CEN ANOS DO "ULYSSES"



      Aínda que non se trate máis que doutro convencionalismo máis, o certo é que se ven admitindo a data do 16 de xuño de 1904 como a do aniversario e, en consecuencia, do primeiro centenario nese intres, desta famosa novela do autor irlandés James Joyce (1882-1941).

      Ulysses é unha longuísima obra, enormemente loubada, e tamén criticada e denostada ata extremos dificilmente concebibles, que recolle un día da vida dun xudeu irlandés, Leopold Bloom, -facilmente identificable co mítico Ulises-, e a súa relación ao longo da mesma xornada cun rapaz chamado Stephen Dedalus, que encarna a Telémaco, o fillo do propio Ulises. No relato repítense tamén, e hai un claro paralelismo, os contidos da Odisea de Homero. De aí o título da obra.

      Entre os convencionalismos e simbolismos que tamén se advirten no texto, e convén que comentemos, non nos podemos esquecer de que o indicado 16 de xuño de 1904, ademais de ser unha importante  data na vida de Bloom e Dedalus  rememorada na novela, tamén foi o día no que o seu autor,  Joyce, coñeceu a Nora Barnacle, a que ía ser a súa compañeira de toda a vida, e nai dos seus fillos. Asímesmo, 1904 foi tamén cando o autor se exiliou voluntariamente de Irlanda. Outra  realidade, sen embargo, é que o Ulysses comezou a publicarse por entregas nunha revista americana varios anos despois, se ben que antes do principio da Primeira Guerra Mundial, e que a edición da mesma acabou por ser suspendida a causa das protestas dos lectores nada acordes cos seus contidos.

     James Joyce remataría a novela en Triestre, entre 1919 e 1920, e esta publicouse en Paris dous anos despois. É dicir, que aínda que se estea a celebrar agora o seu centenario, con actos, festivais, e visitas programadas aos lugares que de Dublin e os seus arredores tan profusamente aparecen nela descritos, todos eles reais, o seu auténtico centenario non se producirá senón no ano 2022.

      Evidentemente o Dublin actual é xa bastante diferente do que tanto amou Joyce. Mudouno o paso do tempo. E se ben que nel segue a haber fermosos carros de cabalos, e os mesmos ou semellantes establecementos públicos que os daquela, agora frecuentados ademais por mulleres, e non só por homes, tamén é certo que hoxe, a diferencia daquel entón, son xa moi poucos os ingleses que nel residen. Tampouco, e afortunadamente, existen xa toques de queda, nin fusilamentos, ou tanquetas a patrullar polas súas calzadas. A vila, que si segue a contar co seu inmenso e fascinante Phoenix Park, aberto ao pùblico dende 1745, así coma todos cantos monumentos describiu Joyce, é agora moito máis extensa e poboada que no tempo no que este a amou. No seu centro neurálxico, fronte ao Edificio de Correos, porén, xa non se erque a estatua de Nelson, que tanto fería daquela os sentimentos irlandeses, mentres que no interior do emblemático establecemento pódese admirar hoxe unha representación do ancentral heroe Cuchulaim. Hai tamén moitas menos gaivotas sobre o maxestoso curso urbano do río Liffey, que discorre baixo numerosas pontes, que comunican as súas dúas beiras.aínda que non tanto coma para non as recoñecer. Pois, se ben que xa non se pode dicir con auténtica exactitude "querido e suxo Dublín", e de que Irlanda comezaba entón o desenvolvemento económico que hoxe e posible advertir e admirar nela, a maioría dos sitios descritos por Joyce seguían nos mesmos lugares nos que el os situara, aínda que algúns aparecen xa deslexitimados da toponimia que lles fora imposta polos ocupantes ingleses, e recuperaron a irlandesa inicial.

      Particularmente interesante resultou a miña visita á Martello Tower, unha cativa fortaleza circular, duns dez metros de altura, unha das moitas construídas en 1804 para protexer a illa das arroutadas de Napoleón. Situada en Sandycove, a certa distancia de Dublín, nesta curiosa construcción vivira, inmediatamente antes de se exiliar, o propio Joyce. Coma resulta natural foi nesla onde o autor fai residir aos protagonistas da novela, e onde se desenvolven as primeiras páxinas do Ulysses. .Así mesmo, nas inmediatas caletas de Sandycove facían as súas ablucións marítimas Leopold Bloom e Stephan Dedalus, tal coma advertín na miña visita de 1985, e coma seguían a facer os habitantes da pequena vila.

       A única variación auténticasmente apreciable que a este respecto advertín foi o gratificante feito de enteirarme de que, en 1962, a Martello Tower fora convertida nun importante Museo en honor do escritor.

       Uns quilómetros ao norte, nas aforas de Dublín, atópase o longo areal de Sandymount, onde se sitúa a inqueda amargura que se pode seguir no capítulo terceiro do libro. No momento da miña visita o mar atopábase no seu devalo. Había persoas a facer deporte polo medio dos bancos de area e das augas empozadas, mentres que un peludo can remexía polo medio delas. Entón foi cando as palabras de Joyce me  parecéron completamente vivas aínda: "húmido magma que renxe", "cunchas de navallas, pelouros, madeira cribada", "unha botella de cervexa encaixada ata a cintura", "rotos aros dun bocoi", "unha corda de secar a roupa", "buscadores de berberechos", "baixo a marea inzada, algas retortas", "auga borboriñante abanando, e volvendo no alto esquivas frondas de prata", "area, linguaxe que a marea e o vento sedimentaron alí". . .

      Non sei que outras diferencias se poderán atopar hoxe entre a novela e a realidade. Mais pódovos asegurar que, en 1985, non eran tantas como algúns pretenderon.

        (Publicada en 2004, no número 138 da revista Encrucillada).

        Outros comentarios relacionados con este:
                    -Ulysses en Galicia.
                    -Xubileo Joyciano.

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO