AS OUTRAS LETRAS GALEGAS
A conmemoraciòn das nosas letras no pasado mes de maio, ofreceu este ano importantes novidades. En primeiro lugar, a de que houbo de competir, entre outras efemérides, co 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a primeira obra de Rosalía de Castro, así coma co centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego, co 50 aniversario da instauración do propio Día das Letras Galegas, e co do establecemento da Fundación Penzol.
Todos eles tiveron a súa oportuna exaltación, mentres que o do gran dramaturgo, ensaísta e actor Roberto Vidal Bolaño (Compostela, 1950-2002), ao que se lle dedicaba a destacada data, conmemorouse, tanto coa colocación dunha placa na súa casa natal, coma con representacións e lecturas das súas obras. E houbo ademais correlínguas, actuacións corais, numerosas conferencias, premios de recoñecemento a determinados pròceres, ou entidades, e manifestacións a prol do idioma: ¡Non queremos ser estranxeiras na propia patria. Queremos galego!.
Con todo debemos salientar outras novidades. A primeira, aínda que ao noso entender negativa, a de que, en contra do costume ao que nos viñan tendo afeitos, nesta ocasión, xa non houbo portadas en galego nos principais rotativos do país.
A outra refírese á celebración da II Exposición, promovida polo valmiñorano Francisco Vidal. Foron unha ducia de Códices dos séculos X a XVI, os que ofreceu a admiración do pùblico no Concello de Nigrán, entre os días 13 e 21 de maio. Un período no que tamén se deu lectura a 30 obras literarias contemporáneas.
Porén temos que aclarar, en contra do anunciado por un medio de comunicación, que eses doce Códices non eran todos eles galegos, aínda que isto non desmereza o seu extraordinario valor. O cal lévanos a comentar o feito de que, en Galicia houbo, mesmo antes de que nacera a nosa fala, outras e importantes literaturas que ben paga a pena que non esquezamos.
Explicamos o sentido deste comentario referindo, por exemplo, o feito de que, a partir de hai uns 5.000 anos, xurdiron no país pinturas, gravados e petroglifos, cuxos contidos véñense entendendo coma relacionados con cultos astrais, ou ritos iniciáticos que, aínda que hoxe sexamos incapaces de os comprender, hai moitas posibilidades de que para os nosos antepasados daqueles afastados tempos tivesen un significado perfectamente entendible.Tampouco sabenos se algunhas das incisións que se observan nos nosos monumentos dolménicos e castrexos teñen algo en común coas posteriores escrituras oghámicas, estas sí xa interpretadas, que se utilizaron nas illas Británicas.
Coa ocupación romana, o noso territorio veuse ateigado tamén por unha insospeitada cantidade de testemuños epigráficos: laudas sepulcrais, tesserae, pactos de hospitalidade, inscricións privadas, inscricións paleocristiáns, epitafios, elementos votivos, ou numerosísimas pedras miliares que sinalaban tanto camiños coma calzadas. Pola súa relevancia histórica mencionamos agora unha lauda sepulcral do século I atopada nas beiras do río Eo. Está dedicada a Nicer, fillo de Clutoso, Príncipe dos Albións, pobo tamén mencionado por Plinio e Ptolomeo, e que unha das fontes da Ora Maritima situaba, xa arredor do ano 580 a. C. aproximadamente entre as inmediacións de Bares e o río Navia.
Existen certas dúbidas acerca de se o papa Dámaso (366-384), e o heresiarca Prisciliano (c. 340-385) naceron na Gallaecia. Mais, de ser oriundos da mesma, coma se sospeita, parte dos seus escritos, aínda que en latín, teríamolos que considerarn, asímesmo, coma integrantes desas outras letras galegas que estamos a prantexar. En troques sí se pode aceptar coma dunha autora do país, á elaboradora do Itinerarium Egeriae, detallado relato dunha viaxe por Terra Santa, efectuado por esta viaxeira alá pola década do 380, o cal, debido á súa importancia, foi vertido a case que todas as línguas cultas.
O presbítero Paulo Orosio (c. 380-d. 423) foi outro sobresaliente autor, que os seus coetáneos consideraron oriundo da Gallaecia. Grande viaxeiro e amigo de Santo Agostiño, as súas principais obras: Historia adversus paganus, libri VII, Commonitorium, e Liber Apologeticus, están tamén traducidas, publicadas e amplamente estudadas.
Idacio (c. 390-91 - c. 469), nado, segundo el mesmo afirma, na cidade Lémica, na provincia da Gallaecia, e máis tarde bispo de Aquae Flaviae, -hoxe Chaves-, deixounos tamén unha Chronica na que recolle a historia do Imperio entre os anos 379 e o 469, se ben que a penas ofrece unhas pinceladas sobre a súa terra natal. Unha obra tamén publicada e traducida en moitas ocasións. Hai dúbidas, pola contra, sobre se o Chronicón pequeño, e os Fastos Consulares, a el atribuídos, poden ser tamén da súa autoría.
Ao longo dos séculos seguintes aos que viviron os autores que vimos de mencionar, continuaron a producirse no país numerosos e importantes escritos en latín, ata chegar ao ano 1139, data na que foi composta a Historia Compostellana, que recolle os feitos de Diego Xelmírez (c. 1070-1140), o primeiro arcebispo de Compostela, tamén repetidamente analizada e editada. Son estes, pois, os principais textos que poderíamos considerar coma outras auténticas letras galegas, todas elas anteriores ao século XII no que se produciu a grande eclosión dos trobeiros da nosa fala, que chegaron ao día de hoxe.
(Publicado en 2013, no número 183 da revista Encrucillada)
Comentarios
Publicar un comentario