtinus", de novo. (2010).


--> O "CODEX CALIXTINUS", DE NOVO. 

      Tal como adiantamos, están xa nas librarías as dúas edicións da traducción do memorable e medieval Codex Calixtinus. Respecto a elas podemos salientar que un dos exemplares da edición de luxo foille entregado ao Pontífice Bieito XVI polo Presidente da Xunta.

      Nós, moito máis modestos, e con bastantes menos recursos adquisitivos, limitámonos a facernos cun da edición menos onerosa, a de 30 euros, con capa dura, iso si, que acada 579 páxinas, dignamente presentadas cunha tipografía que, aínda que non estea acompañada de mapas, debuxos, nin partituras  musicais, permite seguir axeitadamente os contidos da obra.

       Esta consta de cinco libros, cento dous capítulos, catro apéndices e tres índices, que a fan perfectamente manexable, ademais de numerosas colaboracións, entre as que destacamos, a causa da admiración que por el sentimos dende hai moito tempo, as de Beda o Venerable (c. 672 a 27-5-735). Trátase este do primeiro santo inglés, un dos homes máis cultos e eruditos da Idade Media,  ao que, coma xa comentamos nalgunha ocasión, visitamos devotamente non hai moito tempo na súa tumba da Catedral de Durham, preto da fronteira con Escocia.

       (Publicado en 2010, no número 167 da revista Encrucillada).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO