AQUEL PREMONITORIO SOÑO DE MAQUIAVELO
En ningún intre da Historia, por moito que rebusquemos, poderemos atopar un intento de unión, asociación, ou vinculación entre agrupacións humanas que non descanse na forza, a imposición, ou no asovallamento, ou ben que non dese coma resultado inmediato a aparición de moreas de mortos ou de inxustizas que horrorizan tan só de pensar que foron cometidas por seres humanos.
O proceso da unificación de Europa, coma non podía ser menos, pasou tamén por fases semellantes, tales como as que protagonizaron Carlomagno (786-814), o Sacro Imperio Romano-Xermánico (séculos IX ao XVI), Carlos V (1518-1556), Napoleón (1804-1814), ou Adolf Hitler (1932-1945).
Mais, fóra dos cadáveres e do retorno á bestialidade, pouco máis deixaron para a lembranza por máis que haxa apoloxistas empeñados e nos demostrar o contrario. Quizais por iso afirmase xa no seu momento, San Tomé de Aquino (1225-1274), ao enunciar o seu naturismo político: "As persoas que son dun reino non teñen porque someterse ás de reinos alleos".
Agora ben, en realidade podemos dicir que o máis sorprendente dos pensamentos que, a cerca do europeísmo se coñece, quizais se atope en Nicolai Maquiavelo (1469-1527), un autor que pasou á historia polo rigor e a crueza das ideas polìticas que sostivo na súa obra Il Príncipe (1513). Dicimos isto porque, con posterioridade á mesma, especialmente nas últimas partes do seu Discordi sopra la prima deca di Tito Livio, ademais de noutras publicacións, non só non referendou aquela desesperanzadora visión que antes sostivera, senón que deixa entrever o seu convencemento da necesidade dun agrupamento tanto das repúblicas italianas coma dos distintos estados de Europa, aínda que non indique coa debida claridade cal podía ser o camiño para acadalo.
Pois ben; cincocentos anos despois, podemos dicir que esa Unión Europea, premonitoriamente imaxinada polo florentino, é xa un feito. Unha Europa baseada na liberdade, a solidaridade, o respecto á discrepancia, os principios da democracia representativa e pluralista, o imperio da lei, a xustiza social e o respecto aos dereitos do home. Nesta daquela insospeitada Europa hai institucións comúns, paso libre de fronteiras, tanto para cidadáns coma para mercadorías, e unha moeda común, que contribúe coma ningunha outra medida ao asentamento da solidaridade e da unidade. Ao mesmo tempo están a ser articuladas novas e cada vez máis axeitadas formas lexislativas, polìticas e de planificación, capaces de conseguir a convivencia dos pobos que a conforman.
O máis admirable de todas estas melloras é que, despois da barbarie e das atrocidades que precederon a este proceso ao longo dos quince séculos anteriores, neste intre, e desexamos que por moito tempo, podémonos gabar de que, por primeira vez na historia, os homes acadaron ademais esta construcción de xeito democrático, e a través do diálogo e do entendemento entre as partes. Algo ao que non estabamos afeitos. Non houbo necesidade de mortos nin de destruccións masivas de etnias nin de culturas.E esperemos que siga a ser así.
Con todo non parece fácil o camiño para chegar a un final feliz, agora que a Unión Europea pretende dotarse a algo semellante a unha guía constitucional. O espectáculo do referendo recentemento convocado non nos gustou. Non só porque tal guía foi votada afirmativamente por nada máis que apenas o trinta por cento dos teóricos votantes, senón porque, democraticamente, non parecen moi de recibo as acusacións que se verteron na campaña en contra dos que preconizaban o non, acusándoos de ir contra a propia Unión, cando é evidente que hai cousas en tal guía de moi dubidosa defensa, aínda que teñan todo o dereito legal a existir. Pola contra, e en xeral, ninguén parece terse sequera preocupado por nos dar a coñecder as excelencias, ou os beneficios, do si. Algo que nos fixo lembrar certas vellas maneiras non sò do despotismo ilustrado, senón doutros e inmarcesible referendos do noso pasado recente.
(Publicado no ano 2005, no número 142 da Revista Encrucillada).
Comentarios
Publicar un comentario