AS NOSAS ORIXES



     Ata o século XIX os investigadores apenas se molestaron en estudar o pasado prehistórico do ser humano, habida quizais a conta de que a Biblia era naquel intre quen ostentaba a facultade de dicir a última palabra acerca de calquera pasado, polo que parecía escasamente ortodoxo atreverse a situar a nosa orixe máis alá do quinto milenio antes de Cristo. Unha cronoloxía que parecía desprenderse do que os textos sagrados parecían soster. Investigacións máis abertas, e descubrimentos arqueolóxicos efectuados ao longo dese século XIX, así coma no XX, demostrarían, porén, que existían motivos para pensar que habia bastante màis que dicir ao respecto.

     En Asia, por exemplo, apareceron restos humanos que se lle atribuíron a un ser que recibiu a denominación de Pitecanthropus erectus, así como ao Sinanthropus pekinensis, bastante máis antigos que a lene franxa cronolóxica á que antes fixemos referencia, posto que algúns deles foron datados en arredor dun millón de anos antes.

     Pero, máis pretéritos aínda resultaron os habitantes do leste e do sur de África, onde os grupos Australopithecus, Homo Erectus, Paraustralopithecus e Homo habilis desenvolveron a súa civilización dende hai entre uns seis millóns de anos e un millón. Tamén se atoparon fósiles humanos, se ben que algo máis recentes, en Alxeria, e utensilios, quizais de homínidos, en Europa, que chegaron a ser datados en hai 1.500.000 anos. No famoso asentamento de Atapuerca, preto de Burgos, pódense seguir poboamentos ininterrompidos que se situaron ata hai 1.300.000 de anos.

     O ser humano chegou a Galicia algo máis tarde, segundo consideran os arqueólogos, e aínda así sen excesiva seguridade, xa que a acidez dos nosos chans impide a conservación neles de restos pertencentes á colectividade humana.

     Evidencias de ocupación debidas especialmente a restos líticos e construccións, apareceron nas terrazas do Miño, formadas arredor do 800.000 a. C., data do noso particular Big Bang. Membros da sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoráns e da Universidade de Compostela, suxiren a hipótese de que a colonización do noso chan chegou a través de Xibraltar, posiblemente por vía marítima, para progresar Miño arriba no país, xa que é nas inmediacións deste río onde apareceron as principais estacións, como son As Gándaras de Budiño, e o Cabrón (Arbo), (300.000 a. C.), As Neves (500.000 a. C.), Monforte (250.000 a. C.), e Louselas, Ribadeo (300.000 a. C.). Trátanse de asentamentos pertencentes ao Achelense e ao Pleistoceno, períodos nos que primou o Homo Heidelbergensis. O Homo Neandertalensis sobreviviu ata o  25.000 a. C., mentres que o Homo Sapiens, a especie xurdida arredor do 15.000 a. C. perdura aínda.

     A partires do 8.000 a. C. comeza o período denominado Holoceno, no que apareceron as grandes culturas de Galicia: Así, hai uns 4.000 anos construíronse diversos recintos amurallados, foron deseñados admirables petroglifos, que aparecen por toda a nosa xeografía, como os de Campo Lameiro, que conta cun centro de interpretación e é xa un dos máis extensos de Europa, así coma o de Borneiro e outros, cronolóxicamente próximos aos megalitos dos nosos montes.

     En Castrelo do Val, Ourense, descubriuse a única estela da nosa Idade do Bronce (1.200 a 1.000 a. C.). Está labrada en granito e pesa uns 800 kgs. Nela figuran unha espada, un carro tirado por un cuadrúpedo, unha lanza gravada, con perfil antropomorfo, tres círculos concéntricos e unha apertura en V semellante ás de Irlanda, Dinamarca, Suecia e dalgunhas partes do Mediterráneo. Certos investigadores apuntan a posibilidade de que pertencera a un clan guerreiro.

     Coa aparición da cultura Castrexa (séculos VII a. C. a II d. C.) a fisionomía do país mudou por completo, e o castro pasou a ser o feito diferenciador do país dende había 2.500 anos.

     A principois de novembro pasado o realizador José Manuel Novoa Ruiz (Madrid, 1954) recreou  a vida castrexa ata a chegada dos romanos para Explora Films. A fita titulouse "El legado celta" e foi pasada tanto polo Canal Historia coma por RTVE. Rodada, pois, nos nosos principais castros, nela actuaron 350 figurantes.

     (Publicado en 2011, no número 175 da revista Encrucillada).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO