O “REGNUM GALLICIENSE"




      Segundo os datos que na súa Chrónica recolleu Idacio Lémico (c. 390-469), bispo de Aquae Flaviae, na actualidade Chaves,  no nordeste de Portugal, e ademais excepcional testemuña do feito ao que nos imos referir, nos meses vindeiros vanse  cumplir 1600 anos da creación do Reino de Galicia.

      O acontecemento produciuse no ano 411, segundo consta na documentación existente. Coma consecuencia Galicia -naquel entón aínda denominada Gallaecia-, foi o primeiro país en se emancipar do Imperio romano. Algo que aconteceu 65 anos antes de que este desaparecera. A Chronica Gallica, redactada máis tarde, arredor do 453, sitúa a indicada emancipación no ano 412. Mais, dados a proximidade e a inmediatez de Idacio, así coma o tempo algo máis afastado do documento das Gallias, inclinámonos a nos a fiar máis dos informes do noso vello paisano.

      A diversos autores, máis ou menos próximos a aquela data, entre outros a San Ambrosio (+ 397), San Xerome (+420), o presbítero e historiador Paulo Orosio de Braga (+420), e ao arcebispo e historiador San Isidoro de Sevilla (556-636), debémoslle tamén admirables informes acerca deste feito.

      A través deles sabemos que, a causa da presion que sobre eles exercía o pobo dos Hunos, os barbaros da Xermania cruzaron o Rhin nunha posible noite do 31 de decembro do ano 406, baixo unha Lúa chea que iluminaba a súa enorme masa de xentes a tripar agoniada sobre a xeada superficie do río.

     Ao longo dos tres anos seguintes, os bárbaros sobreviviron coma puideron sobre o chan das Galias acosados polas tropas romanas. Mais, no outono do 409 conseguiron forzar os Pirineos e, dous anos despois -no 411-, repartíanse a maior parte da Península Ibérica. Os Suevos e os Vándalos Asdingos asentáronse na Gallaecia, os Alanos na Lusitania e na Caerthaginiense, e os Vándalos Silingos na Bética.

      Curiosamente a maioría dos pobos que habitaban a Xermania eran Suevos. Pero San Xerome fai notar que os que á nosa terra chegaron eran Cuados de nación. e que procedían das terras das actuais Chequia e Austria. Por outra banda, San Isidoro -Historia Suevorum-, refírenos tamén que á fronte dos mesmos, viña Hermerico, o seu dux, rex ou princeps. Hermerico, pois, sería o primeiro rei de Galicia, tendo en conta que a gobernou ao longo de 32 anos, xa que morreu no 441, despois de abdicar no seu fillo Rechila, sete anos antes, a causa dunha grave doenza.
   
      Baixo o seu goberno, os Suevos "converteron as súas espadas en arados", amosando asi as súas intencións. Hermerico gobernou o país cunha monarquía electiva, na que corría a cargo da Asemblea Nacional e da Asemblea de Xefes tanto o referendo coma o control de cada disposicion. Os monarcas Suevos tiñan ademais a obriga de respectar un ordeamento xurídico de fondo consuetudinario, transmitido oralmente. Unha precisión importante aportada polo autor romano Tácito, era a de que os reis xermanos "non tiñan un poder ilimitado, nin arbitrario".


      Dado tamén que o Tesouro Nacional era outra das prerrogativas dos Suevos, Hermerico acuñou moeda de inmediato, copiando as de Roma, mentres que no aspecto relixioso non se inmisciu nas crenzas dos seus novos súbditos. Os datos cos que contamos indican que, durante o seu goberno, non aconteceu, o mesmo que nas partes que seguían baixo o poder de Roma, xa que no novo Reino da Gallaecia non foron abandoadas as cidades nin se producíu ningunha alteración drástica das armazóns económicas, sociais ou políticas do mesmo. Tampouco houbo ningún baleiro de poder, coma se chegou a dicir, senón que se producíu unha recuperación en todos os sentidos, e mesmo se pagaron menos impostos.

      No aspecto político, ademais de manter o latín medio romanceado que xa se falaba no reino, Hermerico traton de resolver cantos problemas se lle presentaron a través de pactos e do entendemento.

      Este Regnum Galliciense por el fundado, do que, entre outros moitos autores, tamén nos fala Gregorio de Tours, a pesar de acabar sendo militarmente sometido polos visigodos no ano 585, continuou a manter persoalidade propia ao longo de moitos séculos, mesmo con períodos de independencia absoluta. Coma consecuendia,  os cronistas árabes denominaron Jalikiya -Galicia-, aos reinos cristiáns cos que estaban en loita durante a Reconquista. A Junta del reino de Galicia, hoxe Xunta de Galicia, pois, non é máis que a súa continuadora.

      No intre no que estamos a piques de conmemorar ese 1600 aniversario do seu xurdimento, temos que lamentar que un personaxe tan prudente e avanzado coma no seu tempo foi Hermerico, non teña nas nosas cidades unha estatua que o imortalice.

      (Publicado no ano 2010, no número 170 da revista Encrucillada).

       --> Outros traballos relacionados con este:

                -"Chronica Hermerici (c. 380-469)". (2003).
                -Idacio Lémico: "Chronica (379-469)". (2004).
                -Isidoro de Sevilla.(2003).
                -O comezo da nosa Idade Media. A "Gallaecia" que se emancipou de Roma.(2003).


Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO