“CORNELIA", NA PRAIA DA LANZADA HAI 2000 ANOS
"CORNELIA", SEÑORA LANZADA, HAI 2000 ANOS.
A parte que segue presenta unha costa
dereita, por algún tempo; logo penetra un pouco,
e despois avanta gradualmente para volver a
penetrar, delongándose entón, dende alí, en liña recta,
ata o Promotorio que chamamos Céltico. Os
célticos ocupan toda a costa.
Chorographia, III, 9.
O parágrafo que antecede foi escrito arredor do ano 45 d. C. polo o xeógrafo romano Pomponio Mela, (15, c. 45 d. C.), nado na cidade de Tingentera, entón tamén coñecida coma Iulia Traducta, localidade que, segundo a maioría dos investigadores, se corresponde coa actual Algeciras, no estreito de Xibraltar. Outros preferiron identifícana coa Tarifa, situada tamén na costa, aínda que a uns 20 quilómetros de distancia. Na Chorographia, da que este retallo está tomado, que ao mesmo tempo resulta ser a primeira obra latina de tema xeográfico, Mela describe co detalle que nela se pode advertir, a costa do noroeste da Península Ibérica a partires do actual rio Douro, en dirección ao norte, para continuar despois polas Mariñas de Oia, e as Rías Baixas, ata chegar ao Promontorio Céltico, o que hoxe coñecemos coma Cabo Fisterra. Un accidente este sobre o que tamén somos coñecedores de que, arredor de medio século antes, tanto Marco Vipsanio Agrippa, (63 a 12 a. C.), coma Strabón de Amasia, (c. 64 a. C. - c. 20 d. C.), denominaron Nerio, en atención ao pobo desta nominación que naquel tempo se asentaba nas súas inmediacións. Cara ao ano 75, sen embargo, ou sexa un 32 anos despois, o naturalista Caio Plinio Secundo, "O Vello", (23-79 d. C.), que detentou durante algún tempo o cargo de Procurator na propia Gallaecia, seguía a denominalo Promontorio Céltico.
Trátanse os autores que acabamos de mencionar, non só de destacados militares e políticos, senón tamén, e ao mesmo tempo, de Historiadores e Xeógrafos de recoñecida valía.
En tan breve coma precisa información como a que no comezo do traballo reproducimos, están incluídos, pois, aínda que o seu autor non os mencione, os màis de tres quilómetros que mide a coñecida praia da Lanzada, situada na parroquia de Noalla, Concello de Sanxenxo, e non lonxe de O Grove. Unha área ininterrompidamente habitada dende o século VIII a. C., ata o IV d. C., e, ademais, intensamente excavada ao longo de pasado século, especialmente no lugar de Mourelos, con actuacións que permitiron o descubrimento de achados tanto púnicos coma galaicos e romanos, que demostraron que, en tal período, de xeito especial no coñecido como Idade do Ferro, -do IV a. C. ao I d. C.-, foi un importante centro de intercambio comercial no que se prodigaron tanto negociacións coma exportacións a media e a longa distancia. Un tempo no que, segundo tamén a arqueoloxía, e antes de que os romanos a invadiran, Galicia contaba cunha arte e unha arquitectura relativamente avanzadas para a época, con poboamentos de certa entidade, ademais do revelador feito, xa sinalado, de que, sin esquecernos dese seu importante accidente marítimo, o Promontorio Céltico, no seu territorio existía un pobo, tamén denominado Céltico, que habitaba, segundo se pode seguir a través do texto, e a partires do río Douro, toda a costa das actuais Rías Baixas. Digamos tamén que entre os expertos que nesta atractiva praia investigaron atopanse, Alfredo García Alén (Pontevedra, 1923-1981), Antonio Blanco Freijeiro (Marín, 1923-1991) e Francisco Fariña Busto (Ourense, 1949).
Expostas estas circunstancias, pasamos a nos deter agora, na inesperada cuestión de que, a mediados do ano 2016, un grupo de arqueólogos da Deputación de Pontevedra, localizaron en tal praia da Lanzada, entre outras inhumacións en fosa aberta, restos moi ben conservados dunha muller adulta falecida no século I d. C., o tempo precisamente, advirtámolo tamén, no que Pomponio Mela elaborara a interesante descripción á que antes nos refirimos.
A cousa, ademais, non se rematou así, senón que, un día despois, e a moi escasa distancia da mesma, descubríronse tamén os despoxos dun neno en precario estado de conservación, seguido, inmediatamente despois, polos doutro, de menos dun ano, este sí en excelentes condicións.
Sábese tamén que a romanización da Gallaecia non foi todo o intensa que se chegou a afirmar, así coma que, cara ao final do Imperio, -séculos IV e V d. C.-, todo o que era romano, incluída a súa fala, influíran de xeito fundamental nas nosas cultura e sociedade mestizas. Aclaremos tamén que o territorio que ocupaban os Galaicos de entón fora gradualmente tomado polos invasores, a partires xa do ano 135 a. C. A esa altura, o procónsul Decimo Iunio Bruto, que segundo relata Appianos de Alexandría, (floruit c. 160 d. C.), e que, pola razón que máis adiante indicaremos, recibíu despois do Senado de Roma o título de O Galaico, apoderouse da parte da mesma situada entre os ríos Douro e Miño, a loitar contra exércitos no que combatían tanto homes coma mulleres armadas. Acadado finalmente este último río, Decimo Iunio Bruto tivo entón a impensable ocasión de presenciar o espectáculo do Sol a afundirse no Océano. Así mesmo, arredor do ano 60 a. C., Xulio César, (c. 100- 44 a. C.), someteu, polo menos nominalmente, parte das nosas costas, ata a cidade de Brigantia, utilizando a escuadra, mentres que, nos anos 25 ao 19 a. C., Octavio César Augusto, o primeiro Emperador de Roma, (27 a. C. a 14 d. C.), e os seus xenerais, completarían definitivamente a ocupación do país..
Non contamos aínda con datos que nos permitan afirmar, ou negar, se no tempo no que vivíu a muller descuberta na Lanzada, da que falamos, a mestizaxe entre galaicos e romanos tivese avanzado ata o extremo de que os primeiros utilizasen xa a onomástica romana. Polo tanto non sería imposible que a dona cuxos restos agora incrementan o coñecemento do noso pasado, en realidade utilizase unha advocación, ou un apelativo, nidiamente galaico. Porén, os seus descubridores, recorrendo a motivos para eles o suficientemente convincentes, investíronna co nome do Papa Cornelio, falecido no ano 253, o día 16 de setembro, data precisamente na apareceron os restos desta nosa antepasada -"Cornelia"- da que nos estamos a ocupar, a cal, e seguindo o comentario de Pomponio Mela, en realidade tamén parece contar con grandes posibilidades de tratarse dumha membro daqueles Célticos que se expallaban, de sur a norte, ata o actual Cabo Fisterra. Temos que recoñecer, pois, que pensar que, en realidade, puidera terse chamado esta Navia, daquela a nosa deusa das augas, ou Coventina, a da abundancia e a fertilidade, non pasa dunha boa intención pola nosa partse. Por que, infortunadamente, e fora destas que vimos de mencionar, non se conservan ningunhas nominacións daquelas valerosas guerreiras Galaicas, nin das tan consideradas polos propios romanos "matribus galicis". Chamala, polo tanto, "Cornelia", coma fixeron os ousados arqueólogos da Deputación que a descubriron, pode considerarse tanto un acerto, coma unha simple e apurada intuición.
Nin sequera nos podemos gabar de que a nosa valerosa Egéria que, aproximadamente, entre os anos 381 a 384 percorreu o Oriente Medio, deixándonos un espectacular relato da súa aventura exploratoria, levara unha denominación Galaica. Os textos que a mencionan denomínana, segundo os casos: Geria, Eucheria, Echeria, Aetheria, Heteria, Etheria, Egéria, Egeriae, Eiheria, Aegeriae, . . ., moi difíciles de calificar filolóxicamente.
(Publicado en 2017, no número 202 da revista Encrucillada).
(Texto revisado para a revista "De Vello para Bello" o 26-20-2020).
-Artigos con este tamén relacionados:
-A cuestión da celtidade de Galicia.
-Aquelas temibles "Hordas Castrexas"
-As nosas orixes.
-As outras letras galegas.
-A Torre de Hércules, patrimonio da Humanidade.
-"Fines Terrarum".
-O Castro de Santa Trega, sobre o Miño.
-O Príncipe dos Albións no monte Gaiás.
-Sobre celtas e castrexos
-Artigos con este tamén relacionados:
-A cuestión da celtidade de Galicia.
-Aquelas temibles "Hordas Castrexas"
-As nosas orixes.
-As outras letras galegas.
-A Torre de Hércules, patrimonio da Humanidade.
-"Fines Terrarum".
-O Castro de Santa Trega, sobre o Miño.
-O Príncipe dos Albións no monte Gaiás.
-Sobre celtas e castrexos
Comentarios
Publicar un comentario