O CASTRO DE SANTA TREGA, SOBRE O MIÑO
O mesmo pasa co Bainís, chamado Mínion por outros,
o maior dos ríos da Lusitania, navegable uns oitocentos
estadios. Na súa desembocadura hai unha illa con dous
peiraos aos que poden arribar as embarcacións. Aquí
rematou a expedición de Décimo Iunio Bruto.
Geographiká, III, 3, 4.
Strabón de Amasia (63 a. C. -19 d. C.).
O Castro do Trega, no concello da Guarda, cos seus 341 metros de altura, que permiten enxergar dende tan privilexiada atalaia a dilatada foz do Miño, incluíndo a Fortaleza da Insua, que se mantén no seu medio e medio, tal coma indicara o xeógrafo Strabón hai máis de dous mil anos, ademais das terras e vilas dos seus arredores, parte do norte de Portugal e do Océano sen fin, non para de ofrecer sorpresas, tanto aos estudosos coma aos que simplemente o visitan.
A este respecto, e en primeiro lugar, podemos dicir que neste destacado accidente xeográfico, foi onde rematou a famosa expedición de Iunio Bruto, aquel Cónsul romano que pasara o Douro no ano 137 a. C. e que, xunto cos homes do seu exército, contemplou dende as marxes do Miño o grandioso espectáculo do afundimento do sol no Océano. Tal foi aquel Bruto que, pola súa victoria sobre os Galaicos, recibíu a histórica denominación de "O Galaico".
Así mesmo tamén vos podemos informar que a advocación do lugar procede de Trega de Iconio -en grego Thekla-, unha mártir do século I, oriunda da Galacia, un territorio que hoxe forma parte de Turquía. Seguidora de San Paulo, esta Trega foi considerada coma modelo de castidade xa polos primeiros movementos ascéticos cristiáns, especialmente polos do Exipto, Siria e Armenia. Non contamos, sen embargo, máis que cun documento que fale dela, "Os feitos de Paulo e Trega"; texto apócrifo do século II que a recoñece, coma xa dixemos, coma seguidora do apóstolo oriundo de Tarso de Cilicia.
Porén é un feito demostrado que a devoción á esma expallárase axiña polo oriente, e aínda máis acá, coma o proba a existencia dunha basílica paleocristián baixo os cimentos da actual Catedral de Milán, así como a dun altar a ela dedicado no interior da mesma, e, con posterioridade, de baixoreleves e retablos no levante da Península Ibérica. Tampouco está demasiado claro o xeito de coma o seu coñecemento puido chegar a este afastado curruncho do occidente.
Segundo algúns dos indagadores, a portadora de novas acerca desta protomártir puido ser a relixiosa Eteria, -Egeria, ou Echeria, na maior parte dos documentos-, que percorrera Oriente Medio a finais do século IV e deixounos unha admirable narración de tales viaxes. Nel, entre outros moitos e asombrosos informes, refire coma se apartou do camiño que seguía, para visitar a que entón se consideraba como a tumba de Trega, situada na cidade de Seleucia, non lonxe de Antioquía.
Outra posibilidade é a de que o seu coñecemento nos puidese ter chegado dende Tarraco, hoxe Tarragona, cidade que a ten coma patroa e cuxa enorme provincia, a maior do Imperio, chegou a abranguer, aproximadamende dende o cambio da Era ata o ano 214, á propia Gallaecia. Sobre esta temos que aclarar que, con anterioridade, e por moi pouco tempo, formara parte da Lusitania, sendo este o motivo polo que Strabón, que tomou os seus informes sobre nós nese preciso intre, e nos di que os Galaicos ocupaban o territorio situado ao norte do río Douro, incluíra o Miño na Lusitania.
Sexa coma sexa, o Castro de Santa Trega converteuse nunha auténtica icona non só da cultura galaica, senón da atracción turística actual, posto que non só conta con documentación arqueolóxica da súa época máis florecente, a do período do século IV a. C. ao I d. C., senón que hai datos que apuntan a unha ocupación súa mesmo anterior ao indicado. As últimas escavacións demostraron tamén que, no cambio da Era, debeu de ser unha cidade relativamente grande e perfectamente urbanizada con entre 5.000 e 6.000 habitantes. A pesca, o marisqueo, a agricultura, a gandería, a cerámica e a xoiería, ademais da elaboración de armas e da explotación das minas de ouro e de estaño proximas, permitiron o desemvolvemento das xentes que a habitaban. O seu Museo acolle agora canto nos seus arredores foi atopado.
A última das sorpresas, polo de agora, por este lugar deparada, é deste mesmo ano, cando os arqueólogos que traballaban na parte do poboado denominada Mergelina, puxeron á vista máis de 40.000 pezas datadas a partir do século IV a. C., entre elas numerosas ánforas -algunhas do V a. C.-, moitas procedentes da Bética, así coma restos pùnicos, unha amarradoira de monturas e, sobre todo, unha cova artificial tamén do século IV a. C., de cinco metros de profundidade, cuxa función está aínda sen poder ser axeitadamente explicada polos estudosos.
(Publicada no ano 2016 na revista Encrucillada).
Outros traballos relacionados con éste:
-A cuestión da celtidade de Galicia.(2003).
-Aquelas temibles "Hordas Castrexas". (2015).
-As nosas orixes.
-A Torre de Hércules, patrimonio da Humanidade.
-"Cornelia" na praia da Lanzada, hai 2.000 anos. (2017).
-Exipto, a viaxe perdida de Egeria. (1990).
-"Fines Terrarum".
-Dos altos e sublimes cedros do Líbano, ao confín dos verdes Castros. (2016).
-Sobre Celtas en Castrexos
Comentarios
Publicar un comentario