DE EUTERPE A TALÍA
Entre a complexa oferta cultural que ofrece Estocolmo, a capital de Suecia, unha das máis destacadas parécenos, sen ningunha clase de dúbidas, o seu Kungliga Dramatiska Teatern, ou Real Teatro Dramático. Situado ás beiras do lago Mälaren, atópase nun edificio de granito branco que combina os estilos modernista e clásico, e fora deseñado polo arquitecto Fredrik Lilljivist (1863-1932), quen o rematou no ano 1908.
Conta cun vestíbulo, unha libraría, unha sala principal, un Teatro Infantil, cinco salas máis para representacións me menos releve, e outras para exposicións, ofrecendo tamén unha sorprendente biblioteca-arquivo, un servizo de guías para percorrer o edificio, e dous restaurantes. Este Real Teatro Dramático de Estocolmo, é, tamén, o lugar onde se forman os actores suecos. Intèrpretes tan relevates coma Greta Garbo (1905-1990) ou Ingrid Bergman (1918-1982), pasaron por el. Así mesmo, entre os últimos directore deste centro figurou o guionista e director teatral e cinematográfico, Igmar Bergman (1918-2007).
Comprenderase que unha institución coma esta non puido xurdir da noite para a mañá. E, efectivamente, non foi así. O Real Teatro Dramático, en realidade, naceu o 17 de maio de 1788. É dicir, hai 226 anos, se ben que utilizou diversos emprazamentos antes de ser situado no actual.
Mentres isto acontecía na Escandinavia, entre nós dábase un lixeiro paralelismo, concretamente na cidade, bastante máis cativa, de Vigo, na que, a finais do século XIX e por iniciativa do seu coñecido mecenas José García Barbón (1831-1909), construíuse tamén un teatro. Algo menos cobizoso que o de Estocolmo, esa é a verdade, pero que serviu para homenaxear o nome de Rosalía de Castro.
O edificio, que foi situado na principal das vías coas que entón contaba a cidade, foi, por expreso desexo do seu patrocinador, dedicado á promoción da cultura. Infortunadamente, un ano despois da súa morte, concretamente o 8 de febreiro de 1910, durante un baille de entroido, a emblemática construcción resultou completamente consumida por un incendio.
Mais, as sobriñas e herdeiras de García Barbón, fieis ao ideario deste, decidiron seguir adiante e puxeron nas mans do arquitecto porriñés, Antonio Palacios (1876-1945) a redacción e execución dun novo proxecto capaz de resucitar un centro dedicado á cultura semellante ao que acababa de se perder, para ocupar o mesmo solar.
Coma consecuencia, naceu un novo recinto, agora xa baixo a advocación do propio García Barbón, que se inaugurou o 23 de abril de 1927 con Madame Pompadour. A sorpresa resultou aínda maior do que se esperaba xa que o novo edificio, tamén en granito branco, coma o de Estocolmo, amosaba unha planta e unhas solucións arquitectónicas que combinaba o neoclasicismo coas tradicións propias do país, que, ademais, superaban ampliamente ao desaparecido dezasete anos antes.
O pasado 23 de abril, pois, e cadrando co Día Internacional do Libro, cumpríronse 87 anos da inauguración deste Teatro García Barbón que, dito sexa de paso, resultou ser bastante máis amplo, e con maior capacidade, que o xa comentado Real Teatro Dramático de Estocolmo.
Mais non finalizan aquí as incidencias relacionadas tanto con esta xoia coma coas datas próximas ao intre no que escribimos o comentario. Porque, o 22 de marzo de 1984, é dicir, acaban de se cumplir agora trinta anos, o edificio sería en parte remodelado para dar cima ao proxecto orixinal de Antonio Palacios, neste caso baixo a dirección de Desiderio Pernas (1930-1996). Unha reforma coa que o recinto, ademais de manter a súa sala de Concertos, o Auditorio, a sala de Conferencias, a sala de Exposicións, tres salas de Seminarios, e un salón de Recepcións, foi completado con estatuas exteriores e unha auténticamente necesaria e ben dotada Biblioteca á que se lle proporcionou unha galería acristalada que permite a contemplación da ría.
Artífice desta posta ao día foi Caixanova, a entidade que maior volume de investimentos dedicou tanto a iniciativas sociais coma ao espallamento da nosa cultura.
(Publicado en 2014, no número 187 da revista Encrucillada).
-Outros traballos relacionados con este:
-El Teatro Dramático de Estocolmo ("Latexo, 17", 1996).
Neste comentario faise mención ao inesperado encontro que, na entrada a este
lugar, tivemos na nosa visita ao mesmo, con Igman Bergman, o autor de "El
sèptimo Sello", entón director tamén de tal Real Teatro Dramático.
Comentarios
Publicar un comentario