DOUS ANIVERSARIOS DIGNOS DE SEREN LEMBRADOS
Amén das distintas ascensións en globos tripulados, das que quedan informacións en prensa, libros e fotografías, nalgunhas das cales participaron os xa lendarios irmáns Montgolfier, efectuadas a finais do século XVIII, así coma as dos famosos Zeppelins, do século XX, tomámonos a liberdade de entender que, ao falar desta clase de experiencias, podemos darlle certas prioridades ás efectuadas utilizando avións, as máquinas que deron auténtica autonomía aérea ao ser humano.
E a este respecto temos que dicir que o primeiro que andou polos nosos ceos e as nosas terras foi o Blèriot XI do francés Leonce Garnier. Con tal piloto chegara a un acordo o Concello de Pontevedra para que o fixese dende esta cidade, utilizando coma pista de aterraxe a Xunqueira do Léres. O acordo fíxose pola entón fabulosa cantidade de cinco mil pesetas. Mágoa do caso fora que Vigo fixera con el un contrato semellante, xa antes.
Unha cláusula deste contrato, -en letra tan pequena que parece ser que ninguén a viu-, permitiu que o Gobernador Civil, José Boente, interpretara que Garnier tiña que debutar en Pontevedra, polo que o obrigou a que así o fixese, deixando polo tanto de cumprir o seu compromiso con Vigo. Os problemas que entón xurdiron podemos consideralos coma auténticamente graves. Así, o Goberno Municipal vigués dimitiu en pleno, e producíronse manifestacións pedindo a saída do Gobernador.
Na cidade olívica, daquela bastante pouco poboada aínda, contabilizáronse unhas 25.000 persoas as que se manifestron, un número proporcionalmente moi superior ao que hai un par de anos saíu á rúa para protestar contra a disparatada fusión das caixas de aforros galegas que impuxera certo astuto político.
A pesares do comentado, o 23 de agosto de 1911 puido Garnier facer en Pontevedra a ledicia de cantos acudiron a contemplar as evolucións do seu pequeno aparato, o primeiro que en Galicia actuou.
Case que un mes despois, o 22 e o 24 de setembro do mesmo ano, o piloto tamén francés Jules Vedrines (1881-1919), devolveulle aos vigueses o seu ego ao facer diversas exhibicións sobre a propia cidade, partindo dun campo habilitado nos arredores do actual estadio de Balaídos. Unha ocasión na que se estima que se axuntaron tanto no Castro coma en Castrelos unhas 60.000 persoas para o contemplar.
Por outra banda, no mes de setembro do ano que vivimos conmemorouse o centenario destes acontecementos cun festival aéreo no areal de Panxón, no que participaron vintecinco avións e ultralixeiros, que evoluíron sobre a baía de Baiona. Non é, sen embargo, correcta a afirmación de que con este festival conmemorábase o primeiro voo de Xosé Piñeiro González (Mugardos, 1878). Porque Piñeiro, inicialmente mecánico naval, e máis tarde fabricante de gaseosas, negocio do que se desfixo logo para mercar o Blèriot co que deprendeu a voar en Pau (Francia), e máis tarde alcalde de Sanxenxo, non realizou as súas primeiras experiencias, acrobacias e desprazamentos invertidos ata 1912, ano no que utilizou a praia de Baltar coma base de operacións, sendo no seguinte cando interveu no raid Sanxenxo-Vigo-Pontevedra-Marín-Sanxenxo, e foi, ademais, padriño de voo da pontevedresa Elisa Patiño, a primeira muller de todo o estado que subíu a un avión.
Detrás de Piñeiro virían os outros ases da nosa primixenia aviación: Xaquín Loriga (Lalín, 1895 -Cuatro Vientos, 1927), Ramón Franco (Ferrol, 1876 -Mallorca, 1938), ou Francisco Iglesias Brage (Ferrol, 1900 -Madrid, 1873).
O segundo aniversario que queremos salientar aquí é o do12 de abril de 1961, do que no presente ano se cumpriu o seu primeiro medio século. Nesa data, o soviético Yuri Elexeievich Gagarin (Klúsin, 1934 -Novosyolovo, 1968), a bordo da nave Vostok I, converteuse no primeiro ser humano que acadou o espazo exterior. Non no primeiro ser vivo que o fixo, xa que este honor reaera xa na cadeliña Laika, catro anos antes, o 3 de novembro do 1957, aínda que non puido retornar e acabou perecendo no intento. Gagarin, que en 1955 entrara na Escola Militar de Pilotos de Oremburgo, faleceu despois nun accidente aéreo cando contaba tan só con 34 anos de idade, despois de deixar aberto o importante camiño que vimos de sinalar.
(Publicado en 2011, no número 174 de Encrucillada).
Comentarios
Publicar un comentario