O ACCESO AO COÑECEMENTO
Adquire sabedoría, adquire intelixencia, mais
non as esquezas nin te afastes dos meus consellos.
Proverbios, 4: 5.
Pilar Gallego, Presidenta da CEGAL (Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros), ven de confirmar as pouco satisfactorias perspectivas que ofrecía o mundo editorial ao remate de 2013, comentando que, ao longo do 2014, fecharon 912 librarías en todo o estado, aínda que, porcentualmente, a perda fora lixeiramente inferior á do ano anterior. Así mesmo indicou que en Galicia existen 11,90 tendas de libros por cada 100.000 habitantes.
Pilar Gallego pon as súas esperanzas na posible aparición de novos modelos de libraría -de menor tamaño, por exemplo-, amosándose tamén de acordo en que "a competencia maligna" non se atopa no libro dixital, co que entende que o de papel está chamado a se complementar, e apunta o dato de que tan só un 11% dos establecementos libreiros distribúe obras electrónicas. Para ela o auténtico inimigo atópase na piratería.
Pola nosa banda estamos tamén convencidos de que a falta, ou a reducción, do número de lectores non se debe á posible baixa calidade dos que escriben, ou ao prezo dos libros, xa que, aínda que nalgún momento se poida dar unha reducción no número, ou na calidade, dos autores, escritores ou creadores, seguen a existir outros autenticamente excepcionais a partir de hai xa máis de cinco mil anos, a cuxas obras temos a sorte de poder recorrer cando o necesitemos, utilizando coidadas edicións das mesmas, na súa maior parte anotadas e comentadas, có obxecto de facilitar a súa comprensión.
Así mesmo tampouco é necesario pensar no problema que, en tempos de penuria, poida supor ter que mercalas, xa que existen tamén numerosas bibliotecas que, ademais de gratuítas, seguen a estar ateigadas de xente, maioritariamente nova. Non parecen ser os indicados, pois, os problemas da lectura actual, ou do libro, unha das principais fontes do coñecemento.
O 16 do pasado mes de marzo tivemos ocasión de coñecer unha máis que posible solución para os males que atinxen a este sector. Porque, nese día, na cidade de Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos, de entre cinco mil aspirantes, foille concedido o título de Mellor Profesora do Mundo á norteamericana Nancie Atwell. Esta recibiu, ademais, a nada desprezable cantidade de un millón de dólares aportados pola Fundación Sunny Varkey do profesor de orixe india do mesmo nome, afincado agora na indicada cidade do Golfo.
Mais, con ser importante o feito, non foi, ao noso parecer o máis destacable do acontecemento. ¿Por que?. En primeiro lugar porque Nancie Atwell, ensinante dende hai 42 anos, ademais de publicar obras sobre a temática que nos ocupa, recibira xa varios premios polo seu labor docente. Así mesmo, no ano 1990 fundara no estado de Maine, o situado máis ao nordeste do seu país, o Centro Edgecom, un lugar de ensino e aprendizaxe dedicado a fillos de familias desfavorecidas, dos que conseguíu que accederan ás universidades nada menos que un 97% dos nel graduados, sendo a eles aos que agora destina o importe do Premio.
¿Porque motivo foi realmente seleccionada esta exemplar mestra como "a mellor do mundo? . Pois porque Nancie Atwell sabe que, para que un alumno lea e escriba ben, non hai outro segredo que o de lle deixar que sexa el mesmo quen elixa o libro e a temática que máis lle agrade.
¿E se nada máis que escolle parvadas ou materias escasamente recomendables? - podería preguntar alguén.
"O perigo de que isto aconteza -reponderíamoslle- é practicamente nulo", xa que se pode demostrar que o lector que, de neno, se afeccionou, por exemplo aos cadernos de banda deseñada, conforme os foi lendo, tamén foi seleccionado e introducíndose en metas más elevadas. Todos cantos coñecemos, que pasaron por este proceso seguen a ser grandes lectores hoxe, e cada vez a maior altura.. En troques, non resultou nada axeitado, coma se inteutou nalgunha ocasión, tratar que rapaces de curta idade se inicien na lectura a através das profundidades do Poema de Gilgamés, da amirable estruturacion do Código de Hammurabi, dos escritos dos filósofos do mundo antigo, por grandes que sexan, da teoloxía dos Tratados e os Cánons de Princiliano, das obras históricas dos nosos Paulo Orosio e Idacio Lémico, do Quixote, dos poemas de Góngora, do Capital, ou doutras, tan merecedoras coma estas do xeral aplauso.
A vantaxe do método preconizado por Nancie Atwell é a de facilitar un comenzo por abaixo, recorrendo aos textos máis asimilables polo lector, de acordo coa súa idade e os coñecementos do momento, que irá ampliando despois por si mesmo cara ás obras de máis elevado nivel.
Co sistema de lectura e escritura por ela preconizado, Nancie Atwell conseguíu, dos seus alumnos de sétimo e oitavo graos, cotas medias de lectura de 40 libros por ano, moi superiores ás de 8 do resto do seu país, así como que realizaran 21 escritos, tamén de cota media, de trece xéneros litearios distintos. ¿Estaremos, pois, no comezo do bó camiño?. Por canto pode representar cara ao incremento da lectura e do coñecemento, desexamos que así sexa.
(Publicado en 2015, no número 192 da revista Encrucillada)
-Outros traballos relacionados con este:
-Idacio Lémico: "Chronica (379-469)". (2004).
-O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma.(2003).
Comentarios
Publicar un comentario