O VALEDOR DO REINO


O valedor do reino
(Peza histórica en catro actos)

Limiar. Acto I.




        "E así, Cresconio, nacido de nobilísimo liñaxe, resplandeceu coa luz de tanta nobreza que, có notable valor do seu exército, acabóu cos normandos que invadiran esta terra, e ergueu muros e torres para defender a cidade de Compostela. E despois de finalizar esta igrexa de Santa Maria que el mesmo, coa axuda de Deus construíra, xa ao cabo da sua vida, cando se encamiñaba ao castelo do Oeste, que fixera para defensa da Cristiandade, na era 1106, -ano 1068-, foi abatido pola acometida da temible morte".



"Historia Compostelana", 1.2, 10.
(1107-1120)





     "Et a sua morte foy elegido por obispo de Yria et de Santiago don Cresconio, varon moy noble, de boa generaçom et moita nobleza, lampada resplandeçente, librou toda a terra dos normanos et frandeses et dos barbaros et ismaelitas, que a tiinan ocupada et cativada, et acabou muros et as torres da cibdade de Compostella; et raparou a eglesia de Yria et o castello do Est, que el auía feito con muitas torres et çercas, para defenson da terra onde se acolían et defendían os da terra; porque non entrasen por la ría os normanos et frandeses et os barbaros que por ela víínan con naves subjugar a terra. Et finouse o dito obispo Cresconio eno castello do Est, era de mill et çento et seis anos" (ano 1068).

Ruy Vaasques
"Corónica de Santa María de Iria".
(Rematada o 23 da abril do ano 1468).


"DRAMATIS PERSONAE"

ALFONSO VI, rei de León.

APÓSTOLO SANTIAGO

CRESCONIO, bispo de Iria e Compostela.

ESTEVO, peregrino, bispo de Xerusalén.

FERNANDO I, Emperador de León, Castela e Galicia.
GALTIER GIFFART, señor de Longueville, peregrino normando,
GARCIA I, rei de Galicia.
RODRIGO DIAZ DE VIVAR, cabaleiro castelán, máis tarde coñecido
coma "Cid Campeador", que participou na toma de Coimbra.
SANCHA, raíña, esposa de Fernando I.
SANCHO II, rei de Castela.
XELMIRIO, alcaide do Castelo Honesto (Hoxe, Torres do Oeste).
CORTESÁNS, GARDAS, MEIRIÑOS, NOBRES, PEREGRINOS, POBO DE COMPOSTELA, SOLDADOS, PALAFRÉN, CREGO.

L I M I A R


     Aínda que non moi habitual, unha peza teatral das características da presente, que pretende recrear un momento da nosa historia, moi lonxano xa, e escasamente documentado, necesita non só da utilización duns recursos pouco habituais, senón tamén dunha explicación complementaria.

     Entre eses recursos, o de recorrer á voz, e mesmo, se se quere, á figura do narrador, coma xeito de seguir axeitadamente os saltos no tempo que no desenrolo da acción se producen, así coma o do acompañamento dunha música o suficientemente descriptiva e intelixible que a complemente.


     Por outra banda compre que indiquemos tamén que, a non ser os criados, e os demais actuantes ocasionais, todos os demais personaxes que nela aparecen son autenticamente históricos, e obraron do xeito e nas circunstancias nas que aquí os presentamos.


     As únicas licencias que nos tomamos foron as de aceptar a historicidade do relato sobre a aparición do Apóstolo Santiago na vespera da entrada das forzas cristianas en Coimbra, así como a de facer coincidir a morte de don Cresconio coa aparición do cometa Halley do ano 1066. En canto á data do seu deceso, se ben que a "Historia Compostelana", redactada unhas seis décadas despois, a sitúa no 1068 -"Era 1106"- debe de tratarse dun erro de lectura por parte dos autores da mesma, "I.CVI", en lugar de "I.CIV", xa que no ano 1067 había outro bispo en Compostela.


     A documentación histórica existente demostra, aínda que se veña afirmando outra cousa, que os príncipes Sancho, Afonso e García foron considerados reis xa a partir da promulgación do testamento do seu pai Fernando I, a finais de decembro do ano 1063, se ben que os seus reinados non foron realmente efectivos ata a morte deste, o 27 de decembro de 1065. A Táboa Cronolóxica que inserimos ao final da peza, permitirá coñecer con maior exactitude o marco histórico no que esta se desenvolve.
Vigo, marzo de 1999.


A C T O   I



(Ano 1064: Adro da Basílica de Compostela. A fachada da mesma ao fondo, na parte central do escenario. Pasa xente camiño dela. Achégase Estevo, con indumentaria de peregrino).


ESTEVO: Escoitade, boa xente, e perdoade a miña curiosidade; ¿a que se debe que acudan tantos hoxe á Basílica?



HOME 1º: ¿De onde sodes, irmán, que preguntades unha cousa así? Acudimos todos ao Apóstolo a pregar a súa intercesión en favor do noso bispo don Cresconio, o noso rei Don García, e o Emperador don Fernando. Hai xa máis de seis meses que partiron de Compostela, acompañados polos bispos de Lugo, de Mondoñedo e de Viseu, e os seus respectivos vasalos e guerreiros.



ESTEVO: Son de Xerusalén. Veño de moi lonxe, e acabo de chegar. Ignoraba o que me acabades de dicir. ¿E onde foron os vosos señores con toda esa xente de armas, se é que se pode saber?

HOME 1º: A a pelexar cos mouros, nun lugar chamado Coimbra.
ESTEVO: ¿E o voso bispo con eles?. ¿Debe ser un bó guerreiro ese don Cresconio?



HOME 2º: En verdade que si, irmán. Érao xa antes de chegar a bispo. Foi el quen botou de Galicia aos navarros e aos dinamarqueses. E sendo bispo axudou ao Emperador, e conseguíu que este o axudara a el contra os mouros, como agora, en Coimbra.



ESTEVO: Xa; moi edificante, irmáns. E será tan bó pastor de almas coma guerreiro, supoño.

HOME 2º: Iso pensamos todos. Don Cresconio é o mellor bispo que tivemos nunca. Reorgaizou a igrexa, axuntou concilios, liberou varias dióceses das máns dos infieis, . . . nunca tantos peregrinos viñeron visitar ao Apóstolo, e sóbralle tempo ainda para facer caridade.

HOME 1º: Aquí cremos todos que, coma bó soldado, o Apóstolo póde dicidir ao noso favor esta longa guerra. Iso é o que lle estamos a pedir cada día.

ESTEVO: !Santo Deus!. Iso é case que unha herexía, bó home. O Apóstolo nunca foi guerreiro. Pescador e mariñeiro era a súa profisión, alá no mar de Galilea. Dío claramente o evanxelio: "E pasando adiante Xesús veu a outros dous irmáns, Iago e Xoán, que estaban nunha barca a repasar as redes, xunto co Zebedeu, o seu pai. Xesús chamounos, e deixando a barca e ao seu pai seguírono". Impulsivo sí que o era, mais nunca empuñou o ferro, nin montou nun cabalo siquera.

HOME 2º: Sen dúbida que vos trabucades, meu santo. O Apóstolo tennos axudado xa noutras ocasións contra os mouros. ¿Qué podedes saber, vindo de tan lonxe? Ningún de nós ignora que se ten aparecido moitas veces, dacabalo precisamente, no medio das batallas. E seguiremos a pregarlle para que axude a que os nosos guerreiros poidan entrar en Coimbra.

ESTEVO: (Para el) !Santo Deus!. !Santo Deus, perdóaos porque non saben o que din!.

(Vanse os dous cara á Basílica. Estevo permanece en silencio a observalos. Cando desaparecen no interior da mesma escoitase cantar un "Te Deum", que se vai achegando. Pola dereita entran Peregrinos, precedidos polo seu "Rei", con sombreiro de ala ancha, cunchas de vieira, caxato, e cabazo pequeno. Con eles, Galtier Giffart, levando o cabalo pola bride. Acuden homes, mulleres e rapaces da vila a contemplalos. Os recén chegados detéñense no Adro, perto da porta. Algúns rapaces dan chumbalagatos para chamar a súa atención).

HOME 3º: !Hostal dos peregrinos¡... !Hostal dos peregrinos¡...

RAPAZ 1º: ! Hospedaxe na Porta do Camiño¡. !O Mellor de Compostela.¡.. !Troco de diñeiro, e viños da Amaía e do Salnés¡.... !Na porta do Camiño¡...

RAPAZ 2º: !Viño da Aquitania no hospedaxe do Vilare, a cen pasos da Basílica¡. !Comida e durmida baratas¡... !Viño da Aquitania ¡ ...

HOME 4º: !Porta do Paraíso: Vieiras, zapatos, bulsas de pel, botas para o viño, cintos¡... !Na porta do Paraíso¡.

HOME 5º: !En Lovios, comida, bebida e durmida¡... (baixando a voz) !Tamén temos mulleres¡. !Mulleres francas e sarracenas, a escolla!... !Mulleres francas e sarracenas!.

RAPAZ 3º: !Pezas de acibeche traídas de terras de mouros¡. !Acibeches, especias e herbas medicinais, na Porta do Paraíso¡.

HOME 4º: !Vieiras, zapatos, bulsas de pel, botas para o viño, cintos¡... !O mellor da porta do Paraíso¡.

HOME 5º: !Mulleres francas e sarracenas, á escolla!... en Lovios.

(O "Rei", reclama entón a atención dos peregrinos coas mans).

"REI": !Escoitade, irmáns¡. !Atendédeme unha vez máis¡. !Estamos xa en Compostela!. !Estamos ao pé da tumba do amigo do Señor!. É a final da nosa longa xeira. O remate da nosa andaina de tantos meses, superando o frío, a calor, a chuvia, a fame, ós lobos, as enfermidades, o esgotamento, e as feridas dos pés. Este vai ser un día de ledicia para todos. Por iso vos quero pregar que, cando esteades diante da Arca Marmórica, antes que en ningunha outra causa, teñades a caridade de pensar nos compañeiros que tivemos que enterrar ao longo do camiño, e nos que tiveron que ficar atrás. Pedide por eles antes que por ninguén. Lembrádevos logo da vosa familia, e, por último, pregade tamén por vós. Facédeo así e o Señor volo agradecerá.

PEREGRINO: Hai moita calor "Leroi". Demostra que sabes ser un bó xefe e deixa que descansemos mentres agardamos. E consigue que Galtier nos alegre estes momentos cantándonos algo outra vez.

VOCES: Sí... sí. !Canta¡... !Canta, Galtier¡... !Que cante Galtier¡...

VOCES: !!Ragnar Lodbrok!!... !!Ragnar¡¡... !!Ragnar¡¡...

(Galtier reclama atención cos brazos).

GALTIER: Está ben, irmáns. Está ben. Tal como acaba de dicir "Leroi", hoxe é un gran día. Un día moi especial. Tan especial que non vos podo negar nada. Achegádevos, pois. 

(Achéganse todos, e con eles tamén Estevo. Galtier sitúase no medio do curro. Cóllenlle o cabalo da bride).

     "Ao longo do camiño tratei de virvos dando a coñecer o "Cantar de Roldán". E estou satisfeito por conseguír que algúns sexades xa capaces de repetir partes do mesmo. Escoitástesme tamén, máis dunha vez, o pequeno poema de "Ragnar Lodbrok", que deprendín a penas uns días antes de principiar a peregrinaxe. Pois ben, tal coma me pedides, vóuvolo referir de novo. Máis facédeme a deferencia de vos sentar.

(Os peregrinos fanno, arredor de Galtier. Este colle a lira de 12 cordas do arnés do cabalo, e tíralle a envoltura de coiro. AIguén trae un tallo, e séntase nel).

GALTIER: Coma sabedes, Ragnar Lodbrok foi un dos máis grandes homes de mar que produciron as terras do norte. Ningún país, ningún reino, ningunha fortaleza, ningunha cidade, puido resistir o seu victorioso pulo. O seu nome foi temido en toda Europa, e cantado nos grandes convites. El foi quen de lle prender lume a Londres, e de entrar en París á fronte de 120 naves. Alí derrotou ao seu rei Carlos e conseguíu del sete mil libras de prata a cambio da paz. E, cando se foi, Ragnar levouse coma trofeo a fechadura dunha das portas de París. Nas igrexas de Irlanda, de Inglaterra e de Francia, comenzou entón a pregarse: "Do furor dos homes do norte, líbranos Señor". Xente súa navegou tamén polo Mediterráneo e atacou Italia.
     "Mais houbo un día, sen embargo, no que tamén el foi vencido. Sofreu a súa única derrota. Foi vencido polas superiores forzas de Ella, rei do norte de Inglaterra. Sentado baixo unha enciñeira, o despótico monarca obrigóu entón ao héroe a presenciar coma daba morte, un a un, a todos os seus guerreiros. Por último, Ella amosoulle o suplicio que lle tiña reservado: un pozo cheo de serpentes.
     "Lonxe de se asustar, sen embargo, ao ser botado no seu interior, Ragnar entoóu o canto que o faría inmortal xa para sempre:

(Galtier apoia a lira no xoenllo e faina soar)
(Música de "Per Loca Maritima" de Milladoiro).

     !Sabemos pegar coas espadas¡
Eramos moi novos aínda
e navegabamos xa ao leste do estreito de Sund.
a preparar espolios
para os carniceiros lobos e para as águias douradas.

     !Os altos escudos ecoaban baixo o ferro¡.
!As ondas erguíanse por todas partes,
e o barco navegaba no medio de sangue¡.

     !Sabemos pegar coas espadas¡.
Os nosos enemigos viron coma rachábamos escudos;
coma os nosos aceiros, peixes famentos,
fendían cascos con estrondo.
!Ah, isto é algo moi diferente dun alegre convite de bodas¡.

     !Sabemos pegar coas espadas¡.
Eu vin aquela mañá, coma un guerreiro de fermosos
cabelos, polo que debecían as mociñas,
sucumbía na loita.

     Foi no estreito de Hala.
Era moi distinto á soavidade das meixelas dunha rapariga.

     !Sabemos pegar coas espadas¡
!Os deuses da morte veñen a invitarme,
mandados polo grande Odin¡.
!Non hai que chorar a miña morte¡.
Vanme levar á sala dos héroes.
Ali beberei cervexa, cheo de ledicia,
sentado onda eles, nun trono.

     !Pasaron xa as horas da miña vida,
e morrerei sorrindo¡.

     !Sabemos pegar coas espadas¡.
¿Quen me ía dicir a min que ía recibir a morte
deste Ella, cando impelía as naves ao lonxe?
Fun vencido, mais non deixo de rir, porque sei
que axiña, a lanza dalgún dos meus fillos
traspasará de parte a parte o corazón de Ella...


     "Deste xeito, a cantar, esmagado, e comesto palas cóbregas, morreu o grande Ragnar Lodbrok... Oito reis do mar, oito viquingos, desembarcaron pouco despois en Inglaterra, e o déspota Ella pereceu ás suas mans...



VOCES: !Moi ben, Galtier¡... !"Bravó"¡... !Sabemos pegar coas espadas¡...



RAPAZ 2º: !Viño da Aquitania no hospedaxe do Vilare, a cen pasos da Basílica¡. !Comida e durmida baratas¡... !Viño da Aquitania ¡ ...

RAPAZ 1º: !Hospedaxe na Porta do Camiño¡. !O mellor de Compostela¡... !Troco de diñeiro, e viños da Amaía e do Salnés¡ !Na porta do Camiño¡...

HOME 4º: !Porta do Paraíso¡: !Vieiras, zapatos, bulsas de pel, botas para o viño, cintos¡... !Na porta do Paraíso¡.

HOME 5º: !En Lovios, comida, bebida e durmida¡... (baixando a voz) !Tamén temos mulleres¡. !Mulleres francas e sarracenas, á escolla!... !Mulleres francas e sarracenas!.

RAPAZ 3º: !Pezas de acibeche traídas de terras de mouros¡. !Acibeches, especias e herbas medicinais, na Porta do Paraíso¡.

HOME 4º: !Vieiras, zapatos, bulsas de pel, botas para o viño, cintos¡... !O mellor da porta do Paraíso¡.

HOME 5º: !Mulleres francas e sarracenas, á escolla!... en Lovios.

HOME 3º: !Hostal dos peregrinos¡... !Hostal dos peregrinos¡...

(Estevo achégase).

ESTEVO: Estivo ben a vosa intervención, "miçe" Galtier, ainda que despois de a escoitar abrigue serias dúbidas de que poidades ser realmente un xograr ou, sequera, un "conteor". E estou tamén seguro de que tampouco sodes franco.

GALTIER: Mais peregrino sí que o son, irmán. E tampouco vos creería eu a vós se pretendedes que pense que  procededes dalgunha parte da Francia, aínda que coñezades a súa fala. E moito menos que non sexades máis que outro simple peregrino. Son moi poucas as persoas que coñecen a diferencia que existe entre un trobador e un xograr.

ESTEVO: Son Estevo, bispo de Xerusalén, aínda que grego de nación. E estou a facer a miña peregrinaxe, o mesmo que vós.

GALTIER: Disculpade a miña ignorancia, reverencia. Chámome Galtier, Galtier Giffart, e procedo da Normandía... Mais escusade se non vos digo nada máis acerca de min.

ESTEVO: Un viquingo... tal coma supuxera. Declamades ben "miçe" Galtier. Trovas como a que acabades de interpretar resultan axeitadas para enaltecer, e mesmo para recuperar os folgos. Sen embargo, permitídeme que non as considere excesivamente axeitadas para seren interpretadas nun lugar coma este. A cova do amigo do Señor é un lugar de penintencia e expiación, no que soan extrañas a exaltación guerreira e a vinganza, aínda que as xentes da vila parezan confundir ao Apóstolo, expallador da verdade de Cristo, cun avogado das batallas.

GALTIER: Seino, reverencia. E teredes que perdoarme de novo a licencia, mais, para o voso consolo, pódovos asegurar que, ao longo do camiño, procurei ocuparme máis que de ningunha outra cousa dos milagres de Santiago, e das partes do "Cantar de Roldán" nas que o emperador Carlos se axoenlla nos altos de Roncesvales, ollando cara a Compostela, ou na súa triunfal expedición, acompañado polo arcebispo Turpin, para librar dos Sarracenos a tumba do Apóstolo.

ESTEVO: Expedición na que aquí ninguén parece acreditar...

GALTIER: ¿Que pode diferenciar o verdadeiro no falso, nun cantar, reverencia?.. !Ah, saen xa da Basílica¡. Perdoade, señor, se me ocupo agora dos meus compañeiros de viaxe.

ESTEVO: Ide, Galtier, e que o Señor vos acompañe.

(Saen xentes da Basílica, e con elas un crego acompañado de cruces e estandartes, que se achega aos Peregrinos. Estes axoénllanse devotamente).

CREGO: !Irmáns¡, hoxe é o día máis grande das vosas vidas. Acabades de chegar a Compostela. Entrastes pola porta Francíxena, despois de superar a dura penitencia e o sofrimento do camiño. E dentro duns momentos ides estar no interior do templo máis venerado de toda a cristiandade. Pasaredes a noite en meditación ao pé do Sartego do Apóstolo, e, pola mañá, o voso "Rei" presentará as vosas ofrendas mentres recibides os azoutes litúrxicos e alcanzades o perdón de todos os vosos pecados. Será entón cando poderedes disfrutar do privilexio de pregar diante da "Arca Marmórica" e de pousar o voso chapeu sobre a testa do propio Santiago. Mentres isto non aconteza, recibide agora a nosa bendición para que o Señor vos sexa propicio en todo canto, con tanto sacrificio, viñestes implorar: "!!Benedicat vos omnipotens Deus, Pater, Filius et Spiritus Sanctus¡¡".

(Os peregrinos medio se encollen para recibir o abenzoamento. Logo o crego precédeos, entoando de novo o "Te Deum", para entrar na Basílica. Valeirase o Adro e faise o silencio. Estevo quédase só. Vanse indo logo, pouco a pouco, as luces ata ficar todo case que ás escuras. Estevo recóllese en oración. Nisto acéndese unha grande luz con moito estrondo, e ábrese a porta da Basílica. Escóitase a música de  "Veris leta facies" de "Carmina Burana, 3". Transcurrido arredor dun minuto a música funde coa "Fortuna Imperatrix Mundi", tamén de "Carmina Burana", o que coincide coa aparición no limiar da porta dun xinete sobre un cabalo branco, que se achega a Estevo nos compases seguintes ao impacto inicial).

XINETE: !Estevo, servo de Deus¡, ¿por qué dubidas?

ESTEVO: !Señor¡, ¿quen sodes?

XINETE: !Hoxe falaches de min, Estevo¡. E non me quixeches recoñecer. Burlácheste dos que si crían.

ESTEVO: Sigo sen comprender, señor. ¿Que é o que queredes?

(O xinete achégase, escoltado pola música e espallados lóstregos. Ao chegar perto del amósalle unha grande chave).

XINETE: !A túa testemuña, Estevo¡. Con esta chave, teño que entregar mañá, á hora tercia, a cidade de Coimbra ao Emperador Fernando e ao rei García.

(O xinete vaise alonxando, seguido polo foco intermitente da luz, e o "crescendo" final de "Fortuna Imperatrix Mundi", e sae da escea. O peregrino cae de xoenllos. Aparece Galtier, que acaba de saír pola aberta porta do templo).

ESTEVO: !Señor , Señor¡... ¿Sodes vós verdadeiramente?..

GALTIER: ¿Que ruído foi ese, reverencia?.. Está a treboar... ¿Por que tremedes?.. ¿Que é o que vos acontece?..

ESTEVO: Era "el", "miçe" Galtier, era el... !o Apóstolo¡. Saíu da súa sepultura montado nun cabalo branco, e faloume... Vai cara a Coimbra. Mañá, á hora tercia entrarán os cristianos na cidade. Acabouse a guerra, "miçe" Galtier. Coimbra será cristiana mañá, domingo, acabouse a guerra...

GALTIER: Erguédevos, reverencia. Empeza a chover. Levades demasiado tempo en oración, e estades esgotado. Vinde conmigo, e descansade.

(Comezan a camiñar).

ESTEVO: !Era "el", "miçe" Galtier, era "el"¡... !O Apóstolo¡...

(Mentres continúan os lóstregos e os trebóns, saen)

A C T O   I I

(Mesmo lugar, semanas despois. Xente de Compostela diante da Basílica. Principia a soar a "Parada dos Carros", da película "Ben-Hur". A xente arremuíñase. Entra o desfile: O Emperador don Fernando, a raíña dona Sancha, o rei don García, o rei don Alfonso de León, o rei don Sancho de Castela, os bispos, don Cresconio de Compostela,, don Vistruario de Lugo, don Sisnando de Viseu, don Suario de Mondoñedo, don Pedro de Guimaraes, e don Arriano de Celanova, séquito, soldados, e cautivos mouros portando en angarelas o botín. Os principais sitúanse nun estrado xa disposto e contemplan o desfile, que sae pola parte oposta. Ao rematar a música don Fernando extende as mans cara á foula de xente, e cando se fai silencio puxa a don Cresconio para que sexa o primeiro en falar).



CRESCONIO: !Amados Irmáns en Cristo¡... !Loubado seña o Señor¡. As vosas oracións foron escoitadas. O Apóstolo sigue a ser o noso valedor. Anúnciovos que o domingo, día 11 de xullo, á hora tercia, as forzas cristianas entraron na cidade de Coimbra (berros. E ao facerse novo silencio:)... No medio da ledicia que estou a sentir despois dos padecementos sofridos, non me sinto quen máis que para dicir, coma San Agustín, ."Tale bonum est bonum pacis, ut in rebus humanis nil laetabilius concupisci, et nil utilius provideri possit". "A paz é un ben tal que non cabe querer outro máis preciado, nin procurar ningún outro que poida ser máis útil"...



(Novos berros. Cresconio cédelle a palabra ao Emperador).

FERNANDO: !Pobo de Compostela!... !Coimbra e todo o seu territorio forman xa, de novo, parte de Galicia¡. A nosa fronteira sitúase agora na taifa de Badalloz. Traemos máis de cinco mil cautivos, e a parte do botín que lle corresponde ao Apóstolo. Non foron doados de conseguir. Foron necesarios máis de seis meses de combates, baixo a chuvia, o frío, ou a calor. E aínda que nos chegaron a faltar mesmo as provisións, a axuda de Santiago, máis que o noso valor, permitíunos acadar a victoria. A Mesquita de Coimbra é agora unha Igrexa cristiana. Nela puiden xa facer cabaleiro ao meu vasalo Rui Díaz de Vivar, coma premio polo seu valor. (O aludido inclínase cara ao Emperador). Mais debo de dicir tamén, para que o saibades, que todos os guerreiros, o mesmo que os meus fillos, don Sancho, rei de Castela ...(os gritos da xente interrúmpeno. Don Sancho adiántase para saudar)... don Alfonso, rei de León... (acontece o mesmo)... e Don García, rei de Galicia... (a ovación e os berros acentúanse. Don García saúda)... así coma don Pedro, abade de Guimaraes... (repítense berros e saúdo)..., don Arriano, abade de Celanova... (Id. id.)... Don Sisnando, bispo de Viseu... (Id. id.)... don Suario, bispo de Mondoñedo... (id. id.)... don Vistruario, bispo de Lugo... (id. id.)... ou don Cresconio, bispo de Iria e Compostela... (o rumor, os berros e as voces aumentan)... souperon combater tamén con ardor. !Gloria, pois, para todos eles¡.

(Reprodúcense os vítores da moitedume, acentuándose os dados a don García e a don Cresconio. Volve a escoitarse a música, e o cortexo sae pola parte oposta a aquela pola que entrara).


A C T O   I I I

(Sala do pazo episcopal. Nun estremo, o estrado real con varias cadeiras. Pola parte oposta entran Don Fernando, Don García, Don Alfonso, Don Sancho, Don Cresconio, cortesáns e meiriños).



FERNANDO: !Facede pasar ao señor de Longueville¡.



(Sae un dos meiriños, cunha reverencia. Nuns instantes, mentres se acomodan, reaparece, seguido de Galtier)

MEIRIÑO (anunciando): !Galtier Giffart, señor de Longueville¡.

(Galtier, agora con indumentaria señorial, aínda que con vieiras sobre ela, e portando a lira na man, inclínase).

GALTIER: !Señor¡.

FERNANDO: !Erguédevos, señor de Longueville¡, e decídenos, ¿tivestes unha boa viaxe?

GALTIER: Vir a Compostela coma peregrino, alteza, é unha das máis elevadas experiencias que pode vivir o ser humano. Representa a superación das limitacións e das fraquezas do corpo, e a sublimación do espírito. É certo que ao longo do camiño adoitan agromar as moitas baixezas que aniñan en nós. Mais a auténtica dimensión da peregrinaxe dánola a fe, a abnegación, a renuncia, o sacrificio, ou o desprendemento da inmensa maioría dos camiñantes. Ninguén que a teña levado a termo poderá seguir a ser xa coma antes. Cantos chegan a se axoenllar diante do sepulcro do Apóstolo non poden menos que se sentir confortados e limpios de toda culpa

FERNANDO: Admirádesme don Galtier. ¿Hai todo iso no Camiño?

GALTIER: Dispensade, señor, se as miñas palabras son tan pobres que non consiguen darvos unha idea sequera aproximada de canto nel se pode vivir e observar. Mais a realidade é que o Camiño é moito máis aínda. Por que por el viaxan xentes de toda procedencia e condición, que onda as súas cobizas de expiación, portan novas relacións, novas ideas, novos coñecementos. Polo camiño chegan tamén toda sorte de productos e de mercadorías, ou xurden vilas de soprendente vitalidade. No Camiño pódese advertir un mundo novo e impensado. O voso pai, o rei de Pamplona, comprendeuno moi ben cando abriu a través das súas terras unha estrada, e protexeu aos camiñantes fronte a cantos pretendían atentar contra a súa seguridade.

FERNANDO: Ben... ben... É moi interesante canto nos estades a referir, señor de Longueville. E estou convencido de que poderíamos seguir a falar de todo íso con todo o vagar e un grande pracer, pois supóñovos enteirado do xeito como atenden aos peregrinos nos mosteiros dos nosos reinos, e de que coñeceredes a nova Hospedería que construímos ao pé mesmo da Basílica. Mais, decídeme agora, ¿que outras novas nos traedes?.

GALTIER: (entregalle un pergamiño enrolado). Don Fernando, traiovos a mellor das respostas para a vosa petición. O meu señor Guillerme, Duque de Normandía, conquistador do Maine, de Anjou, e da Bretaña, e herdeiro da coroa de Inglaterra, acepta complacido o enlace entre a súa filla Cecile, e o rei de Galicia.

ALFONSO: (saíndo ao medio, visiblemente irado) ¿Por que con el, pai?.. ¿Por que, non conmigo?.. ¿A que ven isto, agora? Sede xusto. Buscáchedeslle xa esposa a Sancho, que é o máis vello. Agora era a min a quen debía de corresponderme, que son o segundo. Non a el, o máis novo de todos nós.

GARCIA: (dirixíndose ao seu pai) !Señor¡... pláceme, coma sempre, a vosa elección. Mais podédela reconsiderar, se o considerades necesario, en aras da armonía familiar.

ALFONSO: Acabamos de sacrificar homes, medios e fatigas para lle engrandecer o reino. Cónstavos que é así. E pagádenolo facéndoo pasar diante de min. Non sexades tan xeneroso, a custa dos demáis, pai e señor. Deixade que sexa García quen nos dea amostras da súa capacidade e condición acadando pola súa conta o medrío de Galicia, ou procurándose esposa, se é que ten auténtica competencia para o conseguir.

FERNANDO: !Alfonso, coma sempre tamén, non entendes nada¡. !O que se dí, absolutamente nada de nada... O Señor, na súa infinita bondade deume tres reinos. Moito máis do que ningún home podería cobizar. E concedeume azos, medios, e conselleiros, que me axudaron a agrandalos. Mais, seguramente coma castigo polos meus moitos pecados, deume tres difíciles fillos. Certo que me gostaría que os tres fósedes quen de amosarme esa medida da vosa competencia á que te acabas de referir. Mais eu nunca tratei de facer distingos entre vós. Sábelo moi ben, Alfonso. Por iso principiei a facer as xestións para darvos esposa a todos ao mesmo tempo. Mais ata o máis simple dos meus vasalos é capaz de comprender que non é posible que todas poidesen rematar coa mesma premura, aínda que non sexa isto o que a ti máis che importe. Non és o único do que me teña que ocupar. Molestouche que a primeira fose para Sancho, e moléstache tamén que a de agora sexa para García. Estou convencido de que se a filla de Guillerme de Normandía che fose destimada a ti, haberías de atoparlle algunha chata que che permitise poderte seguir a queixar. Atoparíala excesivamente nova, considerarías que o seme dun Duque era pouco para ti, ou calquera outro pretexto. O caso é poder ter algo que argumentar. E tampouco tes porque te queixar por terlle prestado agora axuda ao teu irmán, porque os vasalos de García axudaron antes a agrandar tanto o teu reino coma o de Sancho. Reprime, pois, a túa egolatría, e a túa lingua, porque vas ter axiña tamén unha esposa á tua auténtica medida. E emplázote asímesmo a que, cando eu vos falte, sexas quen de amosar esa capacidade que agora pretendes que lle esixa ao teu irmán. Mais mentres non chega esa ocasión procura tirar algunha consecuencia práctica da instrucción que vos deixo.

ALFONSO : ¿A que clase de instrucción vos estades a referir, Señor? Non vexo máis instrucción que a das vosas preferencias.

FERNANDO: !Teñamos a festa en paz, Alfonso¡. Porque, se realmente te atopases en condicións de razoar, advertirías o significado de canto estivemos a facer durante o longo ano transcorrido dende o momento no que, diante dos restos de San Isidoro, os grandes dos tres reinos aceptáronvos coma reis. Xuntos podedes vencer. Divididos, encirrados uns contra os outros, nada acadaredes nunca. Esa é a miña instrucción, e a reflexión que pretendo que fagades.

(Alfonso refunfuña ainda, ollando irado cara a García. O emperador diríxese entón a Galtier).

     "Señor de Longueville, decídelle ao noso irmán o Duque, que nada nos place máis que o privilexio de recibir en Compostela á infanta Cecile. (Bótalle unha ollada ao documento). Naturalmente, dado que esta non conta máis que con once anos, isto será no momento no que el o estime convenente. Que este enlace represente o comenzo dun longo período de paz e colaboración entre os normandos e Galicia, tal coma don Cresconio soñou sempre.

CRESCONIO: Dispensade que vos corrixa nesta ocasión, alteza. Pasan xa de trinta e dous os anos transcorridos dende o noso último defrontamento con eles. Levamos a vivir xa, pois, un longo período de paz. Mais a presencia da princesa Cecile, non cabe a menor dúbida que vai servir non só para seguir a mantela, senón mesmo para aumentar os beneficios da colaboración e a asistencia entre a Normandía e os reinos cristianos.

FERNANDO: Xa o escoitastes don Galtier. A Igrexa parece ter mellor memoria que nós e, coma sempre, é súa a última palabra. Fagamos votos para que o agoiro de Don Cresconio se cumpla.

GALTIER: Estou autorizado para comunicarvos tamén, señor, a ledicia do Duque por este enlace. Compostela ten sona en toda a Normandía, e máis lonxe aínda, de ser un mundo sagrado, cheo dun especial engado,  case máxico. E eu darei fe agora de todo canto vin e escoitei tanto acerca dela como da vosa propia grandeza.

(Galtier inclínase, e fai aceno de saír. García sígueo e alcánzao ao estremo da escena).

GARCIA: Permitide que vos acompañe, "miçe" Galtier. Non tanto para tratar de causarvos unha boa impresión, coma poderíades pensar, senón porque debezo que me refirades cousas tanto sobre a Normandía como acerca de Cecile. Quérovos, ademáis, facer portador dun agasallo para o Duque.

GALTIER: Agradézovolo, alteza, porque iso facilita a miña misión. Nada hai que me recomendara tanto a infanta como averiguar canto poidese acerca de vós.

GARCIA: Comprendoo. A min acontéceme o mesmo. Mais como non ignoro que o Duque é un gran guerreiro, xa se lle empeza a chamar "O Conquistador", quero que lle levedes algo que sei que mo vai a agradecer mellor que ningunha outra cousa. Trátase dun cabalo; un cabalo de combate. Forte, e de boa alzada, capaz de moverse con toda a impedimenta, e coa virtude de obedecer ás rédeas coma ningún outro de cantos teño coñecido. Respecto a Cecile, agardo do voso bó xuicio que me axudedes a escoller nas tendas da Acibechería e da rúa do Vilare, os agasallos que máis lle poidan agradar. Vinde conmigo, pois.

(Cédelle o paso cun aceno, e ambos desaparecen polo foro).



A C T O   I V




(Ano 1066: Castelo Honesto, en Catoira. É de noite. Á dereita, no interior dunha das suas dependencias, Don Cresconio no leito, na compaña de Xelmirio, o Alcaide, a sua esposa e un eclesiástico. Escoitase a SALVE REGINA, e monxes vestidos de negro, coa pucha posta e fachicos nas máns, camiñan solenmenente polo patio interior da fortaleza cara ao cuarto no que se atopa don Cresconio. Chegados a el apóstanse en recollida actitude de oración, a certa distancia do leito. Instantes antes, no exterior, advertírase a chegada, dacabalo, pola mesma porta da muralla pola que accederan os frades, ao rei García, que baixa dun chimpo da montura, mentras un palafrén lla toma polas redeas. Logo encamíñase con presa ao apousento do bispo).



VOZ: !! O Rei¡¡...



OS PRESENTES: !!Señor¡¡..

.

(Inclínanse. Don García correspóndelles, e aproxímase ao leito. Don Cresconio fai un esforzo para se incorporar).



CRESCONIO: !Señor¡..., !canta ledicia podervos ter aquí de novo¡ ...



GARCIA: Descansade, don Cresconio... Non vos esforcedes. Vin en canto me avisaron.



CRESCONIO: Seino, Señor, seino... Dispensade, pois as miñas palabras. Son consecuencia das ideas que me rebulen na cabeza.... Estaba a matinar, nada máis, acerca do que se vos puido ter perdido por Ribadavia...



GARCIA: Don Cresconio... para atoparvos tan doente coma pretendedes que creamos que estades, e andar a facer as vosas beiras de sempre, esa vosa pregunta resulta un tanto certeiramente directa... Sabédelo perfectamente. Non son rei tan só de Compostela. Galicia é agora case que tan grande coma o fora antes da chegada dos infieis. Por iso deberíades de comprender que non resulta doado controlar unha fronteira como a nosa dende un lugar tan afastado coma Compostela. Hai xentes no sur, ás que está acirrar o meu irmán Alfonso, que requiren a nosa contínua atención. O meu pai, que en gloria estea, a diferencia do que dispuxera noutros territorios por el recobrados, limitouse a deixar nestes, coma gobernantes e meiriños,  aos cristianos que xa vivían neles. Debo de admitir que, aínda que o teña que considerar xusto, non resultou unha medida acertada, porque me decato de que as xentes de máis alá do Douro, xa non se sinten totalmente identificadas con nós. Levan trescentos anos a convivir e misturarse cos sarracenos e mudaron. Pensan distinto. Algúns óllannos máis coma conquistadores que coma irmáns. E sobre eles está agora a traballar Alfonso.



CRESCONIO: Tamén o sabía, señor... mais, Ribadavia...



GARCIA: Pois tamén deberíades de coñecer a resposta, reverencia. Témolo falado xa noutras ocasións. Se non queremos que o reino se chege a esgazar polo medio, non temos máis remedio que conseguir incorporar á xente deses territorios últimamente liberados á súa reconstrucción. E íso pasa necesariamente polo restablecemento e o engrandecemento de Braga que, seguindo os vosos consellos, estamos agora camiño de conseguir. Braga, ninguén o ignora, foi a cabeza de Galicia dende os tempos de Roma ata a chegada dos mouros. Mais tampouco podo esquecer o que agora representa Compostela. Levo 13 anos a vivir nela, don Cresconio. Era un neno aínda cando vós mesmo me trouxestes a ela. En Compostela deprendín canto sei. Nela fun coroado, e nela recibín o xuramento de fidelidade dos meus vasalos. Ninguén pode ter máis motivos ca min para amala. Mais debo de gobernar un reino difícil, que necesita  tamén de difíciles soluciones.



CRESCONIO: Xa... xa... ¿mais Ribadavia?..



GARCIA: Ribadavia está a metade de camiño entre Compostela e Braga, reverencia, o punto de equilibrio axeitado para, dende ela, poder controlar tanto unha coma outra... Tanto Compostela coma Braga.



(Cóllelle a man)



     "Don Cresconio, sodes o meu amigo; mais sodes tamén coma un segundo pai para min. Ao meu verdadeiro pai débolle a vida e o seu exemplo. Mais a vós débovos todo canto son e teño.



CRESCONIO: Lembrade... lembrade, Señor, canto vos dixen naquela ocasión... cando, con apenas dez anos, chegastes a Compostela... Advertíravos entón da posibilidade de que chegásedes a reinar algún día... ¿Lembrádelo?.. Que foses o noso rei foi sempre o maior dos meus devezos...



(Don Cresconio escorexa débilmente)



GARCIA: Non podedes decair agora, don Cresconio. Lembrade que hai a penas ano e medio empuñábades unha lanza en Coimbra.



CRESCONIO: !Coimbra¡... !Coimbra¡... Non a podo esquecer... Coimbra, o meu grande pecado... Morreu don Suario de Mondoñedo, morreu o voso pai... morro eu agora... É, sen dúbida, o castigo do señor para cantos alí estivemos.



GARCIA: ¿Qué estades a dicir, reverencia?



CRESCONIO: Combatín aos navarros... combatín aos dinamarqueses... Combatín co emir Cimia... combatín en León... combatín en Atapuerca... combatín en Lamego... combatín en Viseu... máis avergónzome de ter estado en Coimbra... Teño que dicírvolo, Señor... Non podo morrer con este remorso... O voso pai estivera tres longos días aos pés do Apóstolo pedindo a súa axuda... E o Apóstolo concedéunola, que dúbida cabe... Mais... non actuamos coma debíamos... Non respectamos aos vencidos,... tampouco respectamos aos cristianos... Non respectamos o pactado na rendición... Pereceu máis xente durante a nosa entrada pacífica en Coimbra que nos seis meses de guerra... Soupen facer a paz cos viquingos... non a soupen facer cós mouros... Actuei máis coma guerreiro que coma prelado... Esquecín a mensaxe de Cristo... eles son tamén o noso próximo,... Esquecino, non soupen tratalos coma tales... !Don García¡ (trata de se incorporar), tedes que prometermo... eles déronnos toda unha lección... souperon respetar aos cristianos do seu territorio, mentres o controlaron... así como aos seus mosteiros e aos seus bispos... Amosáronnos o camiño... "Deprendamos tamén do enemigo", díxonos san Paulo... Facede así... Respetádeos... Os emires de Sevilla e Badalloz son agora os vosos vasalos... Sede o seu amigo... Prometédemo, vós, o único que se opuxo á aquela vergonzosa chacina...



GARCIA: Calmádevos, reverencia. Claro que volo prometo. Como me tedes insinado, terei sempre presente que os reinos deben de se basear máis no respeto mútuo, e na colaboración, que na forza das armas.



CRESCONIO: "A xusticia é a base da sociedade"...



GARCIA: Vexo que seguides sen poder esquecer as vosas citas nin ao voso Aristóteles...



CRESCONIO: ...Por íso tampouco esquezo que foi el quen afirmou que "Falar a base de frases feitas é un síntoma de senectude"... Estou vello, alteza... sinto que xa se me acabou o tempo. ..



GARCIA: Tedes aínda moito que facer ...Non vos podedes deixar esmorecer tan axiña... !Debedes de loitar¡...



CRESCONIO: ...podedes axudar aos cristianos que viven nesas taifas... sen necesidade de gastar os vosos recursos en sanguiñentos combates cos mouros... Lembrádeo... Sei que estades a tratar de reconstruir os bispados de Ourense e de Tui... Ese é o camiño... Xa está encetado... mais queda aínda moito que facer... Buscade homes xustos e honestos para eses cargos,... respetuosos con canto Cristo nos insinou... Eles serán os vosos mellores valedores... Mais desconfiade dos vosos irmáns... aínda que se levan mal entre eles, acabarán por se axuntar para tratar de perdervos... Non esquenzades tampouco o voso compromiso coa filla do Duque... Débovos de confesar algo... eu pretendía casarvos cunha irmá do Emperador... de Alemaña... Mais o voso pai soupo atoparvos algo moito mellor... porque o Duque é o suficientemente poderoso para vos axudar... se o precisades... Ten o exército máis poderoso de Europa... Un sogro desa medida é o que necesitades para vos defender da perfidia dos vosos irmáns... É moito o que aínda tedes que facer... señor...



GARCIA: !Reverencia¡... acougade, por favor. Acougade e descansade. A min terédesme á vosa beira o tempo que sexa preciso.



CRESCONIO: Unha cousa máis,... don García... Unha cousa máis, nada máis... As parias..., o que vos pagan os vosos vasalos de Badalloz e Sevilla... sei canto as necesitades... Non volo quixera pidir..., mais... seguide a pasarlle á abadía de Cluny o tributo ao que se comprometeu o voso pai... É moi elevado... tamén o sei... Mais é preciso que o sigades a facer... non tanto polas preces que pola salvación da súa alma poidan elevar alí... senón para evitar o dano que dende Cluny vos poderían facer... se os esquecedes... Facédeme caso... Cluny ten cada vez máis poder... Hildebrando é hoxe o home máis poderoso de Europa... El é quen artella as actuacións dos Papas... E é cluniacense... Crédeme, don García... para levar ben un reino, hoxe en día, ademais de non ter enemigos dentro... convén non telos tampouco fóra...



(Cresconio esmorece. Lévase lentamente a outra man á gorxa e garda silencio. A esposa de Xelmirio achegase tamén. Comenza a escoitarse a música de "Cuius animan" de Diego Verdugo (do século XVII), interpretada polo Coro "Ars Musicae". Don Cresconio queda ríxido. A Dona de Xelmirio salouca e Don García dálle unha aperta ao bispo, logo bícalle a man e queda postrado. Os frades achéganse ao leito e trasladan o cadáver a unha caixa sobre un cadaleito. Cando remata "Cuius animan", erguen este. Sona agora "Dies Irae", e ao seu compás saen da estancia e pasan polo patio do Castelo, seguidos do rei, Xelmirio, a Dona, e o eclesiástico. Acuden algúns soldados. Luz nada máis que dos fachicos. A música funde de novo coa Carmina Burana: "Fortuna Imperatrix Mundi". No "crescendo", acéndese unha luz fortísima no ceo. E o vento remexe as vestiduras dos presentes, que se amosan sobrecollidos).



NARRADOR: Don Cresconio, un dos máis grandes homes que deu nunca Galicia, foi bispo de Iria e Compostela durante vintenove anos. Soupo convertir o pequeno vilote que malvivía arredor do Sepulcro de Santiago, nunha cidade puxante, á que lle deu o nome de Compostela e doctou de murallas. Dignificou a vida eclesiástica, que atopou nuns graves niveis de desleixamento, levando a termo varios Concilios. A Escola Catedralicia por el fundada foi unha digna antecesora das nosas Universidades.

     Coma señor temporal armou a hoste que rexeitou definitivamente aos viquingos, que levaban case douscentos anos a depredar o país. Coa inestimable axuda do Emperador Fernando I, e outros prelados galegos, conseguíu levar a nosa fronteira meridional máis alá de Coimbra. Tivo tamén unha decisiva actuación nas Cortes celebradas en León o 22 de decembre do ano 1.063, en presencia dos restos de San Isidoro, chegados aquel mesmo día dende Sevilla, nas que se decidiu o futuro dos tres reinos,.

     Don Cresconio, guía e mentor de don García, morreu no ano 1.066 ao acougo dos muros do castelo agora chamado das Torres do Oeste, en Catoira, ás beiras do Ulla, por el reconstruído.



     O martes día 18 de abril dese ano, o Cometa Halley xurdíu nos ceos de Europa, grande como a Lúa chea, e fixo aterrecer durante toda unha semana o ánimo e os corazóns das xentes. A súa aparición sinalou certamente a fin dunha época e o comenzo doutra. No Nadal dese mesmo ano, Guillerme o Conquistador convertíase en rei de Inglaterra, logo de vencer aos ingleses en Hastings, montando o cabalo que Galtier Giffart lle levara dende Compostela.

     Sete anos máis tarde, o rei Alfonso de León apreixaría traicioneiramente a don García, cando este acodía a felicitalo por ter recuperado o trono que lle tirara o seu irmán Sancho, e manteríao encadeado ata a sua morte, 17 anos despois, apoderándose de Galicia coa axuda da interesada connivencia da entón todopoderosa abadía de Cluny.

(CAE DEFINITIVAMENTE O PANO)


                            Táboa cronolóxica. Bibliografía principal.

TABOA CRONOLOXICA

1.003:   San Pedro Mezonzo, autor da "Salve Regina", remata a reedificación da basílica de Compostela, destruída seis anos antes por Al-Mansur.
1.015:   O futuro San Olaf, rei de Noruega, saquea as costas galegas e arrasa Tui.
1.025:   Sancho III o Grande, rei de Pamplona, remata a estrada do Pirineo a Nájera, que favoreceu as peregrinaxes a Compostela.
1.027:   Nace Guillerme "o Bastardo", fillo de Robert "o Diaño", ou "o Magnífico", Duque de Normandía.
1.028:   Os daneses invaden Galicia pola ría da Arousa ao mando de Ulf, logo chamado "O galego".
1.030:   31-8: batalla naval de Stickelstad, na que morre o futuro San Olaf, rei de Noruega.
1.031:   Tropas navarras axudan a Rodrigo Románez e Oveco Díaz, quenes, coa axuda dos daneses, asaltan o castelo de Lapio, perto de Lugo, en rebeldía contra o rei Vermudo III.
   Sancho Garcés III, penetra en Galicia e derrota aos condes galegos, aos que ao parecer alentara antes para se rebelar contra Vermudo III, e devasta Lugo.
1.032:   Don Cresconio rexeita a Ulf e aos seus daneses.
1.034:   Sancho Garcés III apodérase de León e titúlase "Imperator".
   Verán: mentres Sancho Garcés entra tamén en Astorga, Vermudo III pasa o Douro ao frente das tropas galegas e, entre Aveiro e Porto, vence ao emir musulmán Cimeia.
1.035:   febreiro: as forzas galegas, ao mando de Vermudo III atacan León e fan fuxir a Sancho Garcés III.
   18 ou 22 de octubro: Sancho Garcés III asasinado en Nájera.
   Sucédeo o seu fillo García Sánchez III.
   Guillerme "o Bastardo", duque de Normandía.
1.037:   Morre na cadea, Vistruario, bispo de Iria e Compostela.
   Antes do 9-6, Don Cresconio bispo de Iria e Compostela.
   1-9-37: Batalla de Tamarón. Vermudo III morre a loitar coas forzas do seu cuñado Fernando, conde de Castela, ás que se uniran as do seu irmán García Sánchez, rei de Pamplona.
   Don Cresconio reedifica o Castelo Honesto en Catoira.
1.038:   22-6: Fernando I coroado coma rei en León, sen a presencia de ningún representante de Galicia.
   Rebélanse contra el varios señores galegos, entre eles a condesa Odrocia, a súa filla Elvira, e o seu neto o conde Munio.
1.042:   Nace don García, fillo de Fernando I e da súa esposa a raíña Sancha.
1.048:   Hildebrando, monxe en Cluny, aínda que parece que xa o fora antes en Roma. Nacera na Toscana no ano 1020.
1.053:   Don Cresconio, logo de acompañar aos reis Fernando e Sancha ao mosteiro de San Isidro de Dueñas, próximo a Palencia, tráese con el ó infante Don García co obxecto de educalo na Escola Catedralicia de Compostela, por el fundada.
1.054:   1-9: Batalla de Atapuerca entre Fernando I e o seu irmán García Sánchez III, que morre nela. O seu fillo Sancho Garcés IV é proclamado rei no campo, logo de recoñecer a supremacía de Fernando.
1.056:  Primavera: peregrinos belgas con Frei Roberto de Lieja son recibidos en Compostela por Don Cresconio e Don García.
   29-11: Fernando I toma Lamego, coa axuda de Don Cresconio.
1.058:   Hildebrando consigue impór a candidatura papal de Nicolás II (1058-61).
   25-7, Viseu, tomada por Fernando I, coa axuda de Cresconio.
   Al-Mudaffar, taifa de Badalloz, tributario de Fernando I.
1.060:   14-1 Concilio de Compostela, ao que acudiron os bispos de Britonia, Dumio e Lugo e numeroso clero: ordenouse aos presbíteros dicir misa diaria e rezar as horas, prohibíndose o uso das armas e da barba aos clérigos. Fixo separar aos cregos casados das súas esposas. Impuxo aos párrocos o estudo da Sagrada Escritura e dos Cánons, e ordenou que tivesen escolas nas súas igrexas. Prohibíu aos xuíces recibir ofrendas e regalos, crer en agoiros e encantamentos, curso da lúa, ou apendurar monecas dos teares. Así mesmo, os fieis deberían coñecer o Noso Pai, non podendo ter máis dunha esposa, nin casar coa muller do seu irmán, e non se permitirán os matrimonios consanguíneos.
1.061:   Hildebrando impón coma papa ao seu amigo Alexandre II. Fernando I crea a Casa de Hospedaxe de Peregrinos  de Compostela sobre unha parcela confiscada á rebelde Condesa Obrocia.

1.062:   Nesta data era xa bispo de Lugo, Vistruario, que visita o territorio de Braga, o mesmo que fixo Cresconio neste mesmo ano.
1063:   23-10: Novo concilio de Compostela, con participación dos bispos de Oviedo, Porto, Dumio e Lugo. Repítense as mesmas ordes e conclusións que no de 1.060.
   22-12: Consagración do templo de S. Isidoro de León
   Remata o traslado dos seus restos dende Sevilla.
Don Cresconio e don García están presentes, xunto cos futuros santos, Domingo de Silos, Faxildo de Antealtares, Iñigo de Oña, García de Arlanza, e Sisenando de Cardeña.
   Celébranse as Cortes de León, nas que os magnates e representantes dos reinos escoitan e refrendan o testamento real. Por el son declarados reis os infantes Sancho, ao que corresponden Castela, máis as parias de Zaragoza, Afonso (León e as parias de Toledo), e García (Galicia máis as parias das taifas de Badalloz e Sevilla). Ás súas irmáns, as infantas Urraca e Elvira, correspondeulles o señorío de todos os mosteiros dos tres reinos, coa condición de que permañecesen solteiras.
1.064:   Xaneiro: Fernando I implora durante 3 días a axuda do Apóstolo para a Campaña de Coimbra.
   20-1: As forzas cristianas acampan diante de Coimbra, cos príncipes, a Raíña Sancha, os bispos Cresconio de Santiago, Vistruario de Lugo, Sisnando de Viseu e Suario de Mondoñedo, e os Abades, Pedro de Guimaraes e Arriano de Celanova.
   11-7: as tropas cristianas entran en Coimbra á hora tercia. A rendición producírase o venres día 9.
1.065:   Antes desta data, e nun documento non precisado, Fernando I concédelle á abadía francesa de Cluny un censo anual de mil pezas de ouro procedentes dos tributos das taifas musulmanas, có obxecto de que se destinasen a sufragar as vestimentas dos monxes e servisen coma espiación para os seus pecados. Este censo sería confirmado, e incrementado, posteriormente polo seu fillo Afonso VI en 1077 e 1090.
   Este monarca foi alcuñado, xa no seu tempo, como "el de la mano foradada", en referencia á súa prodigalidade. Alfonso VI casaría por segunda vez, entre 1078, e 1079, con Constanza, filla do Duque de Borgoña, e sobriña do abade de Cluny, o futuro San Hugo (1049-1109).
   Don Cresconio remata a construcción das murallas de Compostela e das dúas torres defensivas da súa Basílica.
   Don García, rei de Galicia, é coroado por Cresconio, coa presencia dos seus irmáns Afonso e Urraca, conselleira deste. Ambos asistiron tamén, con don García, á consagración da Catedral de Tui, que destruíra San Olaf, rei de Noruega.
   10-6: acusación en Compostela, ante Fernando I, dos desmáns dos gobernantes das terras lusitanas de Galicia contra propiedades da Igrexa.
   Galtier Giffart, señor de Longueville, concerta, neste ano ou no anterior, os esponsais de don García coa filla do duque de Normandía, ao que se lle obsequia co mellor cabalo.
   27-12: Morre Fernando I en San Isidoro de León.
1.066:   18-4: aparece o cometa Halley, "grande como a lúa chea".
   Data posible da morte de don Don Cresconio.
   14-10: Guillerme de Normandía vence ao rei Harold de Inglaterra en Hastings, batalla na que cabalgaría o cabalo levado dende Compostela. Galtier Giffart acaba na mesma có vencido monarca, converténdose despois no primeiro Conde de Buckingham.
   15-12: Coroación en Londres de Guillerme de Normandía coma novo rei de Inglaterra.
1067:   28-2: privilexio do rei don García ao mosteiro de San Antolín de Toques, no que xa firma coma bispo de Compostela don Gundesteo, sobriño e sucesor de don Cresconio, circunstancia que parece confirmar o feito de que este xa morrera.
1071:   26-3: Contubernio de Burgos. Os reis Sancho e Afonso acordan por escrito despuir de Galicia ao seu irmán García.
   Menos de dous meses despois, o dez de maio, Sancho firma xa un documento no que se intitula rei de Castela e Galicia.
   novembro: noutro documento, Sancho e Afonso defínense coma co-reis de Galicia.
1073:   13-2: cando visitaba ao seu irmán Afonso, para felicitalo por ter recuperado o trono, que antes lle arrebatara Sancho, don García é apreixado traidoramente por aquel, que o mantería encadeado ata a súa morte, e lle tomaría o reino.
   22-4: o monxe Hildebrando aclamado popularmente coma Papa. Sería entronizado o día 29 de xuño seguinte, baixo o nome de Gregorio VII. Morreu o día 25 de maio do ano 1085, a mesma data na que Afonso VI conquistaba Toledo.


BIBLIOGRAFIA PRINCIPAL.

ABBON DE SAINT-GERMAIN: "Las guerras de la ciudad de París". Orbis. Barcelona 1986.

ALMAZAN, Vicente: "Gallaecia Scandinavica". Galaxia. Vigo 1986

ANONIMO: "Codex Calixtinus". "Guía del Peregrino medieval". Centro Estudios Camino Santiago. Sahagún 1989.

         "Liber Sancti Jacobi. Codex Calixtinus". Inst. Padre Sarmiento. Compostela 1951

ARMESTO, Victoria: "Galicia Feudal". La Voz de Galicia. Coruña 1994

BARRET, P., e GURGAND, J.N.: "A vida dos Peregrinos polo Camiño de Santiago". E. Xerais, Vigo 1988.

BLANCO LOZANO, Pilar: "Colección Diplomática de Fernando I". Centro de Estudios e Investigación "San Isidoro". Archivo Histórico Diocesano. León, 1987.

BOTTINEAU, Yves: "El camino de Santiago". Orbis. Barcelona 1985.

BOUARD, Michel de: "Guillerme le Conquerant". Librairie Artheme Fayard. París 1984.

CARBALLO, Francisco: "A Igrexa Galega". Nosa Terra. Vigo 1995

CARRO, Xesús: "A pelengrinaxe ao Xacobe de Galicia". Galaxia. Vigo 1965.

CORDERO CARRETE, F. R.: "Galtier Giffart peregrino a Compostela en el siglo XI". Instituto Padre Sarmiento. Santiago Compostela 1945.

         "De los esponsales de una hija de Guillermo el Conquistador con un Rey de Galicia". Id. id. 1945

COSTA RICO, Antón: "Historia do ensino no reino de Galiza". Tórculo Edicións. Santiago 1995.

DIAZ-PLAJA, Fernando. "La vida cotidiana en la España medieval". Edaf. Madrid 1995.

DOZY, Reinhart P.A.: "Los vikingos en España". Polifemo. Madrid 1987

         "Historia de los Musulmanes de España" IV Tomos. Turner. Madrid 1982

ESTEPA DIEZ, Carlos: "El reinado de Alfonso VI". Spainfo Ings. Madrid 1985.

FERNANDEZ DEL POZO, José María: "Alfonso V. Vermudo III". La Olmeda. Burgos, 1999.

FLETCHER, R.A.: "A vida e o tempo de Diego Xelmírez". Galaxia. 1993

FLOREZ, Henrique: "España Sagrada". Fortanet. Madrid 1905

GIL DEL RIO, Alfredo: "La Rioja en corte de Reyes". Caja de Ahorros de Zaragoza, Aragón y Rioja. Zaragoza, 1979.

GONZALEZ LOPEZ, Emilio: "Grandeza e decadencia do reino de Galicia". Galaxia. Vigo 1978.

GRAF OXENSTIERNA, Eric: "Los vikingos". Luis de Caralt. Barcelona 1966

GUERRA CAMPOS, José: "Exploraciones arqueológicas en torno al Sepulcro del Apóstol Santiago". Cabildo Catedralicio. Santiago de Compostela 1.982.

GUILLERMO DE POITIERS: "Historia de Guillermo, Duque de Normandia y rey de Inglaterra". Orbis. Barcelona 1986.

HEATH, Ian: "Los vikingos". De Prado. Madrid 1995

HOWART, David: "The year of the Conquest". Robin Clark. Aylesbury 1980

LINAGE CONDE, Antonio: "Alfonso VI". La Olmeda. Burgos, 1994.

LOPEZ FERREIRO, Antonio: "Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela". Edicións Sálvora. Santiago de Compostela 1983. XI. Edición Facsimil da de 1898-1909.

LUCAS ALVAREZ, Manuel: "Cancillerías astur-leonesas (718-1072)". Centro de estudios "San Isidoro". León 1995.

         "Tumbo A de la Catedral de Santiago". seminario de Estudos Galegos. Santiago, 1998.

MARTIN LOPEZ, Mª Encarnación: "Patrimonio cultural de San Isidoro de León. Documentos de los S. X-XIII". Universidad de León. León, 1995.

MATTOSO, José: "Historia de Portugal". Volumes I e II. Estampa. 1993

MENENDEZ PIDAL, Ramón: "El Cid Campeador". Espasa-Calpe. Madrid 1973

NICOLLE, David: "Los Normandos". Del Prado. 1984

OLIVEIRA, Miguel de: "Historia Eclesiástica de Portugal". Publicaçoes Europa-América. Mira-Sintra 1994.

PENA FRAGA, Xosé R.: LITERATURA GALEGA MEDIEVAL. II Tomos. Sotelo Blanco. Barcelona 1.986

PORTNER, Rudolf: "La saga de los vikingos". Juventud. Barcelona 1975

REESE, Gustave: "La música en la Edad Media". Alianza. Madrid 1989

RIOS MAZCARELLE, M.: "Diccionario de los Reyes de España". Alderabán. Madrid 1995

RISCO, Manuel: "Historia de la ciudad y corte de León y sus reyes". Ediciones Lancia. León 1987. Facsimil de la de 1792.

RISCO, Vicente: "Historia de Galicia". Galaxia. Vigo 1952.

RUIZ ASENSIO, José Manuel: "Colección documental del Archivo de la Catedral de León (1032-1109). Centro de Estudios e Investigación San Isidoro. Archivo Histórico Diocesano. León, 1990.

RUIZ DE LA PEÑA SOLAR, J. Ignacio: "El Reino de León en la Alta Edad Media". Caja España y Archivo Histórico Diocesano de León. Madrid, 1995.

SANCHEZ ALBORNOZ, Claudio: "Estudios sobre Galicia en la Temprana Edad Media". Fundación "Barrié de la Maza". Coruña 1981

SANCHEZ CANDEIRA, Alfonso: "Castilla y León en el Siglo XI. Estudio del reinado de Fernando I". Real Academia de la Historia. Madrid, 1999.

TRANCHEFORT, François-René: "Los instrumentos musicales en el mundo". Alianza. Madrid 1994.

VARIOS: "El Fuero de León". Hullera Vasco-Leonesa. Madrid, 1983.

         "Gran Enciclopedia Gallega". Silverio Cañada editor. Vitoria 1974.

         "La Compostelana", tradución Manuel Suárez. Porto y Cía. Santiago de Compostela 1950.

         "Historia da Igrexa Galega". Sept. Vigo 1994.

         "Historia de Galicia", Hércules Ediciones. Coruña 1991.

         "Historia de la Iglesia en España". B.A.C. Madrid 1982.

         "Historia de la Iglesia Católica". Edad Media. B.A.C. Madrid 1963.

         "Historia de Navarra". "Temas de Navarra". Pamplona, 1993.

         "Ordoño de Celanova". "Fundación Pedro Barrié". Coruña 1990.

         "Reyes de Navarra: Sancho Garcés II, el Mayor". Editorial Mintzoa. Iruña, 1987.

         "Saxons, Vikings, and the Norman Conquest". Longman. Hong Kong 1983.

VASQUES, Ruy: "Corónica de Santa María de Iria". Cuadernos Estudios Gallegos 1971.

VIÑAYO GONZALEZ, Antonio: "Fernando I". La Olmeda. Burgos, 1999.


                 (Vigo, 1999. Publicado en 2002 na Biblioteca Virtual Galega).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO