A EXPEDICIÓN LUSO-DINAMARQUESA AO NOROESTE ATLÁNTICO

A EXPEDICIÓN LUSO-DINAMARQUESA AO NOROESTE ATLÁNTICO:

¿ALCANZARON AMÉRICA OS PORTUGUESES ANTES QUE COLÓN?

PRIMEIRA ENTREGA 

    «Da presente dignarase deducir a Vosa Alteza Real que as terras da V. M. na Groenlándia se estenden por ambas partes para o Novo Mundo e para as illas atopadas polos Portugueses e polos Españois, polo que é posíble chegar a elas dende a Groenlándia. Este ano vin uns mapas da terra de Islándia, da Vosa Real Maxestade, publicados en Paris, da Francia, coa descrición de todas as maravillas que ali se poden ver e saber, nos que consta que Islándia é dúas veces maior que Sicília, e que os dous navegadores Pynningh e Poidthorsth, foran provistos dalgúns navios polo augusto abô da Vosa Maxestade, o Rei Christian I, a convite da Súa Maxestade o Rei de Portugal, para procuraren novas terras e illas nos mares do Norte.
     No penedo de Wydthszerk, diante da Groenlândia, mesmo fronte a Sniefeldsiekel, na Islándia, ergueron un grande marco virado para o mar, por causa dos piratas groenlandeses, que, en grande número, con moitas pequenas embarcacións sen quilla, atacaban os navios de improviso, etc.; e eu xa escribin para mandar vir os tales mapas, e logo que chegaren enviareillos à maior brevidade à Vosa Maxestade».



A. O DOCUMENTO REVELADOR

     A cita precedente está tomada da carta que Carsten Grypp, Burgomestre da cidade de Kiel, escribiu o dia 3 de Marzo de 1551 ao rei Christian III (1535-59) de Dinamarca. Este importante documento foi publicado por primeira vez en 1909 polo Dr. Louis Bobé na Parte Quinta, do Tomo Sexto, do Danske Magazin, páxinas 309 a 311.
     Digamos tamén que Burgomestre, o cargo que ostentaba o redactor da misiva,  correspóndese co de Presidente do Concello Municipal. É dicir, que Carsten Grypp era Alcaide da referida cidade hanseática de Kiel.
     Situada nunha baía do Báltico, Kiel pertence xeográficamente ao ducado alemán de Holstein. No ano 1460 este ducado fora herdado polo monarca dinamarquês Christian I (1448-81), o primeiro da dinastia Oldenburg. Para os habitantes do mesmo, Christian I, o organizador da expedición ao Noroeste Atlântico á que se alude na carta, nom era máis que o seu Señor Feudal. E seguian a considerarse alemáns. Na práctica, sen embargo, estes inxénuos vasalos serian gobernados directamente tanto polo referido Christian I, coma polos demais soberanos que ocupárom despois del o trono da Dinamarca. Holstein, e con el Kiel, non voltarian à soberania alemana ata ao ano 1864 (1).
     Queremos significar con isto a curiosa circunstancia de que Carsten Grypp escribiu en 1551 ao seu Señor, o duque de Holstein, mais non ao seu Rei.
     Segundo nos informa o descubridor do documento, Carsten Grypp é o Christianus Grypp que en 1517 remataba o  Bacharelato en Rostock (Alemaña) e que, cinco anos máis tarde, chamandose xa Christianus Gripp, era funcionário do Concello de Brema, e coma notário público no domicílio do seu pai, o alcaide Detlef Grypp, emitiu un documento notarial que ainda se conserva.
     Sabemos tamén por Louis Bobé que, en 1528, o noso home fora nomeado gobernador de Aero polo rei dinamarqués Frederick I (1523-1533). Algo máis tarde, en 1535, Carsten Grypp, chegaria a síndico, —Secretário Municipal— do Concello de Kiel, vila da que acabaria por ser elexido Burgomestre cinco anos despois. No momento de redactar a indicada carta do 3 de Marzo de 1551 a Christian III, Carsten Grypp continuaba no exercício deste cargo, e permanecia aínda nel a princípios de 1553, cando o sorprendeu a morte, sendo entón sucedido polo seu irmán Ditlev.
     Casado con Anna Ahlefeldt de Haselau, Carsten Grypp utilizaba coma selo unha pouta de águia, emblema que nos permite diferenciar a súa estirpe doutra família nobre —Grib, ou Grip— do mesmo ducado de Holstein, e doutra família dinamarquesa epónima residente entón en Rislev. Cabe pensar así mesmo que Carsten Grypp debeu de ser descendente dun tal Detlev Gryp, que fora Burgomestre da mesma Kiel no período 1489-1522.
     Atopámonos, pois, diante dun singular personaxe, estreitamente ligado a Kiel —unha irmá súa fora esposa doutro burgomestre da mesma—. Un personaxe especialmente dúctil e acomodatício, coma veremos máis adiante, que, ademais de se ocupar das finanzas de Christian III no ducado, disfrutaba de amplos poderes, e ocupábase tamén de labores tan particulares coma os de procurarlle mapas e libros raros.
     Carsten Grypp, coma se tira da análise da súa extensa misiva, foi um home culto, que facia uso dunha excelente caligrafia nos escritos que del se conserbam (2).
     Respecto aos contidos da súa carta, e ainda antes de proceder à súa análise pormenorizada, podemos salientar xa que este breve retallo descubre  vários feitos de grande releváncia histórica, que sintetizamos nos catro puntos que seguen:


     —Em 1551, Islándia e Groenlándia estabam integradas na coroa dinamarquesa.
     —Nese mesmo ano, o informador tivera ocasión de ver uns mapas publicados en París, con informes sobre a segunda destas illas, entre eles o de que era «dúas veces maior que  Sicília».
     —Informaban tamén tales mapas que os navegadores Pinningh e Pothorst, provistos dalgúns navios polo monarca dinamarqués Christian I (1448-1481), a convite dun rei de Portugal, andáron à procura de novas terras e illas nos mares do Norte.
     —Ambos  expedicionários ergueron entón un sinal de aviso —«grande marco virado para o mar»— no penedo de Wydthszerk, situado diante da Groenlándia, e fronte a Sniefeldsiekel,  en Islándia, a causa dos piratas groenlandeses, que en pequenas embarcacións sen quilla, atacaban aos navios.


     Extremos todos eles que nos conducem ao hermético e ignorado mundo das exploracións Atlânticas do fin da Idade Média, así coma ao coñecemento da posíble participación portuguesa nunha delas, en data tan ceda coma pode ser o reinado na Dinamarca do primeiro dos monarcas da dinastia Oldenburg, o xa mencionado Christian I. É dicir, no período de 1448 a 1481. A confirmación de semellante feito situaria a estes viaxeiros portugueses, cando menos na área da Groenlándia, con máis de dez anos de anterioridade ao descubrimento das terras americanas efectuado por Cristóbal Colón.
     O documento localizado por Louis Bobé aporta, pois, informes de capital importancia, que imos tentar penetrar no posíble neste traballo.



B. EN 1551 ISLÁNDIA E GROENLÁNDIA ESTABAN INTEGRADAS NA COROA DINAMARQUESA.


     B.1: ISLÁNDIA

     Situada no Atlântido Norte, entre 63° 25' e 66° 30' de latitude, e 13° 30' e 24° 30' de longitude oeste,  Islándia ten unha superfície de 102.846 quilómetros cadrados. É un território en precário equilíbrio,  entre a benéfica influencia da Corrente do Golfo, a súa proximidade ao Círculo Polar e ás ameazas sísmicas e volcânicas. A súa climatoloxia, por estes motivos, resulta moi pouco estáble.
     E aínda que é certo que no Sudeste da mesma forom atopadas tres moedas romanas do período 270 a 305 d. de C., así coma unha cuarta na súa costa meridional, lugares axeitados todos eles para o normal aceso à illa de calquera nave que chegase do mediodia, non parece apropiado pensar senón que estas moedas poidan proceder dunha ocasional arribada ou, quizais máis fácil aínda, que fosen levadas ali por algún dos colonizadores escandinavos (3). Sabemos que os Nórdicos obtiñan a maior parte da prata que precisaban polo cómodo sistema de se procurar moedas nos países meridionais. Mais non todas elas foron fundidas. Así, os mais de mil tesouriños atopados na Escandinávia, conteñen mais de 60.000 moedas árabes de prata, cuñadas con anterioridade ao ano 1000 nas principais cecas de Al-Andalus, Norte da África, Exipto, Oriente Médio, Cáucaso, Pérsia, e mesmo ao Leste de Samarcanda. Tan só no achado de Stora Velinge, na illa de Gotland, se contabilizan 7.853 moedas desta procdencia. E noutros tesouriños hai tamén moedas bizantinas.
     Todo isto fai que poidamos considerar como probable  que tamén se tivesen conservado na península nórdica, polas mesmas razóns, moedas romanas, algunhas das cales serían levadas posteriormente à Islândia polos seus posuidores durante a colonización deste território (4). Por outra banda, a polo de agora incontrovertíble realidade histórica e arqueolóxica é que a Islándia permañeceu desabitada ata pouco antes do ano 795, intre no que foi escollida coma lugar para o desenrolo da vida ascética por alguns monxes irlandeses, segundo se pode tirar do que refire o xeógrafo Dicuil, contra o 825, no seu Liber de Mensura Orbis Terrae:


     «Hai agora trinta anos que uns clérigos, que estiveran nesta illa dende Febreiro a Agosto, me dixeron que non só durante o solstício do Verán, máis tamén nos dias que o preceden e o siguen, o sol poñente escóndese ao solpor, coma detrás dun pequeno outeiro, de modo que non se produce escuridade ningunha durante un breve período de tempo, senón que, polo contrario, un home pode facer o traballo que queira como à luz do dia, mesmo despiollar a súa camisa, e, de se atopar nun monte elevado, en ningún momento desaparecerá o sol da sua vista» (5). 


    Redescuberta de novo  Islândia, na década do 860, polos noruegueses Naddodur e Floke Vilgerdsson, así coma polo sueco Gardar Svavarsson, a colonización seria iniciada pouco despois por Ingólfur Arnarson, ben na tradicional e admitida data do ano 874, xá na do 870 que aparece consignada no Islendingabók, ou "Livro dos Islandeses(6). O feito motivou o abandono da illa por parte dos clérigos ou eremitas irlandeses —chamados "papar" polos nórdicos—, que se foron, talvez precipitadamente, xa que deixaron abandoados devocionários, signos e báculos, segundo recollem o Landnámabók, o Islendingabók, e Theodricus Monachus, na súa Historia de Antiquitate Regum Norwagiensi (7).


Fig. 1:
O escenario do noso estudo: ao Leste, à altura do paralelo 70°, a fortaleza de Vardohus, da que foi gobernador Didrik Pining em 1490, e no Oeste o asentamento «L'Anse aux Meadows», en Terranova, darredor do ano 1000, que se identifica co realizado pola mesma data por Leifur Eirikson. Ademais da prováble rota da súa expedición, sinlanse tamén a das do seu pai, Eirik o Roxo, que coinciden por aproximación co borde da plataforma continental do leste groenlandés, denominada por esta causa «Deriva de Eirik» polos xeólogos, así como a distancia entre Kögur e a Groenlándia.


     A partir de entón, e durante máis de trescentos anos,  Islándia foi politicamente independente, ata à chegada dun recrudecimento climático (8) e, posteriormente, os graves enfrontamentos que se deron no país entre a hexemónica família Sturlung, a Igrexa, e outros grupos de poder, que acabaron por minalo social e económicamente. Arruinados e privados os seus habitantes de suministros exteriores, o Althing, ou parlamento islandês, aceptou en 1262 a oferta do monarca noruego Haakom IV (1217-1263), que lles garantia o aprovisionamento, a cambio «da sua lealdade e duns tributos razoábles». O pacto, «Gámli Sáttmali», permitialles conservar a súa autonomia interna, así coma o Parlamento, mais non o poder económico, que pasou às mans de gobernadores reais, por desgracia incapazes de manteren o prometido abastecimento (9).

Fig. 2:
Thingvelhir. Ao aire libre, e entre estes muros de basalto, axuntouse dende o ano 930 o Althing islandês. Cada solstício de Verán, durante 15 dias, os representantes dos 12 Things comarcais, elaboraban neste lugar as leis da comunidade e administrabam justiza. Aquí tamén decidiuse en 1262 que Islândia se integrase na coroa norueguesa. Unha decisión que marcaria o início dun dilatado período de esmorecimento e penúrias para a illa.


     Convertida en colónia da Noruega a partir de 1262,  Islándia correria dende entón a mesma sorte que este reino. Así, algo máis dun século depois, estando casado o monarca noruego Haakom VI (1343-1380), dende 1363, coa princesa dinamarquesa Margareta, aconteceu que, por morte do pai desta, Valdemar Atterdag (1340-1375), converteuse ela na raíña tamén de Dinamarca. Este feito produciuse en 1375. Cinco anos despois, falecia tamén o seu esposo, o referido Haakom VI, polo que Margareta pasou a ser, así mesmo, raíña da Noruega (10).
     O feito así coma a posterior Unión Kalmar, ou unión perpétua dos três estados, en 1397, determinaron que  Islándia pasase a integrarse na coroa Dinamarquesa, hexemónica dentro da Unión, na que xá nom deixaria de se manter ata 1918, data na que recobrou a súa soberania, aínda que aceptando ao de Dinamarca coma soberano. Islándia voltou a ser República plenipotenciária o 17 de Juño de 1944 (11).


     B.2: GROENLÁNDIA

     Esta imensa illa, de 2.175.600 quilómetros cadrados de extensión, está situada ao oeste da Islándia, entre os 59° 46' e os 83° 39' de latitude. Xeolóxica e xeográficamente é parte integrante do continente Americano.
     Avistada casualmente por Gunnbjor Ulf-Krakason, a princípios do século X, pasaria a integrarse no mundo escandinavo a través dun un tanto complicado proceso. No ano 982 un noruego instalado no ocidente de Islándia, Eirik Thorwalsson, máis coñecido coma Eirik o Roxo, foi condenado a un desterro de tres anos por ter dado morte a dous homens nunha liorta. Sospeita-se que Eirik, que entón contaba arredor dos 30 anos, e fora viciño por algún tempo dos descendentes de Gunnbjor, debeu de saber por estes da existência da Groenlándia. Aínda que tamén o podia telo sabido polo simple feito de que, nos dias claros, é posíble albiscar as súas marxens tanto dende as alturas do noroeste da Islândia, onde precisamente vivia, coma logo de percorrer en barco un tercio da distancia que separa ambos territórios, xá que entón é posíble enxergar as montañas groenlandesas de Bloserville (12).


Fig. 3:
Kögur, un dos extremos da inhóspita comarca de Hornstrandir, no Noroeste da Islándia, onde no ano 960 tiveron que se asentar, fuxidos de Noruega a causa dun delito de sangue, Thorvald Asvaldssom e o seu filho Eirik o Roxo. Kögur dista uns 260 quilómetros de Groenlándia, da que, nos dias claros, se poden observar dende esta altura o Monte Rigny (2385 m) e as súas proximidades. O Snaefjölh, algo mais alto (793 m), que cita Wahlgren, atópase à dereita, fora xá da imaxe, e a certa distancia.


     Temos que precisar tamén que a Groenlándia que se pode albiscar dende o promontório Kögur, o punto islandés máis próximo a ela, é excesivamente nórdica. A grande contribución da viaxe exploratória de Gunnbjor Ulf-Krakasom fora precisamente a de facilitar  o coñecemento de que aquel enorme território continuaba cara o Sur, camiño de latitudes climatolóxicamente máis axeitadas, que debeu de ser o que decidiu a Eirik a pasar nela o desterro.
     E chegado alí procedeu a explorala meticulosamente, decidindo chamála «Grönland», é dicir, «Terra Verde».
     Esta atractiva denominación veu a conta de canto referiu acerca do novo país ao seu retorno à Islándia, no ano 985, que produciu tal impacto entre os habitantes desta, que, na Primavera seguinte, Eirik foi seguido por unha auténtica expedición colonizadora de nada menos que 25 enbarcacións ateigadas de colonos, animais, trebellos e sementes, ainda que algunhas non

 terían máis remedio que desistir.
Fig. 4:
Morto o seu pai, e casado xá, Eirik transladouse ao val de Hauka, situado máis ao Sur, no fiorde de Breida. Outras mortes por el protagonizadas obrigáromno a se instalar despois nestas illas de Brokey e Öxney, do mesmo fiorde, que se poden ver no gravado. Nas súas redondezas aparellaría Eirik a súa nave no ano 982, ao ser de novo desterrado por  outro delito de sangue, para ir explorar a Groenlándia na que acabaria por ter definitivo acougo.


         O astuto noruego repartiu enton aquela xente, maioritariamente islandesa, en dous assentamentos. O Oriental —Eystribyggd—, situado no Sudoeste da illa, e o Ocidental —Vestribyggd—, a unha distancia duns 300 quilómetros e vários dias de navegación, ao Noroeste do primeiro. Asombra advertir agora que ambos lugares son os puntos de mellor climatoloxia desta escasamente acolledora illa, o que nos dá a medida da capacidade exploradora de Eirik.
     Este seria o início da colonización escandinava de Groenlándia que, no seu momento culminante, chegou a contar cunhas trescentas granxas, principalmente dedicadas á cria de cabalos, vacas, ovellas, ou cabras, así  como à caza, à pesca, e ao artesanato (13).


Fig. 5:
Bratahalid, na marxe occidental do Eiriksfjord, o punto no que Eirik o Roxo fixou a súa residéncia en Groenlándia no ano 986. O aeroporto internacional de Narssassuaq atópase hoxe na outra banda. Os paramentos do primeiro termo son os restos da pequena igrexa construída no século XIII sobre a que, arredor do ano 999, erguera a súa esposa Thjodhild, que abrazou o cristianismo levado entón a aquela terra  por Leifur, o filho de ambos.
     A escavación das 400 ruínas deixadas polos nórdicos neste remoto território permitiunos saber que en Eystribydd —actualmente Juliane-haab—, houbo un mosteiro agostiño, un convento de monxas bieitas, e unha Catedral, en Gardar —hoxe Igaliko—, e 12 igrexas parroquiais. En canto que na colonia Ocidental —Vestribydd—  localizáronse tan só 4 igrexas.
     Ainda dentro do reducido número dos seus habitantes, que se estima que nunca deberom de pasar dos 5.000, Groenlándia organizouse xurídica e constitucionalmente, a imitacióm de Islándia, coma unha República. O seu Laugmader, ou Legislador, residiu sempre na localidade de Bratahlid, na Colónia Oriental, o lugar escollido por Eirik o Roxo coma residencia. O Thing, ou Asemblea Nacional, axuntábase en Gardar, a que logo habia de ser a Sé episcopal, a escasa distancia.
     O home moderno non pode deixar de se admirar ante o feito de que con recursos humanos e económicos tan escasos coma os que aquel reducido número de colonos se podian proporcionar naquel território sen árbores, puidesem os nórdicos ter azos e capacidade suficientes coma para explorar e tentar establecer colónias tamén no território continental americano, ou que chegaran, en expedicións de caza ao paralelo 78° da própia Groenlándia. Nesta latitude foron atopados amilladoiros de pedras, idénticos aos que ainda hoxe enchen Noruega. E apareceron, así mesmo, artefactos de orixe nórdica ainda máis ao norte, e ao noroeste, se ben que, neste caso, poderian ter sido levados ata ali por esquimós.
     No ano 1261, un ano antes que na Islândia, o Thing Groenlandés aceptou a soberania norueguesa a cambio tamén de certas concesións comerciais. De xeito semellante tamén ao caso islandés, a finais do mesmo século —ano 1294— a Coroa concedeu o monopólio do comércio coa Groenlándia aos mercadores da cidade de Bergen. O concerto proibía transladarse ou comerciar coa colónia sen a autorización real, e aseguraba a aqueles afastados vasalos a asisténcia dunha nave estatal anual, o chamado Knor groenlandés, unha liña dunha elevada rendabilidade, xa que os Groenlandeses pagaban moi ben a madeira, o ferro, o gran e o sal, productos dos que andaban moi escasos.
Fig. 6: A igrexa de Hvalso —hoxe Qaqortoq—, vista dende o Noroeste. Está situada a uns 37 quilómetros ao Sur de Bratahalid, sendo a máis coñecida e a mellor conservada das construccións nórdicas en Groenlándia. Erguida cara ao ano 1100, tiña, segundo Paul Herrmann, vidros nas xanelas, a diferencia co que entón acontecia na Europa. Hvalso atópase a escasa distancia de Gardar, o lugar onde, no ano 1261 o «Thing» aprobou a unión con Noruega.
     Groenlándia seguiu, politicamente, un camiño parelo ao islandés. Mais, coa diferencia de que se veria afectada por outros factores determinantes. O empeoramento climático (Nota 8), o acoso esquimó, ou a própia distancia entre os asentamentos, levaron a estes à sua destrución, ou ao abandono, a princípios precisamente do século XVI no que Carsten Grypp lle falaba a Christian Ill acerca desta súa posesión ultramarina.
     O que nunca desapareceu na Dinamarca foi a memória da vinculación deste território coa metrópole, e enviáronse, ao longo do mesmo século, ainda que sen resultado positivo, diversas expedicións à procura dos seus poboadores.
     En 1721 daria comezo a nova colonización da Groenlándia. Nese ano chegou à illa, disposto a evangelizar a súa poboación , Hans Egede. El seria o fundador da actual capital do território, Nuuk-Godthaab, situada sobre o asento da antiga Vestribydd ou Colónia Ocidental. Groenlándia acabaria por constituirse coma condado autónomo da Dinamarca en Maio de 1979, cun goberno própio —Landstyre— e unha asembleia lexislativa, o Landsting.
     Sen necesidade de que sigamos a afondar na cuestión, parece ficar claro que a información ata aqui manexada, perfectamente contrastada, e contrastable, ratifica plenamente a afirmación do Burgomestre Carsten Grypp de que em 1551, tanto a Islándia como a Groenlándia pertencian à coroa do monarca dinamarquês Christian III, a quen dirigia a súa carta. E permítenos saber, aínda, da importante circunstáncia, para o que estamos a tentar estudar, que se atopaban na mesma situación xurídica durante o reinado de Christian I (1448-1481), aquel seu antecesor que cedera embarcacións para a realización da viaxe exploratória da que soubemos a través do referido Burgomestre.



C. CARSTEN GRYPP EXAMINOU EN 1551 UNS MAPAS, EDITADOS EN PARIS, CON INFORMES SOBRE  ISLÁNDIA.


     A segunda das informacións que da carta de Carsten Grypp salientamos é a que se refíre a ter visto este funcionario, naquel mesmo ano, uns mapas, editados en Paris, que se ocupaba de determinados aspectos da Islándia.
     O único traballo cartográfico sobre a Islándia do que se teña coñecemento que foi editado en Paris, se non con imediatez a data de Marzo de 1551, na que o Burgomestre escribe, si cunha proximidade temporal oportuna para que este o puidese ter visto naquel momento, é o realizado por Hieronymus Gourmontium en 1548. Ou sexa, publicado había un máximo de tres anos.
     O que non significa, claro está, que non teña habido outros. Son bastantes os mapas antigos perdidos, dos que sabemos que existíron, e deben de ser tamén moitos os que se perderon, sen que existan sequera informes que nos permitan saber da súa existencia.
     Hieronymus Gourmontium, o autor do que vimos de mencionar, foi membro da família Gourmont, Gurmontius, ou Germontius, que se distinguiu na publicación de obras no Paris do século XVI. Ademais deste sobre Islándia, de 1548, Hieronymus publicou vários mapas máis: de Francia, das viaxes de San Paulo, un cordiforme do mundo (1538), outro da Palestina, así  coma vários máis, anónimos, da Alemaña, Itália e Inglaterra. Sábese, así mesmo, que en 1536 existia un catálogo das obras editadas pola empresa familiar que, tristemente, tampouco chegou a nós (14).
     De todos estes mapas, o que realmente nos interessa, é o de Islándia. Foi gravado sobre unha plancha de madeira, e ten unhas medidas de 356 x 500 mm. O único exemplar que del se conserva atópase na «Thüringische Landesbibliothek», de Weimar (Alemaña) (15).
     ¿Será este un dos mapas que Carsten Grypp asegura ter ollado, e que acababa de pedir, para ofrecellos à Súa Maxestade Christian III?
     Podemos razoar a resposta:


     1°) O mapa de Hieronymus Gourmontium é, efectivamente, da Islándia.
     2°) NeI hai un texto de once liñas, que principia: «Haec insula duplo Sicilia maior est»... («Esta ilha é dúas veces maior que a Sicília»).
     3°) Outro texto seu, este de 17 linhas, titúlase: «Rerum mirabilium declaratio». («Declaraçom das cousas maravillosas»)(14).
     4°) Texto baixo unha illa situada ao noroeste da Islándia: «Mons excelsus Witzarc appellatus, in cuias summitate Index marinus factus este á duobos piratis Pinnigt et Pothorst, in nautarum protectionem á Gruntlandia» («A grande montaña chamada Witsarc, en cuxa cima os dous piratas Pining e Pothorst colocaron un Sinal mariño para a protección dos navegantes da parte de Groenlândia(16).


     Resulta fácil advertir que, ademais de presentar unha cronoloxia parella, canto Carsten Grypp lle comunica ao monarca ter visto nos mapas que examinou, aparece neste de Hieronymus Gourmontium. Todo un cúmulo de circunstáncias que haberá que considerar coma bstante determinantes. Mantéñense ainda,  dúas diferencias substanciais:


     a) Que o Burgomestre chama a Pining e Pothorst, navegadores, non «piratas», como se le neste texto.
     Coma veremos máis adiante, no apartado no que nos ocupamos das biografías destes dous personaxes, existen sobre eles informes un tanto contradictórios, e pode que interesados, para que debamos consideralos, sen máis, coma piratas. Se o primeiro deles chegou a gobernador tanto de Islándia coma da Lapónia, deulle aos islandeses unhas novas leis, e ainda dirixíu a expedición luso-dinamarquesa, haberá que suporlle tamén certos valores, e, polo tanto, teremos que peneirar a intencionalidade de quen o definiu coma malfeitor. Por outra banda, o Burgomestre debeu de se medir moito à hora de outorgarlles un cualificativo ao que un antecesor de Christian III elixera para levar a termo a importante exploración que lle está a comunicar. Iso, sen contar que Carsten Grypp, coma tamén poderemos ver máis adiante, parece ter informacións diferentes das que contiñan os mapas


os mapas examinados, polo que cabe pensar que soubese, así mesmo, doutras circunstáncias acerca dos supostos «piratas».

     b) Que o Burgomestre fala de «mapas» , en canto que aquí contamos nada mais que con un.
     A explicación cómoda para esta segunda cuesión seria a de dicir que non hái outros mapas, porque se perderon. Perdeuse o catálogo das publicacións da família Gourmont, existente em 1536, e perdéronse tamén todas as cópias que deste mapa se fixéron, a non ser esta que se conserva en Weimar. Portanto, ¿que impide pensar que se tivesen perdido tamén os demais  que, complementando este, tivo diante dos seus ollos Carsten Gripp?
     Razoemos, aínda, esta posibilidade, principiando por dicir que R. W. Karrow considera que o mapa de Weimar é «unha moi fiel cópia» dunha parte da famosa  «Carta Marina» de Olaus Magnus, e de que as notas que contén foron tomadas directamente das lendas que nesta aparecem (Nota 14), enquanto que para Sofus Larsen é umha cópia «com poucas modificacións», tamén da mesma  «Carta Marina» (17).
     Olaus Magnus —Olaus Magnus Gothus (1490-1558)—, arcebispo de Uppsala dende 1544, é un autor de decisiva importancia para o coñecimento do mundo nórdico, do que nos habemos de ocupar con mais vagar nos próximos capítulos. No ano 1539 publicou en Venecia un mapa da Noruega, Suécia, Finlândia, Dinamarca, Islándia e parte da Groenlándia, denominado  «Carta Marina» , no que manexa abondosa toponímia e nos amosa máis de cen excepcionais deseños de monstros mariños, naves, persoas e animais, complementado  con textos explicativos en latín. Compre esclarecer, aínda, que nada se di neles acerca do tamaño da Islándia, comparandoo co  da Sicília, nin sobre Pining e Pothorst, se ben que coinciden co de Gourmontium na descrición das cousas admirábles da Islândia. A afirmación de R. W. Karrow, pois, é real tan só en parte (18).
     O prelado sueco publicaria máis tarde unhas explicacións complementarias, en italiano, «Opera Breve», e unha tradución moi libre da mesma ao alemán, «Ain kurze Auslegung und Verklerung der neuvem Mappem alten Goettenreich», («Breve exposición e explicación dos novos mapas do vello domínio dos Godos»), que é onde se atopan as restantes referéncias das que pudo ter extraído as súas informacións Hieronymus Gourmontium (19).
     Esclarecido este punto, expliquemos tamén que a «Carta Marina» consta de nove planchas de madeira, e que dela sobreviviu tan só unha cópia, propiedade da «Staatsbibliothek» de Munique. Neste lugar foi descuberta por Oscar Brenner, quen a publicou en 1886 baixo o título «Die ächte Karte des Olaus Magnus vom Jahre 1539», («O verdadeiro mapa de Olaus Magnus do ano 1539»). Neste caso as nove xilografias aparecen encoladas unhas às outras, formando un único mapa de 170 x 125 cm. Con el encontrabase tamén un facsímil máis reducido (20). E existe aínda outra versión, así mesmo en formato menor, impresa en Roma en 1572, dende láminas de cobre, da que subsisten sete cópias (21). Esclarezamos, sen embargo, que o exemplar de Munique parece non pertencer à edición de 1539, coma pensara no seu dia o profesor Brenner, senón à de Basileia de 1567, xá que se obserban nambas as mesmas imperfeicións. En canto á de Roma de 1572 mantén todas as súas representacións intactas (Nota 14).
     A «Carta Marina» supuxo no seu momento un autêntico impacto no mundo cultural europeo. Unha grande parte da cartografia posterior está en débeda con ela, e os seus deseños acabaron por ser repetidamente copiados en mapas e libros de viaxes (Nota 21), aparecendo tamén, ainda que en diferentes lugares, no mapa de Gourmontium de 1548.
     Na «Carta Marina» da que dispomos, pódense advertir perfeitamente os puntos de unión das súas nove planchas orixinais, sinaladas aínda coas letras «A» à «I». Na cópia do mapa de Hieronymus Gourmontium que nos foi faciliatada pola «Stiftung Weimarer Klassik», («Fundaçom Clássica de Weimar»), de 356 x 500 mm, aparecen así mesmo perfeitamente claros os puntos de unión de DUAS PLANCHAS inicialmente independentes, de enriba para abaixo, na parte central do mapa. A circunstancia resulta perceptíblel mesmo na cópia reducida que amosamos neste traballo.
     Coma consecuéncia, ademais da posibilidade de que Hyeronymus Gourmontium teña podido facer no seu momento, con máis información, algún outro mapa tamén da Islándia e os seus arredores, hoxe perdidos, a través do que acabamos de examinar parece prováble que o que este cartógrafo publicou en Paris en 1548 foron DOUS MAPAS, cada un da súa MITADE DA ISLÂNDIA, e que puideron ser estes os consultados polo Burgomestre Carsten Grypp.
     A conclusión seria válida mesmo para o caso, estudado por Sofus Larsen, de que Hieronymus nin sequera se inspirase na obra de Olaus Magnus, sinón que ambos tiraran os seus informes dunha fonte anterior, común (22).
     Aínda con todas estas analoxias, existe en contra unha circunstancia ao noso xeito de ver insalváble: que os mapas de Gourmontium descoñecen tanto a expedición de Pining e Pothorst como a ubicación de Hvitserk. Coma consecuéncia, temos de concluir que, ainda que puidese haber máis follas da obra deste cartógrafo, non puideron ser estas as que informaron a Carsten Grypp acerca de ambas cuestións, xá que moi dificilmente poderia ningumha delas contradicir o que  refiren os dous mapas que de Gourmontium se conserban.

Fig. 7:
Bergen no século XVI. Capital oficiosa da Noruega durante o XIII, adquiriria do rei Eirik Magnusson (1280-99) o monopólio do comércio coa Islándia e a Groenlándia, e contou dende mediados do século seguinte cunha representación Hanseática. A maioria dos edifícios de pedra que aparecen na imaxe existen ainda na Bergen actual, o mesmo que a maior parte do barrio de madeira que aparece na parte norte do Vágen. O complexo fortificado da esquerda foi erguido entre 1247 e 1270, aínda que ten retoques do século XVI.

Fig. 8:
Este mapa corresponde a unha parte («hluti») da «Carta Marina» («Sjókort») de Olaus Magnus, de 1539, segundo a publicou em 1991 a «Póstur og Sími» («Correos e Teléfonos») da Islândia.

Fig. 9:
Reproducción do mapa de Hieronymus Gourmontium conservado en Weimar, Alemanha. Hai grandes semellanzas entre os mapas das figuras 8 e 9. No recuadro superior esquerdo deste aparecen as onze liñas que informan sobre o tamaño da Islándia. Debaixo del, o compás colocado por Pining e Pothorst no illó de Witzarc, cunha breve explicación. No ángulo da dereita atópanse as 17 liñas da «Rerum mirabilium declaratio», que coinciden case ao pé da letra co parágrafo «A» da «Carta Marina».


D. RELACIÓNS ENTRE PORTUGAL E DINAMARCA

     A terceira e, quizais, máis sorprendente das novas que se poden tirar da carta de Carsten Grypp é a de que o monarca dinamarquês Christian I (1448-1481) proveera de barcos aos navegadores Pining e Pothorst, para levar a termo a súa expedición «a convite —ou pedido— da Súa Maxestade o rei de Portugal».
     Porque, à marxe dos valores semânticos que poida acarrexar a própia palabra, convidar a participar nunha expedición exploratória —os relatórios e as rotas dos descubrimentos portugueses mantíñanse no máis arcano dos segredos—, non se pode entender máis que no cadro, se non dunha estreita colaboración,  dunha especial relación. Penetrar nesa posíble vinculación entre Portugal e Dinamarca no século XV, vai ser o propósito do presente capítulo.
Fig. 10:
Descubertas e prazas tomadas polos Portugueses ata a morte de Don Henrique o Navegante. As datas que acompañan a cada lugar corresponden à do ano da descuberta. Indícanse así mesmo os puntos onde actuáron os dinamarqueses Herolden Lolland e Vallarte.


     E dado que o obxecto da colaboración entre ambos países, fora, segundo Carsten Grypp, «procuraren novas terras e illas nos mares do Norte», compre relacionalo xá, de primeiras, co mundo das descubertas.
     A expansión, e con esta as descubertas portuguesas, deron comezo o 25 de Jullo do ano 1415. Nese dia, unha flota ao mando do rei João I, e os príncipes Duarte, Pedro e Henrique, partiu de Lisboa e alcanzaba a conquista de Ceuta no 21 de Agosto seguinte. Os tres infantes serian entón armados cabaleiros na mesquita, convertida en catedral, da vila conquistada (23).
     Existen moitas lagoas no coñecemento das exploracións portuguesas. Habitualmente recórrese ao «sixilo que imperaba na ciência náutica e navegacións portuguesas», ou a que as «depredacións levadas a cabo nas bibliotecas e arquivos históricos portugueses, durante o período de domínio filipino (60 anos, de 1580 a 1640) extraviou unha moi valiosa documentación»(24) para explicar a falta dos correspondentes informes. E aínda que, nalgúns casos poida resultar discutíble semellante recurso, dado que unha boa parte das descubertas si se atopan ampliamente documentadas, a realidade é que é moi pouco o que sobre as expedicuñons cara ao Oeste e o Noroeste Atlânticos se teñen conservado.
     Principiemos, pois, por dicir xá que o monarca português João I (1383-1433), estivo casado con Filipa de Lencastre, filla do duque de Lancaster, John de Gaunt, e irmá de Henry IV da Inglaterra (1399-1413). Por outra banda, unha filla deste, chamada tamén Filipa, casou co monarca dinamarquês Eric de Pomerania (1397-1438). De todo o cal ben resultar que os infantes armados cabaleiros en Ceuta, don Duarte (1391-1438), don Pedro, Duque de Coimbra (1392-1449), e don Henrique o Navegante (1394-1460), fillos do referido João I de Portugal, eran curmáns da consorte do rei dinamarquês.
     Digamos así mesmo que este don Pedro, partícipe na tomada de Ceuta, foi home dunha excepcional cultura e preparación, que percorreu unha grande parte de Europa, entre os anos 1425 e 1428, participando con Segismundo da Hungria nas súas loitas contra Turcos e Hussitas (25). Na fin deste périplo, ademais de traer consigo de Venecia o libro de Marco Polo, e un mapa-mundi coas vias comerciais co Oriente, segundo afirma o cronista António Galvão —morto em 1557—, nos seus moitos contactos ao longo do mesmo, don Pedro adquiriu, en frase de Oliveira Martins, «um tesouro de saber e de experiência», que haberia de ser de grande utilidade para o futuro do país.
      Don Pedro deu tamén pulo á tradución de libros e traduciu persoalmente ao português diversas obras, sendo así mesmo o primeiro en advertir, xa de imediato, o onerosa que ia resultar para o país a súa expansíon territorial por Marrocos entón iniciada (26). Sospeitase tamén que puido ter estado en Dinamarca en 1426, así coma que coñeceu persoalmente ao seu rei e parente, Erico da Pomeránia, un ano antes, na corte de Segismundo de Hungria, onde este estivo efectivamente. Cabe tamén dentro do posíble que os datos xeográficos e sobre navegación que o infante don Pedro recolleu, ou puido ter entón recollido, estivesen destinados ao seu irmán Henrique (27), segundo se pode entender por algunhas actuacíons súas posteriores.
     E aínda que a historiografía portuguesa teña demostrado xa a inexistencia daquela sonada Escola de Sagres, sobre a que escribiu Samuel Purchas douscentos anos máis tarde (28), a empresa das exploracións portuguesas recibiu unha decisiva axuda en 1420 ao ser nomeado don Henrique administrador apostólico da Orden de Cristo, sucesora da recentemente suspendida, e moi opulenta, Orden do Temple.
     Os recursos económicos das empresas marítimas de don Henrique incrementarianse aínda através da percepción de rendimentos sobre certos medios de produción, xabonarias, e, dende 1433, coa doación ao seu favor das illas da Madeira, Porto Santo e Desertas, así coma do privilégio da captura do atún e outras pescas. E en 1443, sendo o seu irmán don Pedro rexente do reino —período 1439 a 1446—, concederialle tamén o monopolio da navegación, guerra e comércio, alén do cabo Bojador, en África (29).
     Nada do ata aqui comentado permite constatar, sen embargo, máis  que a posíble existencia dunha prováble e distante relación entre Portugal e Dinamarca. Algo máis estreito, ainda que non todo o que necesitamos para xustificar a colaboración que se desprende do relatório de Carsten Grypp, tiña que ser o mútuo coñecimento que ambos deberon de mangter através da Hansa germânica.
     O máis antigo documento que se conserva desta relación comercial é de Setembro de 1373. Recolle a viaxe dunha nave hanseática à cidade de Lisboa (30), se ben que os contactos, aínda puideron ter comezado antes. Este comercio, especialmente no que respeita ao século XV,  moi ben estudado por A. H. Oliveira Marques —(9) e (30)—, con datos que demostran  que, através das embarcacións hanseáticas, os productos portugueses chegaban a case que todos os países europeos, tanto do arco Atlântico coma do mar Báltico, Dinamarca e Islândia incluídos. Curiosa e lamentavelmente, este importante e produtivo comércio saltaba practicamente os portos galegos (31).
     De todos os xeitos, existiu tamén un comércio directo portugués coas illas Británicas ao longo do século XV, que permitiu o estreitamento das relacións exteriores do país peninsular cos países e xentes nórdicas (32).
     Esta actividade ten que estar directamente relacionada co feito, perfectamente documentado, da presencia en Portugal, ao longo do século XV, aldemais de moitos comerciantes e xentes de mar orixinarias das repúblicas itálicas, tamén de xentes de certa relevancia de procedencia nórdica.
     Citemos, entre elas, o flamengo Jácome de Bruges. Este home, que casou en Ourense con Antónia Dias Darce, despois de ter residido nesta vila algún tempo, pasou a facelo no Porto, a partir de 1431. Mais tarde, en 1450, foi capitán-donatário da illa Terceira, nos Açores. Outros flamengos con especial proxección foron, Josse vam Huertere —Joz vam Hurtere—, tamén capitán-donatário nas illas açorianas de Faial e do Pico, entre 1468 e 1495, ás que chegara con outros flamengos, ao parecer por iniciativa do comentado Jácome de Bruges; ou Fernando Dulmo, originariamente vam Olmen, así mesmo capitán-donatário nos Açores, con anterioridade a 1468, a quen don João II (1481-1495), lle encomendou unha misteriosa expedición cara ao Ocidente. O própo pai de Dulmo tamén se instalara habia anos na Madeira. Lembremos así mesmo ao nuremberguês Martin Behaim, coñecido coma Martinho da Boémia (?-1507), dubidoso integrante da segunda expedicións de Diogo Cao, que acadouu a latitude da actual Namíbia en 1486 (33). Martin Behaim foi residente así mesmo nos Açores, onde emparentou nese mesmo ano, polo seu matrimónio con Joana de Mando, coa família dos coñecidos descubridores Corte-Real (34).
     No ano 1492, con anterioridade ao descubrimento efectuado por Colón, Martin Behaim terminaba de deseñar en Nüremberg o primeiro globo terrestre (35), circunstancia que haberemos de retomar máis adiante, dado que nel ofrece referencias de inapreciable valor para o desenrolo deste estudo.
     Coñecidos estes datos sobre a presençia nórdica en Portugal, pasemos agora a analisar o que sabemos a respeito dos dinamarqueses. O primeiro personaxe desta nacionalidade que aparece documentalmente atestiguado en Portugal foi Vallarte. Del ocúpase Gomes Eanes de Azurara (morto em 1474), na súa Crónica da Guiné. Segundo este prestigioso cronista, téndose espallado as novas das primeiras expedicións máis alá do cabo Bojador, Vallarte, un gentil-home da Dinamarca, decidiu acudir a Portugal coa intención de tomar parte nelas.
     Vallarte, refírenos tamén o historiador João de Barros, (1496-1570), traía unha recomendación para o infante don Pedro do monarca dinamarqués Kristoffer de Bavaria (1439-1448), sobriño e sucesor de Eric de Pomeránia. Este feito parece confirmar o coñecemento que antes supuxemos que debeu de existir entre ambos. Sabemos tamén que don Pedro, ainda que xa non regente, dende xaneiro de 1446, posiblemente o mesmo ano no que o dinamarqués se presentou en Lisboa, continuaba a colaborar nas tarefas de goberno co seu sobriño Afonso V (1438-1481), entón duns quince anos de idade (36).
     Vallarte é, indubidablemente, a forma portuguesa dun nome dinamarquês, posiblemente Wolhert, ou outro semellante. E existe aínda na Dinamarca o topónimo Volderslev, no distrito de Praestó, antigamente Valhaerslóff (37). Pois ben, este primeiro estranxeiro que tomou parte nas expedicións portuguesas, conseguiu de don Pedro unha caravela, coa que, na compaña de Pedro Afonso, partiu para a Terra dos Negros no ano 1447. A exploración duraria seis meses, e nela o nobre dinamarqués perecería nun innecesario enfrontamento cos indíxenas. Na súa expedición Vallarte parece ter ultrapasado o rio Senegal, descuberto catro anos antes por Nuno Tristão, e alcanzou con toda a probabilidade o cabo Vermelho, hoxe Red Cape (38).
     O seguinte dinamarqués que atopamos en Portugal é o chamado Loland, ou Laaland, segundo outra leitura, identificado coma Herolden Lolland por Louis Bobé (39). Este home tomou parte no ano 1458 no ataque ás praças do norte da África.
     Nese ano, as 220 naves da flota portuguesa recolleron en Sagres ao velho infante don Henrique o Navegante o 3 de Outubro, quen, coma xefe da expedición conseguiu tomar o dia 23 seguinte a praza de Alcácer Ceguer, ou Pequeno Alcázar, aínda que  non a inmediata Tánxer. O ataque entendese dentro da política de reacción da cristiandade logo de que cinco anos antes tomaran os turcos a cidade de Constantinopla, acabando así co Império Romano de Oriente. Esta acción de Portugal foi a única resposta á petición realizada polo papa Calixto III tanto aos príncipes europeos como ao preste da Etiópia e, indubidablemente, o feito de que tivese sido levada a termo debe de estar estreitamente relacionado coa circunstancia de ser tamén entón o infante Don Henrique o administrador apostólico da Orden de Cristo.
     Como xá dixemos, esta era a sucesora en Portugal da Orden do Temple, extinguida por mandato de Clemente V na súa bula Ad Providam do 2 de Maio do ano 1312. A Orden de Cristo fora instituída por Don Dinis o 14 de Agosto do 1318, e avalada pola bula Ad ea ex quibus do ano seguinte por Joán XXII. A súa Sé atopábase, inicialmente, en Castromarim, Algarve, ainda que pasaria depois á vila de Tomar, ao Nordeste de Lisboa (40).
     Este Lolland, parece que chegara á corte portuguesa algo antes, posiblemente con algunha representación da coroa dinamarquesa, entón na testa de Christian I (1448-1481). O que significa  que estamos a falar xá do monarca que, segundo o Burgomestre Carstem Grypp cedera as naves para a expedición ao Noroeste Atlântico. É moi pouco o que se sabe acerca de Herolden Lolland. Mais, três anos despois desta expedición militar contra o islam, permañecia aínda en Portugal, pois nese momento foi portador dunha especial mensaxe de Afonso V para o rei dinamarquês (41).
     Na misiva, que se conserva no Museo Nacional da Dinamarca, e é o único testemuño das relacións que podian existir entre as dúas cortes naquel momento (Nota 39), escrita en latín, o soberano portugués refírese a Lolland coma «perfevant» ou «persevant». Esta expresión foi traducida polo administrador da Biblioteca Nacional de Lisboa, António Anselmo, coma «passavante» ou «persevante», ou sexa, «portavoz» ou «mensaxeiro» (Nota 41).
     Reproduzimos a continuaçom, íntegra, esta traducción, pola importante relación que ten o contio da carta co coñecimento de de canto aqui estamos a tratar:

     «Ao Serenísimo príncipe Cristiano, por gracia de Deus rei da Dinamarca, etc., seu parente e irmán carísimo, Afonso, por gracia de Deus rei de Portugal e do Algarve e señor de Ceuta e Alcácer en África, envia moitos saúdos e desexa aumento de prosperidades. Foinos dado saber por L(aaland), passavante da Vosa Serenidade, da saúde vosa e da vosa esposa e fillos. Ao mesmo temos moitas veces interrogado sobre o estado do voso reino e sobre várias outras cousas nas que os vosos domínios abondan e son notabilísimos; cousas que el con tan boa orden e abundancia nos ten referido que parece que as estamos a ver polos nosos própios ollos. Non obstante tedes un tal passavante, ao quel con razón xá certamente tedes honrado, resolvemos referirvos aínda algúns merecimentos seus, porventura de vós non coñecidos, para que por êles mais, se posible fose, o estimedes. Con efeito, en varios combates que polo magnífico Conde de Viana, capitán da nosa fortaleza de Alcácer en África e comandante das nosas tropas, foron hai tempo trabados cos mouros, e en várias incursións nos territorios dêstes, en que os nosos lanzaran fogo a moitas aldeas e moitas outras saquearan tomando non poucos cautivos, deu mostras de tanta grandeza de ánimo que se tornou un digno vasalo de tan grande príncipe e por iso mereceu grande louvor. Polo cal motivo (porquanto sóbre a cortesia de maneiras, que na nosa corte ten mostrado, nada é necesário dicir), cando de alí voltou à nosa presencia, o armámos cabaleiro, certificados como fomos do seu esforzo na guerra por cartas do dito Conde e de moitos varóns que com êle estiveron nos combates. Pedimovos, portanto, que non só polos grandes perigos e traballos a que se expuxo en honra da fé e pelos serviços que continuamente vos presta, como também por consideração para connosco que muito o honramos em tudo o que se refire ao seu aumento, honra e proveito, o teñais coma especialmente recomendado, para que se entenda que a nosa carta e pedido xunto de Vós valen canto no voso nome êl antes referíu. Dada na nosa vila de Sintra, dia 11 de jullo do ano do Senhor de 1461. Elrey» (41).

     A carta é nove meses posterior à morte de don Henrique o Navegante, o durante tantos anos responsáble das descubertas portuguesas, feito que acontecera o 13-11-1460. Através do seu contido fica claro que Lolland debeu de ser persoa dunha certa posiión social tamén na Dinamarca, xa que o própio Afonso V se toma a molestia de recomendárllo ao monarca deste país. E parece confirmar a existencia de boas relacións entre as dúas cortes, coma se pode tirar da redacción da própia carta, e mesmo da expresión «parente e irmán carísimo».
     Chegado aqui, o investigador dinamarquês Sofus Larsen pergúntase tamén o motivo e a misión de Lolland en Portugal, así coma de cal das partes poderia ter partido a iniciativa para esta terse dado. E respóndese el mesmo que non lle parece que puidese ter partido de Christian I, home en constantes dificultades financeiras sempre (42), xa que «non é críble que pensase acadar algunha cousa tanto en Portugal coma en África» (Nota 41).
     Deixemos aquí, en suspenso, e de momento, cantas consideracións poidan acugulársenos agora na mente acerca das relacións entre Portugal e Dinamarca naquela altura, ou do que Herolden Lolland puido significar, tanto ao vir a Portugal, coma depois de ter voltado ao seu país, na articulación da expedición conxunta ao Noroeste Atlântico. Sobre todo isto teremos que voltar máis adiante. Agora constatemos tan só que, ainda que precariamente documentada, sí parece ter existido entón unha sorte de, polo menos, aceptable relación entre as dúas cortes. O cal non nos permite negar a posibilidade de que a colaboración exploratória que recolle Carstem Grypp teña podido darse. 



——————————
 
NOTAS

(1)

LAURING, Palhe: A HISTORY OF DENMARK. Host & Son. Copenhaga, 1995, páxinas 114-115, 262-265.
LAGERQVIST, LARS. O.: KINGS AND RULERS OF SWEDEN. Vincent Publications. Stockholm, 1995. páx. 30.
DUBY, Georges: ATLAS HISTÓRICO MUNDIAL. Debate. Barcelona, 1992, páxina 104.
(2)BOBE, Louis: AKTSTYKKER TIL OPLYSNIGN OM GRONLANDS BESEJLIM 1521-1602 «Danske Magazin», citado, páxinas 304 e 305.
SMAASTYKKER, .id. id. 1913, páx. 383.
(3)JONES, Gwyn: EL PRIMER DESCUBRIMIENTO DE AMÉRICA. Libros Tau. Barcelona, 1965, páx. 23.
NJARDVIK, Njördur P.: BIRTH OF A NATION. lceland Review. Reykjavik, 1978, páx. 13.
(4)GRAHAM-CAMBELL, James, e outros: CULTURAL ATLAS OF THE VIKING WORLD. Infobase Holding Company. Abingdom, 1994, páxs. 195-198.
BLOCH-NAKKERUD; Dr. Tom: LOS VIKINGOS. Scandinaviam Film. Group. Oslo (Sem ano). Na páx. 49 o autor eleva a 70.000 o número de moedas árabes atopadas tan só en Suécia, a maioria na illa de Gotland, e cifra nunhas 6.000 as bizantinas.
(5)OXENSTIERNA, Eric Graf, obra citada, páx. 238
JONES, Gwyn, obra citada, páxinas 27 e 28.
(6)NJARDVIK, Njördur P., obra citada, 14 e 16.
(7)JONES, Gwyn, obra citada, páxinas 29 e 30.
(8) WAHLGREN, Erik: LOS VIKINGOS EN AMÉRICA. Destino. Barcelona, 1990, páxinas 22-27. Na tabela do grosor do xeo Oceânico arredor de Islândia a partir do ano 1000, un excelente indicador por este autor manexado, advirtese un grave recrudecemento climático na illa a partir do 1200, logo dun período quente, iniciado arredor do ano 866, con oscilacións, ata atinxir a súa máxima deterioraçión no ano 1900. Dende entón a situaçión mellorou de modo ostensíblel ata voltar nos últimos anos do presente século a cotas similares ás do 1200, feitoo que coincidiu cun espectacular desenvolvimento demográfico, económico e cultural no país. Este último dato concorda cos informes recollidos por Christian Kempf en SIPTZBERG, TERRE POLAIRE, Editions de L'est, Paris, 1994, quen, na súa páxina 30, sinala que a temperatura média das illas Spitzberg  incrementouse en 8° C nos últimos 80 anos, en tanto que, no mesmo periodo, a da Groenlándia subira 4,5° C e a da Escócia 1,5° C, o que parece indicar que a Terra está a quecer polos pólos. Son semellantes as conclusións da maioria dos estudos paleoclimáticos que se veñen realizando, que coinciden en situar, tanto para a Islândia como para a Gronelândia, o seu óptimo climático no período Subtlântico Final, entre os anos 1000 e 1200.
(9)NJARDVIK, Njördur P., obra citada, páxinas 72 a 92. O acordo consistia no envio de seis naves durante os dous anos seguintes, estudándose a partir de entón a renovaçión do mesmo, à satisfación de ambas  partes. A finais do mesmo século, non obstante, a Coroa concederialle o monopólio deste comércio aos mercadores de Bergen, polo que o abastecimento ficou supeditado aos graves avatares económicos e políticos que sofreu esta cidade. A causa disto, no século seguinte, o XIV, houvo seis anos nos que tan só chegou à Islândia unha embarcación, e cinco nos que non o fijo ningumha. (JONES, Gwyn, obra citada, páxinas 101-102). Bergen tivo tamén umha representaçom hanseática dende meados dese século. A primeira Hansa fora establecida na Alemaña no ano 1259, entre Lübeck, Hamburgo, Vismar e Rostock. Posteriormente, a partir de 1358, Lübeck lideraria a chamada Liga Hanseática, que chegou a agrupar mais de 200 cidades. (OLIVEIRA MARQUÈS, A. H.: HANSA E PORTUGAL NA IDADE MEDIA. Ed. Presença, 2ª Edição. Lisboa, 1993, páx. 16; DUBY, Georges, obra citada, páxs. 62-63).
(10)LAGERQVIST, Lars O., obra citada, páxina 26.
LAURING, Palhe, obra citada, páxinas 105-109.
(11)NJARVIK, Njördur, P., obra citada, páxina 93.
(12)THORSTEINSSON, Bjorn: ENSKA ÖLDIN. Reykjavic, 1970, páx. 263.
PHILPOT, Don: THE VISITOR'S GUIDE TO ICELAND. Ashbourne, 2ª edic, 1991, pax. 168.
Erik WAHLGREM sustenta que a distancia máis curta entre a Islândia e a Groenlándia son os 287 quilómetros que se midem desde Snaefjölh, unha montanha de 793 m. de altura, que dista da Groelándia uns 22 quilómetros máis que Kögur. Afirma tamén que, cando hai vento do Árctico a visibilidade é excelente e pód-se albiscara Groenlándia dende as alturas dos fiordes occidentais da Islândia. Afirma así mesmo que, a causa das condicións atmosféricas de inversión óptica que por veces se dan no mar, as partes altas da costa de Groenlándia son visíbles, ou facilmente conxecturábles, dende os barcos situados no mar alto ao Oeste da Islândia. (Obra citada, páxina 76).
(13)Sobre Eirik o Roxo, e as colónias groenlandesas: CLAUSEN; Birthe L.: VIKING VOYAGES TO NORTH AMERICA. The Viking Ship Museum. Denmark. 1993, passim. GRAHAM-CAMPBELL, James, obra citada, páxs. 172 a 179. HAYWOOD, John: HISTORICAL ATLAS OF THE VIKINGS. Penguin Books. London, 1995, páxs. 92 a 99. HERRMANN, Paul: LA AVENTURA DE LOS PRIMEROS DESCUBRIMIENTOS. Labor, 1957: Capítulos VI, VII, e VIII. JONES, Gwyn, obra citada, passim. OXENSTIERNA, Eric Graf, obra citada, páxs. 237-255. PARIAS, L.H.: HISTORIA UNIVERSAL DE LAS EXPLORACIONES. Tomo I. Madrid, 1967, páxs. 286 a 305. WAHLGREN, Erik, obra citada, passim. LA SAGA DE LOS GROENLANDESES. LA SAGA DE EIRIK EL ROJO. Ediciones Siruela, Madrid, 1983, anotada por Antón e Pedro CASARIEGO CÓRDOBA.
(14)KARROW, R. W.: MAPMAKERS OF THE SIXTEENTH CENTURY AND THEIR MAPS. Chicago, 1993. Páxs. 364-365.
(15)Existen tamén várias reedicións deste mapa: J. METELKA (1896), NORLUND (1944), e SIRGURDSSON (1971) (14).
(16)LANDSTRÖM, Björn: EN BUSCA DE LAS INDIAS. Juventud. Barcelona, 1971, páx. 207.
(17)Estamos a manexar unha cópia da «Carta Marina» facilitada pola universidade de Uppsala (Suécia) en Agosto de 1996, de 87 x 63,7 cms., que, polas imperfeccións que presenta nalgúns puntos, debe de ser tirada da existente na Staatsbibliothek de Munique (Vide pontos 18 a 21 ).
(18)LARSEN, Sofus: DINAMARCA E PORTUGAL NO SÉCULO XV, Biblioteca Nacional, Lisboa, 1983, páx. 35.
(19)LARSEN, Sofus, id, id. páxina 34.
(20)Id. Id. páxinas 33 e 34.
(21)STETOFF, Rebeca: MAPS AND MAPMAKING: British Library. London, 1995, páxina 186.
(22)LARSEN, Sofus, obra citada, páxinas 60 a 91.
(23)SERRÃO, Joel: DICIONÁRIO DE HISTÓRIA DE PORTUGAL. Figueirinhas, 1992. Tomo II, páxinas 44-45.
(24)MASCARENHAS BARRETO, Augusto: O PORTUGUÊS CRISTOVÃO COLOMBO AGENTE SECRETO DO REI DOM JOÃO II. Referendo. Lisboa, 2ª edição 1988, páxs. 67-68. (Domínio «filipino», é a unión coa  España de Filipe II, Filipe III e Filipe IV, un período no que Portugal acabaria  por deixar de existir coma reino, para se converter nunha simple província de Castela, e prohibiuse a publicación de obras en português, entre outras cousas).
STETOFF, Rebeca, obra citada, páx. 80. Esta autora lembra tamén que unha grande parte dos documentos existentes na Casa da Índia, a axencia que organizaba e controlaba as expedicións portuguesas,  perdêronse no grande terremoto de Lisboa de 1755.
(25)Este feito, coma nolo lembra Sofus Larsen, na páxina 26 da súa obra, está avaliado polo humanista Eneas Silvio Piccolomini (1405-64), nos seis derradeiros anos da súa vida, papa Pio II, na súa inacabada Historia rerum ubique gestarum, unha das obras anotadas por Cristobal Colón que ainda se conservan.
(26)SERRÃO, Joel, obra citada, Volume V, páxs. 29-31.
(27)THORSTEINSSON, Bjorn, obra citada, páx. 270.
(28)SERRÃO, Joel, obra citada, Tomo V, páx. 414.
(29)Id. id., Tomo VI, páxinas 676-677.
(30)OLIVEIRA MARQUÈS, A. H., obra citada, páx. 43. Vid. (9).
(31)FERREIRA PRIEGUE, Elisa: GALICIA EN EL COMERCIO MARÍTIMO MEDIEVAL. «Pedro Barrié de la Maza». Coruña, 1988, páxs. 567-69.
(32)Id. id. id., páxinas 622-623 e 654. Unha anécdota que ilustra esta relación é a que recolle o historiador João de Barros (1496-1570), na súa obra Ásia. Década primeira, Livro I, cap. 15, onde indica que don Henrique o Navegante enviara un Ieón a «un fidalgo inglês, grande seu servidor, que vivia en Galueu». É dicir, en Galway, Irlanda.
(33)PARIAS, L. H., obra citada, Tomo II, Madrid, 1968, páxs. 37-39.
(34)O enlace celebrouse en 1486. Joana de Mando era irmá de Jobst de Utra, casado cunha filha de Joám Vaz Corte-Real. Behaim viviu dende entón ata 1490 na illa do Faial. LARSEN, Sofus, obra citada, páxs. 93-98.
(35)STEFOFF, Rebecca, obra citada, páxs. 53-54.
(36)SERRÃO, Joel, obra citada, tomo I, páx. 42.
(37)LARSEN, Sofus, obra citada, páxs. 12-13. LANDSTRÖM, Bjrön: EN BUSCA DE LAS ÍNDIAS. Juventud. Barcelona, 1971, páx. 172.
(38)PERES, Damião: HISTÓRIA DOS DESCOBRIMENTOS PORTUGUESES. Vertente. Porto. 4.ª edição. 1992, páxs. 92 e 98-100. Este historiador cre, que o nome orixinal do malogrado descubridor debeeu de ser Abelhart. ZURARA, Gomes Eanes: CRÓNICA DA GUINÉ. Civilização. Barcelos, 1973, páxs. 395-401.
(39)BOBE, Louis: AKTSTYKKER..., obra citada, páxina 307.
(40)FUENTES PASTOR, Jesús: CRÓNICA TEMPLARIA. Iberediciones. Madrid, 1995, páxs. 130-40. MASCARENHAS BARRETO, Augusto, obra citada, páxs. 57-58.
(41)LARSEN, Sofus, obra citada, páxs. 17-21.
(42)LAURING, Palhe, obra citada, páxs. 114-17.


SEGUNDA ENTREGA


E. O REI DE PORTUGAL QUE ALENTOU A IDEA

     Aclaradas estas cuestións, e sabedores xa de que o abó do monarca dinamarquês Christian III, en cuxo reinado afirma Carsten Grypp que tivo lugar a expedición, foi Christian I, tentemos coñecer agora quen puido ser ese rei de Portugal, a convite do cal foi aquela levada a termo.
     O referido Christian I reinou en Dinamarca do 1 de Setembro de 1448 a 21 de Maio de 1481, data do seu pasamento (1). Pois ben, en Setembro de 1448, o rei do veciño país era Afonso V, mozo aínda de dezaseis anos, acabado de saír dunha difícil minoria de idade. Trátase do mesmo monarca posteriormente,  coñecido coma «O Africano».
     Por unha máis que sorprendente coincidencia, Afonso V morreu  no mesmo ano que o rei dinamarqués, concretamente a 28 de Agosto de 1481. É dicir, tres meses despois (2).
     Coma consecuéncia, ningún outro monarcai português puido ter a ocasión de entrar en tratos con Christian I. Lembremos a este respeito que Afonso V lle enviara ao dinamarqués coa data de 11 de Jullo de 1461 unha carta por man de Herolden Lolland. O retorno de Lolland a Dinamarca puido ter servido para estreitar as boas relacións que parecen ter existido entre ambas cortes, dado que no documento este aparecia expresamente recoñecido coma «passavante» ou «mensaxeiro» do seu Señor. O contido da misiva, sen embargo, non nos permite pensar, coma aventura Sofus Larsen, na posibilidade de que puidese ter sido este passavante portador xa dalgunha proposta relacionada coa exploración que estamos a tratar (3).



F. OS PROTAGONISTAS DA EXPEDICIÓN

     Ocupémonos agora dos navegantes que, segundo Carsten Grypp, «forom providos dalgúns navios polo augusto abó da Vosa Maxestade, o Rei Christian I, para procuraren novas terras e illas nos mares do Norte».


F.1:  HANS POTHORST

     A figura de Hans Pothorst vai ineluctablemente unida á de Didrik Pining, polo que nos imos ocupar aqui nada máis que dos aspectos biográficos do primeiro que sexan diferentes dos do segundo.
     A investigación actual considera que Pothorst debeu de nacer na Alemaña (4), arredor do ano 1440, e que morreu, tamén, posiblemente, antes de 1493.
     Un feito debidamente contrastado xa é o de que en 1484 pasou, tamén en unión de Pining, ao servicio de Jacob de Oldenburg, sobriño de Christian I, participando coma corsário, e despois  soldado, na guerra naval anglo-dinamarquesa de 1484-90 (5).
     Debeu de terse establecido nalgún momento da súa vida na vila de Helsingor, xá que aparece representado, co seu escudo de armas, nunha das abóbedas da nave lateral sur do convento carmelita desta cidade, hoxe igrexa de Santa Maria. Un lugar da mesma que estaba reservado aos benefactores importantes. O texto que acompaña á representación indica que foi el quen sufragou as obras de construción das abóbedas. Así mesmo, o contido da pintura, que se considera posterior a 1493, parece dar a entender que morreu no mar (6).



Figs. 11a, e 11b:
O centro de Helsingör, Dinamarca, contemplado dende o peirao do sudeste. Detrás do barco vese a igrexa de Santo Olaf e, no limite da dereita, unha das torres da de Santa Maria, nunha de cuxas abóbedas aparece esta imaxe de Hans Pothorst. O controvertido naveganter sufragou do seu pecúnio as obras das abóbedas do templo, naquela altura un mosteiro carmelita.


F.2: DIDRIK PINING

     Tanto ou máis escuras e controvertidas que as de Pothorst son as contadas informacións que acerca de Didrik Pining existen. O case sempre ben informado Paul Hermann considera a ambos como alemáns ao servicio da coroa dinamarquesa (7). E inquirindo no apelido estimase tamén que Pining debeu de ter nacido en Hildesheim, quizá antes do ano 1450.
     Datos firmes da súa biografia, en cambio, son os feitos de ter sido gobernador da Islándia entre 1478 e 1490, e que, ademais de ter estado ao servicio de Jacob de Oldenburg, xunto con Pothorst, e participado coma corsário, e despois coma soldado, na guerra naval anglo-dinamarquesa de 1484-90 (8), no ano 1487 mandaba unha sección da flota dinamarquesa na guerra contra Sten Sture «O Velho», rexente da Suécia. Nesta ocasión Pining conseguiu gañar Gotland para Dinamarca (9). Ese mesmo ano fóronlle concedidos honores entre a nobreza norueguesa, segundo aparece reflexado no Rigsarkivet (Arquivo Nacional) (10).
     A súa estadia na Islândia coincide co esmorecimento das viaxes comerciais inglesas á illa, comezadas a princípios de século. Este intercambio, non sempre pacífico, así coma os enfrpntamentos entre ingleses e alemáns na própia Islándia, atópanse aceptablemente documentados, e foron estudados por Bjorn Thorsteinsson (11):
     Hai constancia documental, así mesmo, da concesión de licencias para trafegar coa illa para naves procedentes principalmente de Bristol, Hull e Darmouth, ademais dun número máis reducido para outras con base noutros portos. Tanto estas, como as que simplemente pescaban, partian de Inglaterra entre os meses de Febreiro e Maio, para retornar de Jullo a Setembro, con peixe fresco, así coma liño, falcóns e xufre. E existen, igualmente, numerosos documentos e denuncias que se ocupan dalgúns dos moitos navios non autorizados que realizabam a mesma actividade.
     As relacións entre ingleses e islandeses non foron todo o boas que debían en circunstancias que se presumían nada máis que mercantis. Están documentados saqueos británicos, roubos, e mesmo ataques armados, nun dos cales, en 1467, chegou a perecer o gobernador Bjor Thorleifsson.
     Así mesmo, nos anos 1471, 1474 e 1475, várias naves inglesas que navegaban ilegalmente à Islândia atacaron e roubaron os cargamenteo de dous comerciantes da Hansa, sendo unha das testemuñas dunha das acusacións que contra aquela se formularon, o entón gobernador, Henrik Daniel. A Hansa fora autorizada a comerciar coa Islándia por Christian I no ano de 1468, baixo a condicións de que as súas naves non invernasen na illa (12). Así mesmo, en 1477, unha nave hamburguesa atacou outra inglesa, de Hull, nas imediacións da vila de Hafnarfjordur, o principal porto da Islándia, moito próximo a Reykjavik.
     Esta breve digresión lévanos abertamente ao limiar do ano 1478, data na que parece que, por primeira vez, foi nomeado Pining gobernador da Islándia. Ignoramos se por iniciativa própia —era de procedéncia alemá—, ou por imposición do seu própio monarca —estábase a dar unha tensa situación que acabaria pouco depois en guerra aberta entre Dinamarca e Inglaterra—, o certo é que o seu mandato coincide co incremento do comercio da Hansa na illa, à custa do inglés. É posíble que o comentario de Olaus Magnus de que na Islándia existia un corpo de guardas montados (13), corresponda a este tenso período.
     O restablecimento do vello equilíbrio mercantil non voltará senón coma consecuéncia da paz asinada polos monarcas Hans I da Dinamarca e Henry VII da Inglaterra, no 20 de xaneiro de 1490, que  decidiu que os ingleses puidesen comerciar de novo directamente coa illa. O feito precede nuns meses o nomeamento de Pining coma Gobernador de Vardohus, ou fortaleza de Vardo, situada numha illa do extremo nordeste da Noruega, máis alá do Círculo Polar; a praza forte máis setentrional de todo o planeta.
     Antes de deixar o cargo, no 1 de Jullo dese mesmo ano, Pining promulgou a súa famosa lei sobre o comercio, que parece refrendar outra súa do ano anterior: «Decretamos que os alemáns e os ingleses teñen que gardar a paz entre eles aqui na Islándia, mentres estean  en porto, pola autoridade real non poder ser exercida se eles non guardan a paz entre si, usando cada grupo os portos que lles conveña. Que non se negocie cos que rompan a paz, e que paguen a multa arriba indicada» (14).
     O feito aparece confirmado por unha testemuña un tanto atípica. No ano 1625, o compilador británico Samuel Purchas publicou unha monumental obra sobre descobrimentos e navegacións, na que aparece a seguinte información, tomada, segundo indica, dun libro de contabilidade das illas Faeroe, cen anos anterior:
     «Punnus e Potharse viviron tamén algum tempo na Islándia e às veces saían ao mar, e faciam o seu comércio na Groenlándia. Punnus deu aos islandeses as súas leis e mandou polas por escrito. Son as chamadas Leis de Punnus.» (15)
     Punnus e Potharse son a versión inglesa de Pining e Pothorst. Importa que advirtamos a especial releváncia que os veciños feroeses pareceron darlle a estas oportunas leis, que, polo que a História nos informa, foron promulgadas imediatamente antes de que Islándia coñecera un longo período de prosperidade. Non é menos importante o feito de que ese libro de contabilidade, case coetâneo coa promulgación das mesmas, soubese tamén que tanto Pining coma Pothorst viviran «algún tempo» na Islándia e que comerciaban na Gronelándia.
     É ben sabido, por outra banda, que apenas contamos con rexistros documentais que refrenden a existencia de contactos cos establecimentos nórdicos nesta illa ao longo do século XV. Estes reducense aos testemuños de varios islandeses que estibérom na Colónia Oriental, em 1410, á posíble visita do xeógrafo dinamarquês Claudius Clavus, con anterioridade a 1425 (16), ou ás referencias indirectas do tratado con Inglaterra de 1432. Sen embargo,  existen probas que demostran que houbo sempre unha estreita e constante relación  coa afastada Groenlándia.
     Estas foron achegadas pola exumación dos túmulos do seu asentamento Oriental. Neles aparecerom puchas arredondadas coa cresta plana, así coma chapéus, cofias e carapuzas das chamadas «liripipe», que se dependuraban  ás costas, comercializadas no vello continente a princípios do século. Ademais, onda eles, habia tamén gorros borgoñeses, xeralizados na Europa arredor do ano 1475, así coma puchas cónicas das que se erguen sobre a fronte e se alongan na nuca, moda na França do reinado de Luís XI (1461-83), e no do seu fillo Carlos VIII (1483-98). E atopáronse tamén vestidos con várias dobreces cosidas à altura da cintura, un deles con escote en "V", moda tamén de finais do século XV na Europa (17).
     A presencia destes productos europeos significa que houbo constantes intercámbios comerciais entre o vello continente e Groenlándia. A cronoloxía destes achados permite considerar, así mesmo, que tales intercambios se dérom tamén durante os anos nos que Pining foi Gobernador da Islándia, polo que moi ben puideron algúns ter sido realizados por el mesmo, tal como afirma o informe feroês, e que continuáron despois de 1490, data na que o deixou de ser.
     Ignórase se o feito de ser destinado entón a un lugar tan afastado coma Vardo, puido ser unha concesión ás demandas de Henry VII, por consideralo persoa escasamente proclive aos intereses ingleses. Un prémio, é claro que non parece. Tampouco sabemos con exactitude que lle puido ter acontecido despois. Non hai constancia de que o seu novo destino se tivese prolongado sequera un ano máis (18).
     No verán seguinte chegaron confusas novas a Islándia, através dos mariñeiros alemáns e ingleses que visitaban o país, que aseguraban que o seu antigo gobernador morrera no estranxeiro (19). Nese momento fora nomeado xá outro personaxe para o desempeño do cargo (20).
     Por medio destes fragmentários relatos parece claro que tanto Pining como Pothorst actuaron coma corsários ao servicio da coroa dinamarquesa, cousa que, por outra banda, e por necesidades de Estado, facían case todos os homes de mar de calquera país. Así mesmo, pódese estimar que Pining debeu de verse na necesidade de actuar con certa enerxia nos conflictos xerados na súa xurisdición, tanto pola actuación da Hansa, entón emerxente, coma pola prepotencia coa que, ata aquel momento, se viñeran conducindo na Islándia os ingleses. Mais deberemos de considerar tamén coma un feito bastante prováble, por proceder o informe de xentes neutrais, que ningún interese debian ter en deturpar a realidade, a opinión feroesa de que ambos comerciaron coa Groenlándia.
     Máis dubidosas xa, ainda que non por iso en absoluto rexeitables, parecennos as opinións de Olaus Magnus e Hyeronimus Gourmontium, que os consideran nada máis que piratas (vide as notas 16 a 20 da primeira parte deste Estudo). Os diversos cargos que ostentou Pining, o seu enobrecemento, ese mesmo informe do libro de contabilidade feroés, e, por riba de todo, o disparatado que supón convertir o inhabitáble e distante illó de Hvitserk na súa base de operacións (21), concédenlle escasas probabilidades de verosimilitude a esta opinión sobre a última parcela da súa vida.
     Por outra banda, a través dos precarios datos que se coñecen, parece que se pode situar o momento do seu pasamento, ainda que con moitas reservas, arredor do período 1491-92 (vide tamén o comentário da nota 10 da primeira parte). Por iso temos de ver con escepticismo tanto o informe recollido por Olaus Magnus de que a utilización de Hvitserk por parte de ambos comezara en 1494, coma que as queixas dalgúns comerciantes a respeito da súa actuación contra eles se alongasen nada menos que ata 1499 (22).
     As dúbidas acerca do último período da vida destes homes, a causa de tantas contradicións, persistirán sempre. Mais sexamos prácticos. Tal período da vida destes personaxes é posterior xá à morte de Christian I, atopándose polo tanto, fora da cronoloxia da viaxe que estudamos. O que a estes efeitos nos debe de importar realmente é nada máis que saber se contamos con motivos para os poder relacionar, tanto histórica coma xeograficamente, coa área do noroeste atlántico na que tivo lugar a expedición por eles comandada. E, através da opinión xeralizada que vimos de examinar, parece clara a presencia de Pining, polo menos a partir do ano 1478, na Islándia, e, nun momento aínda non determinado, tamén a de Pothorst.


Fig. 12:
Bessastadir, situada a escasa distancia ao sur de Reykjavik, é na actualidade a residência oficial do Presidente de Islândia. Na Idade Média, en edifícios entón de moita menor entidade, era o dos gobernadores da illa. Nela residiu Didrik Pining cando ostentou este cargo. No canto da imaxe, unha reprodución do seu selo.


F. 3: A CONTROVERTIDA ROCHA DE HVITSERK

     Ordenándoos de xeito cronolóxico, os relatórios que acerca deste lugar, tan estreitamente relacionado cos  navegantes que nos ocupan, puidemos atopar son os seguintes:


1482:Mapa publicado en Ulm por Donnus Nicolaus Germanus coa súa edición da Xeografia de Ptolomeo. No extremo meridional da Groenlándia, nel chamada «Engronelant», aparece uha illa costeira que denomina «Vidisareter». (23)
1532:O humanista bávaro Jacob Ziegler publica en Strasburg o seu mapa Schondia, ou territórios escandinavos, acompañado dunha exposición histórica (24).
Dentro da simplicidade do deseño, observanse nel dous puntos clarisimamente resaltados: un no occidente da Islándia, o «Hekelfol Promontorium», e o outro, fronte ao mesmo, na costa oriental groenlandesa. Trátase do perfil dunha montaña, á que denomina «Hvetsardk Promont.» (25)
1539:A «Carta Marina», de Olaus Magnus Gothus, mostra, coa a denominaçom de Hvitsark, o deseño dunha rocha xigantesca, moi semellante à anterior, a medio camiño entre o extremo noroccidental da Islándia, e o que parece ser a punta meridional da Groenlándia. O penedo atópase case oculto nunha figura de tres grandes circunferéncias concéntricas, con dezaseis radios, o que fai pensar nunha representación da rosa dos ventos.
Na seción B do texto de apoio indícase que os groenlandeses son uns expertísimos navegantes que, nas súas embarcacións de pel, atacan, apodéranse e afunden a machetazos as naves (26).
A «Opera Breve», un folleto publicado no mesmo ano polo mesmo Olaus para un máis axeitado manexo do mapa, denomina á referida figura «uno horlogio»... «con lettere de piombo», —un relóxo... con letras de chumbo—, e considera a Pining e Pothorst coma «pirati dil mare».
Na súa «Ain kurze Auslegung und Verkleeung», unha tradución bastante libre ao alemán da «Opera Breve», o «horlogio» aparece tranformado no que parece máis lógico: «ayn pley compast», «um compasso» (27).
Ambos folletos afirman que este sinal servia para advertir aos navegadores dos perigos das ribeiras da Groenlándia, e engade que os indíxenas tiñan por costume furar baixo a liña de flotación os navios que atacaban (28).
1548:Os mapas de Islándia de Hieromymum Gourmontium sitúan a escasa distánncia do extremo noroeste desta, unha illa de paredes case verticais, iconográficamente semellante tanto á de Ziegler como á de Magnus, na parte central da cal figura tamén a triple circunferéncia. Mais, a diferencia da «Carta Marina», esta contén catro radios que sinalan os catro puntos cardiais. Sobre elas aparece a liña incompleta dun compás.
O texto sobre Pining e Pothorst, do que nos ocupamos no apartado C, aparece debaixo da illa.
1551:Na súa carta ao rei Christian III, Carsten Gripp, afirma que nos mapas por el encarregados constaba que:
«No penedo de Wydthszerk, diante da Groenlándia, mesmo fronte a Sniefeldsiekel, na Islándia, ergueron —Pining e Pothorst— un grande marco, —«eyn groidth baa»—, virado para o mar, por causa dos piratas groenlandeses que, en grande número, con moitas pequenas embarcacións sen quilla atacan de improviso os navios».
1555:A «História de Gentibus Septentrionalibus», de Olaus Magnus, refire que Hvitserk é unha «rocha alta». Un gravado que aparece na mesma mostra un compás de grandes dimensións no «Mons Hvitserk» . Indica así mesmo Olaus Magnus que neste «Mons Hvitserk» é onde se instalaron no ano 1494 Pining e Pothorst, logo de seren desterrados a causa dos seus actos piráticos (29), e repite o feito de afundir as naves utilizado polos groenlandeses residentes nas súas inmediaciónes (30). Non relaciona, sen embargo, con estas accións a colocación do xigantesco compás, agora con liñas e círculos de chumbo (31), mais si  coa pirateria de Pining, xa que, segundo el, servia para indicar ata onde os navegantes podiam chegar (32).

     Existen, pois, acusadas diferencias sobre a situación deste accidente xeográfico. Non as hai, sen embargo,  respecto á súa morfoloxía, xa que parece xeralizada a opinión de que se trata dun lugar elevado. Mais, dado que na distáncia entre Islándia e Groenlándia non existe terra ou illa algunha, podemos simplificar o debate rexeitando xá, de entrada, cantos informes a situen nese tramo.
     Pola contra, Jacob Ziegler sabe que Groenlándia significa «Terra Verde» (33), denomina «Terra Bacalhaus» à súa parte meridional (34), e sitúa o Promontório de Hvitserk na costa leste da illa, debuxando ao mesmo tempo o seu perfil. Así mesmo, Carsten Grypp é coñecedor da proximidade deste à Groenlándia, fronte ao islandés Sniefeldsiekel, —que non é outro que a destacada península de Snaefellsnes— , no extremo da que se ergue o curuto do glaciar Snaefells, de 1446 m de altura. Este topónimo, descoñecido tanto por Olaus Magnus coma por Gourmontium, foi sempre umha referencia de primeira magnitude para as naves que se encamiñabam à Groenlándia (35).
     Para tentar localizar este acidente non queda outro remedio que botar man das antigas régulas de navegación dos Viquingos, reelaboradas polo arcebispo Erik Valkendorf, a princípios do século XVI, coa intención de localizar as vellas colónias groenlandesas. O própio Jacob Ziegler coincidiu con este prelado en Roma no período 1522-23, obtendo do mesmo abondosa información para a súa obra sobre Schondia, segundo confesa na introdución á mesma (36), polo que a localización que lle concedeu no seu mapa moi ben puido ter sido debida a este intercambio.
     A citada reelaboración precedeu en varias décadas á carta de Carsten Grypp. Vexamos o que a mesma contén, con Hvitserk relacionado:


«Situándose ao sur do Brede Fiord, na Islándia, tómese rumbo oeste ata avistar "Hvidserch", na Groenlândia. Entón cóllase o rumbo do sudoeste, ata que "Hvidserch" fique ao norte».

     O «Brede Fiord» é o actual Breidafjörd, o golfo situado ao norte da península de Snaefellsnes, à que Carsten Grypp, que escribe en antigo Baixo Alemán, denomina Sniefeldsiekel. E é claro que Hvitserk se atopa ao oeste desta península (sur do Brede Fiord).

«A medio camiño entre a Groenlándia e a Islándia, con tempo claro e límpido, veránse montañas moi elevadas, chamada Sneffelss Jochell, a situada na Islándia, conforme dixemos xá, e "Hvidserch" a da Groenlándia» (37)

     Esta outra indicación sitúa xa inequívocamente Hvitserk na Groenlándia, puntualizando ao mesmo tempo que, navegando cara ao occidente, en liña recta, dende Snaefellsnes, no extremo da cal se ergue o Snaefelljökul, com 1.446 metros de altura, e antes de perdelo de vista, enxergaráse a proa, fronte ao mesmo, Hvitserk, unha das grandes alturas da ribeira groenlandesa. Unha referéncia que ningún piloto podia deixar de utilizar para salvar os 600 quilómetros que en linha recta separan ambos acidentes.
     A referencia lévanos abertamente à área das actuais Angmagsalik e Kap Dan na latitude 65° 35'. A primeira é unha illa costeira de grande extensión e acusado releve, cunha altura máxima de 1.352 metros, cuberta de xeo, de rango apenas inferior ao do Snaefellsjökull, capaz por tanto de se converter noutra referéncia da necesaria entidade. En canto ao Kap Dan, é o extremo meridional da pequena illa de Kulusuk. Trátase dunha rocha en forma de cúpula, de 350 metros de elevación, situada na mesma liña de observación que as alturas de Angmasalik, ás que precede, próxima, así mesmo ao monte Qalorujôrneq, de 660 metros, na propia Kulusuk (38).
     Existen tamén alturas bastante máis acusadas que estas, ainda que lixeiramente máis ao interior e ao norte da área reseñada (39), capaces de ser vistas dende o mar. Mais o feito de que en Hvitserk se situen tanto o Sinal coma o refuxio de Pining, así coma o ataque dos indíxenas groenlandeses, parece apuntar a que a ignota rocha se atopaba en plena costa. E dado que Kulusuk é o primeiro lugar ao que ten de aceder qualquera embarcación que chegue de Islándia, e de que a súa morfoloxía se corresponde coa estrutura máis xeralizada entre os xeógrafos que de Hvistserk se ocupáron, temos queconsiderar a esta pequena illa como a súa máis posíble localización. Tanto Kulusuk como Angmagsalik son, ademais diso, dous dos escasísimos puntos desta difícil ribeira utilizábles por embarcacións, mesmo no outono.
     E se, coma se indica na primeira das normas reseñadas, unha vez enxergado dende lonxe Hvitserk, se toma o rumbo sudoeste, este punto de referencia situaráse efectivamente, ao norte, à popa da embarcación.
     Lembremos tamén, que o recrudecimento climático foi causa de acontecementos de grande releváncia para as colónias nórdicas de Groenlándia, entre eles o da modificación, cerca do ano 1300, da disposición dos seus edifícios, para unha mellor conservación do calor (40).
     A mudanza deu orixe tamén a unha importante migración esquimó. Este pobo permañecera ata entón instalado no norte da illa, máis alá do paralelo 76°. A precariedade climática, que levaria ás focas a se procurar latitudes máis meridionais, fixoo ter de iniciar un seguimento destas, ao longo da liña costeira, arredor do ano 1200 (41).
     Case un século antes de que Pining e Pothorst visitasen Hvitserk, chegáron a ela os Esquimós. Tratábase de esquimós da cultura Thule, que despois de teren ocupado, e quizais destruído, Vestribyggd, a Colónia Ocidental, e presionado sobre Eystribyggd, a Oriental, ultrapasaran o cabo Farvel, ao leste, para se establecer na área de Angmagsalik, nas inmediacións da cal, como acabamos de ver, parece que se atopaba o tan debatido Hvitserk (42).
     Foron eles, tal como refire Olaus Magnus, confirmando ao mesmo tempo a opinión de Carsten Grypp, os que atacaban as naves, en Hvitserk, ou nas súas proximidades, entre elas, posiblemente tamén as de Pining e Pothorst, utilizando os seus caiaks de peles.º
     Aclarado isto, compre que falemos xa do tan comentado sinal que se afirma situáron Pining e Pothorst en Hvitserk. A pesar das diferentes interpretacións que sobre a súa condición e finalidade existen, a natureza destas, así coma os propios deseños que sobre el nos forom transmitidos, inclinan a pensar que debeu de tratarse dun compás. Contamos, ademais, cunha testemuña que, aínda que máis dun século posterior ao tempo que estamos a analisar, parece confirmar esta apreciación. Atópase no diário de Sigvard Grubbe, personaxe que en 1599 acompañou ao monarca dinamarquês Christiam IV (1588-1648), na súa viaxe á fortaleza de Vardö, na extrema nororiental da Escandinávia:


«12 de maio: Doblamos o Cabo Norte, na cima do cal hai un compás metido na rocha».

     Ou sexa, que o feito de que Hvitserk contase na súa parte alta cun compás, colocado, ou gravado, e, se acaso, con letras ou liñas de chumbo, coma pretende Olaus Magnus, non se trata dun caso único. O própio Sigvard Grubbe, autor desta anotación, sabe ademais que o tantas veces aqui referido Pining fora comandante da fortaleza de Vardö, situada aproximadamente a dia e medio de navegación do Cabo no que acababan de advertir este compás (43).
     O Cabo Norte é un destacadísimo accidente; un enorme promontório chan que sobrepasa os 300 metros de altura. Lembremos o que xa en parte referíamos na nota 10 da primeira parte deste traballo acerca de que ese cargo de Pining levaba aparellado o de «Lensherre», ou gobernador do condado, do que Vardö era entón cabeza. É dicir, do actual Finmark, ao que o Cabo Norte pertence. ¿Significa isto que este outro compás, ao parecer semellante ao de Hvitserk, puido ser tamén da autoria do antigo gobernador de Islándia?
     Evidentemente, non contamos con probas suficientes para nos pronunciar. En todo o caso, a analoxía da existencia dun compás nun punto tan sinalado para a navegación coma é o Cabo Norte, situado en território baixo a dependencia de Didrik Pining, confírelle moitas posibilidades de que poida ser tamén obra súa, xa que sabemos que colocara outro semellante noutro lugar de características tan relevantes como as deste, como é o caso da rocha de Hvitserk. Non se prodigaba, sen embargo, este tipo de sinais, ao parecer, daquela. Polo menos non hai testemuños da existéncia de ningún outro, o que aumenta as posibilidades de que ambos tivesen a mesma paternidade.
     Discutese así mesmo acerca da súa finalidade. ¿De que xeito poderia o compás de Hvitserk advertir aos navegantes acerca do perigo tanto das ribeiras groenlandesas coma dos piratas esquimós, ou da suposta pirateria do mesmo personaxe que ali o colocou (44), tal como se tira dos informes que posuímos?  ¿Tiña capacidade para iguais, ou parecidas utilidades o compás do Cabo Norte?
     Tampouco temos respostas claras para estas perguntas. Á hora de decidirnos por unha plausíblel aplicación práctica para estas instalacións, ainda sen esquecer as suxeridas por Olaus Magnus e Carsten Grypp, parece que non se debe rexeitar a posibilidade que a este respeito aventura Sofus Larsen:


«Paréceme bastante provable que Pining teña mandado colocar estes sinais nun sítio visíble do mar, para atestar que a respectiva illa, e o continente que lle ficaba por detrás, non eran terra sen dono». (45)

     Resulta altamente problemático, coma xa dixemos, que a illa Kulusuk, ou algún punto imediato desta perigosa xeografia, puidese ter servido a Pining e Pothorst para algo que non fose escala ocasional para o comércio que, segundo aquel libro feroés, practicaban con Groenlándia. Ningún deles ofrece a debida garantia para montar nel unha base estable, como a que se pretende que tiveron ambos. O própio Olaus Magnus lémbranos no capítulo 10 —«De naufragiis Gruntlandiae»— do segundo libro da súa «Historia de Gentibus Septentrionalibus», as terríveis galernas que, especialmente durante o tempo da Lúa chea, afectan a esta costa (46).

Fig. 13:
Así representou Hieronymus Gourmontium a Hvitserk e o seu compás nun dos seus mapas da Islándia publicados en Paris no ano 1548.

Fig. 14:

Hvitserk, tal como aparece no capítulo XI da Historia de Gentibus Septentrionalibus do norueguês Olaus Magnus, editada en Roma no ano 1555. Obsérvese a loita dun branco cun pigmeo. O deseño que figura na rocha, se non o compás do que se fala no texto, lembra a rosa dos ventos.

Fig. 15:
A distancia entre a vila de Angmagsalik e a illa de Kulusuk é de 19 qms. en liña recta. A vila de Angmagsalik, dende o sur. A baia ten aqui máis de tres quilómetros de anchura. O cume do fondo, o Polhems Fjeld, a uns 9 quilómetros de distáncia, acada os 1.030 metros.


G. A DATA DA EXPEDICIÓN

     Coñecidas as circunstancias que preceden, compre que tentemos situar no tempo a expedición obxecto deste traballo. E sabendo que Christian I, en cuxos tempos foi efectuada, estivo no trono dende 1448 a 1481, estes «terminus ante quen» e «post quen», sérvennos, se ben que nada máis que de xeito aproximado, para encuadrala sen ningunha clase de temor entre ambas..

 G.1: A EXPEDICIÓN, ¿EN TEMPOS DE DON HENRIQUE?

     Por outra banda, o reinado de Christian I coincidiu tamén cos primeiros tempos da expansión colonial portuguesa, que, coma comentamos, dera comezo o 21 de agosto do ano 1415 coa conquista de Ceuta (nota 23 da primeira parte).
     En contra da visión simplista que se adoita ofrecer sobre esta parcela da história de Portugal, a exploración do litoral africano por parte deste país non tomou ímpetu senón despois do descubrimento e colonización das illas atlânticas: Madeira, a partir de 1420, ou Açores, depois de 1427, así coma da concesión ao infante don Henrique das prerrogativas de administrador da Orden de Cristo —1420—, e de importantes prebendas económicas entre 1433 e 1446 (nota 29 da anterior entrega).
     Conseguidos estes, as exploracións portuguesas, que apenas tiñan atinxido ata aquel intre a actual Agadir, na África setentrional, ultrapasarian o cabo Bojador xá no ano 1434, e, a pesar do desastre militar sufrido polo própio infante en Tánxer en 1437, no momento da chegada ao trono de Christian I —ano 1448— as súas naves ultrapasaban x o território da actual Guiné-Bissau.
     Mais, ao mesmo tempo, o Infante ocupábase taméndo Océno Ocidental. Unha realidade que moitos autores prefiren esquecer:


«Naquel tempo o infante D. Henrique, desexando coñecer as rexiónss afastadas do Océano Occidental, para saber se habia illas ou terra firme, máis alá da descrición de Ptolomeo, enviou caravelas a buscar terras»

     Son palabras ditadas na sua vellez ao xeógrafo Martin Behaim, por un antigo mozo de cámra do Infante, e máis tarde mariñeiro, escudeiro, escribán e xuiz de sisas: Diogo Gomes (47).
     ¿Mais, puido haber algún motivo polo que don Henrique chegase a se interesar polo inhóspito noroeste?
     No ano 1427, o xeógrafo dinamarquês, Claudius Clausson, ou Clavus, publicou, ao parecer por encargo do rei Erik de Pomeránia (1396-1439), unha edición da Xeografia de Ptolomeo, que incluía, por primeira vez, un mapa da Escandinávia, Islándia e Groenlándia, que parece ter visitado, complementado, pouco despois, con outro ampliado ao oeste da Groenlándia, con comentarios (48). Entre eles o que segue:


«A península da illa da Groenlándia esténdese dende unha terra inacesible ou descoñecida por causa do xeo, que se atopa contra o norte. Con todo, os paganos carelios, como eu mesmo tiven ocasión de observar, descenden a miúdo en grandes turbas á Groenlándia, chegados da outra parte do Polo Norte. Por consecuéncia, o océano nón rodea a terra firme onda o Círculo Polar, coma todos os antigos autores aseguran, e o nobre cabaleiro inglês João Mandeville non mentiu ao afirmar que da China viñera a dar a unha das illas da Noruega» (Vide nota 17 da anterior entrega).

     O cabaleiro ao que Claudius Clavus se refire podémolo considerar, aínda que con certas reservas, coma un navegante auténtico. A súa sona, sen embargo, procede da publicación a princípios da segunda metade do século XIV de «The Voyage and Travels of Sir John Mandeville, Knight», unha extraordinária obra súa que chegou a fascinar o mundo. En Portugal foi coñecida coma o «Livro das maravilhas».
     Trátase dun relatório de navegacións auténticas, complementado con acontecimentos históricos, costumes, lendas, así coma coa descrición da longa viaxe que afirma ter el mesmo realizado entre os anos 1322 e 1356, e que, seguramente, nunca chegou a facer. O relato, ben adoviado con lances de cabaleria e pinceladas románticas, serviu ao mesmo tempo para divulgar algúns coñecimentos científicos sobre a esfericidade da Terra, a habitabilidade da zona tórrida, a posibilidade de navegar os mares austrais co auxílio dunha estrela antárctica, ou a de atinxir un dos extremos do mundo partindo do outro.
     Describe así mesmo o reino do Preste Xoán, as terras onde estaban as desaparecidas dez tribos de Israel, a ave Fénix, as incríbles riquezas da China e do Exipto, a torre de Babilónia, o Paraíso Terreal, e informa sobre a existéncia de dragóns, serpentes venenosas, ou de seres humanos cunha sóa perna, cabeza de can, ou con esta situada no tórax (49).
     Esta sorprendente mistura de mentiras e verdades, especialmente as súas consideracións cosmográficas acerca da altura dos pólos e a posibilidade de navegar por eles, produciu un enorme impacto, en parte con base a un razoamento seu da máis estricta lógica:


«E isto pode moi ben ser, a pesar de tamén ser verdade que xente simple nono quere acreditar, que se poida andar polo lado de debaixo da Terra, sen se caír para o firmamento» (50).

     A credibilidade que entón se Ile concedeu aos escritos de John Mandeville, constantemente reeditados, influíu de xeito decisivo na concepción cosmográfica de finais da Idade Média e princípios da Moderna.
    Os predicamentos tanto desta obra coma do mapa de Claudius Clavus, que don Henrique non puido deixar de coñecer, poden ser máis que suficientes para xustificar a montaxe dunha expedición coma da que Garsten Grypp nos dá conta. Mesmo poderia falar no seu favor o feito de que Herolden Lolland, «passavante» ou «mensageiro» de Christian I, chegara a tomar parte en Outubro de 1458 na conquista de Alcácer Ceguer, perto de Tánxer, ás ordens do própio Infante (Vide o apartado D).
     Agora ben, a posibilidade cronolóxica de que a exploración de Pining e Pothorst se teña podido realizar en vida de Don Henrique, descansa no feito de que consideremos infundada a «estima» que fan os analistas de que o primeiro nacera arredor do ano 1450 (51), xa que, de ter chegado ao mundo nesa data, no momento da intervención de Lolland nos asuntos portugueses, Pining non seria nada máis que un neno.
     Apuremos, sen embargo todas as posibilidades. Consideremos coma tese de traballo, que o navegante contaba coa madureza suficiente para comandar a expedición con anterioridade a ese ano 1458, no que se levou a termo a conquista africana, que absorveu toda a capacidade do reino, tanto antes coma despois da operación.
     Mais, aínda que lle supoñamos unha idade de nada máis que duns 25 anos, na prudencial data estimativa de 1456, ven resultar que no momento no que foi designado gobernador de Vardö, ano 1490, Pining tiña de contar arredor dos sesenta. Unha idade non prohibitiva para o desempeño do cargo, dende logo, mais sí un tanto improvable, habida a conta do afastado e inclemente desa fortaleza de Vardohus à que foi destinado. E contaría con 64 e 69, respectivamente, no momento no que Olaus Magnus o sitúa en Hvitserk, e no que certos comerciantes o denunciabam coma presumíble e tenaz predador marítimo (52).
     Achégueselle  a isto o feito de que, tres anos depois da tomada de Alcácer Ceguer, morto xá don Henrique, Lolland retornou ao seu país. E aínda que a misiva da que foi portador parece non ter outra finalidade que a de recomendalo diante de Christian I, nela nada máis que se consideran coma méritos salientábles algunhas das súas actuacións en África. Non hai referências, nin alusións, que permitan sospeitar que o «passavante» poidese ter contribuído á organización da común expedición que aquí estamos a procurar.


Fig. 16 a e 16b:
Vardö, un luxo a 70º 21' 14'' de latitude: 3.200 habitantes, todos os serviços necesários para unha comunidade humana, e un túnel de 3 qms. que, a 88 m. baixo o nível do mar, a comunica coa terra firme e o aeroporto de Svartness. Do seu porto partiu en 1893 o explorador polar Fritjof Nansen co seu navio Fram. A imaxe foi tomada dende o sudoeste. Ao fondo, as illas de Reinöya e Hornöya, reserva ornitolóxica. En primeiro plano pódese advertir o «Vardöhus festning» ou «Fortaleza de Vardö», da que foi gobernador en 1490 Didrik Pining. Construída no ano 1307, foi reformada en 1460 e 1734. No seu interior hai unha sorveira, única árbore capaz de sobrevivir neste lugar, moi coidada polas autoridades, que mesmo se dan ao traballo de o gardar no inverno. Todos os anos, o 20 de xaneiro, os disparos dun dos cañóns da fortaleza encarreganse de comunicarlle aos veciños a xubilosa nova da reaparición do sol no horizonte, despois de vários meses de noite ininterrumpida.



 G.2: A DÉCADA DOS 70

        Consideremos agora como acertada a opinión historiográfica que estima que Pining e Pothorst debían de ser pouco menos que recén nacidos no ano 1448, cando comezou o reinado de Christian I.
     Coma consecuéncia haberá que supolos superando tamén, coma pouco, os vinte e cinco anos de idade no momento no que foron elexidos para comandar esta misión. Isto reduce as posibilidades cronológicas a nada máis que á década que se inicia en 1470, xa que Christian I desapareceu da escena en 1481. Unha maior aproximación poderíamola atopar no feito de ser Pining gobernador de Islándia, e polo tanto residente nela, en 1478.
     Trátase esta nada máis que doutra hipótese, xa que a ninguén se lle escapa que non resulta indispensáble que Pining tivese que estar a desempeñar un cargo na illa para que lle fose encomendada a exploración. O feito é significativo, sen embargo, no sentido de que demostra que, nesa data de 1478, o «sceppere» gozaba da confianza da coroa, o que converte ese momento, así coma os imediatamente anteriores e posteriores, os que parecen contar con máis posibilidades de ser aqueles nos que puido ter sido requerido para a finalidade que nos ocupa. Se as estimacións biográficas son acertadas, en 1478 o noso controvertido personaxe poderia andar polos 30 anos. Unha idade bastante idónea para esta clase de negocios.



G.3: PROBAS CIRCUNSTANCIAIS

       A «Carta Nautica» de Zuane Pizzigano do ano 1424, sitúa ao occidente da Península Ibérica várias illas. Interpretar este feito no sentido de consideralo coma unha proba irrefutáble para demostrar que antes dese ano tivo que haber expedicións de descuberta para o oeste, poderia resultar un tanto aventurado.
     Mais, se doce anos máis tarde, o Atlas de Andrea Bianco coñece o Mar dos Sargazos —«Questo xe mar de Baga» (53)—, o que si poderia resultar aventurado seria negar tal posibilidade. Consideremos isto en tanto lemos o que continua.
     Durante unha visita a Nurenberg, no período 1490-92, o xeógrafo Martin Behaim construiu un globo terráqueo no que recolle as descubertas e as exploracións portuguesas ata entón realizadas. Nee mostra máis de 1.100 topónimos, e abondosa información, anterior todo, coma é natural, à primeira viaxe de Cristóbal Colón, da que retornou en marzo de 1493..
     Neste globo e no que a Islándia se refire, Martin Behaim coloca un estandarte con tres leónss, os da Dinamarca, acompañado polo seguinte texto:


«Na Islándia encóntrase bonita xente branca; son cristiáns, e ali hai o costume de venderse os cans por alto precio e dar aos comerciantes, a conta de Deus, os própios fillos. Tamén se encontran na Islándia persoas de 80 anos que nunca comeron pan, nin medra ali o trigo, e en lugar de pan comen peixe seco. Na illa de Islándia pescan o bacallau, que é traído à nosa terra» (54).

     Nun grupo de illas situadas ao noroeste desta, —evidentemente Groenlándia— aparece un oso branco perseguido por un arqueiro, seguidos desta explicación:

«Hie fecht man weisen valken». «Aqui encóntrase xente branca». (55)

     Son informes en parte coincidentes cos que, várias décadas máis tarde, refire Olaus Magnus nas súas obras.


G.3.1: JOÃO VAZ CORTE REAL.

     Martin Behaim viviu na açoriana illa do Faial. E estaba casado con Joana de Macedo, irmá do tamén residente açoriano Jesse von Huertere, o mozo, esposo, á súa vez, dunha filla de João Vaz Corte Real, capitán donatário na Illa Terceira, dende o ano 1474, e da illa de São Jorge a partir de 1483 (56). João Vaz Corte Real pasou a residir no Faial en 1486, onde permaneceria ata a súa morte dez anos máis tarde (57). Significa isto que Behaim, máis coñecido en Portugal coma Martinho de Boémia, tivo que tratálo.
     Deste João Vaz sabemos que fora porteiro maior do Infante don Fernando, sobriño, herdeiro e sucesor de Don Henrique o Navegante. A etapa de Don Fernando —1460 a 1470, ano no que faleceu—, caracterízase polo total abandono da exploración marítima iniciada polo seu antecessor (58).
     Porén, catro anos despois, a sua viúva, dona Beatriz, concedeulle ao fidel João Vaz a capitania de Angra, na Illa Terceira, segundo consta en documento de data do 2 de Abril do ano 1474, inscrito no Rexisto do Arquivo da Câmara de Angra, fólio 70 (59).
     Case cen anos máis tarde, o bacharel e erudito açoriano Gaspar Frutuoso (1522-1591), escribia unha magna obra, «Saudades da Terra», en seis volumes, sobre os descubrimentos, dedicando dous deles à entón recente história do arquipélago. Un meticuloso traballo realizado sobre bases documentais, así coma coa recolla de testemuños, especialmente de xente vella, e tradicións familiares (60).
     Pois ben, no capítulo 9, do libro VI de SAUDADES DA TERRA, Gaspar Frutuoso, infórmanos do seguinte:


«E vindo o João Vaz Corte-Real do descobrimento da Terra nova dos Bacalhaus, que por mandado del-rei foi fazer, lhe foi dada a capitania de Angra da Ilha Terceira e da Ilha de S. Jorge»

      Semellante afirmación promoveria unha das máis acendidas polémicas da historiografia dos descubrimentos, ainda non o suficientemente esclarecida hoxe, na que, dende logo, non pretendemos entrar (61). Limitarémonos nada máis que a considerar os seguintes aspectos:

1º)Nun atlas portugués darredor de 1534, —40 anos posterior á morte de João Vaz Corte Real—, que se conserva na Biblioteca Riccardiana de Florencia, aparece un punto da costa americana denominado «Baía de João Vaz» (62).
     Así mesmo, o atlas lisboeta de Vaz Dourado, publicado em 1571, mais moi posiblemente inspirado, ou polo menos coñecedor do anterior, sitúa na Terra do Lavrador, unha chamada «Terra de João Vaz», e unmha «B. de João Vaz» (63).
     Máis tarde ainda, Cornelis de Jode, na súa documentadísima carta «Americae Pars Borealis», publicada en Antuérpia no ano 1593, e conservada na Biblioteca Newberry de Chicago, sitúa no extremo oriental do continente, por el denominado «Terra de Laborador», onda outros topónimos portugueses, un «Gio de Ioau Vanz» e unha «Terra de Ioau Vanz». A Carta contén tamén anotacións sumamente precisas  respeito das datas das descubertas realizadas por «Corterealis», «Sebastiano Gabatto», e «Iohaune Verazano».
2°)Un fillo de João Vaz, Gaspar Corte Real,  respeito do que contamos con abondosa, ainda que incompleta, documentación, fixo a súa primeira viaxe exploratória polas costas americanas no verán do ano 1500. Pois ben, aínda que estas terras ficaban fora da demarcación que o Tratado de Tordesillas lle concedeu a Portugal, e de que ningún dos documentos con este descubridor relacionados conteña referéncias ao seu pai, Gaspar Corte Real viaxou, sospeitosamente, polos mesmos lugares polos que o informe de Frutuoso leva ao seu proxenitor.

     ¿Son os citados, elementos suficientes para que poidamos admitir coma un feito inegable a participación de João Vaz Corte Real nunha expedición ao noroeste, e consideralo ao mesmo tempo coma unha das fontes utilizadas polo seu parente, Martin Behaim?  ¿Puido ter sido Gaspar quen bautizou estes lugares baixob a advocación, e en lembranza, do seu pai?

Fig. 17:
O Cabo Norte contemplado pola parte sur do seu extremo máis occidental. Unha rocha de 307 m de caída, coroada por un xigantesco globo terráqueo oco, confeccionado con hastas metálicas, que alcança uns 4 m de diámetro. Ignoramos se a súa colocación garda algunha relación co compas supostamente aqui deixado por Pining. O que si é certo é que o globo  tornouse xa en emblema do cabo. E aínda que o seu peso supera unha tonelada, cando hai vento rexo, xira sobre si mesmo a tal velocidade que parece unha superficie lisa.





G.3.2: O RELATO DE OLAUS MAGNUS GOTHUS

     Coma xa referimos, este prelado sueco ocúpase, na súa «Historia de Gentibus Septentrionalibus», das grandes galernas que teñen que padecer os navegantes na costa oriental da Groenlándia, especialmente no tempo de Lúa chea (64). E pontualiza:


«Son, porén, os portugueses entre os que teñen lugar, nestas singulares terras, onde buscan perpetuar a máis que fértil glória da sua estirpe».

     Resulta un tanto sorprendente esta tentativa de vinculación dun pobo tan meridional coma o português con naufráxios e dificuldades nas costas da Groenlándia, xa que as únicas referéncias acerca da súa presençia nelas se reducen a:

A)Informe do embaixador de Venecia, Pietro Pasqualigo, testemunha presencial do retorno en outubro de 1501 dunha das naves de Gaspar Corte Real a Lisboa, pola que soubo que, o ano anterior, avistaran outra terra, situada ao norte, à que non se poideram achegar a causa dos numerosos grandes blocos de xeo que habia no mar (65).
B)O Planisferio Cantino, (1502), que sitúa unha bandeira portuguesa no leste da Groenlándia, coa seguinte información:


«Esta terra he descober (ta) per mandado do muy esçelentíssimo princepe dom manuel Rey de Portugall a quall se cree ser esta a ponta dasia. E os que a descobriram nam chegárom a terra mais viram Ia e nam
viram senam serras muyto espessas polla quall segum (do) a opinyon dos cosmof(o)ricos se cree ser a ponta dasia» (66).


C)O mapa português do Atlas Kunstmann, da posíble autoria de Pedro Reinel (1519?), indica no punto que se corresponde coa Groenlándia:


«Esta terra vírom-na os portugueses, mas, nom penetrárom nela» (67).

D)Referéncia de Damião de Gois na súa «Chronica do felicíssimo Rei Dom Emanuel» (1566), na que afirma que Gaspar Corte Real denominou «Terra Viridis» —«Terra Verde»—, á «Terra Nova». (Incluímola aqui porque o topónimo pode ser o resultado da translocación do nome de «Gronlandia», que tamén  ten o significado de «Terra Verde») (68).

     Ningún destes textos presenta a menor alusión a galernas ou naufraxios. Mais parecen todos eles ter bebido nos informes procedentes da expedición de Gaspar Corte Real do ano 1500.
     Tampouco parece que se poida pensar que Olaus Magnus fose informado acerca das penalidades portuguesas en Groenlándia polo seu amigo Damião de Gois, con quen tivo tratos en Itália (69), xa que este ignora tales circunstáncias. Nin sequera as puido coñecer a través do informe de Pietro Pasqualigo, do «Planisferio Cantino», ou do Atlas Kunstmann, que tamén as descoñecen.
     Descartado que a referencia teña podido ser fruto da imaxinación do prelado sueco, e aínda que non contemos con textos que se ocupen explícitamente do caso, parece que atopamos aqui indícios da existéncia de algunha, ou algunhas, viaxes portuguesas á área de Groenlándia, distintas da de Gaspar Corte Real, e que deberon ser estas hoxe indocumentadas expedicións as afectadas polas galernas.
     Por outra banda, e aínda que escribiu con bastante posterioridade —entre 1539 e 1555— Olaus Magnus parece descoñecer esa semifrustrada expedición de Gaspar Corte Real a Groenlándia. Por outro lado, as súas obras foron publicadas nun momento de marcada preocupación na Escandinávia pola da situación das colonias Groenlandesas, coas que se perdera xa todo o contacto. Lembremos os proxectos do arcebispo Erik Valkendor, e as súas régulas de navegación. Ao deste prelado véñense a axuntar os documentos descubertos por Louis Bobé, dos anos 1520, 1521, 1528 e 1533, que se ocupan dos preparativos doutra expedición de axuda, que nunca puido ser levada a termo (70).
     A investigación actual, e os achados dos túmulos do asentamento Oriental así o parecen confirmar (71), estima que as granxas groenlandesas non deberon de sobrevivir moito tempo ao cámbio de século. Se isto é así, canto Olaus Magnus nos refire: troncos de árbores levados a Groenlándia polas correntes mariñas, violentos remuíños, presenciaportuguesa, temporais e naufraxios, ou os seus deseños coas tendas de verán dos groenlandeses, un esquimó disparando un arco, ou un home branco a loitar cun pigmeo, nunca poderán ser feitos acontecidos cando xa non habia colonos naquelas terras, nin ser posteriores ao momento da perda de contactos con elas. Por forza terán que ser anteriores a ese crítico momento.
     Olaus Magnus está a ofrecernos, con toda a probabilidade, informes relativos a tempos non demasiado afastados do de Pining e Pothorst, sobre os que conseguiu axuntar bastantes, ainda que un tanto discutíbles, testemuños, coma xa tivemos ocasión de ver.


Fig. 18:
Snaefellsjökull contemplado dende o sudeste de Reykjavik, a capital da Islándia. Cento  vinte quilómetros separan a fantástica montaña do punto de observación. Non pode admirar, pois, que as naves que partían para a Groenlándia —a 600 qm en liña recta— poidesem contemplala ata máis alá da mitade desa distancia. Mais, ao chegaren ali, podian orientarse xa polas alturas próximas a Hvitserk, no oeste.



G.3.3: JOHANNES SCOLVUS.

     O globo terrestre do astrónomo e xeógrafo holandés, Regnier Gemma Frisius, realizado no período 1536-1537, contén tamén vários topónimos portugueses no oeste de Groanlándia. Lixeiramente máis ao oeste, aínda que na mesma latitude, amosa, así mesmo, o seguinte texto:


«Povos Quii aos que chegou o dinamarquês Johannes Scolvus arredor do ano 1476»
.
     Un terceiro e importante dato nolo ofrece ao longo dun corredor marítimo que, polo sur de Groenelándia e dos territórios anteriormente indicados, une no referido globo o Atlântico co Pacífico:

«Estreito árctico ou dos Tres Irmáns, polo que os lusitanos se esforzárom en navegar para o Oriente e para os Indos e as Molucas» (72).

     Lembremos que este globo é tamén cronolóxicamente anterior tanto ás obras de Olaus, como à carta de Carstem Grypp. O seu contido resulta, sen embargo, absolutamente descoñecido para ambos.
     O lugar no que Gemma Frisius sitúa a referida nomenclatura portuguesa é a área do que parecen ser os actuais Estreito de Davis, Baía de Baffin, e Estreito de Lancaster, ou, se máis que o seu impreciso deseño, preferimos a latitude que lle aplica, o sur da illa de Baffin. E, ademais da velada admiración coa que parece falar das tentativas portuguesas por atinxir o camiño do oriente a través destas paraxes, é o primeiro en nos informar de que un dinamarqués, por nome Johannes Scolvus, chegou a trabar contacto, arredor de 1476, cunha etnia, denominada «Quii», que habitaba a marxe setentrional dese entón nada máis que suposto paso.
     Non especifica, porén, se a presencia lusitana pode ser coetánea con esta viaxe de Scolvus.
     No que si debemos de incidir e no feito de que, a xulgar polo material que estamos a atopar, segue a parecer que a primeira metade do século XVI chegou a dispor de máis información do que poidera parecer en relación coa presencia portuguesa tanto na Groenlándia coma máis alá desta.
     A partir de Gemma Frigius, as referéncias sobre Scolvus multiplícanse, sen que todas parezan proceder da mesma fonte, o que incrementa as súas posibilidades de verosimilitude.
     Así, o castelan Francisco López de Gómara, que tivo contactos personais com Olaus Magnus e leu a Saxo Gramáticus durante a súa estadia en Italia, dinos a este respeito na súa «La Istoria de Ias Indias y conquista de Mexico» (Zaragoza 1552):


«Tambien an ido alla ombres de Noruega con el piloto Joan Scolvo. E ingleses com Sebastian Caboto» (73).
«Bretones y daneses an ido tambien a los bacallaos. Y Jaques Cortier frances fue dos vezes con tres galeones. Una el año de treinta y quatro. Y otra el de treinta y cinco» (74).
«Agora ay mucha noticia, y experiencia, como se navega de Noruega hasta pasar por debaxo el mismo norte y continuar la costa hazia el Sur: Ia vuelta de Ia China. Olao Godo me contava muchas cosas de aquella tierra, y navegación» (75).


     Evidentemente, Gómara coñeceu tanto as «Décadas del Nuevo Mundo» de Pedro Mártir de Anglería, coma as cartas de Pietro Pasqualigo. Mais os datos que da súa obra acabamos de reproducir non se atopan nestes autores (76), nin tampouco en Gemma Frisius. Utilizou, polo tanto, outras fontes hoxe para nós descoñecidas.

1575:Documento inglês, posiblemente preparatório para a expedición de Martin Frobisher do ano seguinte:

«Mas para encontrar o caminho do Atlântico ao Pacífico há que navegar até 60 graus, quer dizer, do 66 ao 68. Esta passagem chama-se o Mar Estreito, ou Estreito dos Tres Irmãos, que quase nunca se gela em todo o ano a causa da rápida corrente que existe de mar a mar. Na banda norte desta passagem estivo o piloto dinamarquês John Scolus no ano 1476» (77).
1597:«Continens Indica», do cartógrafo holandês Cornelis Wytfliet:

«A glória deste segundo descubrimento levouna o polaco Johannes Scolvus, que renovou a presencia ali no ano 1476, oitenta e seis depois desta primeira inspecçom. Logo de ter navegado máis alá de Noruega, Groenlándia, e Frislándia, adentrouse neste estreito Boreal baixo o Círculo Árctico, e chegou ao Lavrador e a esta terra de Estotilándia» (78).


1671:Georg Horn:

«O polaco John Scolnus descubriu, baixo os auspícios de Christian I, rei de Dinamarca, o estreito de Anian e a terra do Lavrador no ano 1476» (79).


     É moi posíble que o «piloto» de López de Gómara, «pilotus» nos documentos latinos, fose lido «polonus» —polaco—, na fonte utilizada por Wytfliet e Horn, mentres  que a consideración de dinamarqués que lle conceden Gemma Frisius e o documento inglês de 1575, poida que nada máis que oculte a condición máis restrcitiva de norueguês por parte deste navegante. E aínda que a súa nacionalidade represente un aspecto secundário, convén non esquecer que «skolp» quizais sexa um alcuño alusivo a un habitante da ribeira norueguesa. En tal caso, o seu nome poderia ter sido, Jon Skolp (80).
     Hai, de todos os xeitos, outras interpretacións. Así, para os investigadores polacos trátase de Jan di Kolno (81), en tanto que Jon Duason e Tryggvi Oleson pensan que poderia ser o islandés Jon Skulason (82).
     Ignoramos a que pode deberse o siléncio que ata 1537 parece ter existido acerca da figura deste explorador, o mesmo que a qué pode obedecer o feito de que a imprecisa data que acerca da súa viaxe nos oferece Gemma Frisius, se convirta noutra xa consolidada nos informantes posteriores. Descoñécese así mesmo se o auspício de Christian I e os descubrimentos do estreito de Anian e da terra do Lavrador, que lle atribui a Skolvus son interpretacións gratuitas de Georg Horn, ou baséanse en informes documentais precisos, xa que este escribe case que douscentos anos despois dos acontecimentos.


G.3.4: A VIAXE DE COLÓN «ULTRA TILE»


«Yo navegué el año de cuatrocientos setenta y siete, en el mes de Hebrero, ultra Tile, isla, cient leguas, cuya parte austral dista del equinocial setenta y tres grados, y no sesenta y tres, como algunos dizen, y no está dentro de Ia línea que incluye el Ocçidente, como dize Ptolomeo, sino mucho más ocçidental. Y a esta isla, que es tan grande como Inglaterra, van los ingleses con mercaderia, espeçcialmente los de Bristol, y al tiempo que yo a ella fue no estaba congelado el mar, aunque avia grandísimas mareas, tanto que en algunas partes dos vezes al día subía veinte y cinco braças y desçendía otras tantas en altura» (83).

       A cita pertence a unha carta que, en xaneiro do ano 1495, no decurso da súa segunda viaxe, escribiu Cristóbal Colón aos reis, Fernando e Isabel. O seu contido, coma pode verse, non ten desperdício algún, e foi examinado con lupa por todos os historiadores e todos os biógrafos do Descubridor, ainda que as súas conclusións difiran abertamente. No ánimo de non dilatar este traballo entrando en matéria a cerca de se o «Almirante de Ia Mar Océana» puido ou non ter realizado semellante viaxe, remitemos aos interesados no tema ao noso artigo sobre a mesma publicado no número 31 de Agália (84).

     Agora ímonos centrar nada máis que nunha das súas afirmacións. A de que navegou máis alá da illa de Tile, (daquela identificada con Islándia), cen léguas, no mes de Febreiro do ano 1477.
     Podemos complementar o dato dicindo que, se a expresión «ultra» foi utilizada por Colón no seu correcto sentido de «alén de», ou «mais alá de», e o que di a continuación non é fruto dalgún dos seus muitos erros de cálculo e medición, nin alterou tampouco deliberadamente, por qualquer especial motivo, a distancia, con esas cen léguas —590 quilómetros— coas que asegura ter ultrapasado Islándia, puido chegar à illa Jan Mayen, situada ao nordeste da mesma. Un lugar tan inhóspito que resulta bastante difícil imaxinar que se lle poderia ter perdido nel. Puido ter acadado tamén qualquera punto da costa de Groenlándia entre a Baía de Scoresby, situada no paralelo 70° 20', e a área Kulusuk-Angmagsaliq, no 65° 35', que tan ben coñecemos xa.
     Mais o futuro Almirante, tanto no caso de que tivese realizado esta viaxe, coma no de se estar a apropriar de feitos protagonizados por outro, non cabe a menor dúbida de que puido ser tamén o responsablel da difusión dos asombrosos informes sobre estes lugares e a presencia portuguesa neles que, segundo acabamos de ver, coñeceu a cartografia do século XVI.


Fig. 19a e 19b:
Jan Mayer, a 550 km de distância do nordeste da Islándia, contemplada pola sua beira sudoriental. A imaxe foi tomada dende o promontorio situado ao sur do asentamento. Ao fondo, Beerenberg, o principal dos seus volcáns, ainda activos, que atinxe unha altura de 2.277 m. O mar que rodea este território, cun comprimento de 54 km2 e unha longura media que case 6 qm, está xiado durante unha boa parte do ano. A riqueza desta solitária illa consiste en nada máis que aves estacionais e algúns raposos árticos. Moi difícil que Colón puidese, pois,  terse referido a ela na súa discutida carta.


 H. CONCLUSIÓNS
     Do ata aquí considerado, cremos poder tirar a certeza de:


Que canto o burgomestre Carsten Gryp lle comunica ao rei Christian III na súa carta do 3 de Marzo de 1551, tomado ao parecer integramente das referéncias que acompañaban aos mapas editados aquel mesmo ano e Paris, aos que, dalgún xeito tivo aquel aceso, é auténtico e comprovable.
Que a posibilidade da viaxe de Pining e Pothorst, da que nos dá conta, descansa na credibilidade que se lles poida conceder a Carsten Grypp e aos mapas por el mencionados, fidedignos en todo o demais, mais tamén na existéncia de toda unha sorte de indícios, que, tomados en conxunto resultan dificilmente rexeitábless.

     En semellante continxencia pensábamos cando nos referíamos á presencia do Mar dos Sargazos nun atlas do ano 1436, auténticamente inexplicáble se non se acepta que, de xeito fortuíto ou deliberado, chegou antes alguén a el, aínda que non contemos con documentos que así o demostren.
     Coma consecuencia, e aínda con toda  clase de reservas, formulamos como remate as seguintes conclusións.


1ª)A colaboración entre Dinamarca e Portugal moi ben puido representar a contribución por parte dos escandinavos de barcos e mariñería experimentada, e pola dos portugueses o financiamento económico da empresa, ademais da presencia de observadores. Christian I pasou à historia coma modelo de xerarca incapaz de administrar os seus recursos.
2ª)A expedición de João Vaz Corte Real, se realmente foi levada a termo, debe de ser situada non moito antes do ano 1474, data na que foi recompensado por ela, quizais en 1473, ou 1472. As posibilidades de que se trate da mesma que a de Pining e Pothors son bastante  escasas, xa que o período indicado coincide co imediatamente posterior á decisiva derrota de Chistian I fronte aos Suecos, nas aforas de Estocolmo, na que resultou malferido (85), así coma coas protestas nas cortes portuguesas pola política de arrendar os benefícios das exploracións marítimas ao mellor postor (86).
3ª)O mellor momento para que ambos países puidesen programar a súa colaboración parece ser o ano 1474, no que Christian I fizo unha fastuosa peregrinaxe a Roma (87), e o príncipe João —máis tarde João II— tomou definitivamente o control das empresas ultramarinas. No mes de Agosto cancélalle o contrato das mesmas a Fernão Gomes e promulga simultáneamente a Lei Reguladora do Comércio Africano (88). Acontecií isto imediatamente despois de chegar a Lisboa unha carta de Paolo dal Pozo Toscanelli suxerindo a posibilidade de acadar a Índia polo Oeste (89).
4ª)A expedición, sen embargo, debeuse de demorar debido ao enfrontamento entre Castela e Portugal a causa dos dereitos de Dª. Juana «La Beltraneja», comezado a finais do mesmo ano, que terminou con retorno do exército portugués en xuño de 1476, e a imediata viaxe de Afonso V a Francia. Os ataques das naves casteláns ao comércio africano português, que se alongaron ata 1480 (90), puideron ser outro determinante para a procura desta alternativa rota do noroeste.
5ª)En consecuéncia, parece un tanto fácil considerar coma posíble data para a expedición que nos ocupa a do ano 1477, cando o príncipe João, ademais das descobertas, estábase a encargar xa "de facto", tamén do goberno, a causa do case que ano e medio de ausencia do seu pai Afonso V.
6ª)Esta data coincide coa da controvertida viaxe de Cristóbal Colón e, por aproximación, tamén coa que en 1536-7 lle outorga o globo de Gemma Frisius á do piloto Joannes Scolvus: «Quij populi, ad quos Joannes Scoluus peruenit CIRCA ANNUM 1476» (92).
7ª)Cabe tamén que ese CIRCA ANNUM, «arredor do ano», o convertesen os autores posteriores en nada méis que en ANNUN, xa que todos eles sitúana no 1476. A existencia de dúas expedicións tan próximas entre si parece un tanto improvable, xa que, dada a pouco favorable situación pos-bélica de Portugal na segunda mitade dese ano, a de 1476 teria que ter corrido a cargo nada más que de Christian I.
8ª)En canto ao que Cristóbal Colón lle comunicou aos Reis, fainos pensar que debeu de ter sido tomado de ouvidas. Ninguén que teña estado realmente en Islándia pode asegurar a existencia alí de maréas de vinte e cinco brazas —uns 14,5 metros, segundo a medida xenovesa—, xa que a súa oscilación média é, na actualidade, duns 3,8 metros, cunha máxima de 4,63 metros (93), sen que se teña coñecemento de que sufrise unha variación mensurable nos últimos séculos.
Maréas da entidade que Colón refire danse nada máis que nalguns puntos do Canadá situados entre Nova Escócia —ao sudeste de Terra Nova— e o Estreito de Hudson (94), imediato á illa de Baffin. Quizais non se trate dumha casualidade que este sexa o lugar ao que o globo de Gemma Frisius fai chegar ao piloto Johannes Scolvus e ás naves portuguesas (Vide o apartado G.3.3).
9ª)Gemma Frisius puido concederlle o protagonismo da expedición ao piloto Johannes Scolvus, silenciando a Pining e Pothorst, os seus comandantes, a causa de certo folleto hanseático que, pouco antes e con intencións exemplarizantes, se ocupou do terríble fin sufrido por diversos piratas, entre os que incluía a Pining e Pothorst. Tal información parece ter sido utilizada imediatamente tanto polo erudito dinamarquês Povl Helgesen na súa «Den Skibyske Kronike» (95), coma polo próprio Olaus Magnus.

     Así, pois, parece que a carta Carsten Grypp documenta a existencia real dunha expedición dano-portuguesa, comandada por Didrik Pining e Hans Pothorst, da que Johannes Scolvus foi piloto, que, à procura dun paso para a Índia, ultrapasou Groenlándia, e quizais tamén a illa de Baffin. Así mesmo parece que Cristóbal Colón tivo coñecemento dela, aínda que nos parece difícil admitir a súa participación na mesma.


——————————
NOTAS 


(1)LAGERQVIST, Lars: KINGS AND RULERS OF SWEDEN. Vincent Publications. Stockholm, 1995, páx. 30. 
(2)SERRAO, Joel: obra citada, Tomo l, páxina 42.
(3)LARSEN, Sofus: obra citada, páxs. 17-21.
(4)ANNA, Luigi de: LE ISOLE PERDUTE E LE ISOLE RITROVATE. Universita di Turku (Finland). Turku 1993, páxs. 122-3.
— HERRMANN, Paul: LA AVENTURA DE LOS PRIMEROS DESCUBRIMIENTOS. Ed. Labor. Barcelona 1957, páx. 350.
(5)GAD, Finn: HANS POTHORST, en DANSK BIOGRAFISK LEKSICON. 3ª edición. Tomo XI. Gyldendal, s/ano, páx. 459. Este autor analiza bibliografia ata 1978.
(6)GAD, Finn: HANS POTHORST, en DANSK BIOGRAFISK LEKSICON. 3ª edición. Tomo XI. Gyldendal, s/ano, páx. 459. Este autor analiza bibliografia ata 1978.
(7)ANNA, Luigi de: LE ISOLE PERDUTE E LE ISOLE RITROVATE. Universita di Turku (Finland). Turku 1993, páxs. 122-3.
— HERRMANN, Paul: LA AVENTURA DE LOS PRIMEROS DESCUBRIMIENTOS. Ed. Labor. Barcelona 1957, páx. 350.
(8)GAD, Finn: HANS POTHORST, en DANSK BIOGRAFISK LEKSICON. 3ª edición. Tomo XI. Gyldendal, s/ano, páx. 459. Este autor analiza bibliografia ata 1978.
(9)BIRKET-SMITH, Kaj: DIDERIK PINING, en DANSK BIOGRAFISK LEKSION. 3ª edición. Tomo XI. Gyldendal, s/ ano, páx. 381. A bibliografia por el consultada chega ata 1971. Así mesmo, en carta de 12 de Marzo de 1993, Sigurdur Hjaftarson, profesor da Universidade de Rejkiavik, confírmame que Pining fora «gobernador en Islándia entre 1478 e 1490». Jan M. Solstad, do Departamento de Fomento (Naeringsetaten) da vila de Vardö, confírmame tamén, no 4/12/1996, esta data, puntualizando ademais que Pining fora «Lensherre», xefe da área Vardö e Finmark, ou sexa, gobernador do condado, e que no existe información referente a que o fose durante ningún ano máis. O «Lensherre» pasou a denomina-se «Amtmann», a partir do século XVII. GISLASON, Vilhjálmur: BESSASTADIR. Bókaútgáfan Nordri. Akureyri, 1947, páxs. 33 a 36.
(10)BOBE, Lois, obra citada, páxina 306.
(11)THORSTEINSSON, Bjönr, obra citada, passim. Id. id. «Henry VIl and Iceland», en «Saga-Book», XV, 1957-9, páxinas 67 a 101.
(12)Información facilitada tamén por Sigurdur Hjartarson, tomada do «Diplomatyarium Islandicum» XVI, nr. 220).
(13)MAGNUS, Sofus: HISTORIA, VII, 23, en LARSEN, Sofus, obra citada, páxinas 81 e 82.
(14)LARSEN, Sofus, obra citada, páxina 80. Sobre a existencia dambos decretos, véxase: BOBE, Luís, obra citada, páxina 306, nota (1).
(15)PURCHAS, Samuel: HAKLUTUS POSTUMUS, OR PURCHAS, HIS PILGRIMES, CONTAINING A HISTORY OF THE WORLD IN SEA VOYAGES AND LAND TRAVELLS BY ENGLIMSHMEN AND OTHERS. Glasgow 1906, tomo XIII, em THORSTEINSSON, Bjönr, obra citada, páxinas 294 a 299. A obra tiña 4 volumes na edición orixinal, e 20 volumes na reedición de Glasgow en 1905-7. Con anterioridade, en 1613, escribira «PURCHAS, HIS PILGRIMAGE, OR RELATION OF THE WORLD, AND THE RELIGIONS OBSERVED IN ALLAGES», editada por primeira vez case douscentos anos despois, unha obra que se converteu na leitura favorita do escritor e erudito inglês Samuel Taylor Coleridge. LARSEN, Sofus, obra citada, páxina 59. STEOFF, Rebeca, obra citada, páxina 144.
(16)LARSEN, Sofus, obra citada, páx. 28. Tomado da segunda edición da súa obra sobre as xentes do norte: BJORNBO, A.A. e PETERSEN, C.S.: «Der Däne Claudius Claussön Swart", Innsbruk 1909. PETERSEN, Carl S.: CLAUDIUS CLAVUS, en «Dansk Biografisk Leksikon». Gyldendal. Tomo III, páxs. 437-8. Utiliza bibliografia aaé 1971.
(17)JONES, Gwyn: EL PRIMER DESCUBRIMIENTO DE AMERICA, Libros Tau. Barcelona, 1965, páxinas 107-111. THORSTEINSSON, Björn, obra citada, páx. 275.
(18)Vid. nota 10.
(19)THORSTEINSSON, Björn: ISLANDS OG GROENLANDSSIGLINGAR ENGLEDINGA A 15 OLD OG FUNDUR NORDUR-AMERIKU. Bókasain. Menntaskólans vid Hamrahlid. 1965, páx. 70. O autor non indica, sen embargo, a fonte desta información.
(20)Vid. a nota 9.
(21)MAGNUS, Sofus: Historia II, 10, en LARSEN. Sofus, obra citada, páxina 57. THORSTEINSSON, Björn: HELZTU HEIMILDIR UM LANDKONNUDINN DIDRIK PINING, páx. 295.
(22)BOBE, Louis: AKTSTYKKER TIL OPLUSNING OM GRONLANDS BESEJLIN, en «Danske Magazin», Quinta Parte, Tomo Sexto, 1909, páx. 306.
(23)LANDSTRÖM, Bjönr, na páxina 207 da sua EN BUSCA DE LAS INDIAS, editorial Juventud, Barcelona 1971, sustenta que esta rocha aparece xa no mapa de Claudius Clavus de 1427.
(24)LARSEN, Sofus: obra citada, páxinas 64 a 66.
(25)LARSEN, Sofus: obra citada, páxinas 64 a 66.
(26)LARSEN, Sofus: obra citada, páxina 60.
(27)THORSTEINSSON, Bjönr: HELZTU HEIMILDIR..., páx. 295. MAGNUS, Olaus: HISTORIA, II, 11, en LARSEN, Sofus, obra citada, páxina 56.
(28)LARSEN, Sofus, obra citada, páxinas 34 e 56-60. KARROW, Robert W: MAPMAKERS OF THE SIXTEENTH CENTURY AND THEIR MAPS. Speculum Orbis Press. Chicago, 1993, páxinas 363-64. MAGNUS, Olaus: HISTORIA, II, 9, en LARSEN, Sofus, obra citada, páxina 60.
(29)MAGNUS, Olaus: HISTORIA, lI, 11, en LARSEN, Sofus, páx. 40.
(30)MAGNUS, Olaus: HISTORIA, II, 9, en LARSEN, Sofus, páx. 54.
(31)THORSTEINSSON, Björn: HELZTU HEIMILDIR..., páx.  297.
(32)LARSEN, Sofus, obra citada, páxinas, 34, 54-57, e 60.
(33)ZIEGLER, Jacob: SCHONDIA, fol XCII, en LARSEN, Sofus, obra citada, páx. 69.
(34)BOBE, Louis: AKTSTYKKER..., páxina 305. LARSEN, Sofus, obra citada, páxina, 65. KARROW, Robert W, obra citada, páxina 609.
(35)O «Jökll» —glaciar— que figura na «Carta Marina» poderia, sen embargo, referirse ao Snaefelssjökull, o mesmo que o «Hekelfol promontorium» do mapa de Ziegler: LARSEN, Sofus, obra citada, páxinas 36-55 e 71.
(36)LARSEN, Sofus, obra citada, páxinas, 64, 67-70.
(37)LARSEN, Sofus, obra citada, páxinas, 50-53-55.
(38)HOL, G, & GARDE V: «Den Danske Konebaads-Expedition», 1887, páx. 226, e, AHLENIUS, K: «Olaus Magnus», Uppsala, 1865, p. 152, en LARSEN, Sofus, obra citada, páxinas 49-56. GRONDLANDS OSTKYST. CAP TYCHO BRAHE-CAP DAN. Kort & Matrikelstryrelsen. Danmark 1996. 2310. Escala 1:80.000.
(39)Vid, a nota anterior.
(40)WAHLGREN, Erik: LOS VIKINGOS EN AMERICA. Ed. Destino. Barcelona 1990, páxina, 25. STRAHLER, Arthur, obra citada, páxina 384, figura 21.36. BUCKLAND, P.C. e outros: BIOARCHAEOLOGICAL  AND CLIMATOLOGICAL EVIDENCE FOR THE FATE OF NORSE FARMERS IN MEDIEVAL GREENLAND, en «Antiquity 70», 1996, páxinas 88 a 96. ANNA, Luigi, obra citada, página, 12. JONES, Gwyn, obra citada, páginas 87, 89 e 90. PETTERSEN, Franck, en EARTH SCIENCE, publicación do Tromsö Museum (Noruega), 1994, páxina 14 oferece unha tabela das variacións climáticas dos últimos 2000 anos, comparada coa variación da actividade solar no mesmo período. HALD, Morten, en EARTH SCIENCE, citada, páxinas 26 a 34.
(41)Segundo investigacións do explorador dinamarqués Thorkel Mathiassen. HERRMANN, Paul, obra citada páxina 298.
(42)JONES, Gwyn, obra citada, páxinas 93 e 302. HERRMANN, Paul, obra citada, mapa páxina 273. HAYWOOD, John: HISTORICAL ATLAS OF THE VIKINGS. Penguin Books. Bath, 1995, páx. 97. WAHLGREN, Erik: LOS VIKINGOS EN AMERICA. Ed. Destino. Barcelona 1990. páxina, 16.
(43)LARSEN, Sofus, obra citada, páxinas 55-57. SKAVHAUG, Kjersti: AU CAP NORD. Nordkapplitteratur. Honningsvag 1990, páxina 29.
(44)MAGNUS, Olaus: HISTORIA, II, 10, en LARSEN, Sofus, páx. 57.
(45)LARSEN, Sofus, obra citada, páxina 58.
(46)LARSEN, Sofus, obra citada, páxs. 41-42.
(47)CORTESAO, Jaime: obra citada, páx. 303. PEREZ, Damiao: obra citada, páx. 39. SERRAO, Joel: obra citada, vol III, páginas 126-27: Consérvase vertido ao laín por Martin Behaim, a partir do relato oral do própio Diogo Gomes, no «Manuscrito Valentim Fernandes» da Bayerische Staats-Bibliothek de Munich.
(48)THORSTEINSSON, Björn: ENSKA OLDIN..., páx. 270. O testemuño de ter sido inducido por Erik, está recollido por Sofus Larsen, na páxina 27 da súa obra.
(49)A obra correspóndese cos moitos «Livros de Maravilhas» que entón apareceron, e aparece reflectida con diferentes nomes nas bibliotecas portuguesas do século XV. Véxase ALBURQUERQUE, Luís de: INTRODUÇÃO À HISTÓRIA DOS DESCOBRIMENTOS PORTUGUESES. Pub. Europa-América. Mira-Sintra 1989. 4ª edição, páxs. 133 a 143.
(50)LARSEN, Sofus, obra citada, páxina 25.
(51)LARSEN, Sofus: Obra citada, páxina 41. THORSTEINSSON, Bjorn: ENSKA OLDIN I SOGU ISLEDINGA. Reikjavic 1970, páx. 294.
(52)BOBE, Louis: AKTSTYKKER TIL OPLUSNING OM GRONLANDS BESEJLIN, en «Danske Magazin», Quinta Parte, Tomo Sexto, 1909, páx. 306.
(53)CORTESÃO, Jaime: obra citada, Tomos II-III, páxs. 300 e 663-4.
(54)SOFUS LARSEN, obra citada, páx. 98. Martin Behaim refírese aqui, evidentemente, á Alemaña da que era oriundo.
(55)LARSEN, Sofus: obra citada, páxina 97.
(56)PERES, Damiao: obra citada, páx. 172.
(57)LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 97.
(58)SERRAO, Joel: obra citada, vol. II, páxs. 556-7
(59)LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 88. PEREZ, Damiao: obra citada, páx. 171.
(60)PEREZ, Damiao: obra citada, páx. 173. LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 89. SERRAO, Joel: obra citada, vol. III, páx. 83.
(61)Esta controvérsia pódese seguir en: PEREZ, Damiao: obra citada, páxinas 171 a 176. LARSEN, Sofus: obra citada, páxs. 87 a 112.
(62)LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 96. Atlas publicado por Kretschmer.
(63)LARSEN, Sofus: ibidem. PEREZ, Damiao: obra citada, página 177.
(64)STEFOFF, Rebeca, obra citada, páxina 74. PINHEIRO MARQUES, Alfredo: A CARTOGRAFIA DOS DESCOBRIMENTOS. Edição, Elo, 1994, páx. 49.
(65)PEREZ, Damiao: obra citada, páx. 351.
(66)Cópia Facsimilar do Planisfério Cantino facilitada polo Museu da Marinha, Lisboa. SERRAO, Joel: obra citada. Vol Ill, páx. 163. O rei Dom Manuel I sucedeu a João II o 27 de Outubro de 1495, permanecendo no trono ata a súa morte, en 1521.
(67)LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 47.
(68)LARSEN, Sofus: obra citada, páxinas 41-44.
(69)LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 44. SERRAO, Joel: obra citada, Vol III, páxs. 123-5.
(70)Danske Magazin. Quinta Parte. Tomo Sexto. Dei Kongelige Danske Selskab. Copenhague 1909, páxs. 303-309.
(71)JONES, Gwyn: EL PRIMER DESCUBRIMIENTO DE AMERICA, Libros Tau. Barcelona, 1965, páxinas 107-111. THORSTEINSSON, Björn, obra citada, páx. 275.
(72)LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 111.
(73)FI. XX, e, FI. VII, en LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 103. Véxase: MARTIR DE ANGLERIA, Pedro: «Décadas del Nuevo Mundo». Ediciones Polifemo. Madrid 1989.
(74)Vid. nota anterior.
(75)Vid. nota anterior.
(76)Vid. nota anterior.
(77)Informe localizado por Fridtjof Nansen: LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 106.
(78)A primeira descuberta atribuíaIla Wyfliet á nunca demostrada navegación dos irmáns Zeno do ano 1388, un relato construído sobre feitos reais, aínda que traslocados. Frobisher, seguindo os seus informes conseguiu chegar á baía do seu nome, na actual illa de Baffin. PARIAS, L.H.: HISTORIA UNIVERSAL DE LAS EXPLORACIONES. Espasa Calpe. Madrid 1968, II tomo, páxinas 374 e segs.
(79)«Ulyssea vise studiosus peregrinans», publicada en Lugduni Batavorum, 1671 páx. 335: LARSEN, Sofus, obra citada, páxinas 106-108.
(80)LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 105.
(81)ANNA, Luigi de: obra citada, páx. 30, tomado de S.E. Morison: STORIA DELLA SCOPERTA DELL' AMERICA. Milano 1976.
(82)THORSTEISSON, Bjorn: ISLANDS OG..., obra citada, páx. 51.
(83)VARELA, Consuelo: CRISTÓBAL COLÓN. TEXTOS Y DOCUMENTOS COMPLETOS. Alianza Editorial. Madrid 1989, 2ª reimpresión, páxs. 166-7, COLON, Hernando: HISTORIA DEL ALMIRANTE. Historia-16. Edic. Luís Arranz. Madrid 1985. 3ª edic. páxs. 56-57. PHILIPPOT ABELEDO, Alfonso: LA IDENTIDAD DE CRISTOBAL COLON. Pontevedra, 1992, 2ª ed. páxs. 17 e 22.
(84)O DESCOBRIDOR QUE CHEGOU DO FRIO. A VIAGEM DE CRISTÓVAO COLOMBO A THULE. Páxs. 323 a 350, Agália núm. 31, Outono 1992.
(85)LAURING, Palle: obra citada, páx. 115.
(86)MATTOSO, José: HISTÓRIA DE PORTUGAL. Ed. Estampa 1993. Vol. 2, páx. 506.
(87)VÁRIOS: HISTORIA DE LA IGLESIA CATOLICA. BAC. Madrid 1967. Vol. III, 2ª Ed. páx. 411. LAGERQVIST, Lars: obra citada, páx. 31.
(88)CORTESAO, Jaime: obra citada, páxs. 485, 493-3.
(89)SERRAO, Joel: obra citada, tomo VI, páxs. 182-3.
(90)CORTESAO, Jaime: obra citada, páxs. 549-59. PERES, Damiao: obra citada, páxs. 194-5.
(91)SERRAO, Joel: obra citada, Tomo I, páxs. 42-44. Tomo III, páx. 387.
(92)LARSEN, Sofus: obra citada, páx. 105.
(93)ALMANAQUE PARA ISLANDIA, 1991 e 1992. Universidade de Islándia. Dados facilitados coa data de 12/03/1993 polo profesor Sigurdur Hjartarson. THORSTEINSSON, Bjorn: ISLAND OG NYI HERMURINN, en SAGA ISLANDS. Hid Islenzka Bokmenntafelag. Reikjavic 1990, páxs. 7-8.
(94)VARIOS: PLANETA TIERRA. Círculo Lectores. Barcelona 1978, Vol. VIII, páx. 26. VARIOS: LIBRO GUINNESS DE LOS RECORDS. Maeva. Estella 1987, páx. 59. Referímonos, claro é, nada máis que ás existentes na área da que o Almirante se está a ocupar. Maréas de parecida magnitude existen tamén en lugares como a ria de Bristol, monte Saint Michel, golfos de Omán e Bengala, Panamá, ou o estreito de Magalhães.
(95)MONUMENTA HISTORIAE DANICA, I, 1873, páx. 28, em LARSEN, Sofus, obra citada, páxs. 41-42. THORSTEINSSON, Bjorn: HELZTU HEIMILDIR..., citada, páx. 294: A crónica de Povl Helguesen, realizada en 1530-34, recolle informes do período 1046 a 1534. Segundo ela Pining, Pothorst, e outros sete piratas foron «mortos polos seus mariñeiros, apendurados do patíbulo, ou afogados nas ondas do mar». Vinte e oito anos máis tarde, Hans Henriksen, repetia o mesmo na súa crónica «Udtog og Fortsaettelser».


(Traballo publicado nos anos 1997 e 1998 nos números 49 e 53 da revista Agália)

Outros traballos relacionados con este: 
      -A Carta de París, considerada coma de Cristóbal Colón.(2003)
      -A Etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe ultra-Tile. (1992)
      -Antes da invención de América. Navegacións precolombinas do século XV. (2001)
      -O descubridor que chegou do Frío. A viaxe de Colón a Thule.(1992).
      -Os ollos da Historia.(2003).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO