OS OLLOS DA HISTORIA

A Cartografia, dos seus inícios às decisivas contribucións do portugués Planisferio Cantino (1502)


(Texto íntegro)


     Non se sabe de ningunha sociedade, ou cultura humana, que non chegase a representar dalgún xeito, con maior ou menor precisión, ou sequera cun mínimo de fidelidade, o seu território, ben por medio de croquis, planos, ou representacións topográficas, xa a través dalgunha clase de esbozos, por rudimentarios que fosen. Tales representacións iconográficas refírense, nalgúns casos, apenas à zona na que se desenvolvia a súa actividade, aínda  que noutros incluen tamén os territorios inmediatos, e mesmo algúns outros máis afastados. Estamos a referirnos tanto aos pobos primitivos pré, e proto-históricos  actuais, como às culturas mais evoluídas (Fig. 1).
     Coma non podia ser menos, dentro dun espacio tan amplo e variado coma o que acabámos de indicar, os soportes utilizados para tales representacións foron tamén diferentes: nervios de follas, fibras de molusco, cabelos, codias, especialmente de vidueiro, óso, marfín, taboíñas de barro cocido, pinturas rupestres, insculturas sobre pedras e laxes, maquetas, deseños sobre vitela, coiro, papiro, etc.

     O coñecemento e a análise desta riqueza informativa permítenos, por outra banda, unha axeitada valoración do grao dos coñecementos de cada cultura, ata o punto de podermos dar por bo canto acerca destas representaçións pensaba o cartógrafo flamengo Abraham Ortelius (1527-98) cando considerou que "os mapas son os ollos da história".

               

Fig.1: Entre as culturas aludidas, tamén as nosas neolítica e castrexa fixéron este tipo 
de representacións. 
No grabado, o que se considera o mapa da foz do Miño existente na citânia de Santa 
Tegra (A Guarda).


A evolución do coñecemento xeográfico

     Deixando à parte a progresión dos distintos camiños que o coñecemento xeográfico tivo no mundo, do que aqui nos vamos ocupar é da evolución das representacións cartográficas da cultura occidental, sobre as orixes da cal non nos imos deter en demasía  dado que a perda, no ano 365, da famosa Biblioteca de Alexandria non nos permite pronunciar con rotundidade acerca da influéncia que os desparecidos coñecementos exípcios poideron ter na cultura grega, da que somos todos debedores.


     Digamos para comezar que os primeiros coñecementos científico-racionais acerca da xeografia proceden dos iniciais filósofos gregos, entón moi vinculados à cosmografia, así coma às matemáticas, á cronografia, á gramática e á poesia. Eles consideraban entón que a Terra era plana e circular, así como arrodeada por un rio-océano, con Delfos no seu centro, e que se mantiña inmóvil no medio do Universo. Ou sexa, unha concepción semellante á do Mapa-mundi babilónico do ano 600 a. C., o que suxire unha cronoloxía moi anterior para a orixe da mesma, ben como a que aparece na Biblia: "Hai un que reina sobre o círculo da Terra" (Isaías, 40: 22), frase na que "jugh", a palabra utilizada polo profeta para indicar "círculo", leva implícito o valor semántido de "esfericidade: "Gravou o círculo sobre as augas, ata a fronteira entre a luz e as sombras" (Xob, 26: 19) (1).

     Cunha lene posterioridade, Thales de Mileto (c.640-545 a.C.), que, o mesmo que moitos outros sábios e eruditos gregos, estivo no Exipto, así coma o seu discípulo Anaximandro (c.610-547 a.C.), o home que sostiña que "o infinito -ápeiron- é a orixe", demostraron científica e matemáticamente que a Terra era un corpo esférico que flutuaba no espacio, se ben que o segundo pareza inclinarse cara a unha concepción cilíndrica do mesmo. Lembremos que o autor do bíblico Libro de Xob, chegara a afirmar: "Tendeu o norte sobre o baleiro e apendurou a Terra sobre a nada" (Xob, 26:10).

      O concepto de esfericidade da Terra fora tamén aceptado por Pitágoras de Samos (580-500 a. C.), Aristóteles de Estagira (384-322 a. C.), responsable ademais da elaboración dos conceptos de pólo, ecuador e trópicos, e Erathóstenes de Cirene (276-194 a. c.), director no seu momento da Biblioteca de Alexandría. Este coñecemento  foi, sen embargo, esquecido posteriormente, non sendo retomado senón por Alberto Magno (c. 1200-1280), profesor de teoloxía e filosofía en Paris e Colonia, a través precisamente do seu coñecemento de Aristóteles.

Con base en todos estes imprecisos datos o xa mencionado Anaximandro de Mileto elaboraría, nunha data tan ceda como a de principios do século VI a. C., o que podemos considerar coma o primeiro Mapa-mundi analítico (2). Nel, aínda coas limitacións que lle impuña a exigüidade dos coñecementos sobre as terras entón habitadas, Anaximandro utilizou o primeiro sistema de coordenadas do que se ten noticia, constituído por meridianos e paralelos equidistantes entre si, o que permite unha máis precisa definición do territorio e, sobre todo, a localización de calquera lugar. A seguinte carta xeográfica da que sabemos, sería a de Hecateo de Mileto, (nado en 548 a. C.), un dos primeiros autores tanto sobre historia coma de xeografía, retomador sen embargo da idea dunha terra plana e circular (Fig.2).
                     


                Fig.2: Representación do mapa-mundi que Hecateo 
                  de Mileto elaborou cara ao ano 500 a. C.
                       
           Mais tería que ser Erathóstenes de Cirene, o inventor tanto do calendario que, por ter sido adoptado máis tarde por Xulio césar,denominamos hoxe xuliano, coma das palabras Filósofo e Xeografía, quen había de acadar o grao máis elevado da cientificidade da materia ao conseguir calcular con asombrosa aproximación, a medida da circunferencia terrestre (3). Por último Erathóatenes elaborou outro Mapa-mundi ao  que doitaría xa da precisión que lle confire a utilización dunha escala, mantendo e perfeccionando ao mesmo tempo o sistema de dous eixos de círculos ideados por Anaximandro para indicar a lonxitude e a latitude (Fig. 3).



Fig. 3: Reconstruçción conxectural do mapa-múndi de Erathóstenes de Cirene, de arredor de 200 a. C., efectuado xá à escala, e dotado da oportuna rede de coordenadas.


     Outro significativo avance sería a contribución de Aristarco de Samos (nado no ano 320 a.C.), quen, se ben que mantendo a concepción xeocéntrica do universo, preconizada tanto polos seus antecesores coma por cantos estudiosos houbo ata un tempo tan serodio coma o de Nicolás Copérnico (1473-1543), advertiu, xá daquela, que a Terra non estaba inmóvil no espacio senón que rotaba sobre si mesma, e se deslocaba cara ao Sol.

     A seguinte e decisiva contribución correría a cargo de Hiparco de Rodas (190-125 a. C.), posiblemente o autor co  que máis en débeda se atopa a cartografia universal. Hiparco, ademais de acceder ao coñecemento da excentricidade da órbita terrestre, ao da precesión dos equinócios, perfeicionar os cálculos acerca dos eclipses, advertir as irregularidades do movemento da Lúa, facer o primeiro catálogo fiáble das estrelas, e idear a dioptria, un instrumento de cálculo astronómico moi semellante ao astrolábio, que tamén utilizou, e resulta trascendental para a navegaçión,  revolucionou as ideas   cartográficas. Rexeitou, en primeiro lugar, a rede irregular de paralelos e meridianos proposta por Erathóstenes, para substituíla por outra determinada por critérios máis racionais, e adoptou a proxección cónica para os mapas. Por último, seria tamén o primeiro xeógrafo que aplicou aos círculos terrestres a vella medida babilónica dos 360 graos, subdivididos à súa vez en minutos e segundos. Cada grao  de meridiano resultaría así de 700 estádios gregos, o que, aínda considerando os distintos comprimentos dos mesmos, nos ofrece un valor moi próximo ao real: 111,7 km.

     Tres séculos depois, Marino de Tiro (nado no 120 d.C.), efectuou a revisión e o perfeicionamento dos coñecementos de cantos xeógrafos o precederan con base en cálculos puramente matemáticos. Trazou oito paralelos entre o ecuador e a illa de Thule, e aplicou aos seus mapas a chamada proxección ortogonal, que aínda que non excesivamente ortodoxa para a representación de grandes áreas, seria retomada catorce séculos depois polo flamengo Gerhard Kremer Mercator (1512-1594), e prestixiada no século XX a través da variante denominada Universal Transversal Mercator, a máis utilizada nos nosos dias dado que evita toda  clase de deturpacións.

      Marino, deseñador tamén, polo que parece, dalgunhas cartas náuticas, pode ser considerado coma o auténtico iniciador da cartografia científica. A el débese a elección do occidente das illas Canarias para situar alí o Meridiano UN, precedente do actual Meridiano 0°, ou de Greenwich, situado nas proximidades de Londres (4).

     Infelizmente a obra de Marino perdeuse. Dela sabemos nada máis que a través das críticas que lle formulou o seu coetáneo o astrónomo e matemático alexandrino Cláudio Ptolomeo (c.100-180), auténtica e gloriosa eclosión da cartografia clásica, do que agora nos imos ocupar.

     Herdeiro directo do saber de Hiparco de Rodas, e, aínda sen sabelo, tamén do home que desaprobaba, Ptolomeo sintetizou os seus coñecementos xeográficos en dúas obras autenticamente determinantes: a "Mathematike Syntaxis", máis coñecida hoje polo seu título árabe de "Almagesto", e a "Geographike Hyphegesis", ou "Guia xeográfica", tamén denominada "Xeografia".

     Na primeira, subdividida en trece libros, ademais de resumir os estudos astronómicos anteriores, ofrécenos os seus coñecementos da matéria e as súas teorías cosmogónicas, parcelando a Terra en vintenove paralelos, o último na illa de Thule.

     En canto à súa "Xeografia", ainda que, tal coma chegou a nós, ofrece evidentes amostras de ter sido retocada e, posiblemente, interpolada (5), consta de sete libros, nos que, onda as necesarias instruccións cartográficas, nas que reduce xa a 21 os paralelos da mesma, un cada 5 graos, dános a coñecer as diferentes proxeccións entón utilizadas, a de Hiparco, e tres máis. Inclínase, sen embargo, pola cónica, en tanto que rexeita a ortogonal de Marino de Tiro a causa da deturpaçom que produce nos lugares máis afastados (6), ofrecéndonos, ao mesmo tempo, as listaxes duns oito mil lugares, que sitúa por medio das súas coordenadas de lonxitude e latitude. Entre eles, e isto é unha autêntica aportación preferencial, preto de cen da  Gallaecia.




Fig. 4: A mitade occidental dunha das reproducións medievais do Mapa de Cláudio Ptolomeo.

A representación do algarismo "5", que aquí aparece, aplicada tanto aos meridianos como aos paralelos, aseméllase ao noso "4". Nel pódese observar tamén como o Meridiano UN se atopa ao oeste das "Fortunatae Insulae", ou sexa,   das actuais Illas Canarias


     Mais seria o oitavo libro desta "Xeografía" o que maior impacto había de causar, xá que contiña nada menos que vintesete mapas à escala, un deles xeral, (Fig. 4), elaborados segundo os datos e as instruccións que aparecen nos sete anteriores. Unha contribución, pois, autenticamente importante, e chea do máximo rigor científico posíble,  sen precedentes na história, tanto polo número, concreción e pormenorización dos topónimos que recolle, coma pola extensión da superfície representada, que abrangue dende o Meridiano UN, nas Canárias, ao 180, situado máis alá  da actual península de Malaca, e dende o paralelo 15, ao sur da liña equinocial, ao 63 norte, onde se atopa a illa de Thule, a última das terras coñecidas.


     A pesar das críticas que lle formula a Marino, temos de dicirr que tampouco el se librou de importantes incorreicións, aínda que unha boa parte se deban à inconsistencia das distancias que lle suministraron os itinerários entón existentes, ou à inexactitude das informacións coas que contou, así como à ausencia de observacións astronómicas rigorosas. Tampouco deixa de ser menos certo que pasou por alto algúns datos e que non efectuou a necesária análise crítica, território por território, dos que contaba.

     Ptolomeo comete tamén a grave equivocación de utilizar a medida da circunferencia terrestre calculada por Posidónio de Apamea (135-50 a. C.), que consideraba o grao de uns 500 estádios, o que, na práctica, supuña a reducción do tamaño da circunferencia terrestre, respeito do real, nada menos que nun 40%. Isto, xunto co  sobredimensionamento ptolemaico dos cumprimentos do Mediterráneo e da Asia, conducíría, séculos despois, aos coñecidos erros de Paolo dal Pozzo
Toscanelli, Martin Behaim, e do propio Cristóbal Colón que, curiosamente, haberían de conducir a este a descobrir a América.


     En canto aos vintesete mapas que acabamos de mencionar, existen certas dúbidas acerca tanto de se son da autoria de Ptolomeo, coma da cronoloxia dos mesmos. Nalgúns códices gregos a Carta Xeral ten a indicación de que foi elaborada por un tal Agathodemon Alexandrinus (7), un descoñecido, do que non se sabe se se limitou a elaborar tan só esta Carta, nun indeterminado momento, ou mesmo puido  ser o executor tamén das restantes, con base nas instruccións do Libro VIII da Xeografia,
xa en vida de Ptolomeo, ben con posterioridade. Mais, aínda que haxa quen pense que tales mapas moi ben puideron ter sido elaborados a comezos da Baixa Idade Media, por eruditos bizantinos, os argumentos a favor ou en contra desta eventualidade non son concluíntes, dado que parece moi pouco convincente a posibilidade de que puidese existir un cartógrafo grego de tanta entidade coma este Agathodemon, na Alexandria pós-romana.



Idade Média: ermo e resurreición.

     Infelizmente, Ptolomeo non tivo continuadores. Sendo o zénit da cartografia, despois del, non houbo nada máis que "nadir", a maior das carencias. Os romanos limitáronse simplemente a representar itinerarios, e os pobos xermánicos nada contribuíron nesta disciplina, en tanto que os árabes non pasarían do relato, se ben que excepcionais moitos deles. Mais non se molestaron en representar os lugares que describían, e, aínda que coñecesen a Ptolomeo, polo menos a partir de princípios de século IX, interesáronse preferentemente polos seus coñecementos astrolóxicos e astronómicos.


     Seria con Isidoro de Sevilla (560-636), cando aparece o primeiro e burdo intento de cartografia monástica. Referímonos aos mapas tripartitos circulares, tamén denominados en "T", ou en "O", que enchen os horizontes dunha grande parte da Idade Média. Neles, tanto os denominados "beatos" coma outros eclesiásticos, trataron de representar as tres partes do mundo entón coñecidas. En todos eles a Terra Santa figura na súa parte central, sendo os brazos da "T", os que separaban a Ásia da Líbia (África), e da Europa, así coma do mar Mediterrâneo, e dos ríos Tanais (Don) e Nilo. Os nomes das terras aparecen complementados polos dos tres fillos de Noé que, supostamente as poboaran: Sem, Cam e lafeth. En canto á "O", era o Océano que arrodeaba a Terra (Fig. 5).

     Trátase dunha elaboración máis cultual e alegórica que xeográfica, dunha máis que dubidosa utilidade práctica. Así a "T" simbolizaba a Cruz, mentres que  a tripartición do mundo aludía à Trinidade de Deus. En moitos destes mapas indicábase tamén a situación do Paraíso Terreal.

     Coma gloriosa excepción deste escuro panorama temos que mencionar a "Tábula Rogeriana", elaborada en Palermo no ano 1154 polo xeógrafo e matemático ceuti AI-Idrissi, ao servicio do rei Roger II da Sicília (1101 -1130). Este Mapamúndi circular, acompañado por setenta mapas locais, aparece claramente influído pola obra de Ptolomeo, e mantén o Meridiano UN no mesmo lugar que este

Fig. 5: Tipo de mapa circular en "T" e "O" do século X.

     Felizmente, a partir do século XII obsérvase unha substancial evolución ao aparecer o xá moi detallado mapamúndi de Henry de Mainz, mellorado na seguinte centúria con outros da entidade do da catedral de Hereford, Inglaterra, de c. 1290, e co do mosteiro de Ebstorf, Alemaña (1339), que acrecentan as posibilidades destas representacións ao incluir xá tanto copiosa toponímia, coma unha iconografia complementaria, e claros indícios de aproximación à realidade física. Con eles aparecen tamén listas de vilas, coa indicación das súas coordenadas, as máis das veces correctas, e comézase a medir a latitude das mesmas con base nas horas nas que eran observables en cada un dos eclipses (8).

Mais un mundo en expansión xeográfica e comercial coma foi o da Baixa Idade Média necesitaba superar tamañas carencias, e acabou por conseguilo ao se inventaren os Portulanos e as Cartas Mariñas.

Un portulano era unha descrición escrita das costas e dos portos, á que se axuntaba un corpo de instruccións, guia, ou "libro-portulano", coa indicación das diversas travesias posíbles. Ás veces, e de xeito ocasional, estaban tamén ilustrados.

As Cartas-Portulano, que parecen ter unha orixe itálica, supuxeron unha auténtica revoluçión. Na súa elaboración utilizábase xá o compás, ou "agulla de marear", chegada da China a través do mundo árabe, pouco antes do ano  1200 (10). A súa cartografia é nidiamente empírica, aínda que tamén moi perfeita, se ben que útil nada máis que para o Mediterrâneo, por carecer de datos auténticamente astronómicos. No século XV acabarían por ampliar o seu coñecemento ao complexo mundo das illas Atlânticas, incluindo tanto as reais como as que hoxe sabemos que procedian da fábula ou do mito, coma as de: Brasil, Antilla, Salvaga, Frisland, S. Brendan, etc.

En todos eles, a rede de rumbos partía dunha rosa dos ventos principal, e cruzábase con outras redes que partían á súa vez doutras rosas situadas à volta dela, posiblemente nos puntos onde se facían os cambios de rumbo máis frecuentes (11). A mellor destas Cartas-Portulano foi, sen dúbida ningunha, o chamado Atlas Catalán, elaborado sobre o ano de 1375 polo maiorquino Abraham Cresques, hoxe na Bibliotèque Nationale, Paris. 

Máis, por sorprendente que pareza, a auténtica resurreición da cartografia debeuse a un home desaparecido habia XII séculos. Estamos a nos referir, claro está, e de novo, a Cláudio Ptolomeo.

O coñecemento da súa obra no Occidente produciríase a finais do século XIV a través dos códices gregos que entón comezaron a chegar a Florencia. Os que máis ian influir foron os portados polo erudito Emmanuel Crisoloras, por teren sido traducidos ao latin polo seu discípulo, Jacopo Angelo, entre os anos 1401 e 1406. Desta versión faríanse numerosas edicións manuscritas, ata o extremo de que aínda se conservan hoxe nada menos que 38 exemplares das mesmas. A través da obra de Ptolomeo sería definitivamente retomada no Occidente a idea da esfericidade da Terra. 


Claudius Clausson Swart: a innovación da cartografía

     Antes de continuar co espallamento da obra manuscrita de Ptolomeo, un dinamarquês que posiblemente estivo na Itália, Claudius Clausson Swart, tivo a premonitória clarividencia de adaptar os coñecementos e os datos do mesmo à realidade do seu tempo, incorporándolles relatórios tanto do norte de Europa coma da Islandia e da Gronelandia, territorios sobre os que o xeógrafo alexandrino non sabia absolutamente nada.


Deste autor dinamarqués, máis conhecido polo seu apelativo latino de Claudius Clavus, co que a partir de agora o imos mencionar, sabemos  que naceu o 14 de setembro do ano 1388 en Sallingue, ao sur de Odense, na illa de Fyn, ou Fiónia, ignorándose onde e cando morreu. Un mapa seu chegaria às mans do cardeal Guillaume de Fillastre (1348-1428), talvez entre os anos 1418 e 1425, quen o incorporou ao seu traballo cartográfico iniciado con posterioridade ao concílio de Constanza do ano 1414. Esta primeira carta de Clavus, complemento e actualización dos coñecementos ptolemaicos sobre o Atlântico Norte, consérvase actualmente na cidade francesa de Nancy, baixo a denominación de Táboa de Nancy (12).

E existe aínda outro mapa seu, chegado a nós a través da chamada de Cópia de Viena (Fig. 6), elaborada por un grupo de eruditos entre os anos 1420 e 1430, segundo P. D. A. Harvey, con base nos traballos do dinamarqués ou nos seus comentários recollidos polo Códice Vindobonense (13). Nel confírmase a forma triangular do sur da Gronelándia, território que Clavus afirma ter visitado, e que esbozara xá na Táboa de Nancy. Semellante perfil da illa non seria asumido senón ata 1482 nos mapas editados en Ulm por Johannes Schinitzer e Donnus Nicolaus Germanus, no famoso globo construído en 1492 en Nuremberg por Martin Behaim, e na anónima "Carta de Paris" de c. 1493.

  

Fig. 6: Reconstrucción simplificada da chamada "Cópia de Viena", 
do segundo mapa de Claudius Clavus.

     
Obsérvese o perfil da parte meridional da Gronelândia, e a imprecisíon acerca das zonas conxeladas do mar de Barents, e o Atlântico Norte. Consecuencia desta decisiva actuación de Claudius Clavus foi que, xa de inmediato, as 27 Cartas de Ptolomeo, aínda que integramente respeitadas, comezaron a ser acrecentadas por outras, denominadas "tabulae novae", que actualizaban a antiga e incompleta visión que o xeógrafo alexandrino tiña de determinados espacios (14).

De 1475, en Vicenza, efectúase a primeira edición impresa da obra de Ptolomeo, aínda que a das cartas se demoraría dous anos máis, en Boloña. Esta foi seguida polas de Roma, en 1478; Florencia e Ulm, 1482; Ulm, 1486; e Roma e Nápoles, 1490. Tratábase de reproducións efectuadas por medio de planchas de madeira e  de cobre.

     Pouco despois,  coma non podia ser menos nun momento no que se estaban a producir salientables descubrimentos xeográficos e científicos, foron advertidas as moitas inexactitudes ptolemaicas, o que fixo que a edición das súas cartas se detivese en 1490, aínda que se reanudaria a partir de 1507, complementadas xá coas representacións dos novos territórios que se foran descubrindo.

     Ainda así, a obra de Ptolomeo influíu decisivamente, non só nas expedicións de Cristóbal Colón (1492), e Vasco da Gama (1497), senón tamén no mapa-mundi de Henricus Martellus, editado en Florencia por volta do ano 1489, que actualizaba os coñecementos e as exploracións portuguesas tanto na África como no oriente. Desta prestixiosa carta consérvanse dúas versións distintas: a da Universidade de Yale, complementada coa indicación en graos das lonxitudes e latitudes, así como a sinalización do Ecuador, os Trópicos e o Círculo Árctico; e a que permanece na British Library de Londres, carente de tales datos auxiliares (15).

     O seguinte paso auténticamente cuantitativo no que ao avance da cartografia se refire, atópase no cántabro Juan de la Cosa (c.1460-1510), coñecedor das costas africanas e propietário da nau "Santa Maria". La Cosa acompañou a Colón nas súas dúas primeiras expedicións, as dos anos 1492-93 e 1493-94, para perecer máis tarde nas proximidades da actual Cartagena de Indias, alcanzado por unha flecha indíxena envelenada.

     Mais, arredor do ano 1500, La Cosa dera remate tanto a un mapa de África como à súa famosa "Carta de Marear", ou "Mapamundi", do que, no Museo Naval de Madrid se conserva o que parece ser unha copia datada por moitos expertos como de entre os anos 1502 e 1510 (16). 0 excepcional traballo, que parece inspirado no desaparecido mapa de Giovanni Caboto, e mesmo en notas do própio Colón, conserva aínda as rosas dos ventos e as liñas habituais dos Portulanos medievais. Sinala, así mesmo, a situación do Ecuador e do Trópico de Cáncer. Non utiliza, sen embargo, meridianos graduados, e ao facer uso de escalas diferentes para os distintos territorios que representa, acaba por sobredimensionar ao  americano, levando, ademais as Antillas bastante máis ao norte do que realmente se atopan.

A estas alturas ignórase se a Liña de Demarcación de Tordesillas que nesta Carta aparece figuraba xá no mapa orixinal, ou foi incluída ao facer a copia.
De todos os xeitos non se corresponde coa real (17). A Liña de Demarcación de Tordesillas foi acordada a 7 de xuño de 1497 coma xeito de delimitar as zonas de expansión de Castela e Portugal. Respeito a ela, digamos que ademais das enormes dificuldades técnicas existentes naquel intre para determinar a súa auténtica situación, houbo moitas e tendenciosas reticencias entre cantos a trazaron, ata o extremo de ser levada para o leste ou o oeste, segundo o interese das partes implicadas. E se ben que retomaremos o tema máis adiante , non podemos menos que dicir agora que a opinión máis fundamentada que, para salvar tamaña complicación se ten formulado, parécenos a dos traballos do astrónomo catalán, o padre Jaume Ferrer de Blanes, efectuados xa no mesmo ano de 1494 (18).


O Planisfério Cantino e a revolución cartográfica

No ano 1502, Alberto Cantino, axente diplomático dos Duques de Ferrara en Lisboa, conseguiu tirar en segredo do país, logo de pagar por el a suma de doce ducados de ouro, un mapa de especial releváncia. Tratábase nada menos que do que se ven considerando como a copia do padrón oficial das descubertas portuguesas. Na actualidade recibe o nome de "Planisfério Cantino", e atópase na Biblioteca Estense, en Modena (Itália) (Fig. 7). Do feito que vimos de comentar sábese que o Duque de Ferrara, Ercole de Este, tívo xa nas súas mans o "Planisferio" no mes de novembro dese mesmo ano (19).




Fig. 7: Visión de conxunto do Planisferio Cantino, no que se manteñen as rosas dos ventos e as liñas que delas parten, aparecendo perfeitamente situadas a equinocial, os trópicos e o círculo polar árctico.

     A data da confección da carta podémola deducir dos seus própios contidos. Así, por exemplo, esta é sabedora da desaparición de Gaspar Corte-Real. Un  feito que non se coñeceu en Portugal ata despois de 12 de outubro do ano 1501, momento no que a segunda das embarcacións que o acompañában chegou a Lisboa traendo a infausta nova. O remate do documento ten de ser, pois, posterior a este intre, téndose tamén en conta algúns outros datos que nel figuran, coma o do coñecemento das costas meridionais da América do Sur, que non pode proceder senón das viaxes de Amerigo Vespucci, ou o da illa de Madagascar, descoberta em 1500 por Diogo Dias.


     O Planisferio amosa, ademais, bandeiras casteláns-leonesas na costa das actuais Guianas, Venezuela (Fig. 8), en parte exploradas por Vespucci ás ordes de Alonso de Ojeda, no período de maio de 1499 a juño de 1500, no que percorreu a ribeira entre aproximadamente o Surinam de hoxe e o golfo de Pária (20), aínda que tamén visitada, ao mesmo tempo, polo que parece, no tramo que media entre o cabo San Roque e o golfo de Pária-Illa Trinidade, por Vicente Yáñez Pinzón e Diego de Lepe, e na súa parte final, polo próprio Cristóbal Colón (período xullo-agosto de 1498), mentres que mantén en branco as ribeiras do golfo de Panamá, descoñecidas ata o momento no que este  as explorou na súa derradeira viaxe dos anos 1502-04.


  
Fig.8: A Liña de Tordesillas no Planisfério Cantino, con bandeiras portuguesas e de Castela-León a unha e outra banda. Está situado no meridiano 55º, que pasa polo actual Surinán, na América do Sur, e por Terranova. Obsérvese coma tanto onda esta como nas proximidades de Panamá non figuran as terras aínda non coñecidas. As Antillas aparecen deslocadas ao norte do Trópico de Câncer, sen dúbida polos erros de mediçión padecidos por Cristóbal Colón.

     Para os arredores do cabo San Roque, o autor do Planisfério, ou a fonte na que  bebeu, debeu de manexar informacións procedentes da expedición de Pedro Álvares Cabral e Gaspar de Lemos, pois cita a chegada a el do primeiro, que se producíu en abril do ano 1500. Parece coñecer tamén a viaxe de Alonso Vélez de Mendoza, do mesmo ano, que talvez atinxiu o actual rio São Francisco, no sur do Brasil. Mais o deseño, se non exacto, si sorprendentemente aproximado na parte meridional do continente que o Planisfério nos ofrece, non se poderia explicar se o seu autor non tivese contado para esta parte cos relatorios de Vespucci, ou de Gonçalo Coelho, posíble responsáble da expedición de 1501-2, na que o florentino visitou estas latitudes ao serviçio de Portugal.


     Esta partira de Lisboa en maio de 1501 coa intención de chegar, navegando cara ao oeste, à chamada Cuarta Península da Ásia, que nas distintas edicións dos mapas de Claudio Ptolomeo aparecia situada a oriente da de Malaca, pasado o Sinus Maximus. Un acidente este que se corresponde cos actuais golfo de Siám e Mar da China Meridional. Así a anunciara Vespucci en carta de 18 de xullo de 1500: "Percha mia intenzione era di vedere si potevo volgere uno cavi di terra, che Ptolomeo nomina il Cavo di Cattegara, che e giunto con el Sino Magno". "Porque a miña intención era ver se podia dobrar un cabo que Ptolomeo chama  Cabo de Cattegara, que está ao pé do Sinus Maximus" (21).

A península en cuestión, convén que o digamos, está considerada por algúns coma un moi discutíble protocoñecemento da existencia da América do Sur. Nesta exploración Amerigo Vespucci costeou este território, segundo afirma, ata os 50º de latitude sur, e convenceuse de que as terras que estaba a abeirar non eran a China, coma Colón continuaba a soster, senón  un mundo distinto. El seria, pois, o primeiro que o advertiu, (22). E así llo comunicaría máis tarde por carta a Lorenzo dei Medici. O Planifério, aínda que iconográficamente pareza representar o extremo meridional da América do Sur, sitúa este limite, presumiblemente acadado polo navegante nesta viaxe, nos arredores do paralelo 35º sur. É dicir, aproximadamente à altura da localidade uruguaia de Punta del Este, onde comeza a inmensa abra do rio da Prata, polo que é moi posíble que non pasase dela.

     Por outra banda, o retorno a Lisboa desta expedición produciuse en setembro do ano seguinte, ou sexa, do 1502, no que coma sabemos, no mes de novembro chegou o Planisfério ás máns do seu destinatário o Duque de Ferrara. Con base, pois, en todos estes datos non parece arriscado situar o remate do mapa por volta de finais do mes de setembro, ou talvez quizais, a princípios de outubro dese mesmo ano 1502.

     Sabida esta cronoloxia non pode sorprender xa que nel se recollan relatórios procedentes das exploracións de Gaspar Corte-Real (1500-1), das tres primeiras viaxes de Cristóbal Colón (1492-1500) (23), da de Vasco da Gama (1497-99), e moi posiblemente tamén da de Fernão de Noronha (1501 c.), se ben que os precedentes desta parezan incrementados a última hora coa utilización de letra cursiva, distinta da gótica coa que figuran os demais. 

Significa isto  que nos atopamos diante dunha carta que nos ofrece unha autêntica e inmediata actualización das exploracións do seu tempo.
     Así mesmo, se ben que rematado uns tres anos despois do retorno a Lisboa de Vasco da Gama procedente da India (agosto de 1499), o Planisferio é xá coñecedor do perfil triangular da mesma, e sitúa con bastante aproximación os contornos de Malaca, Indonesia e a China, territorios entón ainda non explorados. No Novo Continente insinúa, así mesmo, a península da Flórida, ou talvez a do lucatán, tampouco ainda oficialmente descobertas nin exploradas.

     Mais o Planisfério representa tamén, e con excepcional precisión, a latitude tanto da Islándia como da Gronelándia, así coma os contornos meridionais desta, ainda que se advirta un lixeiro deslocamento da mesma cara ao leste, exactitudes moi pouco habituais na cartografia quiñentista. E na costa sudoriental da última exibe un dato de enorme importancia ao incluir, entre dúas bandeiras portuguesas, o seguinte texto (Fig. 8):
 
"Esta terra he descober (ta) per mandado do muy excelentissimo princepe dom manuel Rey de Portugal, a qual se cree ser esta a ponta dasia. E os que a doscobriram nam chegarom a terra mais viram Ia e nam viran senam serras muyto espessas polla qual segum(do) a opinyon dos cosmof(ó)ricos se cree ser a ponta dasia"-
                        
     Dado que don Manuel reinou dende 27 de outubro de 1495 ata à sua morte no ano 1521, esta referencia debe ser datada entre o comezo do seu reinado e a confección do Planisfério, setembro, ou outubro de 1502. Apreciación que parece confirmar o relatorio do embaixador de Venecia, Pietro Pasqualigo, testemuña presencial en outubro de 1501 do retorno dunha das naves de Gaspar Corte-Real a Lisboa, procedente do que hoxe chamamos Terranova. Os tripulantes da mesma describíronlle o território acadado coma cuberto de arboredos, rico en pesca e moi poboado. E precisáronlle, aínda que con certa vaguedade, que se atopaba a unhas 2000 millas de distância cara ao noroeste, talvez unido, pensaban, a outra terra situada máis ao norte, divisada no ano anterior, à que non se puideron achegar por causa dos numerosos grandes blocos de xeo que había no mar. 2000 millas náuticas é, efectivamente, a distancia que separa Lisboa da Terranova.


"Credeno queste di la caravella la soprascrita terra esser terra ferma et conjugersi con altra terra, Ia qual l'anno passato sotto Ia tramontana fu descoberta" (24). "Crêen estes da caravela que a anteriormente citada terra (Terranova) é terra firme e unida con outra terra que, o ano pasado, fora descoberta ao norte".

     Co que parece que podemos considerar que o avistamento português da Gronelándia recollido no Planisfério pode corresponderse co da primeira expedición de Gaspar Corte-Real, a do ano 1500. E se ben que tampouco nos explique o seu autor a que "cosmofóricos" está a se referir, parece claro que é proclive coa opinión destes  respeito a que o extremo meridional da Gronelándia puidese ser "a ponta dasia". Un convencemento moi próximo ao que unhas décadas máis tarde, tiraron tanto Hernando Colón coma o padre Las Casas, de documentos do pai do primeiro, segundo o cal certo galego chamado Pero de Velasco contemplara, por volta do ano 1452,  por aquelas mesmas paraxes, unha terra que outros consideráron que podería ser unha parte de Tartária (25).

     Respeito á Terranova, o autor do Planisfério reproduce o perfil da parte da mesma situada ao leste do meridiano 55º, ofrecéndonos ao mesmo tempo un autêntico exemplo de coherencia informativa ao non debuxar, o mesmo que no caso do Panamá, as terras situadas ao norte e ao sur dela, non exploradas aínda. Queremos con isto dicir que ao contrário que o "Mapamundi" de La Cosa, o Planisferio Cantino limítase a representar aquilo acerca do que ten a debida información. Agora ben, tanto a situación coma o perfil co que representa este território aseméllanse enormemente aos que a denominada "Carta de Paris" lle conferira, por volta do ano 1493, ao que denomina, se a nosa leitura da súa defectuosa rotulación é correcta: "Hectens civitatum insula vocatur, portugallentium colonia...", "Illa chamada das Sete Cidades, colonia dos portugalenses...". Ou sexa que, ademais de coñecer a "Carta de Paris", ou de ter accedido a algunha fonte común coa dela, o autor do Planisferio parece que tentaba identificar á Terranova por Gaspar Corte-Real explorada, coa lendária e medieval illa das Sete Cidades.

    Neste lugar, ademais doutras dúas bandeiras portuguesas, e un bosque de enormes árbores, sitúa tamén o seguinte  texto:
:                                                                                                  
"Esta terra ix descoberta per mandado do muy alto exçelentissimo Pprincipe Rey don Manuell Rey de Portugall, aqual descobrió Gaspar de Corte Real cavalleiro da cassa do dito Rey, o qual quando a descobrío mandou hum navío com certos ornes e molheres que achou na dita terra e elle ficou con outro navio, e nunca máis beo, e crese que he perdido, e aquí ha muios mastos"

     Comentário históricamente correcto a non ser no que ao número de barcos da expedición de Gaspar Corte-Real se refire, xá que estes parecen ser un mais dos que indica. Pietro Pasqualigo, o embaixador de Venecia presente no retorno da primeira embarcación, que sabe que, ademais desta, e da que, tal como indica o texto que acabámos de reproducir, estaba en camiño portando produtos e indíxenas de ambos  sexos dos territórios achados, ficaba atrás un terceiro navio, o de Gaspar. As
cartas nas que Pasqualigo informa do caso son dúas, unha do 18 e outra do 19 de outubro de 1501. E nambas refire que a primeira das naves chegara ao Tejo uns dez dias antes, ou sexa, o oito ou nove, mentres que a que entón estaba en camiño  fíxoo no dia doce (26).


     Agora ben, sexa ou non certo que poida representar  ao que parece secretisimo Padrón portugués, a realidade comprobáble é que este agora denominado Planisfério Cantino ten sobrados motivos para ser considerado coma outra das xoias da Cartografia mundial. Porque, aínda tendo en conta a aparente rusticidade do seu aspecto e de amosar tamén as rosas dos ventos dos Portulanos, ou persistir en certas denominacións ptolemaicas, non só sitúa coa máis asombrosa das precisións a maioria das terras entón coñecidas, e  as liñas equinocial, dos trópicos, e do círculo árctico, amósanos  tamén as rotas comerciais coas súas principais mercadorias, ás que ilustra con excepcionais deseños. O Planisfério Cantino denota tamén influéncias árabes e claras evidéncias do coñecemento da navegación astronómica. A falta ainda da utilización do meridiano graduado, a súa conceptualizaçión representa  a definitiva transición entre os Portulanos, Claudio Ptolomeo incluído, e a moderna cartografia. É a revolución que inaugura unha nova fase da História e da Ciencia e a Arte cartográficas.

     Por outra banda o Planisfério Cantino ofrécenos tamén a primeira e máis exacta representación cartográfica da Liña de Demarcación de Tordesillas (27), que sitúa nas proximidades do meridiano 55° (Fig. 8),xa que a fai pasar pola banda oriental da foz do rio Surinan, nas inmediacións da actual cidade de Paranaribo, capital da ex colónia holandesa do Surinan, na América do Sur.

     Non todos os autores están, sen embargo, conformes con esta afirmación. A Liña de Demarcación foi e será sempre discutida, por causa da súa importancia. À marxe de toda polémica, queremos indicar agora a opinión do cronista Antonio Pigafetta, que no mês de febreiro do ano 1520, no decurso da viaxe de Magalhães e Elcano, na que el tomaba parte, afirmou o seguinte:

"la linea de demarcación, que está a treinta grados al oeste del primer meridiano, y éste a tres grados al oeste de Cabo Verde". . .
                  
     O Cabo Verde sobre o que se tratou en Tordesillas coma punto de referencia para determinar a Liña, son as illas así denominadas, non o cabo do mesmo nome, que se atopa no meridiano 17° 33 '. E aínda que se teña discutido tamén moito acerca do lugar no que debía de ser situado ese Primeiro Meridiano, a partir do cal se tiñan que medir as 370 léguas, ao remate das cales se situaría finalmente tal Liña de Demarcación, o comentario de Pigafetta, e outros documentos, inclinan a pensar que tal Primeiro Meridiano debia de localizarse a partir da parte mais oriental do arquipélago.

     Nese punto, a illa da Boa Vista atópase no meridiano 22° 30'. 0 que Pigafetta denomina coma Primeiro Meridiano, -lembremos que Ptolomeo, que ignoraba a existencia de Cabo Verde, situábao daquela nas Canárias-, teremos que procurálo no 25° 30', pois segundo os dados que Pigafetta nos transmite e eran entón vixentes e admitidos, tal Meridiano está a 3 graos ao oeste da Boa Vista. Ou sexa,, ligeiramente a poñente do linde occidental deste arquipélago, na illa de Santo Antão, que ten a súa coordenada no meridiano 25° 10'.

     Así, pois, baseándonos neste comentário, a Liña de Demarcaçom deberá de se atopar trinta graos ao oeste desde Primeiro Meridiano, ou sexa, no meridiano 55° 30'. Pois ben, o Planifesferio Cantino sitúa esta controvertida Liña precisamente nese meridiano 55°, acompañado da indicación de "este he omarco dantre Castella e Portugall". Advírtese, pois, unha deturpación de medio grao respeito ao cálculo que acabamos de efectuar, 'erro' que, dada a precariedade dos elementos de medición entón existentes, non pode producir senón asombro e admiración. Compróbese todo isto a través da figura 8, na que se pode apreciar o sobredimensionamento da abra do rio Surinan. Mais tamén se observa claramente nel a marxe sudoccidental da mesma, que é o lugar no que se atopa a actual vila de Paramaribo, non sinalada no Planisferio xa que aínda non fora fundada. Pois ben, a cordenada desta é a de 55° 13' (28).


O segredo do Planisfério Cantino

     Por último, os contidos deste singular planisfério obrigamnos a certas reflexións. En primeiro lugar acerca do feito de que, a pesar de toda a súa meticulosidade informativa, que o leva a recoller os datos xeográficos máis recentes, nada aparece nel que demostre que saiba da longa viaxe polo Atlântico norte efectuada por Pêro de Barcelos e João Fernandes Lavrador, no período 1492-95, ou ben coma suxiren outros, no de 1495-98, nin das de Giovanni Caboto às mesmas paraxes partindo do porto inglês de Bristol nos anos 1497 e 1498, ou da segunda de João Fernandes Lavrador, en 1501, na que saindo tamén de Bristol perecera na empresa, feito polo que mereceu que o seu nome se perpetuase nunha das penínsulas canadianas.

     Por outra banda o Planisfério, aínda que coñeza dúas expedicións, apenas menciona unha das que Gaspar Corte-Real efectuou, deixándonos coa incógnita de como é posíble que se a tripulación da primeira se limitara a ollar de lonxe a Gronelândia, nos poida presentar un perfil da mesma cunha exactitude bastante maior que a dos mapas elaborados por Claudius Clavus.

     Ignora igualmente o Planisfério, ou silénciaa deliberadamente, a controvertida expedición luso-dinamarquesa de arredor do ano 1477 "para procuraren novas terras e illas nos mares do norte", pola que o entón príncipe don João, rei mais tarde no período 1481-1495, acadara no seu momento imortal sona (29), na que as naves daquela enviadas chegaran nada menos que ao actual estreito de Hudson, no nordeste do Canadá.

     Acerca disto precisamente escribirialle ao próprio monarca o 14 de jullo de 1493, é dicir, con bastante anterioridade à elaboraçión do Planisfério, e de xeito encomiástico, o documentado doutor Hieronymus Monetarius Münzer:
 
"Já te louvam por grande príncipe os alemães e os rutanos, apolónios, citos, e os que moram debaixo da seca estrela do pólo árctico, com o grande duque de Moscávia, que não há muitos anos que debaixo da sequedade da dita estrela foi novamente sabida a grande ilha de Grulanda -Gronelândia- que corre por costa CCC léguas... (30).

     Complemento e epítome de cantas informacións ao respeito levamos aquí comentado podemos considerar os datos recollidos polo castelán Francisco López de Gómara (1512-72), capelám de Hernán Cortés, na súa "La Istoria de Ias Indias y conquista de México", publicada en Zaragoza no ano 1552:

"Muchos han ido a costear la tierra del Labrador por ver adónde Ilegaba y por saber si había paso de mar por allí paró ir a las Malucas y Especiería, que caen, como en otro lugar diremos, sobre la línea Equinoccial, creyendo acortar mucho el camino, habiéndole... y así fué allá Gaspar Cortes Reales, el año de 1500, con dos carabelas. No halló el estrecho que buscaba. Dejó su nombre a las islas que están en el golfo Cuadrado y en más de cincuenta grados. Tomó por esclavos hasta sesenta hombres de aquella tierra y vino muy espantado de las muchas nieves y heladas, ca se hiela el mar por allá reciamente... También han ido allá hombres de Noruega con el piloto Joan Scolvo, e ingleses con Sebastián Caboto... Bretones y daneses han ido también a los Bacallaos, y Jacques Cartier, francés, fue dos veces con tres galeones..."

     Do que ven resultar que Gómara, aínda que non coa exactitude que debera, xá que resume nunha as dúas expedicións de Gaspar Corte-Real, sabe do autêntico obxectivo da primeira delas, a que o conduciu tan ao norte que lle permitiu divisar en difíciles condicións atmosféricas as ribeiras da Gronelândia: à procura da célebre Pasaxe do Noroeste que permitise chegar máis facilmente às riquísimas illas Malucas ou da Especiaria. E coñece tamén  a Johannes Scolvus, Joan Scolvo, un dos
participantes na expedición de arredor do 1477 à que antes nos referimos, que costeou o cono sur da Gronelândia e permitiu, posiblemente, que o autor do Planisfério poidese representar tan puntualmente o seu perfil.


     Así pois, sexan ou non acertados tanto esta particular identificación da Terranova coa  lendaria illa das Sete Cidades, ou que o autor do Planisferio tivese accedido ao Padrón oficial das Descobertas portuguesas, coñecera polo menos en parte os contidos da "Carta de Paris", ou, se acaso a fonte da que puido ter sido tomada esta, non nos cabe tampouco a menor dúbida de que o Planisfério ofrece certos síntomas de que o seu autor debia de saber algo máis do que nel representou. O venal funcionário que por doce ducados de ouro lle facilitou a carta ao de Ferrara debeu de limitarse, quizais, a nada máis que a facerlle  un mapa à medida do que aquel procuraba, incluindo nel talvez
aquilo que considerou menos lesivo para os interesses de Portugal. É posíble que non se quixese arriscar máis alá do conveniente revelando o auténtico obxectivo da presencia portuguesa no noroeste Atlántico.

 

—————————— NOTAS ——————————


(1)
Se ben tanto Xob coma Isaías vivirom respectivamente nos séculos XV e VIII antes de Cristo, os analistas bíblicos consideran que os escritos a eles atribuídos foron escritos con moita posterioridade, por volta dos séculos VI e V (Vid. H. Haag et alii: "Diccionario de Ia Biblia", Herder.Barcelona, 1963, págs. 916-20 e 998). O que pode significar  que a información neles recollida respecto á forma da Terra pode proceder dos tempos do exílio en Babilónia, posterior polo tanto a ese mapa do ano 600 a.C. (Francisco Marco simón (1999), páx. 13). 
(2) STEFOFF, Rebecca, págs. 26-27.



(3)
0 resultado do seu cálculo foi o de 250.000 estádios, aínda que moitos autores antigos mencionen 252.000.
 0 estádio é unha medida que equivalia a 600 pés gregos, unha magnitude que infelizmente contaba con distintos comprimentos, segundo os lugares. Houbo, pois, estádios de 157 a 211 metros. Agora ben, a medida das outras referencias efectuadas por Erathóstenes conduce a considerar estes 250.000, ou 252.000, estadios que lle outorgou à circunferencia terrestre coma: 46.620 kms., con base nos 185 metros de lonxitude do estadio ateniense (TATON, René, vol. 2, páxs. 405-6). Sen dúbida por erro de cálculo, Arthur e Alan STRAHLER, páx. 4, reducen este mesmo cálculo a 43.000 kms.; 44.400 kms., co estádio grego de 177,6 m.; 40.233 kms. (STEFOFF, Rebecca: pág. 28); 39.500 kms. (ROMERO, Federico, e BENAVIDES, Rosa, pax., 14); 39.690 kms., unha das máis aceptadas, con base no estadio exipcio de 157,5 metros (TATON, René, vol. 2, páxs. 405-6); ou  36.000 (HOWATSON, M. C., páxs. 316 316-7). Coma se pode comprobar, e dado que o comprimento dun meridiano terrestre é de 40.009 kms. -o Ecuador acada os 40.076- o "erro" de Erathóstenos andaría apenas arredor do 1%, ben por exceso xa por defecto. 
(4)
0 cero -"círculo pequeno"- é un concepto creado polos hindúes no século VIII xunto co sistema de numeraçión decimal e posicional. Arredor do ano 830 estas ideas serian recollidas polo astrónomo e matemático de Bagdad, AI-Khwarizmi, o inventor da Álxebra, sendo a través del que chegaron máis tarde a Occidente (TATON, René, vol. 3, páxs. 501-508, 509 e 516).
(5)
TATON, René, vol. 2. páx. 409.
(6)
Id. Id. páx. 410. Admite, sen embargo, a proxección de Hiparco e de Erathóstenes para as cartas rexionais (AUJAC, Germaine, páxs. 14-15).
(7)
PINHEIRO MARQUES, Alfredo: páx. 25.
(8)
TATON, René, vol. 3, páx. 689.
(9)
Arredor de 1290 o maiorquino Ramon LIuII declaraba que os mariños "habent chartam, compassum acum et stellam maris", e que "a navegación nace e derívase da ´Xeometria e da Aritmética" (TATON, René, vol. 3, páx. 586).
(10)
Foi cara ao 1200 cando aparece citado o compasso por primeira vez por autores coma Guyot de Provins, Alexandre Nackham ou Jacob de Vitry. Difundírase primeiro baixo a forma dunha agulla imantada fixa a un flotador colocado nunha vasilla con auga. Este compasso con eixo foi tan só lixeiramente posterior, pois ao coñecido tanto por Alexandre Nackham coma por Petrus Peregrinus (TATON, René, vol. 3, páxs. 683-85).
(11) Cartas-Portulano obsérvase a imperfección de que a "loxodromia", ou curva           que na superfície terrestre forma un mesmo ángulo na súa intersección con           todos os meridianos e sirve para navegar cun rumbo fixo, é confundida                   cunha recta. Tampouco están elaboradas à escala, polo que as distancias 
       deben de calcularse a ollo. E ainda que algunhas conteñan cuadrículas, non         utilizan os meridianos nin os paralelos.
(12) AUJAC, Germaine: páx. 17. KARROW, R. W., páxs. 261, 676, 722. 
       STEFOFF, Rebecca, páx. 91. TATON, René, vol. 3, páx. 689. Segundo                  estima P. D. A. Harvey, páxs. 54-55, a obra de Fillastre foi rematada arredor          do ano 1427.
(13) Harvey, P. D. A.; páxs. 54-55. CARTOGRAFÍA HISTÓRICA: páx. 49. 

       STEFANSSON, Vilhjalmur: páxs. 125-126.
14) PINHEIRO MARQUES, Alfredo: páx. 25.
(15) NEBENZHAL, Kenneth: páxs. 15-17.
(16) ANNA, Lugi de, páx. 65. MARTIN MERAS, Luísa, páx. 80. NEBENZHAL, 

       Kenneth, páx. 32. STEFANSSON, Vilhjamur: páxs. 202-203.
(17) VÁRIOS: "Cartografia Histórica", páxs. 68-69. COMELLAS, José: passim.
(18) "Seminários Temáticos", páxs. 23-32 e 33-58.
(19) NEBENZHAL, Kenneth, páx. 34. PINHEIRO MARQUES, Alfredo, páxs. 49-

       52.
(20) ALBUQUERQUE, Luís de: DICIONÁRIO, páxs. 1073-74.
(21) DUSSEL, Enrique: páxs. 41 a 45.
(22) Nesta circunstancia basearíase o xeógrafo alemán Martin Waldssemüller 

       (1470-1521), para propor no ano 1507 o nome de América para estas terras 
       (NEBENZHAL, Kenneth: páxs. 52 e 64).
(23) Entre as influencias colombinas temos que considerar os seus erros de 

       cálculo respecto das Antillas, ao situar Cuba e Haiti 21º e 15° máis ao norte 
       do real, o que determinou a inexacta ubicación do arquipelago por riba do 
       Trópico de Câncer, que recollen tanto o mapa de La Cosa coma o Planisferio.
(24) CORTESÃO, Jaime: Vol. III, páx. 732.
(25) Hernando Colón, capítulo IX, e Álvaro de Ias Casas, capítulo XIII. 

       CORTESÃO, Jaime: Vol., II, páxs. 445 a 451. MANZANO MANZANO, Juan: 
       páxs. 85 a 88.
(26) PERES, Damião: páxs. 350-355.
(27) VÁRIOS: CARTOGRAFÍA HISTÓRICA... págs. 68-69: "y la línea de 

       demarcación fijada en el Tratado de Tordesillas e indicada por primera vez 
       con precisión"...
(28) Contribucións importantes acerca desta discutidísima Liña: 

       ALBURQUERQUE, Luís de: "Dicionário"... páxs. 1039-43;  
      ALBURQUERQUE,  Luís de: "Os Descobrimentos"... páxs. 193-218;
      CARVALHO, Sérgio Luís de: "O Tratado de Tordesilhas"; CORTESÃO, Jaime: 
      Vol. III, páxs. 671-716; PERES, Damião: páxs. 268-77; RUMEU DE ARMAS, 
      António: EL TRATADO...; SERRÁO, Joel, Tomo VI, páxs. 175-76; VARELA 
      MARCOS, Jesús: EL TRATADO..., SU ORIGEN,SOLUCIÓN (En VARIA: 
      SEMINÁRIOS TEMÁTICOS); EL TRATADO.... EN LA CARTOGRAFIA 
      HISTÓRICA; VARIA: O TRATADO DE TORDESILHAS E OUTROS 
      DOCUMENTOS.
(29) Esta expedición foi por nós estudada nos traballos: "A etapa   
       portuguesa de Colón e a súa viaxe ultra-Tile", (1992), "A expedición 
       luso-dinamarquesa ao noroeste atlântico. ¿Alcanzáron América os 
       Portugueses antes que Colon?", esta publicada nos números 49 e 53 da 
       revista Agália, nos anos 1997 e1998, e, por último, en "Antes da 
       invención de América. As descubertas precolombinas do século XV", 
       publicada no 2001 pola Universidade de Vigo.
(30) CORTESÃO, Jaime: "Pré-Colombinos"... páx. 177. 0 doutor Monetarius 
       Müntzer, que exercia en Nuremberg e participara na confección do seu 
       célebre Globo con Martin Behaim, visitaria no ano seguinte a Península,                 percorrendo  Galicia entre o 17 e o 27 de dezembro de 1494.



Bibliografía principal

ALBUQUERQUE, Luis de, Dicionário da História dos Descobrimentos Portugueses, Caminho, 1994.
      --Introdução à História dos Descobrimentos Portugueses, Europa-América, Mira-Sintra, 1989.
-A Náutica e a Ciência em Portugal, Gradiva, Lisboa, 1989.
ANNA, Luigi de, Le isole perdute e le isole ritrovate, Universitá di Turku (Finland), 1993.
AUJAC, Germaine, La Géographie de Ptolémée, Éditions Anthése, Arcueil, 1998.
CARVALHO, Sérgio Luis de, O Tratado de Tordesilhas, Texto Editora, Lisboa, 1994.
COMELLAS, José Luis, La Carta de Cristóbal Colón. Mapamundi, circa 1492, M. Moleiro, Editor S. A. Barcelona, 1995.
CORTESÃO, Jaime, 
Os Descobrimentos Portugueses
, Imprensa Nacional-Casa da Moeda, 1997.
--Os Descobrimentos pré-colombinos dos Portugueses, Imprensa Nacional-Casa da Noeda, 1997.
DIXON, Conrad, Navegación astronómica básica, Paraninfo Madrid, 1985.
DUSSEL, Enrique, O encubrimento do Outro. A orixe do mito da modernidade,              Encrucillada, Santiago, 1992.

FERNÁNDEZ-ARMESTO, Felipe, The Time Atlas de las Grandes Exploraciones, GSC, Barcelona, 1995.
FERRATER MORA, José, Diccionario de Filosofía, Círculo de Lectores, Barcelona, 1991.
GARMENDIA BERASATEGUI, Ignacio, Instrumentos Astronómicos Antiguos, Servicio Central de Publicaciones del Gobierno Vasco, Bilbao, 1992.
HARVEY, P.D.A., Medieval Maps, The British Library, London, 1991.
HOWATSON, M. C., Diccionario de la Literatura Clásica, Alianza, Madrid, 1991.
HUMBLE, Richard, Los Exploradores, Folio, Barcelona, 1995.
KARROW, R. W., Mapmakers of the Sixteenth Century and their maps, The Newberry Library, Chicago, 1993.
LANSTRÖM, Bjóm, En busca de las Indias, Juventud, Barcelona, 1971.
LARSEN, Sofus, Dinamarca e Portugal no século XV, Biblioteca Nacional, Lisboa, 1983.
LEHANE, Brendan, El Paso del Noroeste, Folio, Barcelona, 1995.
MANZANO MANZANO, Juan, Colón y su secreto, Agencia Española de Cooperación Internacional, Madrid, 1989.
MARTIN MERÁS, Luisa, Cartografía Marítima Hispana, CSIC Barcelona, 1993.
MARTINEZ, Marcos, Las Islas Canarias de la Antigüedas al Renacimiento, Cabildo de Tenerife, 1990.
NEBENZHAL, Kenneth, Atlas de Colón y los Grandes Descubrimientos, Magisterio, Madrid, 1990.
PACHECO PEREIRA, Duarte, Esmeraldo de Situ Orbis, Academia Portuguesa da História, Lisboa, 1988.
PARIAS, L.H., História Universal de las Exploraciones, Espasa-Calpe, Madrid, 1967-1979.
PERES, Damião, História dos Descobrimentos Portugueses, Vertente, Porto, 1992.
PIGAFETTA, Antonio, Primer Viaje alrededor del Globo, Orbis, Barcelona, 1988.
PINHEIRO MARQUES, Alfredo, A Cartografia dos Descobrimentos, ELO-Publicidade, 1994.
RACHET, Guy, Diccionario de la Civilización Griega, Larousse, Barcelona, 1996.
ROMERO, Federico e BENAVIDES, Rosa, Mapas Antiguos del Mundo, Agualarga, Madrid, 1996.
RUMEU DE ARMAS, Antonio, El Tratado de Tordesillas, Mapfre, Madrid, 1992.
SERRÃO, Joel, Dicionário de História de Portugal, Figueirinhas, Porto, 1992.
SILVA RIBEIRO, António, A Historiografia nos Descobrimentos Portugueses, Europa-América, Mira- Sintra, 1994.
STEFANSSON, Vilhjalmur, Última Thule, The MacMillan Company, New York, 1944.
STEFOFF, Rebecca, Maps and Mapmaking, The British Library, London, 1995.
STRAHLER, Anthur e Alan H., Geografía Física, Ed. Omega, Barcelona, 1994.
TATON, René, Historia General de las Ciencias, Orbis, Barcelona, 1988.
VARELA, Consuelo, Cristóbal Colón. Textos y documentos completos, Alianza, 2ª reimpresión, Madrid, 1989.
VARELA MARCOS, Jesús, El Tratado de Tordesillas en la política Atlántica Castellana, Universidad de Valladolid, 1996².
    --- Descubrimientos y Cartografía, Seminario Iberoamericano de Descubrimientos y Cartografía, Tordesillas, 1998.
VV. AA,  Cartografía Histórica del Encuentro de Dos Mundos, Instituto Nacional de Estadística de México, Instituto Geográfico Nacional de España, Madrid, 1992.
--Diccionario de personajes históricos Griegos y Romanos, Istmo, Madrid, 1998.
         --Seminarios Temáticos. El Tratado de Tordesillas, Universidad de Valladolid, 1996.
      --Tratado de Tordesilhas e outros documentos, Alfa, Lisboa, 1989.

(Traballo publicado en 2003, nos números 75-76 da revista Agalia). 







Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO

O VALEDOR DO REINO