“FINES TERRARUM"



      Resulta difícil determinar, sequera  con certa aproximación, o momento, e as causas, polos que os moitos fisterras que en Europa existen emerxeron na historia ofrecéndonos ao mesmo tempo unha especie de cultura moi próxima entre si. É certo que moitos contaban con recursos socioeconómicos semellantes, e mesmo que algúns deles foron poboados por etnias tamén, e ata certo punto, emparentadas. Mais isto non parece suficiente para explicar tales características, ata o extremo de que moitos investigadores chegaron a pensar que é posible que, detrás destes paralelismos, se agouche algún misterioso arcano telúrico.

      A realidade observable, sen embargo, é que a maioría destes fisterras foron sacralizados nalgún momento da antigüidade. E que nos ofrecen tamén a peculiaridade de continuar a estalo aínda en pleno século XXI, se ben que, na maioría dos casos, con novas características.

      Así, por exemplo, o Cabo Norte, en Noruega,  recibe agora centos de miles de visitantes cada ano, atraídos non só pola esperanza de contemplar dende el o case insólito espectáculo do sol da media noite, senón simplemente polo devezo de ollar dende a súa plataforma, cortada a pino,  a superficie dun mar que parece non ter fin. Algo que se repite, por mencionar nada máis que algúns, en lugares coma no Land's End británico, a Pointe St, Mathieu, e a Pointe du Raz, ambas na Bretaña, no asturiano Cabo de Peñas, nos nosos Santo André de Teixido, Cabo Ortegal, cabo Touriñán e cabo Fisterra, ou nos da Roca, Espichel e Sagres, en Portugal, ao que se lle inventou, para lle dar máis lustre aínda, unha imposible Escola de Navegación, que nunca existíu.

      Mais existe outro fisterra de menos entidade, e moito menos coñecido polo gran público, do que paga a pena que tamén nos ocupemos. Atópase no extremo occidental da península do Morrazo, entre as rías de Pontevedra e Vigo. Neste lugar, no borde da chamada Costa da Soavela, ou da Vela, hai dúas modestas alturas moi frecuentadas polos namorados da paisaxe. Nunha delas, na denominada Facho de Donón, consérvase unha antiquísima construcción de pedra, rematada en domo, sobre a que nada máis que se viñan facendo especulaciòns.

       O Instituto Arqueolóxico alemán, con Thomas Schattner á cabeza, que acaba de proceder a unha metódica escavación do seu contorno, parece ter descifrado, por fin, o misterio ao obter coma resultado o achado de máis dun cento de aras así coma numerosas ofrendas, ánforas, cerámica e vidros que, inicialmente, se dataron nos tempos da ocupación romana.

    O xeógrafo grego Strabón de Amasia, que no cambio da Era elaborou unha admirable Geographiká, recolleu nela, e transmitiunos, a idea de que, segundo certos autores, os nosos antepasados era ateos. A epigrafía, sen embargo, encargouse de desmentir semellante afirmación, e hoxe sabemos que os galaicos contaban cun máis que farturento panteón de divinidades. Pois ben, entre estas divinidades  atopábase Berobreo, á que fora dedicado o santuario agora estudado neste Facho de donón. Ademais a etimoloxía do teónimo,  semella claramente prerromana. Agardamos, polo tanto, que as excavacións e a análise pormenorizadas dos achados poidan ofrecernos unha cronoloxía sequera aproximada do momento da iniciación deste culto nun lugar tan atraente coma o deste do Facho, inmediato á paradisíaca praia de Melide.

      (Publicado no ano 2003, no número 133 de Encrucillada).

   
     Outros traballos relacionados con este:

         -As nosas orixes (2011).
         -Sobre Celtas e Castrexos (2012).
         -Aquelas terribles "hordas Castrexas". (2015).
         -O Castro de Santa Trega, sobre o Miño. (2016).
         -Dos altos e sublimes cedros do Líbano, ao confín dos verdes Castros. (2016).
         -"Cornelia", na praia de Lanzada hai 2000 anos (2017).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO