AQUELAS TERRIBLES HORDAS CASTREXAS


                                                                       Tunc sibi Callaico Brutus cognomen ab hoste
                                                                      fecit, e hispanian sanguine tinxit humum.

                                                                        Entón, Bruto tomou o alcuño do inimigo
                                                                      Caláico, e tinxiu de sangue o chan hispánico.

                                                                        Publio Ovidio Nasón (43 a. C. -17 d. C.).



     Entre as conmemoracións histórico-culturais que tiveron lugar no paréntese do verán, digamos que, a mediadios do mes de xullo,  Ortigueira ofreceu a XVIII edición do seu Festival Internacional do Mundo Celta; que semanas despois, as Torres do Oeste, en Catoira, acolleron a LV  da súa Festa Vikinga; a mediados de agosto, en Mos, ás beiras do río Louro, cumprimentouse a XIV da Festa da Prehistoria, con degustación de cervexa, invocación nocturna aos espíritos, e visita aos xacementos do Calcolítico (c. 2500-1800 a. C.), e ademais foi impartido un taller de fundición da Idade do Bronce (c. 1800-700 a. c.). Houbo tamén celebracións do estilo dos Mercados Medievais da Coruña, e os de Mondoñedo, Betanzos, Noia e Verín, e Feiras como a Celta de Porto do Son; a das Meigas de Taboada, as Meigas de San Xoán na Coruña, a do Castelo de Maceda, ou a XVI edición da Feira Franca de Pontevedra; a XXVII Festa da Historia, en Ribadavia, cos seus correspondentes Mercado, Baile medieval, Voda Xudía, e desfile con traxes de época, así como a de Mouros e Cristiáns da Sainza, en Rairiz da Veiga, podéndose dicir que na maior parte delas superáronse todas as espectativas.

          Con todo, e por se tratar dunha referencia destacada, imos dedicar o espacio que resta a nos ocupar da XV edición da lendaria Festa do Esquecemento, en Xinzo da Limia, cando a conquista da denominada Cívitas Limicorum. Revívese nela o ataque contra o noso chan efectuado polo consul romano Décimo Iunio Bruto (180-113 a. C.); unha campaña acerca da que contamos con informacións procedentes de grandes autores, entre eles, de Strabón de Amasia (63 a. c.- 19 d. C.), Tito Livio (50 a. C.-17 d. c.), Publio Ovidio Nasón (43 a. C.- 17 d. c.), P. Valerio Máximo (c. 15 a. C.- c. 35 d. C.), Appiano de Alexandría (flo. 160 d. C.), ou Paulo Oriosio de Braga (c. 383- c. 420 d. c.).

     Os feitos producíronse cando, despois do asasinato de Viriato (180-139 a. C.), e coa intención de someter aos lusitanos, naquel tempo reducidos ao territorio entre os ríos Texo e Douro, Iunio Bruto, invadeu este, partindo coas súas tropas dende Moron, hoxe Almourol, preto de Lisboa. Os lusitanos pediron entón apoio á aliada e próxima etnia dos galaicos, que se presentaron ao sur do Douro, coma xa fixeran antes, cando axudaran a Viriato, tamén contra Roma, cun exército neste caso composto, segundo as fontes, nada menos que por uns 60.000 combatentes. A batalla, que tivo lugar o día 9 de xuño do ano 137 a. C., rematou nunha auténtica desfeita. Os mesmos autores falan da terrible cifra de 50.000 galaicos mortos, 6.000 prisioneiros, e de nada máis que de 4.000 que conseguiran porse a salvo. Ningún dos textos coñecidos se ocupa das perdas dos lusitanos.


      Iunio Bruto pasou entón o Douro avantando cara ao norte por terras dos derrotados galaicos, onde a principal dificultade á que ía ter que se enfrontar era á do paso do río naquel tempo chamado Letheo, en grego, e Oblivio en latín, -Esquecemento-, así coma Limo, Limes ou Belión, actual Limia, acerca do que era sona que, quen o fixera, esqueceríase de todo e acabaría por perder a vida.


      Os auténticos pulo, e capacidade do cónsul, manifestáronse entón coa realización do xesto de tomar o estandarte de mans do signífero, e logo de pasar con el, completamente só, a corrente, e ir chamando despois aos seus homes, cada un polo seu nome, dende a outra beira, demostrando así a falsidade daquela fábula.


     Pouco despois, o seu exército pasou tamén o río entón denominado Nimion, Minion, Bainis ou Baites, que se corresponde co agora chamado Miño, á altura do cal os seus compoñentes tiveron ocasión de contemplar o inusitado espectáculo do afundimento do Sol no Océano, escoitando ao mesmo tempo -segundo algúns dos cronistas- o renxer das augas no intre de contactar con elas os astro. Décimo Iunio Bruto decidiu entón volver ás súas bases, dende as que seguíu a Roma onde, ao ano seguinte recibiu os honores do trunfo coa imposición do sobrenome, -agnomen ou cognomento-. de O Galaico.  


      Pois ben, en Xinzo conmemorouse o feito tanto cun mercado de produtos castrexos e romanos, danzas, banquetes, circo con gladiadores e cuádrigas, coma con vistosos desfiles de tropas, seguido polo emocionante paso do río por Iunio Bruto, dacabalo, en solitario, e, por último, o combate final entre nativos e invasores.


     Vémonos sen embargo na obriga de dicir que resulta case incríble, e ademais luxa a brillantez destes festexos que, a estas alturas, se envíen aos medios de comunicación datos tan pouco históricos, cando non auténticamente disparatados, acerca da súa realidade. Sen pretender afondar na cuestión queremos nada máis que reparedes tan só na frase "hordas castrexas" coas que, decote, veñen sendo denominados os que loitaban entón contra Roma. Porque, ademais de que  "horda" é unha expresión de orixe tártaro, que significa "campamento de xentes violentas, sen domicilio, nin disciplina", semella claro que stricto sensu tales características non se lle poden aplicar aos que, daquela, defendían o chan da Gallaecia fronte ás forzas de Décimo Iunio Bruto.
     

       Asímesmo, tampouco resulta ningún exercicio de exactitude mental reducilos á simple condición de castrexos, palabra  latina que nin sequera se utilizaba no tempo da ocupación, cando no intre histórico no que se desenvolveron as conmemoracións ás que nos estamos a referir, as agora consideradas tan pouco representativas xentes que pelexaban contra os invasores, recibían a correcta, e perfectamente establecida denominación de galaicos,  callaicos, gallaecis. ou gallaecos, segundo os distintos autores, ou, se o preferides, a de kallaikoi, en grego.


     E isto foi así ata o extremo de que o Senado da cidade do Tiber, tal coma recollen os Fastos Capitolinos, considerou unha honra conferirlla ao cónsul que vencera a unha parte deles. Así, pois, en consideración tanto á verdade coma ao rigor histíroco, débeselle chamar a cada quen polo seu nome. Parécenos que é o menos que podemos pedir.


     
(Publicada no ano 2015, no número 194 da Revista Encrucillada).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO