A MAQUINA FABULOSA
Eu sosteño que toda sociedade
foi unha sociedade da información.
As palabras que anteceden son do historiador Robert Darnton, (New York, 1939), quen as pronunciou o 23 de abril do pasado ano ao longo da entrevista que lle fixo o xornalista Boris Muñoz, (Caracas, 1969). Reproducímolas aquí polas considerar oportunas para ilustrar este comentario.
O día 3 de novembro do ano 1853 saíu á rúa, nunha pequena vila mariñeira do sur de Galicia, o primeiro número do Faro de Vigo, un xornal informativo que o pasado 3 de novembro de 2013, logo de vivir dacabalo de tres séculos, celebrou o seu cento setenta aniversario. O Faro de Vigo é agora, ademais, o Decano tanto da nosa Comunidade coma de todo o Estado. Unha cualificación de auténtico relevo alí onde as haxa.
Fundado naquela xa afastada data polo tipógrafo Angel de Lema y Marina (Vigo, 1820-1884), tal coma parece ser de todos sabido, o Faro de Vigo, e os 16 directores que o conduciron ao longo dese período, pasou por diferentes intres, problemáticos uns, destacados outros, nos que deu a coñecer os máis sobranceiros feitos: naufraxios, avances tecnolóxicos, especialmente os relacionados coa pesca, a chegada da fotografía, do ferrocarril, do cine ou do fútbol, os cambios de réximes políticos, guerras, paces, coñecementos científicos, inauguracións na propia cidade tanto dos tranvías coma do Instituto Santa Irene, do seu aeroporto, da Universidade, a utiliización do conxelado, a industria automobilística, o medrío do sector editorial, ou toda a clase de novas acerca de canto tiña que ver co desenvolvemento local ou da humanidade, sendo en todo momento unha destacada testemuña de como aquela cativa vila que o vira nacer, pasaba a se converter na máis poboada e a de maior peso específico de Galicia.
Todo isto, e moitísimo máis, foi dado a coñecer polas páxinas do Decano. Agora ben; ninguén ignora que a prensa foi tamén denominada, e en boa parte de xeito despectivo, o Cuarto Poder. Mais tampouco ninguén descoñece que semellante e política visión dos medios de comunicación non é completamente exacta, aínda que sexa certo que milleiros de cabeceiras informativas de todo o mundo pasaron a mellor vida, en xeral, por se pregar aos intereses precisamente do Poder.
Para manterse era necesario outro camiño. Debíase informar dos feitos, si, mais de xeito equilibrado. E, ademais, tamén sobre a cultura, sen esquecer as cousas miúdas que se desenvolven no arredor máis próximo. Os xornais que se manteñen, e que medran, non deixan nunca de lado: aos lectores, á cultura, así coma aos colaboradores que a representan, ao humor, á historia, á visión humanista da civilización e ao coñecemento.
Neste senso temos que destacar que o Faro publicou tamén numerosas obras literarias, textos históricos e xeográficos, outros sobre mitos, unha enciclopedia Temática, e que sostén dende 1992 o Club Cultural Faro de Vigo, no que se imparten tres conferencias por semana. Edita tamén Cadernos Culturais, dedícalle espazos á arte, publicou traballos das máis destacadas plumas e é tamén decano no ciberespacio.
Certo que o título deste artigo, A máquina fabulosa, non é senón unha paráfrese da entrevista de Boris Muñoz á que antes fixemos referencia, na que este, ao aludir ao libro, considerábao coma unha fabulosa máquina. É tan só unha paráfrase, ou interpretación nosa, certo. Mais cando os medios de difusión saben ocuparse de canto acabamos de dicir, convértense realmente nesa soñada máquina cos que aquí, cremos que con fundamento, acabamos de os comparar.
(Publicado en 2013, no número 185 na Revista "Encrucillada").
Comentarios
Publicar un comentario