CINCUENTA E UN ANOS DESPOIS...



      Cincuenta e un anos, poden, segundo os casos, non ser demasiados, se ben que, noutros, teríamolos que considerar coma demasiados. Depende nada máis que da magnitude coa que os comparemos. Así, o lendario Aquiles, que gozou do extraordinario privilexio de poder escoller, preferiu vivir moito menos que ese medio século ao que nos acabamos de referir, a cambio de disfrutar dunha longa sona.

       Por outra banda, o seu descendente, Alexandre de Macedonia, (356-323 a. C.), que a penas vivíu 33 anos, foi quen, nese tempo, de conquistar, -ou quizais sería máis correcto dicir, arrasar-, medio mundo, e morreu no intre no que se dispuña a facer o mesmo coa outra metade entón coñecida do planeta, apoderándose de Carthago, Roma, e da costa atlántica occidental  europea. Ambos personaxes son, pois, dous dos moitos exemplos do que un ser humano pode conseguir nun tempo no que outros non fomos quen de acadar nada auténticamente salientable.

     Así mesmo, en menos tempo tamén que neses cincuenta e un anos, e cinguíndonos nada máis que ao eido  cultural relativamente recente, podemos incluir ao prolífico autor irlandés Oscar Wilde (1854-1900), falecido aos 46 anos, ou ao famoso debuxante americano, Alex Raymond (1909-1956), creador de sagas tan relevantes como as de Flash Gordon, Jungle Jim, Axente Secreto X-9, ou Rip Kirby que, despois de ter sobrevivido á súa participación nos combates do Pacífico na II Guerra Mundial, pereceu aos 47 nun simple accidente de tráfico.

      Exposta así esta realidade, expliquemos xa que os cincuenta e un anos aos que nos referimos co encabezamento do comentario, refírense a efemérides que, dende o 17 de maio de 1963, e por disposición da RAG, se ven conmemorando o Día das Letras Galegas, en lembranza do 17 de maio de 1863, data na que Rosalía de Castro dedicou a Fernán Caballero o seu libro Cantares Gallegos. Son cincuenta e un anos de ininterrompidas conmemoracións, non demasiados aínda, dende logo, pero que todos  agardamos que medren e se perpetúen.

       O 17 de maio deste ano 2014, estivo dedicado a lembrar a obra do poeta, polìglota e tradutor Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914 - Lugo, 1990). E se ben que os actos principais tiveron lugar na súa vila natal, coa presenza tanto da RAG coma doutras entidades, a realidade é que a conmemoración chegou a todos os currunchos do país, e mesmo ao exterior do mesmo: Actos académiscos, seminarios, mesas redondas, recuperación de traballos da súa autoría, publicación das súas obras completas, lecturas públicas das mesmas, proxección de documentais, quedadas literarias, concertos, ofrendas florais, presentación de libros, ou manifestación a prol do idioma. Todo isto, e máis, houbo tanto nas datas próximas ao Día das Letras como, aínda que en menor medida, ao longo de todo o ano.

      Van xa cincuenta e un anos, e a celebración segue con forza. Mesmo semella que xa está enraizada. Mais debemos de pensar aínda en mellorala cara ao futuro. Pensemos, por exemplo, se non sería preferible que ese Día das nosas Letras, en vez de ser festivo, co comercio de todo o país pechado, fora unha xornada laboral, coas librarías abertas e  postos na rúa a vender libros, ademais, claro està, de todas as outras celebracións. Pensémolo.

     (Publicado en 2014, no número 118 da revista Encrucillada)

      Comentarios tamén con este relacionados:
            -As outras Letras Galegas. (2013).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO