A TORRE DE HÉRCULES, PATRIMONIO DA HUMANIDADE



     A Conferencia Xeral da Orgaización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura,
-para nos entender mellor, a UNESCO-, á que está adherida a maioría dos países do mundo, consciente de que os patrimonios cultural e natural da humanidade estaban cada vez máis ameazados, decidíu promover, e de feito conseguíu aprobar en París, o 16 de novembro do ano 1972, unha convención destinada a conseguir a protección dos mesmos. O documento consta de oito capítulos e 38 artigos, nos que se analiza e estuda canto con esa finalidade se relaciona, indicando ao mesmo tempo as medidas para acadar a salvagarda e a conservación da inmensa e común riqueza coa que, para o noso gozo e deleite, conta aínda o planeta.

     Nos mais de trinta anos transcorridos dende entón moito foi o que se fixo, e moitos os monumentos e os lugares que mereceron ser recoñecidos coma parte dese Patrimonio, entre eles Santiago de Compostela e as murallas romanas de Lugo, Mais foron tamén moitos os que a desidia, o abandono, o deterioro, a contaminación, ou as guerras, destruíron e botaron a perder.

     No tempo que estamos a vivir a estanse a promover iniciativas destinadas a conseguir a inclusión na xa dilatada listaxe do Patrimonio da Humanidad  tamén da denominada Torre de Hércules da Coruña: colleitas de firmas, mesas redondas, comentarios, e mesmo propostas tanto do noso Parlamento coma de grupos de arquitectos, historiadores ou enxeñeiros, á que se suma agora a nosa.

     Sorprendentemente, a estas alturas non é aínda posible determinar sequera con aproximación  se esta Torre de Hércules é a mesma e lendaria construcción que, segundo o Leabhar Ghabhala irlandés, fixera Breogán, e dende a que o seu fillo Ith albiscara en certa ocasión esa afastada e verde illa. Contamos tan so con documentos que nos din que nos seculos XVI e XVII houbo irlandeses que así o crían, e que se desprazaron á Coruña para visitala.  Tampouco existen datos o suficientemente fiables coma para saber se se pode tratar doutra que ocupa o mesmo, ou parecido, lugar que aquela.

     Para Afonso X, o Sabio, e para os redactores, entre os anos 1370-74, da súa monumental e fabulosa Estoria de Espanna, a torre foi edificada por Hércules, coa intención de gardar na súa cimentación a cabeza do xigante Gerión, ao que vencera e dera morte nas súas proximidades.

     Xa no eido estrictamente histórico, a construcción parece ser de tempos do emperador Traxano (90-117), conclusión á que chegou o filólogo, epigrafista e arqueólogo alemán Emil Hübner, a mediados do seculo XIX, logo de analizar a textura das letras dunha inscrición gravada nunha rocha situada a uns dez metros de distancia, presuntamente relacionada con ela, e outros restos numismáticos e de terra sigillata.

      A pedra en cuestión atópase na actualidade protexida por unha caseta, e nela podese ler: MARTI AVG. SACR. G. SEVIUS LVPUS ARCHIITECTVS  A(emini)ENSIS LVSITAVUS EX VO. Texto que podemos traducir por, Consagrado a Marte Augusto, por Caio Sevio Lupo, arquitecto lusitano de Aeminio, de acordo co seu voto. 

     Se a lectura Aeminiensis é correcta, e a inscrición refírese á Torre, coma parece, esta foi consagrada a Marte, non a Hércules, e o arquitecto que a ergueu procedía de Coimbra, daquela denominada Aeminio.

      A penas uns anos despois, arredor do 150, o xeógrafo alexandrino Claudio Ptolomeo, aínda sen mencionala, sitúa aproximadamente nas coordenadas da Torre un lugar ao que denomina Flaovion Brigantion. Tal omision non ten por que significar que a construcción non existira naquel momento, xa que as anotacións deste autor non son descritivas, senón nada mais que xeo e etnográficas. Ptolomeo, ademais deste Brigantion galego, tamén mencionado polo historiador Dión Cassio cara ao ano 230, é, así mesmo coñecedor dos Brigantes que entón vivian tanto en Irlanda coma na Britania.

     Agora ben, a primeira e inequívoca mención da Torre e da súa función parece ser a do historiador Paulo Orosio de Braga que, cara ao ano 417, escribiu: Aquí está Brigantia, cidade da Gallaecia, que ten un faro altísimo que constitue unha das poucas obras humanas dignas de admiración, e se ergue para orientar a rota da Britannia. E existe, asímesmo, un texto de Istro Aetico acerca do que hai dúbidas de se é do século IV, ou do VI, que recolle case que as mesmas palabras. O feito de que neste aparezan as formas Galicia e Britania, mais evoluídas xa fai pensar que foi este quen copiou de Orosio, e que os seus escritos son posteriores aos do bracarense.

     A torre herculina aparece coma Faro, ou coma Faro de Brigantia, a partir xa de entón, coma se pode comprobar a través tanto da famosa Táboa de Peutinger, que recolle datos do século VII, e anteriores, coma na Crónica dos bispo Sebastiano, do ano 844, nun privilexio do ano 915 do rei Ordoño II, nunha escritura do seu bisneto Vermudo II (985-999), ou no mapa do Beato de Osma (1086).

     O paso do tempo, e posiblemente tamén as Guerras Irmandiñas do século XV parece que foron as causas que deron por terra coa rampla, ou escaoeira exterior  da torre, naquel momento xa non activa coma faro, pola que podia subir un carro de bois, segundo foi sabedor o licenciado Molina pouco antes do ano 1550. Debemos dicir, sen embargo, que no debuxo do Beato de Osma, non figura tal escaleira exterior, se ben que da análise do aspecto que a construcción presentaba inmediatamente antes da reforma que a deixou tal coma hoxe a podemos contemplar, cabe pensar que si existiu. Esta reforma foi efectuada polo Real Consulado Marítimo de Galicia, e rematada no ano 1791 baixo a diriección do enxeñeiro da Mariña Eustaquio Giannini, quen recubriu a vella obra con paramentos de granito, modificou algunhas das súas ventás e instalou unha escaleira interior de pedra, modificacions que, sen dúbida, van dificultar o seu recoñecemento por parte da UNESCO, que quizais obriguen a efectuar algunhas obras de recuperación. Esta Torre de Hércules, o máis vello faro do mundo actualmente en activo, volveu a funcionar coma tal a partir do día 4 de xuño de 1847.

   (Publicado no numero 132 da Revista Encrucillada, no ano 2003).

 --> P. D.   O mariño e profesor de Astronomía, Xose María Laredo Verdejo, con base a diversos cálculos astronómicos, situou a construcción da Torre, arredor do ano 53 a. C.
     O 27 de xuño do ano 2009 a UNESCO declarouna, por fin, Patrimonio da Humanidade.






Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO