O DESCOBRIDOR QUE CHEGOU DO FRIO. A VIAXE DE CRISTÓBAL COLÓN A THULE


     "Yo navegué el año de cuatrocientos setenta y siete, en el mes de Hebrero, ultra Tile, isla, cient leguas, cuya parte austral dista del equinocial setenta y tres grados, y no sesenta y tres, como algunos dizen, y no está dentro de la línea que incluye el Occidente, como dize Ptolomeo, sino mucho más occidental. Y a esta isla, que es tan grande como Inglaterra, van los ingleses con mercadería, espeçialmente los de Bristol, y al tiempo que yo a ella fue no estaba congelado el mar, aunque avía grandísimas mareas, tanto que en algunas partes dos vezes al día subía veinte y cinco brazas y desçendía otras tantas en altura."


     A cita que reproducimos pertence a unha carta que o naquela altura "Almirante de Ia Mar Océana", e Virrei das Indias, Don Cristóbal Colón escribiu aos Reis Católicos, dende a recén descuberta illa de "La Española", no mês de xaneiro do ano 1.495, no decurso da súa Segunda Viaxe (1). Non se conserva o orixinal da mesma, senón unha cópia efectuada polo dominico frei Bartolomé de Ias Casas (1.474-1.566), gardada na Biblioteca Nacional, en Madrid (2). O comentario aparece tamén, tanto na documentada Historia General de Ias Indias (1.530-61), do mesmo Padre Las Casas, coma na biografia que sobre o Almirante publicou póstumamente en Venécia o 25-4-1.571, o seu fillo Hernando Colón (1.488-1.539) (3).

     Naturalmente, antes de determos sequera a considerar canto nela se afirma, ofrécesenos coma cuestión prioritária a de determinar a fiabilidade desa cópia efectuada polo Padre Las Casas.


1. OS DOCUMENTOS COLOMBINOS

     Por sorprendente que poida parecer, tampouco se conservan os orixinais dos Diarios do Almirante. Contamos tan só con algunhas copias abreviadas dos mesmos, efectuadas tamén polo Padre  Las Casas. Para reconstruiren as viaxes colombinas os historiadores non teñen outro recurso que o de acudir a documentos e relatórios colaterias (4), así como a vários documentos autógrafos do Almirante, algúns aínda mesmo baixo a sospeita de non ser xenuína a súa sinatura (5), así como á súa correspondência, ningunha anterior a 1.493 (6), e valerse de diversas anotacións manuscritas que aparecen nalgunhas das obras por el consultadas (7).

     Do Padre Las Casas sábese que se trasladara a "La Española" no ano 1.502, onde trabou amizade con Diogo Colón, apenas este se instalou ali coma Almirante, en 1.509. O dominico confesa que, posiblemente mercê a esta amizade, dispuxo de copias dos documentos dos moitos e variados pleitos que a família Colón sostivo coa Coroa, e que conseguira axuntar abondoso material, a maior parte perdido actualmente, para historiar a vida do xá entón extinto Navegante. Mais o que realmente nos interesa aquí é o feito de que se pode constatar, a través dos documentos por el manexados e   ainda existentes, a exactitude coa que foron transcribidos (5), o que representa unha proba en favor da súa honestidade, e unha garantia de fiabilidade á hora de considerar o valor das demais cópias por aquel efectuadas, para as que non contamos con ningún xeito de comprobación documental. Dáse tamén a circunstancia de que Las Casas soe coincidir con cuanto refire Hernando Colón (8), cousa que tamén acontece co fragmento sobre a viaxe a Tile que arriba inxerimos.


2. A VIAXE DE CRISTÓBAl COLÓN A TILE

      Respeito  a esta viaxe, na súa comunicación aos Reis Católicos, o Almirante ofrece precisións que, para unha mellor comprensión e análise, imos a ordenar deste xeito:

a) que navegou no mes de febreiro do ano catrocentos setenta e sete.
b) que o fixo "ultra Tile, isla, cient leguas".
c) que o Sur desta illa estaba situado a 73 graos Norte, en vez dos 63 que viñan sendo estimados por algúns.
d) que Tile é moito máis ocidental a como a situou Ptolomeo.
e) que Tile, tan grande ademais coma Inglaterra, era visitada por comerciantes deste país, especialmente polos do seu porto de Bristol.
f) que no mes de febreiro, non está ali xiado o mar.
g) que en Tile hai maréas semidiurnas de 25 brazas de altura.


 2.1. Posibilidades cronolóxicas dunha viaxe en Febreiro de 1.477

     Ainda que non estean perfeitamente esclarecidas a maior parte das circunstancias que rodean a vida de Colón, imos tratar de tracexar a cronoloxia próxima ao tempo da súa referida viaxe, maioritariamente aceptada nestes momentos, aínda que suxeita, coma case todo canto a el se refire, a revisión:

     1.451: Posíble data do seu nacemento, segundo unha acta notarial xenovesa.
     1.465: Con catorce anos de idade, segundo confesión própia,  Colón comeza a navegar.
     1.472: Aos 21 anos, reside en Savona, onde é "lanerius", deslocándose por este tempo a Túnez seguindo ordes de Reinel -?Renato de Anjou?-, para tomar a galeota "Fernandina".
     1.474-5: Toma parte nunha expedición xenovesa en axuda da illa grega de Quios.
     1.476: 13-8 . Combate naval no Cabo de Sâo Vicente. Guillaume Casanove-Coullon ataca catro galeras xenovesas e unha urca flamenga. Agarrado a un remo, Cristóbal Colón consegue chegar a unha praia do Algarve, onde tardará varios dias en se recuperar. [Fig. 5].
     Cumpridos xá os 25 anos, chega a Lisboa, cidade onde os Centurione e os Di Negro, xenoveses, tiñan sucursal. [Figs. 6 e 7].
     1.478: Jullo, parte de Lisboa cara a Madeira, para comprar azúcre para os Centurione.
     1.479: 25-8. Segundo unha acta notarial xenovesa, na que confesa ter xa máis de 27 anos, vai partir ao dia seguinte para Lisboa.
     Posíble data do seu casamento con Filipa Moniz de Perestrello, coa que se establece por algún tempo na illa de Porto Santo, próxima á da Madeira.

     Nesta cronoloxía pódese observar a existência dun período indocumentado entre o mes de decembro do ano 1.476, e jullo de 1.478. Coma consecuencia,  nun princípio, non parece haber ningunha imposibilidade física para que no mes de febreiro do ano 1.477 puidese Colón ter efectuado a navegación a Tile que lle comenta aos Reis.


2.2. ¿Cal é a illa de Tile?

     Afirma Colón que Tile é moito máis occidental a como afirmaba Ptolomeo. Compre tamén dicir que este non menciona ningunha illa desta denomiación. Entre os arredor dos oito mil lugares da superfície terrestre cuxas coordenadas determinou no ano 150, o que si sitúa na latitude aproximada dos 63 graos, que o Almirante estima estar equivocada, é a sonada illa de Thule [Fig. 2].
     Afortunadamente contamos cun medio para saber se Colón identifica un topónimo co outro. E este atópase nos versos do coro "Audax nimium" pertencentes à traxédia "Medea", de Séneca:

     Venient annis
secula seris, quibus Occeanus
vincula rerum laxet, et ingens
pateat tellus, Tipchisque novos
detegat orbes, nec sit Terris
     Ultima Thule 
(9).


     A traducción destas palabras atópase no chamado "Libro das Profecías", que se conserva na "Biblioteca Colombina", baixo a sinatura autógrafa do própio Cristóbal Colón:

     " Vernán los tardos años del mundo ciertos tiempos en los cuales el mar Ocçéano afloxerá los atamentos de las cosas y se abrirá una grande tierra; y un nuebo marinero, como aquel que fue guía de Jasón, que obe nombre Tiphi, descobrirá nuebo mundo y estonces non será la isla Tille la postrera de las tierras" (10).

     Tile, Tille, ou Tulé, pois, non son máis que derivaçións medievais da antiga Thyle ou Thule, que a famosa navegación polo Océano do grego Pitheas deu a coñecer no século IV a.C. ao mundo mediterráneo. Nos tempos de Lúcio Anneo Séneca, "O Mozo" (4 a.C. - 65 d.C.), autor da "Medea", non se sabia de ningunha outra Thule diferente da visitada por Pitheas, que poidese facernos pensar nun errro de interpretación por parte de Colón.
     Establecida, esta identidade, réstanos tan só coñecer a situación da illa descrita polo navegante massaliota na súa obra "Sobre o Oceano", hoxe tamén infelizmente perdida.

     Con base a algúns dos seus testemuños, salvados en parte mercê a algunhas referéncias, de xeito especial ás contidas nos escritos do grego Strabon (64 a.C.-14 d.C.), e de Caio Plínio Secundo (23-79), elaborouse un posíble itinerário da viaxe de Pitheas, no cal este, despois de costear a illa de Británnia, arribaría a Thule, logo dunha singradura de seis dias. Segundo estes relatórios, nesta afastada terra había cereais, mel, escasos animais domésticos, millo, herbas, fruta, raíces, utilizábanse os piornos, e no solstício do verán o sol mantíñase visíble durante as 24 horas do día ou, cando menos, había unha noite moi curta (11). Así mesmo, a unha xornada de navegación cara ao Norte, poderia mirar o ousado navegante unha para el descoñecida mistura de témpanos e áugas vitrosas, coallada, e case que inmóvil, que compara cun "pulmón mariño" (12).

     Tales coordenadas —seis días ao Norte da Británnia, noites brevísimas durante o solstício do verán, e a proximidade da banquisa polar— apuntan claramente às latitudes tanto da Noruega central como às de Islándia.

     Agora ben, nos tempos da navegación de Pitheas, Islándia estaba desabitada. E, segundo a arqueoloxía, non é posíble aceptar a existencia de ningunha ocupación humana da mesma anterior à dos monxes irlandeses que precederon nuns cen anos aos colonos escandinavos, que se instalaron nela a partir do ano 874 (13).

     Coma consecuência, por simple exclusión, a Thule visitada por Pitheas tense que buscar na Escandinavia. Xá en 1.911 chegaba a esta conclusión Fritjof Nansen, quen, na súa obra "Nebelheim", situaba á Thule pitheana a unha latitude aproximada duns 63 graos, perto da baía de Trondheim (14) [Fig. 1]. Exacto ou, sequera aproximado, o resultado da súa análise, a realidade é que confirmaba canto sabian xá os xeógrafos da antigüidade: Cara ao 220 a. C. Erathóstenes de Cirene; no cámbio da era Strabon; e arredor do 150 d. C., Cláudio Ptolomeo, infinitamente menos dotados de medios técnicos e de recursos que os na actualidade utilizados, situaran xa nesas aproximadas coordenadas a illa de Thule (15).

     Agora ben, Colón afirma : "y no está dentro de la línea que incluye el Ocçidente, como dize Ptolomeo, sino MUCHO MÁS OCCIDENTAL ".

    Thule, o mesmo que as Cassitérides, a illa Antilla, o Brasil, Eldorado, e cantos lugares de seductora condición teñen existido, tivo unha localización itinerante. E na Idade Média, seria situada na incógnita, e ata entón innominada Islándia. Esta identificación aparece clara xa no irlandês Dicuil, se ben que pode que a iniciativa tivese partido dos ascetas e monxes que nesa altura a visitaban.

     Dela diria este no ano 825 no seu "Liber de Mensura Orbis Terrae":

     "Hái agora 30 anos que clérigos que viviron nesta illa, dende o primeiro de febreiro ata o primeiro de agosto, dixéronme que non só durante o solstício do verán, senón tamén nos dias que o preceden e o siguen, o sol poñente ocúltase ao chegar o crepúsculo, coma detrás dun pequeno outeiro, de tal xeito que non se produce escuridade algunha nun brevísimo período de tempo, senón que, polo contrario, un home pode facer calquer traballo que desexe coma coa luz do dia, mesmo despiollar a súa camisa, e, de atoparse nunha montaña alta, en ningún momento teria desaparecido aquel da súa vista ".

     Con posterioridade a Dicuil a opinión xeneralizaríase, ata o punto de que Adam de Bremen identifica de modo tan definitivo Thule con Islándia na súa monumental "Gesta Hamburgensis ecclesiae pontificum" (16), que o descoñecimento acerca da  súa primitiva situación persistiria xá ata o século XX.

     Así, pois, a Tile que Colón indica estar "mucho más al occidente" de onde Ptolomeo a situara, está claro que se trata da Tile, Tyle, Thule = Islándia, a primeira das terras que, viaxando cara a poñente, dende a súa orixinária situación se poden atopar.


Fig. 1: Mapa coas probables rotas seguidas por Pitheas (325 a. C.), Leifur 
Eiriksson  (1000) e Cristóbal Colón (1477), polo Atlántico Norte. Sinálanse 
          tamén as posibles variantes da interpretación das cen léguas por el navegadas
         "ultra Tile".


2.3. Na Tile visitada por Colón non se xiaba o mar en Febreiro.


     Examinemos esta outra pasaxe de Dicuil sobre Islándia:

     "Ocupanse de falácias os que din que o mar ao redor da illa está xiado, que é un contínuo dia sin noite dende o equinócio de primavera ata o do outono , e viceversa, perpétua noite dende o equinócio de outono ata o da primavera; pois quenes navegan en época que se considera de grande frio teñen chegado ata aqui de todos os xeitos, e en canto habitáron esta illa gozáron sempre da alternáncia da noite co dia, a non ser na época do solstício. Mais, despois dun dia de navegación cara ao Norte, atoparon o mar xiado."


     Parece que se ten que precisar que esa navegación dun dia cara ao Norte no que os informantes de Dicuil atoparon o mar xiado, debeu de terse efectuado, coma indica, "en época de grande frio", que é cando en realidade pode darse esta circunstáncia, a causa da beneficiosa influencia da corrente do Golfo, que mitiga aquel clima extremo.

     Todos os relatórios de Dicuil son sorprendentemente exactos. Non só está corroborada a través dos ocupantes nórdicos da illa a presencia dos monxes cristiáns à sua chegada á mesma —os "papar" (17)—, senón que coincide co tempo da navegación colombina ese mes de Febreiro elexido por algúns daqueles coma idóneo para transladarse a Islándia para comezar as súas meditacións.

     A este respeito podemos dicir que, a comezos do mes de  agosto pasado, cando xa transcorrera mes e medio do solstício, poidemos nós mesmos observar, aínda mesmo no Sur da illa, noites de apenas catro horas de duración. En canto ao chamado "Sol de Medianoite", ou sexa a non ocultación deste detrás do horizonte, en Islándia é observáble dende os seus puntos máis setentrionais, aínda que tan só se poida  desfrutar en toda a súa espectacularidade dende a illiña de Grimsey, lixeiramente mais nórdica. Sobre esta é sona  que o Círculo Polar Árctico pasa polo medio exacto do leito do seu Pastor, de modo que este durme ao Norte, e a súa esposa ao Sur da citada liña. E entre os dias 15 de xuño e o 10 de xullo orgaizanse voos dende Reykjavik e  Akureiri, para  contemplar dende este pequeno território islandês de 120 habitantes o desusado espectáculo. Existe tamén un serviçio de "ferry" a partir da própia Akureiri, no esteiro de Eyjafjördur, para aceder a ela por mar [Fig. 12].


2.4. Tile situada a 73 graos Norte, non a 63

     Segundo estima Colón, o Sur da illa por el visitada, atópase a 73 graos do Ecuador, e non aos 63 que algúns din. A realidade é que a costa meridional de Islándia está moi próxima ao paralelo 63, precisamente o indicado por aqueles que o Almirante considera equivocados. A latitude por el indicada poderia corresponder, por aproximación, à illa Jan Mayen, só  da metade de extensíon que Madeira, situada a uns 600 quilómetros ao Nordeste de Islándia, un lugar volcánico e desolado, dificilmente libre de xeos en febreiro, e aproximadamente no mesmo meridiano que para Thule indicara Ptolomeo, non ao Occidente del, detalles estes que invalidan a súa identificación con Tile.

     Tampouco existe ningunha illa ao Oeste deste meridiano o suficientemente extensa coma para considerala tan grande coma Inglaterra, cuxa costa meridional se achegue ao paralelo 73. A de Islándia, como vimos, está próxima ao 63, en tanto que a Groenlándia, máis occidental aínda, atópase no 60 [Fig. 1.].

     Evidentemente, a latitude que Colón lle dá a Tile non pode deberse ao erro ou à falsa transcrición de ningún copista. Parece claro que el crê estar seguro do que afirma. Proba diso é que, créndose tan ao Norte, amose a súa sorpresa por non atopar xiado o mar. A no ser que pretendese impresionar aos Reis Católicos facéndolles crer que puido ter alcanzado tan asombrosa latitude, as únicas explicacións plausíbles que para este feito consideramos son:

     — Que, non sendo provablemente Colón quen comandaba a embarcación coa cal fixo

a viaxe, o cálculo da latitude procede doutra persoa, limitándose el a recollelo.

     — Que, o mesmo que lle aconteceu à maioria dos navegantes do seu tempo, tamén aqui puido sofrer o Almirante un dos seus  erros de medición.
     Porque, ademais  do seu famoso engano  respeito ao diámetro da Terra, que propiciou a súa chegada a América —aínda que el morrese crendo que se trataba de Ásia— detectanse moitos outros e importantes erros seus. Lembremos, por exemplo:

     — Porto de Mares : "questaba a 42 grados de Ia línea equinocial " : áchase a 21 graos Norte.
     — Puerto de Ia Concepción : a 34 graos; sendo a súa autêntica latitude a de 19 graos 35' (18).
     — Á africana fortaleza de São Jorge da Mina, por el visitada, sitúaa ao Sur do Ecuador, cando se atopa cinco graos ao Norte do mesmo (19).

Fig. 2: Cópia simplificada do mapa de Ptolomeo na que sitúa Thule ao Nordeste das Illas Británicas. Peneirando relatorios tan precarios, coma vellos itinerarios e testemuñas de viaxeiros, Ptolomeo determinou as coordenadas de uns oito mil lugares da superfície terrestre, entre eles 87 da Gallaecia. El foi o autêntico pai da cartografia.


     2.5. Unha viaxe "ultra Tile, cient leguas"

     Considérase que Colón utilizaba a légua italiana, equivalente a 4 millas tamén italianas (20), uns 5.900 metros. Navegar "ultra Tile" cen léguas, pois, pode querer significar que ultrapasou esta illa nuns 590 quilómetros.

     Naturalmente, sendo esta expresión efectuada por alguén que chega dende o Sur, temos que supoñer que estes deben de ser medidos en dirección diferente da que procede. A esta distancia aproximada existen : cara ao Nordeste, a xa citada illa de Jan Mayen, de dubidoso interese naquela altura. E, ao norte e ao Oeste, Groenlándia.

     Concretamente cara ao Noroeste pódense medir eses 590 quilómetros en liña recta, dende o extremo de Islándia ata o paralelo 70, onde se atopan o cabo Brewster, así coma o estreito e o dilatado fiordo de Scoresby. Se a sua navegación non se tivese efectuado a mediados do inverno, o que fai escasamente viáble tal posibilidade, teríamos que pensar que Colón poderia ter participado nunha das ousadas expedicións que procuraban o famoso paso do Noroeste, nesta ocasión a través do  fiordo groenlandês [Fig. 1], que vimos de mencionar, ainda que el en ningún momento diga que tivese chegado a nengún lugar, despois de percorrer a indicada distáncia.

     Augusto Mascarenhas entende que o daquela aínda futuro Almirante debeu de ter tomado parte na expedición luso-dinamarquesa, comandada polos almirantes Pyningk e Podthorsth e o piloto Jon Skolp, a Groenlándia e, quizais tamén ao Labrador, de 1.476, que el alonga ata o ano seguinte (21). Trátase indubidablemente nada máis que dunha posibilidade, ainda que, en tal caso, Colón nunca poderia ter estado en agosto de 1.476 no combate de Sâo Vicente, e as cen léguas que afirma ter navegado "ultra Tile", habería que acrecentalas notablemente.

Fig. 3: No ano 874, Ingólfur Arnarson edificou o seu lar en Islándia no punto ao que o mar conduciu os soportes do seu sitial. Un lugar chatolado de cráteres, lava, cinzas e solfataras. E chamouno Reykjavik, "Baía dos fumes". A súa estátua, obra de Einard Jonsson, domina hoxe o porto da capital islandesa.
     Outra interpretación acerca destas cen léguas é a de que quizais poidan referirse ao montante das singraduras que, unha vez alcanzada Islándia, debeu de ter relizado ao longo, ou perto, da súa costa, feito que lle permitiria supoñela "tan grande coma Inglaterra ", cálculo bastante aproximado se é coa extensión deste reino, de uns 130.000 quilómetros cadrados, coa que a compara, e non tan aproximada se por Inglaterra entende toda a illa britânica, duns 230.000, ainda que aceptábles, se consideramos a súa frase como a expresión dun coñecemento sequeras aproximado da respeitáble extensión —103.000 quilómetros cadrados— que Islándia acada. En todo caso, digamos tamén que o Sur desta mide, tamén aproximadamente, esas cen léguas de cumprimento.

Fig. 4: Xénova a fins do século XV, segundo a "Cronicarum Mundi". Combinando relatórios, algúns ainda non suficientemente esclarecidos, parece que foi nesta cidade onde, entre o 25 de agosto e o 31 de outubro de 1.451, naceu CHRISFÓFORO COLOMBO, o personaxe hoxe maioritariamente identificado co CRISTOVAM COLOM,  -ou COLLÓN, que apareceria en Portugal en 1.476.


     2.6 Tile visitada por comerciantes ingleses, especialmente de Bristol

     Está perfectamente documentada a existencia no século XV dunha rota comercial que enlazaba o Mediterráneo coas rexións setentrionais de Europa, a través de Lisboa, as nosas Rias Baixas, e Bristol. E que era este porto inglês o que monopolizaba os contactos con Islándia. Os seus barcos visitaban esta illa na primavera e no verán para intercambiar peixe, lan, e outros productos. No outono estas mesmas naves retrocecían  ao Sul, alcanzando así as súas mercadorias o Mediterráneo a través principalmente de Lisboa (22).

     Eran moitas as embarcacións inglesas que participaban neste activo comércio, vital para Islándia. Calcúlanse nunhas cen anuais. A súa actividade ultrapasaba moitas veces as lindes do simple comércio para chegar, en ocasións à pirataria. En 1.432 Dinamarca e Inglaterra asináron un tratado para poñer fin a estes tipo de actos por parte dos ingleses, especialmente  contra as colónias groenlandesas, tamén condenados por Nicolás V en 1.448 (23).


Fig. 5: Cabo Sâo Vicente, Portugal. O 13 de agosto de 1.476, o corsário francês Chillaume de Casanove-Coulon, enfrentouse aqui a quatro galeras xenovesas e unha urca flamenga. Afundíromse 3 das naves xenovesas e 4 corsárias. Axudándose cun remo, Cristóbal Colón conseguiria cubrir a nado as dúas léguas que separabam o lugar do combate das praias do Algarve.



Fig. 6: Lisboa, segundo un gravado alemán en cobre augua-forte do século XVI. Recuperado no Algarve das consecuéncias do combate de Sâo Vicente, a esta cidade, naquela altura un dos principais portos comerciais do mundo, parece que chegou Colón, posiblemente por terra, en 1.476. Cumprira  xa os 25 anos.



Fig. 7: Lisboa na actualidade contemplada dende o monumento a Cristo Rei. Nela tiñan entón sucursal os Centurione e os Di Negro, xenoveses, para os que traballaría posteriormente Colón. Dende Lisboa partiu este para la lonxíncua Thule. E en Lisboa coñeceu á súa esposa, Filipa Moniz Perestrelo. En Lisboa tamén presenciou en 1.488 o trifunfal retorno de Bartolomeu Dias de Novais, vencedor do "Cabo das Tormentas".

     2.7 As marés de vintecinco brazas de altura

           A braza é unha antiga medida mariña baseada na extensíón aproximada dos dous brazos dun home —en latín, "bracchia"— abertos. Trátase dunha medida que varia, segundo os lugares, aínda que se pode estimar coma de arredor  dos 1,70 metros de cumprimento. O dato de Paul Herrmann de que naquela altura equivalese a 58 centímetros, ten que deberse a unha confusión súa co cóvado (24). Acerta, sen embargo Colón ao falar de mareas semidiurnas. Mais as vinte e cinco brazas que asegura para as dalgunha parte de Tile representarian unha diferença de nível de uns 42 metros, máis do duplo das maiores que se teñan medido no mundo. Algo absolutamente fabuloso e disparatado.

Fig. 8: A ponte Clifton, en Bristol. Situado a uns 12 quilómetros augas arriba do Avon., este porto era, nos dias de Colón, o segundo de Inglaterra, e o centro do seu comércio oceánico. Nas súas proximidades, na foz do Severn, puido ver o futuro Almirante mareas de máis de 14 metros que, sen dúbida, debéron de impresionálo fondamente.


Fig. 9:
As rochas de Moher, na boca Sur da baía de Galway, en Irlanda. Foron importantes as relacións de Irlanda coa Península no século XV. Dom Henrique o Navegante, morto en 1.460, regaloulle un león africano a un fidalgo de Galway. De Irlanda chegaban a Galicia roupa, miñatos e cans de caza. No forte "Navidad", construído por Colón no Novo Mundo en 1.492, houbo un nativo de Galway chamado Guilherme Ires. E na cuarta viaxe levou ao grumete Donis, fillo tamén desta vila.


     Un folleto recentemente publicado pola Universidade de Islándia da a coñecer, precisamente,  que as maiores maréas desta illa son darredor dos 3,70 metros. Mais, dado que Colón asegura que nalgunhas partes da Tile por el visitada "había grandísimas mareas", tampouco  cabe pensar aquí nun erro por parte dos copistas  respecto do número de brazas por el indicado.

     En consecuencia temos que pensar que Colón puido:
     a) Non ter realizado a viaxe da que fala, limitándose a inventala con base a relatórios dos viaxeiros portugueses que alcanzaron o Lavrador e Terranova, lugares nos cales si tivéron ocasión de observar enormes mareas, cuxo tamaño puideron exaxerar un tanto.

     b) Non desembarcar en Islándia,  contorneándoa simplemente, mais interpretando hiperbólicamente a opinión dalgún dos mariñeiros que con el navegaban. Así mesmo é moi  pouco prováble que a erupción do volcán Kverkfjöll, no Sudeste da illa acontecida provablemente no momento da súa posible viaxe (25), e os movimentos sísmicos que a deberon de acompañar, puidesen ter infludo na amplitude das maréas por el producidas [Fig. 12].

Fig. 10:
A "Salmon Weir Bridge" de Galway, sobre o rio Corris. "Homines de Catayo versus oriens venierunt. Nos vidimus multa notabilia et specialiter in Galvei, Ibernie, virum et uxorem in duobus lignis arreptis ex mirabili forma", escribiria posteriormente Colón. "Homes de Catay —a China— viñéron cara ao Oriente. Nós vimos moitas cousas notábles e especialmente en Galway, Irlanda, un home e a súa muller en dous madeiros arrastados de xeito admiráble".


Fig. 11:
Slyne Head, no extremo Norte da baía de Galway, paso tamén obrigado na rota de Islándia. "Dende Reykjanes a Jönhdulaup, en Irlanda, hai cinco dias de navegaçom Sur", afirma o Landnamabok islandês, recollido por volta de 1.125. Reykjanes é a punta sudoccidental de Islândia; e Jönhdulaup, Slyne Head (Vide fig. 20).


    3. CONCLUSIÒNS

     Do que acabamos de analizar,  respecto ao que Colón lle comunica aos Reis sobre esta viaxe, cremos que se pode inferir claramente que:

     a) Se está a referir à Islándia, cuxo tamaño e situación coñece aceptablemente ben, e aínda que se equivoque na estimación da súa latitude, advirte perfectamente que é máis occidental que a Thule de Ptolomeo. Tampouco ignora circunstáncias tan puntuais como a da presença dos comerciantes ingleses, nin o significativo feito de que se atopaba libre de xeos no mês de febreiro, data sorprendente e exactamente coincidente tanto coa testemuñada por Dicuil no ano 825 para as viaxes a esta illa dos eremitas irlandeses, coma coa  dos habituais periplos comerciais ingleses à mesma.
     Todos estes feitos apuntan cara à verosimilitude da viaxe.

     b) Equivócase rotundamente, pola contra, ao afirmar a existencia de altísimas mareas, o mesmo


que na medida das mesmas, sendo esta circunstáncia o único argumento, auténticamente forte, en contra da posibilidade da súa presencia alí.

     c) De tratarse dunha invención pola súa banda este desprazamento, os relatorios dos que se puido valer para a elaboración do do mesmo poderia telos obtido dos mariñeiros portugueses que chegaban a Irlanda, Inglaterra, ou à mesma Islándia, feitos estes tamén perfectamente documentados, así coma a través dos própios navegantes ingleses, durante a súa tamén admitida visita a este país (26), se non é que non era inglesa, precisamente, a nave na puido ter viaxado.

     d) Canto a Cristóbal Colón se refire é evidente que se atopa sempre mergullado nun autêntico mar de contradiccións e de dúbidas, algunha quizais mesmo deliberadamente propiciada tanto por el coma polo seu fillo Hernando, que non sempre son posíbles de penetrar. Contradiccións e dúbidas que son, sen embargo, algo ben diferente da mentira ou da simple invención. A súa carta aos Reis é 18 anos posterior aos feitos que relata; ¿poderia ter confundido co paso do tempo o Almirante o lugar das enormes e impresionantes mareas que, no seu momento, debeu de observar nas proximidades de Bristol? [Fig. 8].

Fig. 12:
En precario equilíbrio sempre entre a benéfica influencia  da Corrente do Golfo, a ameaza dos volcáns, e a inestabilidade sísmica, Islândia xurdiu nun dos puntos de encontro das placas continentais de Europa e  América. "Detrás desta illa —escribiria Adam de Bremen en 1.075— non hai naquel mar ningunha outra terra habitada, sinón que todo o que hai máis alá está cheo de xeos infranqueables e insondables tebras".


Fig. 13:
  Inspiradoras, posiblemente da concepción iconográfica que da illa Ogigya, habitada pola ninfa Calipso, imaxinou Homero, as forzas do mundo soterrado amósanse en Islándia a través das súas fumegantes solfataras. A fotografia está tomada no parque Nacional de Geysir.


Fig. 14: Os colonizadores de Islandia construíron casas con muros de turba e pedras, de 3 a 6 pés de espesor, nos cales medraba a herba. As ovellas podian pastar sobre elas. A Granja Keldur é hoxe a máis antiga do país. Foi levantada a mediados do século XI, en tempos do rei Don Garcia, Guilherme o Conquistados e o Cid Campeador. E, nos dias de Colón, e a diferencia das igrexas das colonias de Groenlândia, non tiña vidros nas xanelas, senón vexigas atirantadas.



Fig. 15:
Antiga dependência de Keldur. Sorprende a abondosa utilización de madeira, tanto na construcción dos trebellos coma nas divisións interiores, xá que a madeira chegou a se converter nun ben escaso en Islándia, a causa da intensa deforestación, de xeito especial pola realizada polo gando ovino. Por este motivo, no século XII eran xá moi contadas as embarcacións  islandesas.


     4. A ROTA ISLANDESA DE COLÓN

      O desprazamento a Tile -Islandia- puido telo realizado Colón de varios xeitos diferentes:

     a) Ata Inglaterra nas naves xenovesas que se refuxiaran en Cádiz despois do combate de Sâo Vicente de agosto de 1.476, unha vez reanudada a viaxe (27), para continuar dende ali a bordo de naves inglesas.
     b) Directamente, ainda que con escalas, nunha embarcación portuguesa.
     c) Ata Inglaterra en naves portuguesas, ou nas do Corsário Guillaume de Casanove-Coullon, para o que estivera a navegar, segundo  aseguran o seu fillo e o Padre Las Casas, para,  dende ali, continuar noutras inglesas.
     d) Ata Inglaterra en naves portuguesas, para utilizar despois outras inglesas.

Fig. 16:
Skalholt, "o mais nobre lugar de Islândia", co volcán Hekla ao fondo, na marxe dereita do Hvitá Olfusá, nas férteis chairas do Sur da illa. Aqui residíron os bispos islandeses dende 1.056 ata que, en 1.785 foi transladada a Sede a Reykjavik. No momento da viaxe de Colón tal Sede estaba vacante, ainda que foi cuberta ao longo do ano por Magnus Eyjolfsson, morto em 1.490. A actual igrexa, consagrada en 1.963, foi construída sobre os restos da antiga. 


Fig. 17:
Estado actual do túnel que comunicaba a vella Sede coa Escola Episcopal de Skalholt, importante centro cultural durante moitos séculos. Aqui exercéron 32 bispos católicos e 13 luteranos. En 1.402, a peste que asolou a ilha, deixaria con vida en Skalholt tan só ao bispo Vilkin Hinriksson e a dous dos seus fregueses.

     Se é minimamente fiáble a nómina da tripulación xenovesa que se enfrentou a Guillaume Casanove en Sâo Vicente, na que non figura Colñon (28), temos que rexeitar abertamente o primeiro dos indicados supostos, e admitir cos seus biógrafos mencionados a súa militáncia nas filas do corsário francês, o que invalida tamén  o mesmo.

     En canto ao terceiro, ademais de imposíble de documentar nestes momentos, parece escasamente provable, porque o referido corsario realizaba a súa lucrativa actividade nas costas atlánticas continentais, preferentemente contra as naves venecianas que comerciaban con Flandres (29).

     A viaxe colombina, pois, debeu de terse realizado de calquera das outras dúas maneiras enriba apuntadas. O feito de que no terremoto de Lisboa de 1.755 se perdese o riquísimo "Arquivo da Marinharia", que contiña importantes documentos con relación aos descubrimentos (30), impídenos determinar se o fixo utilizando naves portuguesas ou, por exclusión, que fose en barcos ingleses. A época do ano na que se realizou, e esas escasas 100 léguas que afirma ter navegado "ultra Tile", reduce moito a posibilidade portuguesa, ainda que o feito de que depois desta viaxe se instale em Lisboa, volve a acrecentala.

Fig. 18:
Imediato à chaira e ao lago Thingvalla, ao pé deste longo muro que sinala o limite da placa continental americana, e o comezo da europea, axuntábase dende o 930 o Althing, o Parlamento de Islândia. Cada ano, no solstício do verán, e durante 15 dias, os representantes dos 12 Things comarcais procedian nel a elaborar leis e a administrar xustiza. "Non teñen rei —diria Adam de Bremen—, só a lei".


Fig. 19:
"Vestmannaeyjar", "As ilhas dos Irlandeses". No século IX servírom de refuxio a un grupo de escravos desta nacionalidade, fuxidos despois de desfacerse do seu amo Hjorleif. No XII levantaria nela un mosteiro un bispo de Skalholt. Mais, no tempo da posíble visita de Colón servia de base aos pescadores ingleses. Poden apreciarse os efectos da erución de 1.973, que estivo a piques de destruir a vila. O aeroporto está situado na parte superior á esquerda da fotografia.

     Tampouco nada impide pensar que Colón tivese podido tomar parte nunha das habituais expedicións mercantis —e ocasionalmente predadoras— que partian de Bristol. Se así foi, o feito mesmo serviria para explicar a súa parquedade informativa, así coma algúnns dos erros que cometeu.

     A maioria dos seus biógrafos non se opón à posibilidade de que teña sido nesta viaxe cando Colón visitou Inglaterra, ainda que tamén o pudo ter feito mentres navegou con Guillaume Casanove. Admítese, así mesmo, que puido ter sido no decurso da mesma, ben à ida, xá à volta, ou nas dúas ocasions, cando estivo en Galway, Irlanda, feito que refere nunha nota manuscrita que aparece no seu exemplar da "Historia rerum ubique gestarum", de Eneas Silvio Piccolómini, Pio II [Figs. 9, 10 e 11].

Fig. 20:
Reykjanes, extremo sudocidental da illa, próximo à vila e à base aérea de Keflavik. O lugar era paso obrigado tanto para as naves que ian a Groenlándia, coma para as que buscaban os fiordos ocidentais de Islandia. "Deixamos umha boa terra con propósito equivocado, se é que pensamos vivir neste pegote", diria desilusionado Ingólfur no ano 874 cando, depois de deixar atrás este cabo,  abeiraba os 50 quilómetros de lava que median ata Reykjavik.


     4.1. A Islándia dos tempos de Colón

     À marxe do erudito topónimo de Tile coa que era coñecida, Islándia, este de "Terra do Xeo", recibiuno tamén por parte do norueguês Floke Vilgardsson, que tivera que invernar nela pouco tempo despois do seu descubrimento. Colonizada imediatamente despois polos escandinavos, a partir do ano 874, [Fig. 3], alcanzaria xa a comezos do seguinte século unha poboacións duns 30.000 habitantes, en boa parte escravos capturados en Irlanda e Británia [Fig. 19].
     Politicamente autónoma ata 1.262, pasaria nese ano a pertencer a Noruega, para facelo a Dinamarca a partir de 1.380 [Fig. 18].

     Islándia foi dende o princípio un país de caudillos independentes, que vivian en granjas de explotacións agrícolas e gandeiras, da pesca, ou da caza de focas e baleas. Todos eles levaban unha vida ruda, na que, con todo, non faltaban entretenementos baseados no xogo da pelota, os combates de cabalos, ou longas veladas nas grandes cociñas das súas casas. Pero o máis sorprendente desta sociedade é que Islándia soubo contar axiña cun movemento cultural e literario superior ao de qualquer outro país do seu tempo [Figs. 14 a 17].

     En 1.362 a erupción do Oraefajókull, no Sudeste da illa, ao fundir parcialmente o xeo do glacial Vatna, o maior do planeta, arrasaria por completo aquela comarca, deixándoa erma e desabitada [Fig. 12].

     E ainda que se viu livre da "Peste Negra" de 1.349, a causa do seu isolamento, sofreu outra entre 1.402 e 1.404, à que ali coñecen por aquel nome, posiblemente portada pólos navios ingleses que entón comezaban a comerciar aquelas águas. Nela pereceron as dúas terceiras partes dos seus habitantes, naquel intre estimados nuns 40.000.

Fig. 21:
Hái 7.000 anos, o volcám Búrfell formou esta ribeira e o porto natural de Hafnarfjördur, en primeiro termo. O casal do fondo pertence xá a Reikjavik. Hafnarfjördur foi o máis activo porto comercial de Islândia no século XV. Cabe pensar que, tanto a expedición luso-danesa como a que conduciu a Colón, se foi distinta, deberon de visitálo.


Fig. 22:
Hafnarfjördur, foi a principal base comercial inglesa durante máis de setenta e cinco anos. Nos dias da posíble visita de Colón produciriase nela un enfrontamento armado entre estes e os xermanos da Hansa, que acabáron por substituílos, e construíron casas, edificios comerciais e unha igrexa. A Vila contaba naquela altura cuns 500 habitantes. Hoxe supera os 15.000.


Fig. 23:
Com 1.466 metros de altura, o glaciar Snaefells, érguese na outra banda da inmensa abra de Faxaflói, a 100 quilómetros de Reykjavik e Hafnarfjördur. As súas cimas, con neve mesmo no verán, eran a referencia para os que navegaban cara a Groenlándia. No seu cráter situaria Jules Verne o comezo da sua "Viaxe ao centro da Terra". En primeiro termo, Reykjavil, a capital islandesa.

     Ainda non recuperado o país de tales traxédias teria lugar a famosa, ainda que escasamente documentada, expedición luso-dinamarquesa à procura das terras do occidente. Esta expedición pode ser diferente da que  —"circa annum 1.476", segundo Mercator— realizara o piloto danês Jon Scolp, e parece estar xa tamén claro, ainda en contra da opinión de Mascarenhas, que en ningunha delas tomaron parte, João Vaz Corte Real nin Alvaro Martins Homen, navegantes que recibiran "donatarias" en Angra e Vila da Praia, nos Açores, en 1.473 e 1.474 respectivamente, a quen se conferira incorrectamente o mérito de ter descoberto a "Ilha dos Bacalhaus", presumiblemente Terranova, descubrimento que en realidade realizáron posteriormente os fillos do primeiro (31).

     No monento da chegada de Colón, febreiro de 1.477, o importantísimo comércio inglês, tan necesário para a sobrevivencia dos isleños, en precário dende que no século XII desapareceran os bosques cos que o país contaba no momento da súa ocupación, imprescindíbles para construir naves, ia comezar o seu declive definitivo, a causa da autorización para frecuentar a illa que o monarca danês, Christian I (1.448 - 1.481), lle acabava de conceder à Hansa xermánica, se ben que coa teórica limitación de que as súas naves non invernaran nela [Figs. 21 e 22]. Tamén nese mesmo ano, o Sudeste do castigado país ia verse de novo afectado, esta vez pola erupción do volcám Kverfkjöll.

     Polo demais, Islándia [Figs. 12 a 23] seguia a ser un país de poboación dispersa, con comarcas absolutamente inabitábles e outras nas que, onda illós cubertos por bandadas de páxaros, aparecian verdes e lustrosos prados, xacementos de ferro, ou rios con peixes, e fiordos cheos de focas e baleas.


     4.2. Consecuencias da viaxe.   

     Cantas suposicións ata agora se fixeron para explicar os inmediatos pasos de Colón —inspiración divina; posíbles, mais indemostrados contactos co alén mar; coñecimento dun innominado informante— poderian ter un máis axeitado cumprimento a través dunha análise desta experiencia súa islandesa, así coma da sorprendente —aínda que documentada tamén noutros lugares— posíble chegada de indíxenas americanos a Galway. O máis normal é que tamén tivese coñecemento, a través dos islandeses, da existencia de terras habitadas ao Oeste. As colónias escandinavas da Groenlándia, fundadas no 985 por Eirik o Roxo, persistíron ainda ata ben entrado o século XVI [Figs. 23 a 26]. É tamén máis que provable que chegase ao seu coñecimento a existência das terras de clima máis benigno situadas ao Sudoeste de Groenlándia, visitadas habia cincocentos anos por Leifur Eirikson e os seus irmáns, que as sagas, constantemente repetidas, non permitian esquecer. Así mesmo as experiencias luso-dinamarquesa e de Skolp eran tan recentes que, por forza, tivo que ter coñecimento delas, xá en Islándia, ben na própia Lisboa, se é que se interesaba xa polos descubrimentos.

Fig. 24:
Selos emitidos polo "Póstur og Sími",  servicio de Correos e Teléfonos islandês, en abril de 1991, comemorando as viaxes trasatlánticas de Leifur Eiriksson e Cristóbal Colón.

     Parece observarse un cambio no Colón, de vida ata entón certamente un tanto heterodoxa, que retorna de Tile sen ter cumprido ainda os 26 anos. Elixe estado case de inmediato e, dende Porto Santo, onde se instala provisoriamente, ademais de se interesar pola cosmografia, a documentación e as cartas de marear do seu defunto sogro, —descobridor das illas da Madeira— realiza actividades comerciais para os Centurione xenoveses, e navega repetidas veces entre Madeira, Açores, Guiné, e Lisboa.

     E, seis anos despois; en 1.483, ou no 1484, con 32 ou 33 de idade, considerariase xá coa suficiente bagaxe de coñecementos para exporlle ao rei de Portugal o seu grande proxecto para acadar a India polo Occidente. Sabe xa a que distáncia se atopan as terras habitadas, que cre sexan Asia, e considera ter achado entre certos autores de prestíxio opinións que confirman a súa suposición acerca do tamaño da Terra, que lle permiten encarar a posibilidade de alcanzar directamente as riquezas asiáticas. Así, nove anos despois, cando parte ao mando das naves dos Reis Católicos, dá a precisa orde de que, "despois de que tivesen navegado setecentas léguas ao poñente, sen teren atopado terra, non camiñasen dende media noite ata que fose de dia" (32). Porque, aproximadamente a esa distáncia, e aproximadamente tamén sobre o meridiano das terras anteriormente visitadas por Leifur Eirikson e os seus irmáns, e quizais tamén pola expedición luso-dinamarquesa, estaban as illas antillanas.



Fig. 25
Estátua de Leifur Eiriksson en Reykjavik. Islandês de nacimento, e introductor do cristianismo na Groenlándia, alcanzou un punto da costa continental americana ao que chamou Vinland, partindo das colónias que o seu pai, Eirik o Roxo, fundara quince anos antes naquela illa.
Fig. 26
Estátua de Cristóbal Colón, nos xardins de Pontevedra, tal como se atopa na actualidade. A súa viaxe a Islândia, cando contaba 25 anos de idade, debeu de influir decisivamente na súa conceición xeográfica, así coma no ordenamento da súa própia vida.

     Cae tamén dentro do posíble, que o "anónimo informador" sobre as terras do alén, do que xa se falou no momento mesmo do Descubrimento, fose a chave decisiva no seu proxecto. Mais, posiblemente, non chegaria a telo inducido a levar a termo a súa viaxe, de non representar para el o seu relatorio a confirmación de algo que a viaxe a Islándia, e o achado de Galway, lle fixesen xa albiscar coma unha posible realidade.


                                                                                                                       Vigo, xaneiro - setembro 1.992





——————————
NOTAS
(1)
VARELA, Consuelo: Cristóbal Colón. Textos y Documentos Completos. Alianza Editorial. Madrid 1.989. 2 reimpresión, páxs. 166-7.- PHILIPPOT ABELEDO, Alfonso: La identidad de Cristóbal Colón. Pontevedra 1.992. 2 ed., páxs. 17 e 22.- COLON, Hernando : Historia del Almirante. Historia 16. Ed. Luís Arranz. Madrid 1.985, 3 ed., páxs. 56-57.
(2)
VARELA, Consuelo: Ibidem, páx. 166.
(3)
COLÓN, Hernando: op. cit., páx. 29 e 56-57. Don Hernando, que contou coa biblioteca particular máis importante e variada do seu tempo, chegaria a reunir nada menos que algo máis de 15.300 volumes. (Id. id. páxs. 31-37).
(4)
MUÑOZ PUELLES, Vicente: Cristóbal Colón. Diario de a bordo. Anaya. Tus Libros. Madrid 1.985, páxs. 360-61.
(5)
GIL, Juan, en: VARELA, Consuelo: op. cit. páxs. IX a XI.
(6)
PHILIPPOT ABELEDO, Alfonso, op. cit., páx. 13.
(7)
Entre elas o "Imago Mundi", de Pierre d' Ailly (1.350 - 1.420), a "Historia rerum ubique gestarum", de Eneas Silvio Piccolómini (1.405-1.464), elexido Papa Pio II en 1.458, a "Naturalis Historia" de Caio Plinio Secundo (23-79), ou o "Libro de Marco Polo" (1.254-1.324): GIL, Juan, op. cit., páxs. LVI-LVII.
(8)
MUNOZ PUELLES, Vicente: op. cit., pág. 13.
(9)
COLÓN, Hemando: op. cit., páx. 64.
(10)
VARELA, Consuelo: op. cit., páx. 287.
(11)
JONES, Gwyn: El primer descubrimiento de América. Libros Tau. Ediciones Occidente. Barcelona 1.965, páx. 22.
(12)
BEAUJEU, Jean: Historia mundial de Ias exploraciones. Espa-Calpe. Madrid 1.967. Tomo I, páx. 175.
(13)
JONES, Gwyn: op. cit., páxs. 22 a 31.
(14)
HERRMANN, Paul: La aventura de los primeros descubrimientos. Labor. Barcelona 1.956, páxs. 117-118.
(15)
BEAUJEU, Jean: op. cit., mapas páxs. 203, 221 e 224.
(16)
PÖRTNER, Rudolf: La saga de los vikingos. Juventud. Barcelona 1.975, páx. 364.
(17)
JONES, Gwyn: op. cit., páx. 29-31 .- NJARDIK, Njördur : Birth of a Nation. Iceland Review History Series. Reykjavik 1.978, páxs. 12-13.- "Papar" procede do irlandês "pabba, pobba" , e este, à sua vez, do latín "papa", pai. Existen ainda vários topónimos con esta raiz. (Vd. fig. 12).
(18)
PHILIPPOT ABELEDO: op. cit., páx. 17.
(19)
Anotación do própio Colón no " Imago Mundi". São Jorge da Mina, actualmente Elmina, acópase en Ghana, ao Oeste da súa capital, Acra.
(20)
VARELA, Consuelo: op. cit., páx. 20.
(21)
MASCARENHAS BARRETO, Augusto: O português Cristóvão Colombo agente secreto do Rei Dom João I. Referendo. Lisboa 1.988. 2 ed., páxs. 151-159.
(22)
CACHO, Javier: Más allá de Ia ciencia. V Centenario. Madrid 1.992.
(23)
JONES, Gwyn: op. cit., páxs. 100 a 105.- HEYERDAHL, Thor: El hombre primitivo y el Océano. Juventud. Barcelona 1.983, páx. 64.
(24)
HERRMANN, Paul : op. cit., páx. 355.
(25)
BORDIN, Guy: Guide d l' Islande. Editions Marcus. Paris 1.990. 3 ed. páxs. 52 e 56.
(26)
Anotación no seu Diário feita o venres 21-XII-1.492.
(27)
VARELA, Consuelo: "Un hombre llamado Cristóbal Colón", en El primer viaje de Colón. Planeta-Agostini. Barcelona 1.992 : Ref. Histórica, páx. 4.
(28)
ARRANZ, Luís: Cristóbal Colón. Quorum. Historia 16. Madrid 1.986, páx. 17.- Este autor fai notar tamén o feito —non esclarecedor, dende logo— de que Colón dispuxera logo, no seu testamento, o pagamento de certas cantidades aos Spínola e Di Negro xenoveses, que resultaran perxudicados neste enfrontamento.
(29)
VOLTES, Pedro: Colón. Salvat. Barcelona 1.986, páx. 26.
(30)
PHILIPPOT ABELEDO, Alfonso: op. cit., páx. 291.
(31)
MASCARENHAS BARRETO, Augusto: op. cit., páxs. 143 a 155.- PERES, Damião: História dos descobrimentos portugueses. Vertente. Porto 1.992, 4a. ed. páxs. 171-77.
(32)
COLON, Hernando : op. cit., páx. 110.


— OUTRA BIBLIOGRAFIA CONSULTADA —

AMSLER, Jean: "El Renacimiento" (Historia universal de Ias exploraciones, dirigida por L.H. Parias). Espasa-Calpe. Volume II. Madrid 1968.

ARRANZ MARQUEI, Luis: Los viajes de Colón. Historia 16, 1.985.

BARADEZ, François: Que se espera para organizar finalmente um verdadeiro debate sobre a nacionalidade de Cristóvão Colombo?. Letras&Letras, núms. 75 e 76. Porto, Agosto 1.992.

CARWARDINE, MARK: Iceland, nature's meeting place. Iceland Review. Reykjavik, 1.986.

D'AILLY, Pierre: Ymago mundo y otros opúsculos. Alianza Editorial. Biblioteca de Colón. Madrid 1.992.

DOMINGUEZ MONEDERO, Adolfo J.: Viajes por el Atlántico. Historia 16.Madrid, 1.992.

DYSON, John: Colón. Un hombre que cambió el mundo. Círculo de Lectores. Barcelona 1.991.

FERREIRA PRIEGUE, Elisa: Galicia en el comercio marítimo medieval. Fundación "Pedro Barrié de Ia Maza". Universidad de Santiago. Coruña 1.988.

GISLASON, Skuli: Lendas islandesas. Prólogo J. A Fernández Romero. Edicións Xerais de Galicia. Vigo 1.982.

HALE, John R.: La edad de Ia exploración. Time Life International. Nederland 1.972.

JONSSON, Hannes: Iceland's unique History and Culture. Litbré. Reykjavik 1987.

MAGNUSSON, Sigurdur: Iceland, Country and People. Iceland Review. Reykjavik 1.987.

MARTINEZ-HIDALGO Y TERAN, José María: Enciclopedia del Mar. Garriga. Barcelona 1.987.

OLAFSSON, Gudmundur Oli: Skalholt. Kirkjurad Islensku Thjodkirkjunnar 1.988.

OXENSTIERNA, Eric Graf: Los vikingos. Luis de Caralt. Barcelona 1.986.

PERES, Damião: História dos descobrimentos portugueses. Vertente. Port. 4a. edição 1.992.

PHILPOT, Don: The Visitor's Guide to Iceland. MPC. Suffolk 1.991.

PICCOLOMINI, Eneas Silvio: Descripción de Asia. Alianza Editorial. Biblioteca de Colón. Madrid 1.992.

PREVITÉ-ORTON, C.W.: Historia del mundo en Ia Edad Media. Cambridge University Press-Ramón Sopena. Voluem II. Barcelona 1.982.

SERRAO, Joel: Diciónario de História de Portugal. VI volumes. Figueirinhas. Porto, março 1.992.

SPIEGEL HALTER, Erich: LEMARQUIS, Gérad: L' Islande, désert de lumiére. Fjölva-Utgáfa. Reykjavik 1.990.

VARELA, Consuelo: Documentos colombinos en Ia Casa de Alba. Testimonio. Companía Editorial. Madrid-Sevilla 1.987.

— Cristóbal Colón. Retrato de un hombre. Alianza editorial. Madrid 1.992.

VARIOS: Historia general de Ias ciencias. Orbis. Tomo III. Barcelona 1.988.

— National Museum of Iceland. Sodurgata. Reykjavik 1.991.

WAHLGREN, Erik: Los vikingos en América. Destino. Barcelona 1.990.
                               
(Publicado en 1992 na revista Agália).





                            Outros traballos relacionados con este:

                                 -A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe ultra-Tile (1992). 
                                 -A expedición luso-dinamarquesa ao noroeste atlántico (1997-98).
                                 -Antes da Invención de América. Navegacións precolombinas                         do  século XV. (2001).
                                  -A Saga da illa sen noite (2001).
                                  -Os ollos da Historia. (2003).
                                     -A "Carta de París", considerada coma de Cristóbal Colón (2004) .

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO

ARTUR DE BRITANIA E A ESPADA EXCALIBUR