DOS ALTOS E SUBLIMES CEDROS DO LÍBANO, AO CONFÍN DOS VERDES CASTROS

           DOS ALTOS E SUBLIMES CEDROS DO LIBANO, AO CONFÍN
                                       DOS VERDES CASTROS.  (Revisado. Ver tamén a parte coas imaxes que hai no correo “enviado”, co mesmo título. Logo engadirlle as novas ideas, entre elas as derivadas da  lectura de Carvalho da Silva, e a moeda atopada perto de Bristol).
       Dos dous lugares que no título deste comentario aparecen mencionados, o primeiro pertence ao grande poeta bíblico Isaías,  que profetizou a cabalo dos séculos VIII e VII a. C. Tomado do seu Capítulo II, para  maior precisión e comprensión, sintetizámolo agora do seguinte xeito: “Porque chegará o día de Yaveh Sebaot contra todo o arrogante e encomiado, contra os altos e sublimes cedros do Líbano, e contra todas as naves de Tarsish, e a soberbia humana ficará derrubada”.

     Nese Líbano que acabamos de mencionar, en parte coincidente co actual país da  mesma denominación, existían, aproximadamente xa dende arredor do ano 3.000 a. C. varias pequenas cidades-estado, cananeas, ou semitas,  conformadoras do que máis tarde se coñeceu coma  pobo fenicio, o cal, malia a cativeza tanto do seu número coma dos recursos cos que contaba, comerciou marítimamente por todos os recunchos do Mediterráneo, en moitos dos cales, e a través de negociacións, conseguíu fundar  numerosas factorías, a maioría en cativas illas costeiras, ademais doutros asentamentos, parte dos cales chegaron a se converter en cidades da importancia da tan coñecida e belicista Carthago.
  
       Pois ben, arredor do ano 1.000 a. C., eses itinerantes fenicios traspasaron as lendarias Columnas de Hércules – o Estreito de Xibraltar-,  crearon outros establecementos  no occidente de  Andalucía, coma Gadir, a Cádiz actual, o Castillo de Doña Blanca, ou Onuba, hoxe Huelva, e exploraron a continuación o occidente  africano, ata o Ecuador. Así mesmo, arredor do  600 a. C. , e a petición do faraón  Nekao II (610-595), realizaron o alarde de circunnavegar este xigantesco continente, deixándonos ao mesmo tempo documentos coa descrición das exploracións atlánticas efectuadas, arredor de século e medio despois, polos almirantes Hannón e Himilcón de Carthago.

     Máis sorprendentes aínda resultan as numerosas inscricións fenicias atopadas no Brasil, sobre as que  se verteu moita tinta, tanto a favor coma en contra da súa autenticidade,  de xeito especial da que agora nos imos ocupar, a  denominada “Pedra de Ingá”, ou “de Paraíba”. Aínda que se descoñece o lugar exacto no que apareceu, nin por quen foi descuberta, a realidade é que cunha carta do 11 de setembro de 1872, firmada por un certo, e completamente descoñecido, Antonio Alves da Costa, o Presidente do Instituto Histórico e Geográfico Brasileiro recibíu unha copia manuscrita, en caracteres fenicios, de tal inscrición, descuberta no extremo máis oriental do Brasil, que lamentablemente  rachara en catro anacos, de xeito que ninguén tivo ocasión de os examinar nunca. Así mesmo, o 23 de abril de 1874 o Direitor do Museu Nacional de Río de Janeiro, Dr. Ladislau Pretto, reproducía esa copia na revista O Novo Mundo. Mais, uns meses antes, o seu texto, que despois de moitas voltas acabara nas mans do orientalista francés Ernest Renan (1823-1892), fora considerado coma unha impostura.

     Non acabou sen embargo aquí a cousa.  Porque, case que un século máis tarde,  no ano 1968,  o investigador  norteamericano Cyrus H.  Gordon (1905-2001), reconsiderando a cuestión, entendeu que a copia era auténtica, e dos contidos da mesma, tirou a conclusión de que a desaparecida gravación da que fora tomada realizárana os membros extraviados dunha expedición de dez naves cananeas, para ser máis exactos, de Sidón, as cales, partindo de Ezyon Guéber, hoxe a cidade israelí de Eilat, no golfo de Akaba, nun posible intento de repetir a circunnavegación de África, se ben que nesta ocasión con intencións nada máis que comerciais, acabaron esparexidas, presumiblemente polos ventos Alisios, cando, unha vez rebasado o cabo de Boa Esperanza, se dirixían ao norte, chegando  unha delas a o actual estado de Paraíba, no nordeste do Brasil.

     Segundo os datos  daquel discutido documento, a  expedición debeu de escomezar o seu periplo  no ano 19 do rei Hiram III (553-533 a. C.), o que situaría a redacción do seu texto, varios anos despois, xa no Brasil, arredor do 521 a. C.








             Copia da inscrición de Paraíba, segundo Ladislau Netto. Nás últimas liñas da cal
          pódese ler :”Pronto chegaremos ao final do noveno, e mesmo do décimo ano da nosa
          permanencia aquí, onde fai un calor insoportable. . . Non nos queda máis consolo que
          Baal”.

     En canto ao segundo dos lugares que arriba mencionamos, é moito máis recente posto que se debe a Eduardo Pondal Abente (1835-1917), o bardo de Ponteceso. ¿Mais, cal é ese confín dos Verdes Castros por el cantado?. . . Porque,  Castros existen en case que toda a fachada Atlántica europea. Con   base sen embargo no mapa “Castros of Galicia”, que aparece na obra do ano 2001  de Sir Barry Cunliffe (Portsmouth, 1939), profesor de arqueoloxía da Universidade de Oxford,  advirtese como este autor indica, por medio de puntos, a situación destas construcción entre a metade de Portugal e a Cantabria,  destacando ao mesmo tempo a extraordinaria densidade  que das mesmas se da na área dende o norte do Miño ao Eo, circunstancia que semella indicarnos a máis que posible parte de toda esta cultura á que puido pretender aludir Pondal  por medio da  súa expresión  de “confín dos Verdes Castros”.

     A arqueoloxía demostra, ademais, que, entre os séculos VIII e V a. C., foi moi  intensa a presencia fenicia en Portugal, detectándose bastantes asentamentos seus en tal territorio ao longo dese período. Indicamos a continuación, de sur a norte, algúns deles, como os de Castromarim,  Cerro da Rocha Branca,  Abú, Almada, ou o de Santa Olaia, o máis setentrional de todos,  na foz do Mondego, á altura xa de Figueira da Foz, se ben que algúns deles foron abandonados arredor do ano 500 a. C.. Mais ningunha instalación de especial releve relacionada con este pobo oriental  se descubreu ata o día de hoxe en Galicia, aínda que existan probas  da presencia de navíos fenicios  nas nosas costas, especialmente nas proximidades das Rías Baixas, cando menos entre os séculos VI e I a. C., ademais de numerosos achados que obrigan mesmo a dubidar  de que se trataran nada máis que de lugares de escala ocasional. Estamos a nos refirir, por suposto, ás  insculturas de Oia, ao norte de A Guarda,  que representan inconfundibles embarcacións do  mediterráneo oriental, así como aos restos fenicios atopados en Santa Trega, o Castro de Troña, A Lanzada, -centro de intercambio comercial claramente integrado xa nas rotas marítimas, dende o VII a. C. ao V d. C.-,   Neixón (Boiro), un ánfora púnica na baía da Coruña, e as numerosas moedas feno-púnicas de arredor do ano 300 a. C., procedentes do sur da Península, aparecidas na Estaca de Bares e os seus arredores. Completa esta breve exposición o descubrimento  baixo o Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, Vigo, no Castro  da Punta do Muiño de Vento, dun altar púnico datable nos séculos V-IV a. C. Nas mesmas Rías Baixas son tamén numerosas as  Áncoras Líticas, en todo semellantes ás utilizadas no Oriente. Segue sen se  poder demostrar, sen embargo, que o espectacular “Muelle fenicio de Aguiño”, en Ribeira, sexa de procedencia semita, coma con tanta insistencia se veu pretendendo. E existe, ademais, moitísima cerámica fenicia, ou feno-púnica, localizada entre o norte de Portugal e as costas de Asturias.











              Fotografía  da inscultura existente na península de Monteferro,  no concello de
         Nigrán, a rente do mar. Foi tomada a finais do ano 1986.  Nela advértese claramente
         que os seus non son caracteres gregos, ou latinos, así coma que tampouco se parecen
         demasiado aos fenicios,  cananeos, ou púnicos. ¿Estará acaso redactada por máns
         líbicas ou ibero-tartesias? . . .  Dubidamos tamén de que tales signos puidesen ter sido
         gravados por xentes nórdicas.  A realidade é que, ao longo de trinta anos, aínda non
         fumos quen de atopar a ninguén que nos puidese aclarar este aparente misterio.


      Continuando coa cuestión, parécenos importante lembrar agora a desagradable experiencia pola que, en 1996,  pasou Georgeos Díaz-Montexano, un investigador e editor cubano, cando identificou coma fenicia unha inscrición coñecida xa dende  había algún tempo,  á que tivera o atrevemento de datar entre os séculos X e o IX a. C. Segundo relata, a consecuencia desta decisión foi  insultado,   descalificado e acusado de falsificador, en base a que “según los expertos, principalmente gallegos, era imposible que los fenicios hubiesen llegado a Galicia, ni siquiera de paso”.  Este mesmo investigador descubreu, algo máis tarde, no “Monte de Chaos”, en Antas de Ulla,  no interior xa do país, outra inscricíón, ésta  púnica, do século II, ou I a.C.

     Dos fenicios sabemos que comerciaban con cerámica, alfareiría, escarabeus,  alimentos, roupa, tintes, púrpura, obxectos manufacturados, metais preciosos, vidro, xoias, marfís orientais, e outros  productos. Mais había algo que, segundo nos lembra a “Ora Marítima”, os motivara con máis empeño que ningunha outra cousa: o estaño, un mineral con importantes aplicacións, pero que tan só era posible de  atopar en contados lugares, e do que a  principal veta europea, tal como indican tanto Barry Cunliffe coma moitos outros investigadores,  expallábase dende a nosa Costa da Morte, polo cabo Fisterra, e as Rías Baixas, ata actual provincia de Zamora.  Na  existencia deste mineral debe ser onde descansou  o interese fenicio polo daquela remoto  confín dos Verdes Castros. A favor deste punto de vista xoga o feito, tamén coñecido por antigos cronistas, de que, no ano 350 a. C., o estaño custaba aínda catro veces máis que a prata.

     Teñamos, pois, a honradez de recoñecer  os méritos históricos do pobo fenicio, que, ademais de canto vimos de  comentar, aportoulle á cultura universal o admirable agasallo da súa escritura alfabética.


      (Publicado en extracto no número 199 da revista  “Encrucillada”. Outubro de 2016).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO

O VALEDOR DO REINO