DE GRANDES E DE PEQUENAS PANTALLAS

           DE  GRANDES E DE  PEQUENAS  PANTALLAS

     Estamos seguros de non descubrir África, –o berce da humanidade-, se afirmamos que o Cine é unha arte que compendia recursos e caracteristicas doutras moitas artes. Calquera filme, por cativo que sexa o  presuposto co que conte, esixe, en primeiro lugar, un texto axeitadamente construído e documentado, e despois, ademáis de certas cuestións poucas veces perceptibles, coma contar con actores capaces de encarnar aos personaxes que nel actúan, unha cámara que capte tanto os movementos e expresions, por ínfmas que estas sexan, tales coma o inmovilismo, ou os silencios, que se pretenden dar a coñecer, ademais dun sonido e unha música que complementen o que as escenas están a representar. Así mesmo deberá de contar tamén  cun director, ou directores, coa necesaria capacidade  para artellar e darlle vida a canto vimos de indicar, de xeito que lle resulte auténtico e crible aos espectadores.

     É de suma importancia tamén que o contido se axuste á realidade histórica. Algo que, lamentablemente, parecen esquecer en demasiadas ocasións tanto os guionistas coma algúns autores dos libros nos que moitas das películas se basean.  A tal respecto, e coma exemplo, non nos parece de recibo que unha serie actual, e de certa calidade, que se desenvolve na Idade Media, para lle dar maior interese á trama, caia no erro de presentar coma irmáns, e contemporáneos, a dous personaxes históricos, que, ademais de non ser  sequera parentes, leváronse arredor duns 60 anos.

      Esta pequena digresión ven a conto do feito de que, hai uns dous meses, foi estreada entre nós unha película norteamericana de Ciencia Ficción, se ben que dun director canadiano, Denis Villeneuve. Estamos a falar de “La Llegada”, un curioso filme que ofrece a novidade de contar cunha protagonista que é  profesora de lingüística, situación de suma importancia aos efectos que se perseguen na fita, xa que é ela quen deberá de se entender, ou de interpretar as comunicacións dos alieníxenas entón chegados ao noso planeta. Pois ben, prescindindo do resto do argumento, o para nos importante atópase no intre no que esa profesora, co obxecto de que os seus alumnos comprendan debidamente as diferencias que entre sí ofrecen os distintos idiomas romances, -ou derivados do latín-, especialmente as do portugués, dilles simplemente: “A historia do portugués comezou no Reino de Galicia, na Idade Media, nun intre no que a Língua era considerada coma unha expresión artística”.

      Fóra tamén da ben recibida sorpresa que representa o feito de que, nun país  da outra banda do Océano, se teña coñecemento de tales  realidades, que lamentablemente se ocultan mesmo nos textos oficiais que de Historia se dan nos dous estados penínsulares, consideramos tamén de interese dar a coñecer que a película prantexa,  ademais, hipóteses acerca dunha posible nova fala, e que explora as relacións entre a lingüística e a ciencia. Coma consecuencia, temos o atrevemento de soñar  que a serie televisiva sobre o Camiño de Santiago no tempo do bispo Diego Peláez, ou Páez (1075-1088, e 1090-1094), estreada só unhas semanas máis tarde que “La Llegada”, e que parece pretender situarse lonxe de contidos propios da Ciencia Ficción, se axuste tamén á realidade da nosa habitualmente maltratada Historia.

      (Publicada en 2017, no número 201 da revista Encrucillada).

Comentarios

Entradas populares de este blog

NADA NOVO BAIXO O SOL: A LEXITIMACIÓN DO PODER A TRAVÉS DA ARTE NA ROMA DE AUGUSTO

O VALEDOR DO REINO