CRISTÓBAL COLÓN TAMÉN ENTRE NÓS
Por sorprendente que poida parecer, non se conserva ningún escrito de Cristóbal Colón anterior ao ano 1493. Existen nada máis que copias abreviadas do relato da súa primeira viaxe ás Indias, ás que poderíamos engadir un memorial por el dirixido a Antonio de Torres (1494), que recolle a segunda, así coma senllas cartas que lle enviou posteriormente aos Reis Católicos, nas que relata a terceira e a cuarta viaxes, así coma copias dunha parte dos seus demais escritos, tomadas polo historiador frei Bartolomé de Las Casas (1474-1566). Coma consecuencia de semellante baleiro, para reconstruir a vida e as rotas colombinas, os investigadores non teñen máis recurso que o de acudir a documentos e informes colatorais, ou ben posteriores, determinadas testemuñas, e outros escritos, entre eles tanto os do seu fillo Hernando Colón, coma os do propio Padre Las Casas, ademais de varios, tamén posteriores, do propio Almirante, algúns aínda mesmo baixo a sospeita de non ser por completo xenuína a súa firma.
Ao efecto que neste comentario perseguimos, resultan tamén dunha inestimable axuda as numerosísimas anotacións manuscritas que aparecen nalgunhas das obras por Colón manexadas, anotacións das que unhas figuran en latín, e as demais nun castelán ateigado de lusismos.
En canto ao Padre Las Casas, nos documentos que copiou, dos que de algúns consérvanse aínda a fonte, advértese a exactitude coa que o fixo. De Hernando Colón temos que dicir que a biografía que do seu pai fixo é "tendenciosa e parcial", en favor do mesmo. Existe, ademais, unha monumental obra italiana efectuada baixo a batuta do investigador, ensaísta e literato, Césare de Lollis, en 1892, a Raccolta di documenti e studi pubblicati dalla Reale Comisione Colombiana nel Quarto Centenario dalla Scoperta dell'America, que recolleu todos os documentos con Colón relacionados, que entón se coñecían.
Polo que a Portugal se refire, o país no que o navegante comezou a súa empresa descubridora, a documentación con el relacionada redúcese a simples citas de algúns cronistas, así como á carta que lle dirixíu o seu monarca, Joâo II, en marzo de 1488, que afortunadamente consérvase aínda. Así mesmo, na illa da Madeira, na que o navegante vivíu por algún tempo, sinálanse varios lugares e edificios nos que puido ter residido nese período. E, na inmediata de Portosanto, en Vila Baleira, onda a igrexa da Nosa Senhora da Piedade, existe aínda unha vella construción que se considera que foi a súa morada durante o tempo que permaneceu nesta pequena illa, doctada dunha longa e luminosa praia. O edificio en cuestión alberga hoxe un museo Colombino.
Pódese deducir, pois, desta breve análise que, cos informes que sobre Colón contamos, aínda que non demasiado parcos, tampouco resulta excesivamente doado elaborar un relato o suficientemente coherente e seguro, capaz de nos permitir pronunciarnos de xeito rotundo acerca da vida, navegacións e actuacións do descubridor. Se a isto lle engadimos que son dubidosas moitas das afirmacións tanto do seu fillo Hernando coma doutros autores, aínda que algúns deles convivisen co Almirante, comprendereánse os motivos da enorme controversia que arredor do mesmo xurdiu, e se mantén aínda.
Sobre Colón hai variadas propostas, que o fan oriúndo tanto de Xénova coma de Portugal, de Cataluña, de Mallorca, de Sardeña, ou de Rusia . . . E, dende os últimos anos do século XIX, o pontevedrés Celso García de la Riega, comenzou a impartir conferencias nas que, baseándose en datos de marcado interese e firmeza, defendía que Pontevedra fora o seu auténtico berce. En 1914, prácticamente no momento da súa morte, saíu da imprenta o seu traballo, "Colón español. Su origen y Patria". Unha obra auténticamente decisiva, a pesar das dúbidas entón de moitos.
Porque, en Poio, no lugar de Portosanto, preto do río Léres, conservábase aínda naquel intre unha vella e medio abandonada casa coñecida como "a da Cruz", que fora dun tal Juan Colón, vivo en 1490. Esta indicación, que figuraba no cruceiro situado diante da mesma, foi limada no ano 1917, mais, afortunadamente, consérvanse fotografías da mesma, tomadas antes do vandálico acto.
Ademais da presenza deste, e doutros posibles familiares, localizados noutros documentos da época, entre eles nun altar da pontevedresa igrexa de Santa María, faise de ver tamén o feito de que as denominacións que o Navegante lle impuxo aos lugares que ía descubrindo, eran case que todas da ría de Pontevedra. Sorprende tamén que, segundo o relato da súa Primeira Viaxe, Colón fixera festa a bordo o día da "Virxe da O", daquela a Patroa de Pontevedra.
A partires das continxencias que suxiren todas estas circunstancias, imaxináronse outras posibilidades, e se ven que as ideas de Celso García de la Riega conseguiron superar determinadas ocusacións de posibles falsidades, outros continuadores da súa investigación, como Alfonso Philippot Abeledo, nado en Vigo en 1932, así coma varios historiadores e cineastas, recrearon e ampliaron, coa presentación de novos documentos, as posibilidades que se presentían detrás da presenza destes Colón tanto en Poio coma en Pontevedra.
Coma consecuencia, nos últimos días do mes de novembro pasado, a vella Casa da Cruz, en Portosanto, rematou de ser axeitadamente renovada e convertida noutro dos moitos museos que, sobre Colón, existen no mundo. E en torno a ela foron elevadas tres estruturas de cristal que van a albergar, posiblemente antes xa de que este número de Encrucillada saía do prelo, mapas, libros, cadros e cantos traballos se relacionan con esta apaixonante temática. Porque Colón, personaxe nunca excesivamente ben xulgado por moitos analistas, foi na realidade un grandísimo e admirable navegante do que se pode deprender aínda moito máis do que xeralmente se cré.
Nada máis hai unha cousa que nos parece que cae fóra de toda lóxica. E así témolo que dicir. Porque non resultan auténticamente axeitadas as ultramodernas construccións que acabamos de mencionar, inmediatas ás fermosas paredes de perpiaños da vetusta e admirable "Casa da Cruz" de séculos pasados.
(Publicado no ano 2011 no número 171 de Encrucillada).
Outros traballos relacionados con este:
-A "Carta de París", considerada coma de Cristóbal Colón. (2004).
-A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe ultra-Tile.(1992).
-A expedición Luso-Dinamarquesa ao noroeste Atlántico.(1997-1998).
-Antes da invención de América. As descubertas precolombinas do século XV. (2001).
-O Descubridor que chegou do frío. A viaxe de Cristóbal colón a Thule. (1992).
Comentarios
Publicar un comentario