O PRINCIPE DOS ALBIÓNS NO MONTE GAIÁS
Nicer Clutosi, ) Cariaca, principis Albionum,
annorum LXXV, hic situs est.
Nicer, fillo de Clutoso, do Castro Cariaca,
príncipe dos Albións, de 75 anos, xace aquí.
(Inscrición do século I atopada nas beiras do río Eo).
O Museo de Galicia do monte Gaiás, en Compostela, sede tamén da Cidade da Cultura, inaugurou o 15 de xuño pasado, a exposición Gallaecia Petrea, concebida para ser visitada e entendida de xeito preferentemente visual, finalidade para a que está doctada co apoio de fotografías, gráficos, vídeos, recreacións, talleres, etc.
As numerosas pezas que nela se ofrecen á admiración dos visitantes gardan, ademais, unha orde cronolóxica clara, posto que principian co final do Periodo Mesozoico, hai uns douscentos millóns de anos, cando o noso era aínda un chan valeiro de seres humanos, para pasar pola Prehistoria, a Cultura Castrexa, a época romana, representacións paleocristiáns e altomedievais, e épocas románica e gótica, seguidas por un admirable número de obras representativas das eras Moderna e Comteporánea. Os obxectos alí expostos proceden do espacio situado entre os lindeiros iniciais do territorio, os ríos Douro e Navia.
Coma non é posible, nun espazo tan reducido coa o que aquí dispomos, ocuparmos desta magna exposición, remitimos aos interesados nos seus contidos ao excelente catálogo por ela editado. Este conta con case que setecentas páxinas, profusamente ilustradas, e acompañadas polas oportunas explicacións da man dos principais expertos e investigadores cos que o país conta, o que xa nos exime do intento. Non resistimos, sen embargo, a tentación de comentar a presencia nela da estela atopada en 1933, ou quizais un ano antes, segundo algúns autores, por un veciño de Piantón, cuxo nome parece tristemente ter ficado no esquecemento, no lugar de A Corredoira, ou La Pereira, en Vegadeo.
Trátase dunha lápida de 117 cms. de longo por 32 de ancho, na actualidade propiedade do Museo Arqueológico de Asturias. Dela procede a inscrición coa que encabezamos este comentario. Pois ben, antes que nada querémosvos informar de que o Museo en cuestión tivo o xesto de cedela para esta exposición. Os expertos que a estudaron, ademais de puntualizar que o material co que fora elaborada non era pizarra, como se pensou durante moito tempo, senón cuarcita, e datárona no século I d. C.
No ano 1942, o historiador e arqueólogo Antonio García y Bellido (1903-1973), analizou a inscriciòn e publicou pouco despois unha reproducción manuscrita da mesma, que xa entón causara unha enorme impresión. Porén a auténtica transcendencia da lápida atópase no feito de ser a única testemuña coa que contamos acerca da existencia dese Nicer, fillo de Clutoso, Príncipe dos Albións, enterrado ás beiras do río Eo. Coma complemento a este dato engadimos agora que, arredor do ano 75 d. C., ou sexa, nunha data bastante próxima á do falecemento dese príncipe, Plinio o Vello (23-79), o gran compilador e investigador romano, procurator ao mesmo tempo na Provincia Hispania Citerior, do que se teñen datos de que desempeñou tamén algún cargo na Asturia e na Gallaecia, con residencia en Astúrica Augusta, hoxe Astorga, fíxonos sabedores de que no Conventus Lucensis, que daquela principiaba, ou chegaba, segundo dende onde se mire, no río Navia, existía un populus denominado dos Albións.
Para completar a reconstrucción prosopográfica que nos poida permitir situar canto acerca deste Nicer se pode enxergar, preto de cen anos máis tarde, o xeógrafo alexandrino Claudio Ptolomeo recolleu asimesmo datos sobre tales Albións próximos a río Navia, ou Nabia. Ignóranse, porén, sequera por aproximación, as lindes occidentais dos mesmos. Os datos que nos facilitan tanto Plinio coma Ptolomeo, inclinan a situalas perto do Eo, se ben que moi ben as puideron ter rebasado, en maior ou menos medida, segundo se interpreten os versos 90 a 112 da Ora Maritima de Rufio Festo Avieno, o máis antigo documento escrito que sobre o occidente de Europa se conserva.
O que sí resulta seguro é que, no intre de redactar este comentario, e por mor da Exposición á que nos estamos a refirir, a lauda de Nicer Clutosi, atópase, aínda que nada máis que de xeito provisorio, na actual capital daquela Gallaecia, no tempo que el viviu recén sometida polo Imperio Romano, e sen ter sequera que sair do seu Conventus Lucensis. Porque esta división xurídica tiña daquela o seu limite oriental no Navia, os do norte o do oeste no Océano, e o meridional na liña marcada pola parte setentrional dos actuais Ría de Vigo e os ríos Verdugo, Miño e Sil.
(Publicado en 2012 no número 180 da revista Encrucillada).
-Outros traballos relacionados con este:
-El mundo antiguo a través de la "Ora Maritima" de Rufio Festo Avieno. (2012)
-Galicia no século VI a. C. (1990).
-O extraordinario mundo da "Ora Maritima". (2013).
-Os trinta anos de "¡Ouveade, naves de Tarsish!". (2013).
Comentarios
Publicar un comentario