ARTUR DE BRITANIA E A ESPADA EXCALIBUR

ARTUR  DE BRITANIA  E A  ESPADA  EXCALIBUR.   


Tanto nas curvas do camiño coma nas paraxes abertas  o
vento era tan forte que o carruaxe  tremía e abaneábase cabeceando
sobre as rodas coma un borracho. 

Mary ergueu  a cortina e ollou fóra. Un refacho de
vento e chuvia encegueceuna por un intre. Sacudiu os cabellos
para afastalos, e entón decatouse de que o vehículo estaba
a coroar o outeiro ao galope, mentres que,  nás beiras do
camiño, baixo a névoa e a chuvascada, os lameiros
amosábanse negros como a tinta.

Sobre a cima,  á esquerda, decatouse da presencia dun caserón 
lixeiramente afastado da rodada. Aínda coa escuridade
puido distinguir as súas denegridas cheminéas, un tanto
separadas unha da outra. Non  veu ningunha outra  choza ou construcción,
senón, soa, na súa gloria, e aberta aos catro ventos,  á "Pousada de Jamaica".

 Mary cubriuse coa capa e  abotoóuna. 
Os cabalos xa se detiveran e transpiraban baixo 
chuvia, desprendendo  unha nube de bafo.
    
              Daphne du Maurier (1907-1989)
          (“Jamaica Inn”, 1937. Capítulo  Primeiro)



    Patio empedrado da “Pousada de Jamaica”, en Bolventor, Cornualla. Construída en 1750, e ampliada 20 anos despois, a edificación foi refuxio de contrabandistas nos séculos XVIII e XIX. Na actualidade é un aloxamento que  conta cun pub, un museo, e unha tenda tanto de libros da autora que a fixo famosa, coma de agasallos. Facendo ángulo con ela, e paralela ao balado do primeiro termo, hai outra construcción,  neste caso de dúas prantas, coroada polas indicadas cheminéas.   


     A xeito de introducción indiquemos que, segundo se interpretou no seu momento, con base a un comentario do xeógrafo Strabón de Amasia (c. 63 a. C. –c. 20 d. C.), Aristóteles de  Estagira, (384-324 a. C.), dixo  sobre a Atlántida:  “O que a inventou, tamén a fixo desaparecer”. Comentario probablemente culpable da xeral crencia acerca desta sempre excepcional illa,  e, ademais, causa tamén de que, aínda hoxe, se considere  "mito" tanto a “visión primitiva das cousas”, coma calquera xeito de “protofilosofía”, así coma toda clase de circunstancias capaces de complicar cuestión, coma esta na que o “inventor da Atlántida”,  fora nada menos que o filósofo Platón de Atenas, (427-347 a. c.),  

         Dito isto ocupámonos xa do inesperado acontecemento difundido polos medios de información no  mes de setembro do 2017,  protagonizado por unha nena de nada máis que sete anos de idade, Mathilda Jones. Unha rapaza que, mentres se bañaba co seu pai na lagoa de Dozmary Pool, no condado de Cornualla, ao sudoeste do Reino Unido, descubreu  no fondo da mesma, posiblemente a causa do naquel intre mais baixo nivel freático da mesma,  unha espada de aceiro darredor de 1,3 metros de longo. O feito podería ser sospeitoso de invención,  ou de falsidade, se temos en conta que  nese día o seu pai fóralles referindo, tanto a Mathilda como á súa irmán maior, ao longo do traxecto que dende as inmediacións de York ata alí efectuaran, e de que era sona que perdera  naquel preciso lugar, logo de  ferido na batalla de Camlann, a loitar contra Mordred,  sobriño ou fillo seu, segundo as versións, o ínclito Artur lle transmitira a sir Bedivere a orde de botar a súa espada Excalibur, que naquel  mesmo lugar, perdera hai anos a súa arma habitual, noutro combate, naquela ocasión contra o rey Pellinor, que, segundo a obra galesa  Mabigonion, que recolle relatos transmitidos oralmente polo menos dende o século XI, denominara Caletwich,  a mesma á que, máis tarde, xa no ano 1136, Geoffrey de Monmouth, na súa “Historia dos Reis da Britania”, menciona utilizando un posiblemente deturpado Caliburn, segundo a mesma obra, forxada na illa de Avalón. Esta arma sería tamén a que,  en 1230, Walter Map, na “La morte le roi Artu”, institucionaría definitivamente coma Excalibur.

     Cara ao ano 1470, Thomas Malory, en  “Le Morte d’Arthur”, puntualizou que o mencionado sir Bedivere, seguindo as instruccións recibidas, achegárase entón a aquela lagoa para guindar a espada o máis lonxe que puido, dándose entón o prodixio da apareción daquela  misteriosa man que, logo de tomar a arma e brandela por tres veces, afundírase baixo as augas.

     Canto acabamos de dicir son datos procedentes de autores do tempo indicado, e a espada por Mathilda atopada tampouco parece que perteneza a ningunha invención, tanto dela  coma  do seu pai, dado que foi vista, e fotografiada, despois "in situ".

      Expliquemos agora que a lagoa de Dozmary Pool, na que se produciron estes acontementos, atópase na parroquia córnica de Altarnun, e que fora elixida por Daphne du Maurier coma escenario para a súa  famosa novela  A Pousada de Jamaica, varias veces levada ao cine. Atópase, ademais, na húmida braña  de Bodmin Moor, unha  ondeante meseta que ofrece unha  impresionante concentración de restos prehistóricos e formacións rochosas, parte das cales manteñen aínda denominaciones  relacionadas con Artur, polo que foi  denominada  Terra de Artur  dende antes  xa do ano 1136, data na que o cronista Hermann de Tournai se ocupou dela na súa obra De Miraculis S. Mariae Laudunensis.

     Coma consecuencia, os medios de comunicación  consideraron a  Mathilda Jones  unha “Nova Dona do Lago”, se ben que temos que ser prudentes antes de aceptar tan expontánea  homenaxe.

      Temos tamén que ter en conta que  hai xa máis de oitocentos anos que o trovador e dramaturgo,  Jean Bodel, (1165-1209), bautizou coa denominación de Matière de Bretagne a literatura relacionada con Artur,  intre case que coincidente co momento no que esta era coñecida xa coma Cantares da Cornualla, en Galicia e Portugal, e ter asímesmo en conta que aínda se siguen a considerar hoxe os mitos coma posibles “visions primitivas das cousas”, ou que é un feito perfectamente demostrado que a contínua evolución dos mesmos chegou a alteralos  aos sementar de claves, símbolos, metáforas, mensaxes crípticas, ou  iniciáticas, difíciles de interpretar.

      Unha simple ollada a calquera deles permite advertir esa fusión de elementos da máis variada  procedencia, tomados tanto do mundo celta, coma do clásico, do cristián,  de narrativas paralelas, e mesmo de  acontecementos locais, que, en orixe, nada tiñan que ver cos seus contidos, polo que, en realiade, nada se debe de asegurar sobre os mesmos sen antes nos tomar o traballo de os examinar  compridamente.

       Para comezar estas pescudas é do máximo interese ter en conta a conclusión á que hai uns anos chegou o profesor  Carvalho Calero (1910-1990), segundo a cal o Mito Artúrico foi “Unha elaboración literaria franco-xermánica, baseada en lendas transmitidas por unha nebulosa tradición, cunha orixe real nos séculos V, VI e VII, construída, ao sumo, sobre informes ou fragmentarias tradicións galesas”.

       Tampouco podemos pasar por alto os informes que entre os anos 1136 a 1470, e dende diferentes puntos de vista, se publicaron sobre esta materia. Con base a eles advértese que un repaso da cronoloxía de canto acerca dela se escribíu, é a máxima garantía da que se dispón para acadar unha visión sequera aproximada  desta realidade, se é que realmente existe.

       Principiemos partindo do bardo galés Taliesin,  que viviu entre os anos c. 534 e 599, e parece ser o primeiro autor coñecido que mencionou a Artur. Unha circunstancia que, se non foi manipulada,  situaría a este nun período lixeiramente anterior ao do tempo do propio Taliesín, coincidente, ademais,  coas datas que lle confiren textos tan extructurados xa coma os “Annales Cambriae”, (c. 956), os “Anais de Tigernach” , (c. 1088),  ou os “Anais de Inisfallen”, (c. 1092), –o primeiro deles galés, e os outros dous, irlandeses-, que, ademais de ter sido iniciados moito antes das datas indicadas, sitúan a morte de Artur entre  os anos 537 e 542, intre ademais acorde tanto co transmitido tanto por Geoffrey de Monmouth, (1136), coma por Adam de Domerham, (1291), así coma pola portuguesa Linghage dos reis de Imgraterra, de Don Pedro, Conde de Barcelos, darredor do 1340, que recolle feitos anteriores a este tempo.
                                                                                   
        Porén, o historiador británico John Morris, (1913-1977), na súa interesante “The Age of Arthur”, ou "O Tempo de Arthur",  na que reconstrúe os anos escuros do período 410 a c. 650, sitúa o pasamento do mesmo no ano 515,  coñecendo ademais a mención dos “Annales Cambriae” do 537, ou do 538: “Gueit Camlann in qua Arthur et Medraut corruverunt, et mortalitas in Britannia et in Hibernia fuit”: “Batalla de Camlann, na que Artur e Medraut caíron, e houbo mortandade na Britania e en Irlanda”.

       Por outra banda, a elexía galesa Y Gododin, atribuída ao bardo Aneirín, e elaborada arredor do ano 600,  contén outra referencia sobre Artur case que coeva coa que  de Taliesin xa  indicamos,  o que debe de significar que tivo que vivir en tempos lixeiramente anteriores. Lamentablemente a referencia non foi recollida por escrito ata o ano c.1265, o que a podería converter  en menos precisa  do que debera.

      Inmediatas, ou contemporáneas con estas mencións, pódense considerar as que aparecen nas Triades galesas, un xeito de historias de tradición oral, que encadean tres nomes, codificados con aforismos morais e feitos antigos, ou lendarios. Este xeito de literatura amósanos, entre outros líderes, ao caudillo e saqueador Artur, que, contando co apoio dos seus “errantes homes”, e sendo mozo, residira en Kellivic,  ou Celliwig, -hoxe Killibury Castle-, na Cornualla,  lugar moi próximo á Dozmary Pool.  Habendo tamén outra acerca de “os tres tronos tribais da Britania”, na que se menciona de novo  Kellivic.

      As súas análises  consideran que estas triades  foron recollidas por escrito  máis tarde, cara ao ano 1100, polo que poderían adoecer da mesma chata que a do Y Gododin.


      Mapa do condado de Cornualla –Cornwall en inglés, e Kernow, Cermiw, ou Cornubia, en córnico-, situado ao sudoeste do Reino Unido,  e separado de Gales polo Bristol Channel. Os lugares que neste comentario se mencionan, aparecen nel.

            Por outra banda o MabinogionKulhwch ac Olwen, cita a Artur en cinco ocasións, considerándoo xa coma lider dos Reis da Britania. Trátase,  esta, da primeira alusión á súa posible realeza, que, a partir de entón sería  admitida  por cantos textos se ocuparon del.

       Mais antes de chegar a eles temos que nos ocupar da obra, “De excidio et conquestu Britanniae”:  “Sobre a ruína e a conquista da Britania”, do que foi autor o Abade Gildas, tamén coñecido coma o Sapiens, (c. 500, a 570), fillo de Caunus, -Caw-, un lider da área do río Clyde, -Cluaidh, en gaélico-, que pasa por Glasgow, feito que, segundo os Annales Cambriae, acontaconteceu entre os anos 516-520, xusto no intre no que Artur vencía aos invasores anglosaxóns na batalla do Monte Badon,  coetáneo ademais cos mencionados comentaristas. Gildas, que estivo en Roma, Gales, Irlanda  e a Armórica, hoxe  a Bretaña continental,  foi, ademais,  o creador dunha austera régula monacal.

       Sorprendentemente, tanto na súa obra coma en cantas se escribiron en tempos próximos a ela,  non se menciona  a Artur, nin a Batalla do Monte Badón, mentres que temos cnstancia de que Gildas nacera  uns corenta e tres anos antes de escribir sobre ela, (c. 543 a c. 558). Pola contra, en “De excidio”, esteun indicio monxe, practicamente coetáneo cos feitos que recolle, concédelle o protagonismo da victoria ao lider britano-romano Ambrosius Aurelianus, quizais parente, coma suxiriría en c. 1136 Geoffrey de Monmouth, do usurpador Constantino III, nin se ocupa do seu enfrontamento con Artur en Camlann, que outros documentos, entre eles os Annales Cambriae, ou as Triades galesas, sitúan entre os anos 537 e  542,  e Geoffrey de Monmouth no 542 da “Encarnación do Señor”.             

           Mais, ao mesmo tempo que anatemiza aos  xuices, aos cregos, ou aos reis e tiranos corruptos, pecadores e saqueadores da illa, varios deles perfectamente recoñecibles,  Gildas ofrécenos ademais un indicio que permite pensar que tamén debeu de ter coñecido á principal figura da  Materia de Bretaña, da que se ocupa en “De excidio”:

      “¿Por qué te estás a emborcar na inmundicia da  iniquidade dos anos da túa adolescencia, “Oso”, xinete de moitos e conductor de carro na Fortaleza do “Oso”, desprezador de Deus e asoballador do teu pobo, Cuneglassus, en lingua romana “carniceiro vermello?”.

       Debemos de indicar que o nome deste mencionado "Oso", e posiblemente rei no  norte de Gales, non se correspondía exactamente co de "Carniceiro  Vermello", en latín. Nin pasar por alto que o tamén mencionado  "Ambrosius Aurelianus” contaba cunha “Din Eirth”,  "Fortaleza do Oso", en latín  Arth, expresión  semellante, e co mesmo significado, que ás irlandesas Art e Airt. Do que podería resultar que tal Cuneglasus, alcuñado o “Oso”,  ademais de contemporáneo co Sapiente Gildas que sobre el escribiu, fora antes auriga dun personaxe denominado, asimesmo, o “Oso”, que utilizaba un lugar fortificado coma refuxio, tal vez alguén de certa, ou quizais, de auténtica, relevancia. ¿Sería este intuído prócer o Artur, –Arth, Art, Air, Artu-, que polos documentos máis próximos a el no tempo sabemos que faleceu cara ao período 537-542, uns trinta anos antes do pasamento de Gildas?. ¿Relacionaríase este  “Oso” tanto co mencionado Ambrosius Aurelianus coma con estoutro e case que tamén coevo Artur?¿Ou será todo isto nada mais que simples conxecturas?



       Pintura elaborada en 1861 polo escocés James Archer. Nela pódese ver ao moribundo Artur, atendido por catro raíñas, así como a barcaza que o transportara ata Avalón. Á dereita, un anxo portando o cálice do Graal.


       O seguinte grande autor que deu a illa,  Beda o Venerable (c. 672-735), prolífico investigador, historiador, traductor e poeta, aínda que utiliza a Gildas coma fonte, tan só o menciona no seu capítulo XXII, sitúa a batalla do monte Baddon arredor do ano 480, (Capítulo XVI), e acepta coma lider da mesma a Ambrosius Aurelius, "un home modesto, romano de nación, cuxos pais xa morreran".




















    Beda, o grande erudito  benedictino, faleceu o 25-5-735 no mosteiro da Jarrow, ás beiras do río Tyne, no norte de Inglaterra. Moito máis tarde, os seus restos foron trasladados á vila de Durham,  algo máis ao sur, un xeito de balneario nunha meseta sobre o Wear, cun castelo, unha universidade, e unha harmoniosa catedral. No ano 1991 gozamos do privilexio  de visitar nela a súa tumba.






      Arredor dun século despois,  Nennius, bispo de Bangor, falecido no ano 809, na súa Historia Britonum, si menciona a Artur no seu capítulo 56, a loitar contra os invasores anglosaxóns: “Tunc Arthur pugnabat contra illos in illis diebus cum regibus Brittonum, sep ipse dux erat bellorum”: “Entón, naqueles días, loitaba contra eles Artur, onda os reis dos Britóns, sendo el o Lider das Batallas”.

       Ou sexa que, a non ser que exista un erro de redacción, este autor tampouco parece refirerse a el coma monarca, senón que o considera tan só coma un dux bellorum. É dicir Dux, Conductor, Lider  ou Caudillo de Guerras e Batallas. Lembremos que máis tarde, cara xa ao ano 950, tanto o Mabigonion galés,  como algunhas das Triades, e outros textos,  redúceno a simple aventureiro córnico, e en Escocia e Gales considéranno nada mais que un extranxeiro. O propio Merlín, segundo no ano 1136 recolleu Geoffrey de Monmouth, denomínao Xabarín da Cornubia,  Cornualla.

     Agora ben, sen nos esquecer da posible relación  entre a agora reducida en tamaño Dozmary Pool e a lagoa na que aquela misteriosa Dona deu a coñecer  a Excalibur, son numerosos os lugares, tanto en Gales coma na Cornualla, que ofrecen  caracteristicas capaces de convertilos en sospeitosos de se relacionar con este extraordinario acontecemento.


                Dozmari Pool a uns dous quilómetros ao sur tanto de Bolventor coma da
                              “Pousada de Jamaica”.

     Mais vaiamos, por partes. Porque, sobre á batalla de Camlann, unha serodia indicación de Thomas Malory, efectuada cara ao ano 1470, asegura que acontecera na chaira de Salisbury, un lugar, coma se pode comprobar ao través de calquera mapa, a demasiada distancia tanto de Dozmary Pool coma das demais posibles Lagoas con Excalibur relacionadas que se veñen propoñendo, coma para que dende aquel  afastado escenario poidese chegar a algunha delas o entón gravemente mancado Artur. Dificultades que aumentarían no caso de identificala con algún dos lagos galeses, ou co lugar de “augas claras e cristalinas” que o propio Malory semella insinuar coma situado nas proximidades da cidade galesa de Caerleón, ou de entender que pretendía referirse ao Loe Pool nunha dilatada praia da Cornualla, a case que oitenta quilómetros ao oeste de Dozmary Pool.

      Mais antes del, no ano 1136, aproximadamente a media distancia entre o posible da morte de Artur, e o momento da redacción da obra coa que sir Thomas Malory  completou o mito, segundo opinión do profesor Méndez Ferrín, con feitos “felizmente imposibles”, Geoffrey de Monmouth, se ben que situando o pasamento de Artur en Caerleón, coñece o dato de que tal enfrontamento tivera lugar na Cornubia, -Cornualla-, ás beiras do río Kamblan, vía fluvial con  claras posibilidades de se corresponder coa do Camel, próximo tanto á fortaleza de Kellivic, -Killibury-, na que residira Artur, como á xa tantas veces mencionada  de Dozmary Pool.

        A etimoloxía, pois, podería ser determinante á hora de identificar o lugar.  Camlann -Kamblan?- debe de  estar emparentado coas raíces  Cam e Gamlan, existentes no sudoeste da illa,  ademais de que o portugués Libro de Linhages de don Pedro, Conde de Barcelos, recolleu arredor do ano 1340 o antigo relato da Linhage dos reis de Imgraterra, que sitúa a Batalla en cuestión “no monte de Camblet”, outro topónimo que favorece as posibilidades da Cornualla, onde se prodigan as denominacións con todas estas raíces. Tal xeografía,  na que as vellas Triades Galesas  consideran, coma dixemos, ao outeiro de  Killibury coma residencia do cobizoso, acosador, cruel, anticlerical, requisador e “militis” Artur, situado entre o río Camel e a vila de Camelford, podería tratarse do lugar no que se deu a batalla, a escasa distancia de Dozmary Pool.

     Parece, pois, que os textos nos conducen a un Artur que viviu ata mediados do século VI, arrodeado de contradictorias virtudes, dende a de simple foraxido, á de “certo e deambulante tirano”, pasando polas de “militis”, e lider dos reis da Britania, ata a de emperador inmortal, así coma polo feito de que, cara ao ano 800 Nennius de Bangor discrepara coa súa fonte, Gildas,  sobre o protagonismo da victoria do Monte Badón, xa que o monxe  concédella ao dux Ambrosius Aurelianus, mentres que o bispo de Bangor púxoa no haber do dux bellorum Artur, do que describe nada menos que doce victorias sobre os anglosaxóns, cando o mencionado Geoffrey de Monmouth, (1136), non coñece máis que cinco.

       Por todas estas circunstancias, algúns investigadores apuntan a posibilidade de que Ambrosius Aurelianus, -Aurelio Ambrosio-, e Artur sexan a mesma persoa. A este respecto, Nennius de Bangor, ademais de coñecer a denominación latina, ou latinizada, do primeiro, así coma a súa posible ascendencia romana, (Capítulo 42),  sabe tamén o seu nome vernáculo ou autóctono, Emrys Guletic, ou Gwledig, -"príncipe", no senso de terratenente-, aínda que para Gildas, noutras ocasións, de "rei", ou de "dux", que era un cristiano que acadou o poder arredor do ano 479, e ao que unha Triade de incerta procedencia o considera dono de barcos. Este Embreis Guletic, é citado por Nennius nos seus capítulos 31, 40, 42, e 66,  e, no 48,  defíneo coma "rex magnus inter omnes reges Brittannicae gentis!": "Rei máximo entre todos os reis dos británicos". 

      A cuestión non resulta imposible, dende logo, dependendo tan só de que se aclare se, en realidade houbo dous Gildas, coma se propuxo, un o autor e o outro o Santo do mesmo nome, e situar no mesmo intre histórico os feitos que diversos textos e "Annales" lle conceden a Aurelius Ambrosius e a Artur, algo aínda non conseguido.

     Resulta, sen embargo, difícil que a espada por Mathilda Jones localizada no interior da Dozmary Pool poida tratarse da mítica Excalibur. Tanto o deseño coma o tamaño da mesma  obrígannos a así consideralo con base a que, aparte de nos “comics”, e das películas de superhéroes, na realidade nunca parece ter habido espadas do tamaño da descuberta por Mathilda.  No período artúrico non se utilizaban armas que sobrepasasen os 70-75 centímetros de longo, como era habitual nas romanas, inspiradas nas que usaban os celtas. Por esta razón, o mais probable, como xa apuntou algún xornalista, é que  o espécimen por Mathilda atopado proceda de algunha das varias películas filmadas na zona.
      
      Outra realidade a ter en conta por quenes seguen a considerar que todos os mitos, incluído o artúrico, representan unha visión primitiva das cousas ou, se acaso,  de que se baseen  en feitos reales, temos que ocuparnos dunha  desmoralizadora verdade, que lle debemos ao sabio Merlín quen, no seu momento, asegurara que, no fondo da poza na que aparecera a Dona do Lago, existía un Palacio. Lamentablemente, no ano 1859, data na que Dozmary Pool ficou completamente seca a causa da estiaxe, nada apareceu  nela que xustificase  tan sorprendente agoiro.

       O que vimos de comentar non é mais que un cativo inntento a cerca deste mito,  un dos temas literarios con maior capacidade de adaptación tanto para os tempos como para ás culturas. Non esperamos que remate onde hoxe o deixamos, xa que estamos convencidos de atopar máis datos dignos de ser tidos en conta. En tanto, remitimos a cantos se sintan atraídos polo ata aquí recollido para que disfruten do mesmo e que consulten as fontes xa indicadas, ben doadas de atopar en case todo o mundo, especialmente en Gales e Inglaterra, non sen lles sinalar duas obras de especial interese:

     -Arthurian Literature in the Middle Ages, editada en 1979 por Roger Sherman Loomis para                  Oxford University Press
     -The Arthurian Enciclopedia, un traballo no que participaron arredor de 50 investigadores
       coordinados por Norris J. Lacy.

      Coma provisorio final deste intento, lembrámosvos tamén o feito de que, nunha data e un lugar tan afastados á súa xénese coma é o da Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia, Ourense, atopouse no ano 1513 un documento que refire que o exército de Artur, mudado en batallón de cínifes, voaba entón sobre os tremedais da mesma, a agardar o intre no que o monarca desperte do seu sono e volte da afastada illa na que se cnsidera que se atopa, para porse á súa fronte. Unha situación moi semellante a esta que aínda lembran as xentes da Bretaña:

                                      Bagaz Arzur, a oaran e.
                                      Arzur a-rok lei ar mené.

                                     Esta é a tropa de Artur, seino.
                                     Artur marcha diante, cara ao alto da montaña.

         (Vigo,  Nadal do 2017).
-------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------


        -Outros traballos relacionados con este:

         -No ano do Cometa (2ª Edición, 1994).

         -O rei Artur. Mito e Realidade. (2005).


Comentarios

  1. According to Stanford Medical, It is in fact the one and ONLY reason this country's women live 10 years more and weigh an average of 42 pounds less than us.

    (And really, it has totally NOTHING to do with genetics or some secret exercise and really, EVERYTHING about "HOW" they eat.)

    P.S, I said "HOW", not "WHAT"...

    TAP this link to find out if this brief test can help you find out your real weight loss possibilities

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO

O VALEDOR DO REINO