OS TRINTA ANOS DE "¡OUVEADE, NAVES DE TARSISH!"

OS TRINTA ANOS DE “¡OUVEADE, NAVES DE TARSISH!.

Debo de admitir que o único Manuel Gago do que eu sabía da súa existencia, polo menos ata o mes de abril de 2014, era o debuxante-guionista da extraordinaria saga épica “El Guerrero del Antifaz”, que, dende 1945, e ata os mesmos días de hoxe, asombrou a cantos tivemos o privilexio de a ler, e reler, unha e outra vez.

Mais, na indicada data, mentres remexía no ordenador, e por unha auténtica casualidade, dei con outro Manuel Gago, -Mariño de segundo apelido-, nado en 1976 na vila de Palmeira (Ribeira), autor, investigador, profesor da USC, e un monte de cousas máis, que, o 15 de novembro do ano anterior publicara o comentario que aparece a continuación a cerca da miña obra “¡Ouveade, naves de Tarsish!”. Mais tarde sabería tamén, que, aínda que non me lembraba del, xa tivéramos ocasión de nos coñecer persoalmente había algún tempo.

Curiosamente, a fotografía que ilustra a súa análise, na que aparece nas miñas mans un libro que acababa de publicar, é a penas unhas datas anterior ao momento no que deu a coñecer tal comentario, polo que non teño máis remedio que admitir que a subín ao meu facebook nun intre autenticamente oportuno.


Xoán Bernández Vilar. Foto: Facebook do autor
Como teño contado xa en moitas ocasións (en Herdeiros pola forza hai un capítulo dedicado explicitamente a iso), é máis que estraña a relación da literatura galega contemporánea coa nosa Historia. Dá a impresión de que a inspiración é como a memoria, profundamente selectiva, e entre os numerosísimos temas máis que atractivos do noso pasado, os escritores só se teñan interesados por momentos moi concretos. Cando se adentran en épocas pouco frecuentes para a nosa literatura -como a Idade Media- entramos nunha turbulencia de relatos ampulosos e semioníricos -perfectamente lexítimos, por outra parte- que se distancian da estrutura dunha boa novela histórica (e é imposible non pensar nas obras de Marguerite Yourcenar, por poñer un gran exemplo). Por suposto, hai casos e casos de todos oos tipos.
Por iso, se cadra non é casual que a mellor novela que se teña escrito sobre a Idade do Ferro galega cumpra xa trinta anos e sexa case inencontrable. Escribiuna o señor da foto, Xoán Bernández Vilar, posiblemente o mellor escritor de novela histórica vivo que temos en Galicia. En 1983, e hoxe tamén, a novela tiña un título bastante críptico: Ouveade, naves de Tarsish!, pero daba conta das teimas e intereses de Bernárdez Vilar que, a finais dos 70, xa se pateara o litoral atlántico de Europa na procura da comprensión do primeiro texto que fala de nós, de Galicia: a Ora Marítima. Como nos pasa a todos, o interese de Bernárdez Vilar pola Ora continúa e continuará toda a súa vida, e nestes días vén de presentar un novo traballo sobre este poema.
Lin por primeira vez Ouveade, naves de Tarsish! a finais da década dos 80. Eu era un neno e custábame entender ata o “ouveade”. Pero fiquei abraiado con aquela reconstrución dun mundo que nos rodeaba; Bernárdez Vilar anticipábase aos tempos ao representar, de aquela, o intenso tráfico comercial co sur da península, pero tamén ao construír as súas personaxes. Como en No ano do cometa, o protagonista é un antiheroe, un suxeito levado pola historia, botado para dentro, sen raiceiras claras. Representar aquel mundo sen a épica coa que moitas veces se dotaba a novela histórica pareceume un achado magnífico. Anos despois, volvendo a ler a novela, fun confirmándoo: o estilo cinematográfico, as frases curtas e directas. Aquel libro de Bernárdez Vilar era dunha gran modernidade. En trinta anos, poucas novelas para adultos, en galego, se volveron a escribir sobre a Idade do Ferro e ningunha, ao meu ver, coa calidade e o rigor de Ouveade, naves de Tarsish!. Eu podo dicir sen empacho que grazas a Ouveade eu escribín Vento e Chuvia.
Publicar un libro é un acto sempre cheo de sentidos, algúns confesos e outros non. Aos libros pásanlle como esas xoias históricas que as familias reais van transmitindo de xeración en xeración: ás veces o máis interesante é o que acontece ao redor do libro. No meu caso, agora que Vento e Chuvia xa chegou ás librarías galegas e está nos escaparates, podo dicir que se cumpre parte dun vello soño, en tempo e forma. Homenaxear a mellor novela que se ten escrito en galego sobre o mundo castrexo exactamente trinta anos despois da súa publicación. Grazas, Xoán Bernárdez Vilar.

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO

O VALEDOR DO REINO